- A formación frentista defende que proxectos de acuicultura industrial non deben perxudicar a pesca e marisqueo artesanais
A instalación das gaiolas de salmón provocou mobilizacións de afectados na ría de Muros e Noia Barbanza-Noia, 13 de xaneiro de 2013. O BNG demanda que a Comisión Europea se pronuncie sobre a posible instalación de 20 gaiolas para a cría industrial de salmón na Ría de Muros-Noia, a través dun proxecto que pretende levar a cabo a multinacional North West Food, cunha produción estimada superior ás 5.000 toneladas anuais e que, a día de hoxe, xa posúe dúas gaiolas experimentais no medio deste ecosistema mariño.Tras un encontro coas asociacións ecoloxistas e do sector pesqueiro que se opoñen a este proxecto, -Asoar-Armega, Adega, Verdegaia, Greenpeace, Oceana, Salva a Selva, Salvemos Montefero e Ecoloxistas en acción-, a eurodeputada nacionalista, Ana Miranda, considera necesario que o Executivo da UE se pronuncie sobre se un proxecto destas características cumpre a normativa comunitaria e os principios que rexen a Política Pesqueira Común (PPC).“Considerando que as dúas gaiolas experimentais de cría de alevíns de salmón xa instaladas rexistraron unha mortaldade do 82% fronte ao 6% estimado como razoable, segundo os datos da propia empresa, non se cumpre o principio da PPC que defende unha explotación sustentable dos recursos acuáticos vivos e da acuicultura”, salienta Miranda.Neste sentido, o BNG concorda cos colectivos críticos na “opacidade” da Xunta, “que agocha aspectos clave como o impacto medioambiental, a afectación do fondo e das augas mariñas e o perigo que a cría de salmón pode ter nas especies autóctonas, todo isto sumado ao inasumible nivel de mortaldade”, explica a eurodeputada.
As gaiolas experimentais poden verse enfronte á praia de San Francisco en Muros“Un proxecto destas características non pode aprobarse de costas ao sector da pesca artesanal, sen exposición pública de toda a información para que os interesados podan alegar e, desde logo, non pode aprobarse sen a realización do correspondente estudo de impacto ambiental, cando todo indica que sería negativo”, recalca Miranda.A eurodeputada nacionalista tamén avanzou que, como membro titular da Comisión de Peticións do Parlamento Europeo, vai propor que unha delegación dos colectivos pesqueiros e ecoloxistas que denunciaron este proxecto acudan a Eurocámara para explicar directamente os feitos e as consecuencias da cría intensiva de salmón na Ría de Muros-Noia, tanto en termos de preservación deste ecosistema mariño, como en termos socioeconómicos, tendo en conta que a Ría de Muros-Noia alberga catro polígonos de bateas de produción de mexillón e dunha importante frota adicada a pesca artesanal e ao marisqueo tradicional.“Pensamos que este proxecto non é sustentable nin desde a perspectiva medioambiental, nin económica, xa que incluso pode destruír emprego nos sectores da pesca artesanal e do marisqueo da zona”, conclúe Miranda.En agosto de 2008, a Xunta aprobou a instalación de dúas gaiolas experimentais para a cría industrial de salmón atlántico, especie allea as Rías galegas, que se instalaron inicialmente na Ría de Arousa. En 2011, as gaiolas foron trasladadas a súa ubicación actual na Ría de Muros-Noia. Ao longo do ano pasado diversos temporais arrastraron restos de gaiolas ata portos e praias, que houbo que retirar.
Posted via email from Certo.gl, o xornal dixital de Barbanza e Noia
No hay comentarios:
Publicar un comentario