13.1.13

Mar: o Bng pide á Unión Europea que se pronuncie sobre as gaiolas de salmón da Ría de Muros e Noia

  • A formación frentista defende que proxectos de acuicultura industrial non deben perxudicar a pesca e marisqueo artesanais


Media_httpfarm6static_yzvwf

A instalación das gaiolas de salmón provocou mobilizacións de afectados na ría de Muros e Noia   

Barbanza-Noia, 13 de xaneiro de 2013. O BNG demanda que a Comisión Europea se pronuncie sobre a posible instalación de 20 gaiolas para a cría industrial de salmón na Ría de Muros-Noia, a través dun proxecto que pretende levar a cabo a multinacional North West Food, cunha produción estimada superior ás 5.000 toneladas anuais e que, a día de hoxe, xa posúe dúas gaiolas experimentais no medio deste ecosistema mariño.

Tras un encontro coas asociacións ecoloxistas e do sector pesqueiro que se opoñen a este proxecto, -Asoar-Armega, Adega, Verdegaia, Greenpeace, Oceana, Salva a Selva, Salvemos Montefero e Ecoloxistas en acción-, a eurodeputada nacionalista, Ana Miranda, considera necesario que o Executivo da UE se pronuncie sobre se un proxecto destas características cumpre a normativa comunitaria e os principios que rexen a Política Pesqueira Común (PPC).

“Considerando que as dúas gaiolas experimentais de cría de alevíns de salmón xa instaladas rexistraron unha mortaldade do 82% fronte ao 6% estimado como razoable, segundo os datos da propia empresa, non se cumpre o principio da PPC que defende unha explotación sustentable dos recursos acuáticos vivos e da acuicultura”, salienta Miranda.

Neste sentido, o BNG concorda cos colectivos críticos na “opacidade” da Xunta, “que agocha aspectos clave como o impacto medioambiental, a afectación do fondo e das augas mariñas e o perigo que a cría de salmón pode ter nas especies autóctonas, todo isto sumado ao inasumible nivel de mortaldade”, explica a eurodeputada.

Media_httpfarm8static_zcsif

As gaiolas experimentais poden verse enfronte á praia de San Francisco en Muros

“Un proxecto destas características non pode aprobarse de costas ao sector da pesca artesanal, sen exposición pública de toda a información para que os interesados podan alegar e, desde logo, non pode aprobarse sen a realización do correspondente estudo de impacto ambiental, cando todo indica que sería negativo”, recalca Miranda.

A eurodeputada nacionalista tamén avanzou que, como membro titular da Comisión de Peticións do Parlamento Europeo, vai propor que unha delegación dos colectivos pesqueiros e ecoloxistas que denunciaron este proxecto acudan a Eurocámara para explicar directamente os feitos e as consecuencias da cría intensiva de salmón na Ría de Muros-Noia, tanto en termos de preservación deste ecosistema mariño, como en termos socioeconómicos, tendo en conta que a Ría de Muros-Noia alberga catro polígonos de bateas de produción de mexillón e dunha importante frota adicada a pesca artesanal e ao marisqueo tradicional.

“Pensamos que este proxecto non é sustentable nin desde a perspectiva medioambiental, nin económica, xa que incluso pode destruír emprego nos sectores da pesca artesanal e do marisqueo da zona”, conclúe Miranda.

En agosto de 2008, a Xunta aprobou a instalación de dúas gaiolas experimentais para a cría industrial de salmón atlántico, especie allea as Rías galegas, que se instalaron inicialmente na Ría de Arousa. En 2011, as gaiolas foron trasladadas a súa ubicación actual na Ría de Muros-Noia. Ao longo do ano pasado diversos temporais arrastraron restos de gaiolas ata portos e praias, que houbo que retirar.

Posted via email from Certo.gl, o xornal dixital de Barbanza e Noia

Twitter

Related Posts with Thumbnails Banner: Regale selva tropical