12.4.11

Porto do Son: 30.000 euros da Deputación para as actividades do Centro de interpretación do Castro de Baroña

Fernández Moreda e Xoán Pastor Rodríguez asinaron hoxe un convenio de colaboración

Porto do Son, 11 de abril de 2011. O presidente da Deputación da Coruña, Salvador Fernández Moreda, e o alcalde de Porto  do  Son, Xoán Pastor Rodríguez, asinaron hoxe un convenio para o financiamento do programa de actividades do Centro de Interpretación do Castro de Baroña durante o ano 2011.

O protocolo recolle o compromiso da Deputación da Coruña para achegar 30.000 euros, que serán destinados a actividades como a organización da Feira Castrexa 2011, un curso de iniciación á cestería tradicional, e á sinalización do xacemento (petróglifos, mámoas, antas e outros elementos de valor arqueolóxico e etnográfico).

Entre as actividades que cofinancia a institución provincial inclúense tamén traballos de campo para que os rapaces dos centros de ensino da zona coñezan o Centro de Interpretación, visitas guiadas ao castro, conferencias e xornadas e outras actividades culturais.

Fernández Moreda  destacou o apoio da Deputación da Coruña ás actividades e infraestruturas culturais na provincia e subliñou o importante labor de difusión cultural que desenvolve o Centro   de   Interpretación do Castro de Baroña, non só no ámbito local, senón en toda a comarca do Barbanza, polo seu potencial como atractivo turístico.

Pola súa banda, Xoán Pastor Rodríguez, subliñou o compromiso da Deputación da Coruña con Porto do Son, non só no apoio ás actividades culturais, como é o caso, senón tamén á mellora das infraestruturas e os servizos municipais para contribuír á mellora da calidade de vida dos veciños do concello.

Posted via email from Certo.gl, o xornal dixital de Barbanza e Noia

Twitter

Related Posts with Thumbnails Banner: Regale selva tropical