Silvia Penas nun instituto recitando
Vilagarcía, 14 de xaneiro de 2013. A poeta Silvia Penas, que foi gañadora tamén o pasado ano do primeiro Slam Poetry Vigo gañou este pasado sábado, 12 de xaneiro, en Vilagarcía de Arousa a cuarta convocatoria de Slam Arousa (poesía recitada dende a ría) que dende o pasado ano leva percorrendo localidades da Ría de Arousa. Unha poeta máis que se suma á festa da poesía que se celebrará en marzo na Illa de Arousa. A súa voz atrapou aos asistentes dende o primeiro poema e saíu victoriosa tamén na final, á que chegaron tamén Mauricia Ces Quintáns e Hadriana Ordóñez (concelleira de Cultura de Rianxo). No acto, recitáronse poemas dos anteriores finalistas, Celia Parrra, Ramón Blanco e Pedro Campos, que estivo presente no acto e decidiu deleitar ao público con algúns poemas musicados en directo coa súa guitarra eléctrica tocada de xeito particular e masterizada tamén ao vivo. No acto houbo poesía, música, humor e unha ducia de participantes que quixeron recitar os seus propios versos para os que decidiron achegarse á cervexería Gael.
O vindeiro mes, o Slam Arousa vaise trasladar a Cambados.
Biografía da gañadora
Realizou estudos de Filoloxía galega na Universidade de Vigo, cidade onde mora a día de hoxe. Exerce como profesora de lingua e literatura galega, ademais de dedicarse a outras tarefas profesionais. Os seus textos foron galardoados en diferentes certames de poesía e narrativa, entre os que cómpre mencionar o Premio de poesía da Universidade de Vigo 2005, co poema en cinco partes Neste Bosque. Cun conxunto de poemas intitulado A tiranía do des foi premiada en 2007 no Certame Galego de Creadores Novos GZcrea. En 2009 publica Biografía da multitude en coautoría con Elvira Riveiro Tobío, este poemario acadou o premio de poesía Victorano Taibo en 2009. Ten participado en numerosos recitais como membro do colectivo Redes Escarlata. A imaxe desta biografía é do blog As escollas electivas.
Pode que tamén lle interese:
Posted via email from Certo.gl, o xornal dixital de Barbanza e Noia
No hay comentarios:
Publicar un comentario