19.3.11

Mar: o PP loitou cando estaba na oposición contra as gaiolas de salmón de Arousa, que agora quere impoñer dende a Xunta na Ría de Muros-Noia

Media_httpfarm6static_rdywz

Captura de pantalla da web do Partido Popular onde clamaba polo "mellor mexillón do mundo" contra as gaiolas de salmón

Noia, 19 de marzo de 2011. As hemerotecas son teimudas e axudan, como é neste caso, a pescar as contradicións dos nosos políticos. Cando o PP estaba na oposición fartouse de clamar contra o bipartito que ocupaba a Xunta pola instalación experimental de gaiolas de salmón na Ría de Arousa. Da mesma empresa que agora as quere fondear no polígono mexilloeiro Muros C. Chega ao goberno o Partido Popular e dende a súa Consellería de Mar defende todo o contrario. Como se pregunta un veciño de Noia no facebook estes días, con motivo desta polémica, "lo que habría que investigar es si alguien está "engordando" a los peces de San Caetano". Non é de estranar que se desconfíe destas viraxes dos políticos. Vexan o que hai arquivado na páxina web do Partido Popular de hai apenas dous anos e compáreno co discurso da conselleira Rosa Quintana destes días -non verán por ningún lado que aludan aos informes científicos a favor- (as negriñas son nosas):

"O voceiro de Pesca do PPdeG  teme que se este poñendo en perigo o mellor mexillón do mundo ante a ameaza dos produtos empregados para a cría de salmón na Ría de Arousa

O PPdeG critica que as continuas contradicións de Pesca, que primeiro permite a instalación de xaulas para despois negar a concesión á empresa, pode supor un gasto de 1 millón de euros das arcas públicas, que é a cantidade que reclama como indemnización a empresa afectada
O voceiro de Pesca solicita que finalicen os enganos dos responsables da Consellería e que se retiren as xaulas como aseguraron no seu momento que ían facer

Santiago, 6 de xaneiro de 2009.- O voceiro de Pesca do PPdeG, José Manuel Balseiro Orol, denunciou hoxe “os continuos enganos e despropósitos da Consellería de Pesca ao respecto da introdución de salmón en xaulas na Ría de Arousa o que está a provocar graves prexuízos na Ría ao negarse a retiralas como habían asegurado”. Balseiro Orol teme que se este poñendo en perigo o mellor mexillón do mundo, ademais do peixe e o marisco da Ría xa que os produtos empregados para a cría deste salmón nas nosas rías, pensos e  medicamentos, acaban por prexudicar segundo coinciden en asegurar todos os axentes do sector pesqueiro, expertos, científicos, mexilloeiros e cofradías.

Na Consellería de Pesca “son totalmente conscientes, malia que o oculten, que a cría de salmón nas nosas rías é inviable e desaconsellable pola súa evidente perniciosidade” indicou Balseiro e aínda así deron o seu visto bo a un desafortunado experimento de implantación de xaulas experimentais no polígono de bateas Ribeira C, nas proximidades da illa de Rúa.

DESCONTROL ADMINISTRATIVO DE 1  MILLÓN DE EUROS

Para o voceiro de Pesca as continuas contradicións da Consellería de Pesca, que nun primeiro momento permite a instalación das xaulas, para despois negar a concesión á empresa encargada do cultivo do salmón, e finalmente continuar sementando dúbidas de si permitirá ou non este tipo de cultivo pode “pasar unha factura carísima a todos os galegos”. Deste xeito o deputado popular indicou que responsables da Consellería teñen admitido, en conversacións con membros do sector estrativo que a empresa afectada pode reclamar máis dun millón de euros polos prexuízos causados.

“1 millón de euros a conta do descontrol administrativo do departamento que dirixe a socialista Carmen Gallego”indicou Balseiro quen cualificou de “disparatado” o custe do experimento da Xunta bipartito. E “de ser certo esta indemnización millonaria deberían pagala os dirixentes da Xunta e non todos os galegos” .

Balseiro Orol criticou que a Consellería de Pesca non este a ofrecer as explicacións oportunas e o as distintas xestións desenvolvidas pola mesma “está a ser unha sucesión de despropósitos de imposible xustificación”.

O PPdeG reclama que a Consellería asuma o compromiso formal e inequívoco de abandonar en Galicia todo intento de levar adiante a experimentación con este cultivo acuícola “e que de mostras de criterio axeitado xa que a actual Xunta parece ter esquecido que o seu primeiro deber é traballar a prol dos pescadores, mariscadores e mexilloeiros e nunca en contra dos seus intereses”.

O voceiro de Pesca  solicita que finalicen os enganos dos responsables da Consellería, que aseguraban que ían retirar as xaulas de salmón se non o facía a empresa e que realmente tan só significou “unha mentira mais” xa que as xaulas seguen no seu sitio e agora son os pósitos os que teñen que ameazar con retiralas.


SAÚDOS, GABINETE DE COMUNICACIÓN DO GRUPO PARLAMENTARIO POPULAR DE  GALICIA "

Antes publicamos:


Posted via email from Certo.gl, o xornal dixital de Barbanza e Noia

Ribeira: a Cofradía da Dorna estreou sede baixo o palco de pedra do Malecón

Ribeira, 19 de marzo de 2011.- A Real e Ilustre Cofradía da Dorna estreou no día de hoxe nova sede: trátase do local situado baixo o Palco de Pedra do Paseo do Malecón, que tradicionalmente viña realizando a función de camerino para os artistas que actuaban alí.

Antes de pasar a uso da Cofradía, o baixo foi obxecto dunha profunda rehabilitación a cargo do Concello. A actuación consistiu na substitución de portas e ventás, repicado de teitos e paredes, limpeza do local e construción dun novo sanitario a maiores do que xa había. O orzamento global do arranxo ascendeu a 16.000 euros.

Ata o acto de inauguración do novo local achegáronse numerosas persoas que quixeron festexar a ocasión. Entre eles, os tenentes de alcalde de Ribeira Dolores Elorduy e Vicente García; o concelleiro de Cultura, Luciano Fernández; e a edila de Educación, Juana Ermitas Crugeiras.

O presidente da Dorna, Arturo González, agradeceu no nome da entidade a presenza dos asistentes e a axuda do Concello, e desexou unha longa estadía da Cofradía na nova sede.

Posted via email from Certo.gl, o xornal dixital de Barbanza e Noia

Boiro: a Xunta aproba o plan especial de infraestruturas e dotacións no monte de Comoxo

Unha das razóns que fundamentan a ubicación dun centro residencial de atención a persoas con discapacidade neste núcleo de Boiro é a situación do concello, en termos de accesibilidade e de boa comunicación cos centros hospitalarios de Ribeira e Santiago


Vista xeral de Comoxo

Boiro, 19 de marzo de 2011.- A Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas notificou ao Concello de Boiro a aprobación definitiva do Plan especial de infraestruturas e dotacións no monte de Comoxo. Con este informe a entidade municipal ten a aprobación para a construción neste núcleo dun centro residencial de atención a persoas con discapacidade psíquica da península do Barbanza, que rexentará Amicos.

Unha das razóns que xustifican a ubicación desta infraestrutura neste punto do concello coruñés é súa situación en termos de accesibilidade desde diversos puntos e a de boa comunicación cos centros hospitalarios de Ribeira e Santiago.

Ademais, o plan fundamenta o emprazamento desta dotación en solo rústico na inexistencia de terreos dispoñibles para este uso nos solos urbanos nos concellos de Boiro, Ribeira, Pobra do Caramiñal, Porto do Son, Lousame, Rianxo e Noia; nin solos urbanizables de Boiro que contan con plan parcial aprobado. O plan especial foi aprobado provisionalmente polo Concello en pleno na sesión do 25 de xaneiro de 2011.

Relacionada:


Amicos: presentou o seu proxecto residencial en Comoxo

Posted via email from Certo.gl, o xornal dixital de Barbanza e Noia

Twitter

Related Posts with Thumbnails Banner: Regale selva tropical