28.9.12

Ribeira: o consistorio patrocina un coche de rali que se pode ver na Praza do Concello

  • O Concello tamén informou da adxudicación en breve da redacción do proxecto de centro de ocio de Oleiros

Ribeira, 28 de setembro de 2012.- Dende esta mañá está exposto no medio da esplanada da praza do Concello un vehículo de rali -o das imaxes-.  Trátase dun coche pertencente ao equipo ArnosoRally que está pilotado polo ribeirense Andrés Álvarez, con César Redondo como copiloto. O bólido –un Peugeot 106GTI 16 V de 145 cabalos- está copatrocinado polo Concello de Ribeira e compite no Campionato Galego de Ralis.


Oleiros: case un millón de euros para un centro de ocio na Horta do Cura

Unha vez redactado o proxecto adxudicarase a obra do centro de ocio saudable de Oleiros. Ascende o importe global da actuación, incluíndo redacción, execución e posterior construción, a 830.430 euros.

O edificio proxectarase como un centro “sostible”, respectuoso co entorno natural, destinado a fomentar o lecer e o desenvolvemento cultural da poboación do rural de Ribeira.

Esta actuación enmárcase dentro do proxecto Riveira Atlántica 2015, cofinanciado nun 80% con Fondos FEDER da Unión Europea,  que ten por obxecto facer do concello un referente turístico de Galicia en base a criterios de rendibilidade e sustentabilidade.

Finalizado o prazo de recepción de ofertas, catro foron as empresas que se presentaron ao concurso público polo que se licita a redacción do proxecto básico e de execución do novo Centro Social e de Ocio Saudable de Oleiros. O concurso conta cun orzamento total de 44.250 euros e cun prazo de execución de catro meses a partir da data de firma do contrato.

Unha vez redactado o proxecto, adxudicarase a obra do centro. Para esta actuación, contarase cun importe global de 830.430 euros, incluíndo a redacción, execución e posterior construción do centro, o que supón o 12% do presuposto total do proxecto paraugas no que se enmarca, Riveira Atlántica 2015.

Esta actuación permitirá pór a disposición dos cidadáns do termo municipal un novo centro social e de lecer que será o referente dentro do parque patrimonial biosaudable deseñado para toda a área de actuación no rural Oleiros-Arlés.

Lecer sostible

Este novo edificio emprazarase nunha parcela de máis de 2.500 metros cadrados, coñecida como Horta do Cura, situada no lugar de Eirexa, na parroquia de San Martiño de Oleiros. Organizarase nunha planta de aproximadamente 600 metros cadrados de superficie e contará entre as súas estancias cunha área de acollida e información, cun departamento de administración, con diferentes aulas-taller e cunha zona de almacéns. No exterior construirase, ademais do aparcamento, unha área de xogos para os nenos e unha pista polideportiva.

A obra erixirase como un edificio “sostible”, en sintonía co entorno natural no que se enmarca. A empresa adxudicataria do proxecto deberá asegurar a eficiencia enerxética da edificación incluíndo un sistema de produción de auga quente mediante enerxías alternativas, lámpadas de baixo consumo e un sistema de aproveitamento da luz natural que regule o nivel de iluminación en función do aporte de luz natural. Ademais, na súa construción empregaranse materiais respectuosos co medio ambiente que faciliten a súa limpeza, mantemento e reposición.

Posted via email from Certo.gl, o xornal dixital de Barbanza e Noia

No hay comentarios:

Twitter

Related Posts with Thumbnails Banner: Regale selva tropical