Vázquez comprometeuse a que se os socialistas teñen responsabilidades de goberno, Galicia voltará ter "unha auténtica política de xestión de residuos". Afondou na necesidade de “plantarlle cara á proposta antimedioambiental do Goberno do PP”, un Plan de Residuos “que só pensa na incineración”.
“Seguir apostando pola incineración é renunciar á protección medioambiental de Galicia”, apuntou Vázquez, para proclamar “alto e claro” que “os socialistas non apoiamos as políticas de incineración do Goberno galego”.
Expresou ademais a súa desconfianza ante a renuncia do PP a construír a planta de incineración do sur no concello do Irixo, xusto uns días despois de que o candidato socialista se comprometese por escrito a non construíla se chega á presidencia da Xunta.
“Se teño a responsabilidade de gobernar na vindeira lexislatura, Galicia volverá ter unha auténtica política de xestión de residuos”, afirmou o líder socialista, quen se comprometeu a reunirse con colectivos e asociacións medioambientais para modificar o plan de residuos do PP, o cal curiosamente, criticou no pasado por ser unha mala copia do seu.
Pachi Vázquez puxo á planta de Lousame como exemplo do modelo de recollida selectiva e tratamento de residuos orgánicos que os socialistas din defender. Dixo que “é unha mostra de que cando se quere apostar polo medio ambiente, pódese” xa que “é a que ten o mellor aproveitamento de residuos de toda España, e tivo que facerlle fronte ao Goberno do PP, que non aposta por este sistema”.
Nesta visita, Pachi Vázquez estivo acompañado do cabeza de lista por A Coruña, Francisco Caamaño, o alcalde de Brión e vicepresidente da Mancomunidade do Barbanza, Jose Luis García, e a candidata da comarca, Josefa Hermo, a portavoz de Medio Ambiente do Parlamento Galego, Carmen Gallego, e a da Executiva do PSdeG, Susana Bayo.
Pachi Vázquez non seguiu esta política que pide agora cando era responsable de Sogama
Pachi Vázquez foi, como conselleiro de Medio Ambiente no anterior goberno da Xunta, un dos máximos responsables de Sogama. O bipartito fixo -non se chegou a aprobar- unha Lei de Residuos que non rachaba co modelo da incineración, pois estaba previsto aplicala ata o 2017 e inda neste último ano 17, Sogama na planta de Cerceda queimaría o 30% dos residuos urbanos. Nas contendas co PP, Pachi Vázquez chegaría incluso a ser acusado durante a súa xestión como conselleiro de irregularidades na planta de Cerceda, como o soterramento de residuos non autorizados ou a falta de tratamento doutros, acusacións todas elas que quedaron en nada. Tamén apostaba o ex-conselleiro e agora candidato á presidencia, por unha nova planta en Carballeda de Avia. Igualiño que o PP agora coa planta que tivo que achantar do Irixo.
Nesta comparecencia non aclarou que ía pasar con Sogama, a cal é partidario de privatizar -a Xunta ten o 51% agora mesmo- nin se van facer os socialistas máis plantas como a de Servia, que tivo serios problemas e incluso ameaza de peche porque varios concellos -entre eles o de Ames, en mans do Psoe na lexislatura anterior- non pagaban o acordado. Tampouco se falou do custe deste sistema, moito máis ecolóxico e beneficioso para o medio ambiente, pero tamén moito máis caro que a desastrosa incineración. Como referencia, os técnicos din que de Sogama, en Cerceda, recíclanse apenas o 2% dos residuos que entran, fronte ao 60-70% de aproveitamento da planta de Servia en Lousame.
O modelo lóxico ten que implicar aos concellos
Non é de recibo que un só concello de Galicia se convirta no vertedoiro dos outros 314. Tampouco é normal que non traballen as administracións -grandes e pequenas- en accións de redución do lixo, dándolle prioridade aos sistemas de contedores e recollida selectiva. Ten que haber plantas comarcais como a de Lousame (traballa para nove concellos) e mancomunidades de xestión que funcionen. Só así se poden aforrar custes e incrementar a operatividade. E incluso, como algún alcalde implicado na posta en marcha da planta de Lousame xa pensou, ten que haber I+D+I aplicado ao reciclaxe, coa posibilidade de facer cartos co que antes era lixo -abonos, compost, liñas de produtos plásticos e de cartón reciclados, etc-. E todo iso supervisado por un ente público, para evitar crear as mafias que xorden cada pouco arredor do lixo en calquera lado, tamén nesta civilizada Europa.
Posted via email from Certo.gl, o xornal dixital de Barbanza e Noia