11.7.11

Boiro: Sabela Rey colga "Xeometrías" do 15 de xullo ao 15 de agosto no centro social

Media_httpprofileakfb_hivce

Media_httpfarm2static_guqst

Boiro, 11 de xullo de 2011. Este venres, 15 de xullo, ás 20:30 horas, terá lugar no centro social de Boiro a inauguración da exposición "Xeometrías", que asina a artista moza Sabela Rey. Poderase ver ata o 15 de agosto.

Posted via email from Certo.gl, o xornal dixital de Barbanza e Noia

Ribeira: o alcalde recibe a unha delegación de Corea do Sur, potencia mundial en taekwondo

  • Estiveron participando no campamento "Soño olímpico"
Ribeira, 11 de xullo de 2011. O alcalde de Ribeira, Manuel Ruiz Rivas, recibiu esta mañá a unha delegación institucional procedente de Corea do Sur que, formada por distintas personalidades académicas e deportivas ligadas ao taekwondo, estiveron estes días no municipio con motivo da celebración do campamento de verán "Soño Olímpico". 

A comitiva coreana estivo integrada polo gran mestre Choi Jai Goo, da rexión da Kang Won; o doutor Jeon Young Han, da Universidade de Yong In; Baek Guk Hyeon, do equipo profesional de Yong In e que foi seleccionador nacional coreano no Mundial de 2009; Hwang El-Yeon, da Universidade de Chu San; Youl Yu Jae, estudante de Educación Física, e, exercendo de intérprete, Lee Dong Kyu, residente en Ourense é máximo referente en España da disciplina do Haidong Humdo. Tamén estiveron no encontro Mercé Barrientos, presidenta da Federación Galega de Taekwondo, e o edil de Deportes Juan Luis Martínez. 

O alcalde Ruiz Rivas agradeceu á expedición coreana a súa estancia no concello e lles salientou a importancia que o deporte posúe para a sociedade ribeirense, acadando magníficos triunfos en diversas disciplinas, entre as cales a do taekwondo é unha das máis destacadas. 

Ao finalizar o encontro a comitiva oriental quixo obsequiar ao rexedor ribeirense cun pin.

Posted via email from Certo.gl, o xornal dixital de Barbanza e Noia

Ribeira: a Illa de Sálvora, unha das sedes dun congreso mundial de xeoloxía no que estarán 40 expertos internacionais este mércores

  • A outra sede é a cercana illa de Ons. O encontro comeza mañá martes nesta illa e o mércores irán á de Sálvora.
  • Escolléronse estas dúas illas pola súa gran diversidade xeolóxica, ideal como punto de encontro para xeólogos


Pazo de Sálvora, recentemente restaurado polo Estado, logo de que a illa voltou a ser pública

Ribeira, 11 de xullo de 2011.- A illa ribeirense de Sálvora, que pertence ao Parque Nacional marítimo-terrestre das Illas Atlánticas de Galicia, acolle este martes e mércores un Congreso Mundial de Xeoloxía, que contará coa presenza de preto de 40 expertos chegados de diferentes puntos do mundo. Ons e Sálvora, dúas das illas do Parque Nacional xestionado pola Consellería do Medio Rural, contan con características senlleiras, que fan delas lugares singulares para o estudo e a análise dos solos de tipo granítico.

A actividade deste encontro académico divídese en dúas xornadas. A primeira delas, mañá martes 12 de xullo, centrarase no caso concreto da illa de Ons; mentres que o día seguinte, mércores 13, a expedición visitará Sálvora. Nestas dúas xornadas, os asistentes coñecerán en primeira persoa estas dúas formacións rochosas graníticas, representativas dos tres principais episodios de magmatismo varisco (pertencente ao período da oroxenía varisca).

Riqueza granítica en Ons
O martes 12, o Congreso Xeolóxico Mundial inicia a súa excursión na illa de Ons e Onza (pequeno illote situado a 600 metros ao sur de Ons). A expedición partirá de Cambados nunha viaxe en barco a primeira hora da mañá, dende o que se poderá observar a costa norte da ría de Pontevedra e as Illas Cíes.

Á chegada a Ons, prevista para as 9.45 horas, os expertos coñecerán a Punta Xubenco, lugar no que se rexistran varias capas paralelas de diferentes tipos de granitos. O Cabo Liñeiro é o segundo punto a visitar, onde a gran variedade de rochas indica complexos procesos de fusión que ao longo do tempo chegou a afectar tanto ao manto como á codia continental.

Durante a tarde, o grupo visitará as zonas de praia e a aldea de Ons, espazos compostos por leucogranitos e rochas miloníticas. Ao remate da xornada, os asistentes regresarán en barco a Cambados.

Diversidade xeolóxica de Sálvora

[[posterous-content:jfkuaJFfrdwlJkjIxoec]]
Praia de Sálvora, onde afloran rochas ígneas do periodo xeolóxico Devónico

A segunda e derradeira xornada do Congreso Xeolóxico ten como escenario a illa de Sálvora, un enclave de gran variedade xeolóxica. Partindo de Cambados, os 40 expertos internacionais observarán dende o barco a Illa de Arousa e a Península do Grove. En Sálvora dáse conta dunha gran variedade de formas e abundantes rochas ígneas. A primeira parada é a praia dos Bois ata chegar á abandonada vila da illa, onde se poden observar texturas pegmatíticas (rochas ígneas de grao especialmente groso).

Finalizado o xantar, a seguinte parada é a Volta de San Roque, logo de atravesar unha zona dunar con vexetación. Acto seguido visitarase a Punta do Castelo, espazo de rochas graníticas con suaves relevos; e Salgueiriño, enclave con granitos de abundantes fragmentos metamórficos.


Porto de Aguiño

Ao remate da xornada, os asistentes tomarán o barco con dirección ao porto de Ribeira, aproveitando o traxecto para observar pequenos illotes próximos a Sálvora e á costa de Ribeira, xunto co porto de Aguiño e as montañas do Barbanza.

Hai que lembrar que as condicións da illa de Sálvora fan deste enclave un lugar con características particulares e de especial protección, polo que os asistentes deberán extremar os coidados e evitar saír dos sendeiros indicados.

Posted via email from Certo.gl, o xornal dixital de Barbanza e Noia

Rianxo: vanlle dar para adiante á declaración como Ben de Interese Cultural Inmaterial da obra de Castelao

  • Non foi sen tempo: dende inicios do pasado goberno bipartito estase a catalogar a obra, que está espallada por todo o mundo
  • Pese a que a Xunta non sabe como encher a Cidade da Cultura, a Fundación Castelao segue nun minipiso en Santiago de Compostela, xa que non deron expropiado de malas maneiras a casa familiar de Rianxo
Media_httpfarm6static_slovo

Casa familiar de Castelao en Rianxo, propiedade da familia Baltar

Rianxo, 11 de xullo de 2011.- A Consellería de Cultura e Turismo, a través da Dirección Xeral do Patrimonio Cultural, aprobou con data do 28 de xuño de 2011 a resolución pola que se incoará o procedemento para a declaración de Ben de Interese Cultural (BIC) a favor do conxunto da obra de Alfonso Daniel Rodríguez Castelao. Esta resolución será comunicada ao Rexistro Xeral de Bens de Interese Cultural para a súa anotación preventiva como ben de interese cultural inmaterial. O proceso de catalogación da súa obra rematou, e xa fora iniciada na lexislatura anterior, cando gobernaban Psoe e Bng. Nunha incoherencia máis das numerosas da nosa política cultural, pasada e presente, a Fundación Castelao, que preside o histórico nacionalista Avelino Pousa Antelo, segue a estar nun pequeno piso de Santiago de Compostela, como denunciara o xa desaparecido xornal galego A Peneira en 2007 e do que nos fixemos eco aquí. Tampouco saíu adiante o proxecto de Academia Literaria Rianxeira que quería facer o anterior goberno socialista de Rianxo, entre outras cousas porque quería mercar ou expropiar ás bravas unha casa na que residira Castelao pero que é, lexítima e legalmente, da familia Baltar. Xa na compra da casa de Rafael Dieste houbera bastantes anomalías, pero na de Castelao, a firme determinación dos donos conseguiu paralizar todo.

Nos próximos días, a decisión será publicada no Diario Oficial de Galicia (DOG) e, seguidamente, abrirase un período de información pública polo prazo dun mes co obxectivo de que cantos teñan interese poidan examinar o expediente e alegar o que estimen conveniente. O inicio dos trámites para declarar BIC a obra de Castelao prodúcese no ano no que se celebra o 125 aniversario do seu nacemento.

A resolución determina a aplicación inmediata e provisional do réxime de protección previsto para os bens xa declarados. A Dirección Xeral de Patrimonio Cultural enmarca esta actuación no seu labor de protexer, conservar e difundir o legado que constitúe o patrimonio cultural de Galicia e transmitilo ao futuro. Este patrimonio constitúeno todo os bens materiais e inmateriais que, polo seu recoñecido valor propio, son considerados como de interese relevante para a permanencia e a identidade da cultura galega a través do tempo. Deste xeito, con esta actuación recoñecese a obra de Castelao como un dos bens mais sobranceiros do noso patrimonio cultural.

Personaxe sobranceiro da cultura galega

A decisión da Dirección Xeral do Patrimonio Cultural vén motivada polo feito de que Alfonso Daniel Rodríguez Castelao (Rianxo 1886- Bos Aires 1950) é un dos expoñentes máximos da nosa cultura e figura imprescindible para comprender a historia recente de Galicia e a súa realidade actual. Ao longo da súa vida, Castelao traballou con empeño a favor dos dereitos dos galegos e do recoñecemento da realidade diferencial de Galicia e a súa autonomía política. O galeguismo abrangue a totalidade do seu pensamento, o seu traballo e a súa vida. Deste xeito, toda a súa obra, nas súas múltiples vertentes de debuxante, literato, ensaísta e político, está profundamente marcada polo amor á súa terra e o compromiso con Galicia.

Castelao -prosegue a Xunta en nota de prensa- nunca disociou arte de compromiso, ética e estética, a obra artística en canto vehículo de concienciación e afirmación da identidade dun pobo. De feito, a súa achega ás letras, ás artes e á política é determinante para a recuperación da lingua e cultura galega e a formación dunha conciencia de Galicia como nación, intimamente ligadas á defensa das liberdades democráticas. A súa decisión de non separar a súa arte do servizo a unhas ideas levouno á utilización das técnicas e estilos máis axeitados a este fin, pero sen renunciar á contemporaneidade estética vangardista.

Por todo isto, o conxunto da obra de Castelao identificase como símbolo de Galicia e, polos seus valores e calidade, a súa produción creativa posúe un significado que trascende as nosas fronteiras e o seu legado ocupa un lugar destacado na historia da arte contemporánea europea.

No anexo que acompaña a resolución que se publicará no Diario Oficial de Galicia (DOG) mencionase moi someramente os fitos principais da obra narrativa e plástica, con indicación neste caso do lugar onde se pode atopar. Esta relación sirve para dar unha idea da extensión, singularidade e pervivencia da súa pegada cultural.

Media_httpfarm6static_qajmf

Viñeta de Castelao sobre a Guerra Civil

Obra literaria e plástica
A primeira obra narrativa publicada foi Un ollo de vidro. Memorias dun esquelete (1922), na que Castelao bota man da sátira social e política. A súa segunda obra, Cousas (1926), componse de breves relatos, a través dos que busca a plena expresividade para representar a alma galega que hai en cada personaxe.

Retrincos, en boa medida extensión da fórmula de Cousas, está formada por cinco contos presentados como autobiográficos. Resultado da reelaboración de escritos ao longo de 25 anos, esta obra supón unha combinación equilibrada entre brevidade, sinxeleza e alto grado de elaboración.

Os dous de sempre (1934) é a única novela de Castelao. Nela, narra a historia de dous homes, convertidos en verdadeiros arquetipos do comportamento humano universal, deseñados por Castelao con claridade, elegancia e humor. A súa única obra de teatro é Os vellos non deben namorarse (1941). Con ela, Castelao incorpora tendencias renovadoras do teatro europeo das vangardas a unha obra que non abandona a súa raíz galega. En 1944, Castelao escribe Sempre en Galiza, un libro que está considerado como a obra por excelencia do nacionalismo galego. Outras dúas obras salientables son As cruces de pedra na Bretaña (1930) e As cruces de pedra na Galiza (1950), que son estudos históricos e descritivos deses elementos singulares.

Para rematar esta breve relación da súa obra literaria, hai que mencionar o libro Diario, que aínda que publicado en 1977 foi escrito por Castelao en 1921. Nel recolle as impresións da viaxe de estudos por Europa que fixo nese tempo e que lle deu a oportunidade de coñecer de preto as novas tendencias artísticas.

Media_httpfarm5static_kzrbc

Máscara orixinal empregada en "Os vellos non deben de namorarse". Museo Del Riego en Vigo.

En canto á obra plástica, Castelao foi un artista autodidacta, cunha capacidade natural para o trazo gráfico e para a síntese dunha imaxe real. No eido artístico, plasma todo un mundo de expresividade a través de técnicas e materiais moi variados como augada, tinta, carbonciño, lapis, óleo, pastel ou témpera, Domina, ademais, as distintas técnicas do gravado utilizando como soporte o papel, cartón e cartulina, pero destaca a súa preferencia polo debuxo rápido, apunte inmediato e de pequeno formato. Na obra gráfica de Castelao apréciase unha constante evolución na concepción da imaxe: parte dun comezo naturalista e costumista decimonónico, pero incorpora paulatinamente a composición e as percepcións espaciais do deseño moderno do seu tempo, influído pola fotografía e a estampa xaponesa e polas novidades formais do cartelismo.

Dentro da súa faceta plástica, cabe diferenciar tres etapas. A primeira, desde 1908 ata 1916, a segunda, desde 1916 ata 1936; e a derradeira, iniciada co estalido da Guerra Civil e definida pola posterior etapa franquista. Desa última época son as súas creacións artísticas de máis interese desde o punto de vista da consideración do autor como figura internacional. Gran parte da obra plástica de Castelao atópase dispersa en coleccións de diferentes entidades, museos e fundacións. Unha parte importante está en Galicia, pero tamén hai numerosas obras en arquivos, museos e coleccións de persoas e entidades do resto de España, e en Europa e América.

Documentación e localización da obra

Media_httpfarm3static_atqti

Avelino Pousa Antelo, preto dos cen anos, aínda preside a Fundación Castelao

Froito dun convenio de colaboración entre a Xunta de Galicia e a Fundación Castelao, asinado no ano 2008, elaborouse un catálogo de toda a obra artística de Castelao que se recolle nunha base de datos dixital con máis de tres mil rexistros.

A bibliografía de Castelao e o conxunto da súa obra nas súas diferentes facetas é moi ampla e vaise ampliando ano a ano, sendo o interese que suscita de moi distintas procedencias xeográficas e temporais. En Galicia, é doado contemplar directamente moitas das obras orixinais de Castelao, xa que se conservan en numerosas institucións e son accesibles a investigadores e ao público en xeral.

Por exemplo, o Museo de Pontevedra, que contou con Castelao en 1929 como vogal do seu padroado principal, conserva un importante conxunto de obras e materiais (máis de 1.600) entre as que se atopan todas as estampas orixinais dos seus tres albumes de guerra (Galiza Mártir, Atila en Galiza e Milicianos), así como o manuscrito de Sempre en Galiza, a serie de Debuxos de negros, todos os materiais da obra As cruces de pedra na Galiza, 100 debuxos realizados para ilustrar As cruces de pedra na Bretaña e a segunda e definitiva versión manuscrita de Os vellos non deben de namorarse.

Pola súa banda, no Museo Provincial de Lugo atópanse 27 debuxos e gravados, unha augada, una litografía e dous óleos de Castelao, en parte doados por Álvaro Gil Varela no 1965. En Vigo, no Museo Quiñones de León, hai unha colección de 110 debuxos, e en Sada, o Museo de Carlos Maside conserva 65 debuxos e augadas. O Museo de Belas Artes da Coruña posúe 3 debuxos a tinta e un gouache, mentres que o Museo do Pobo Galego de Santiago conta con 129 debuxos e gravados de Castelao.

Unha parte da obra de Castelao é conservada por institucións como Novacaixagalicia, que conta on 72 murais e 176 debuxos de Cousas da Vida. Por outra parte, a Universidade de Santiago de Compostela custodia 79 debuxos; a Fundacion Penzol, 52; a Fundación Vicente Risco, 36 debuxos e gravados; o BBVA, que ten 25 debuxos, e a Biblioteca Nacional de España, que conserva 62 debuxos. No Centro Superior Bibliográfico de Galicia (hoxe Biblioteca de Galicia) gárdanse 18 debuxos de Castelao, outros 17 no Instituto de Estudos Galegos do Padre Sarmiento, e a Real Academia Galega conserva outro 15 aos que hai que sumar 2 gravados.

Posted via email from Certo.gl, o xornal dixital de Barbanza e Noia

Ribeira: obradoiros interxeneracional e de risoterapia para animar o verán dos maiores

  • Abre xa o prazo de inscrición para os dous

Ribeira, 11 de xullo de 2011.- Servizos Sociais oferta para este verán dous novos obradoiros dirixidos á promoción social do maiores que nunca se tiveran celebrado no municipio en época estival: trátase do xa tradicional obradoiro de Risoterapia que por primeira vez se organiza en época estival e, por outra parte e como novidade absoluta, un obradoiro de Coñecemento Interxeneracional que pretende unir a avós cos seus netos nunha experiencia de conciliación que procura ademais o xurdimento de actitudes empáticas entre ambas xeracións.

Para falar destas dúas iniciativas déronse cita na Casa Consistorial o concelleiro de Servizos Sociais, Promoción Social, Sanidade e Consumo do Concello, Vicente Mariño; e a xefa de servizo do Departamento de Servizos Sociais, Francisca Vidal.

O obradoiro de Coñecemento Interxeneracional constará dun total de oito sesións de 90 minutos de duración nas que, guiados por un monitor, nenos e maiores haberán de compartir todo tipo de experiencias e valores como medio para acadar unha mellor comprensión e relación co seu entorno social máis próximo.

A actividade está  dirixida a nenos e nenas de 5 a 9 anos, e homes e mulleres maiores de 60. Haberá un total de 20 prazas, 10 para o grupo de nenos e nenas e as outras 10 para o grupo de maiores. 

A metodoloxía das sesións farán referencia á práctica de habilidades de intelixencia emocional mediante distintas técnicas socioafectivas, como dinámicas individuais e grupais, charlas expositivas, xogos de rol, choiva de ideas, adestramento en solución de problemas e exercicios de rexistro.

Entre os contidos que se van abordar, figuran as tradicións e costumes da zona, os xogos tradicionais e actuais, os contos populares e debuxos animados, o cine de antes e de agora, e a Internet para todos.

O taller principiará  o día 15 de xullo e estenderase ata o 15 de setembro, a razón dunha sesión semanal. Hoxe mesmo comeza o prazo de inscrición. Os interesados en anotarse poden facelo no Departamento de Servizos Sociais, sito na rúa Correos.

Risoterapia

Por outra parte, o obradoiro de Risoterapia busca que os participantes adquiran unha actitude positiva mediante a recuperación da risa espontánea que as persoas traen consigo ao nacer, pero que pouco a pouco acostúmase a ir perdendo.

Está dirixido ás persoas maiores de 60 anos, que tamén poden apuntarse nos Servizos Sociais dende hoxe. A acción principiará o 15 de xullo e rematará o 15 de setembro. Tamén serán oito sesións e 20 prazas.

Entre os contidos da actividade, figuran unhas nocións básicas sobre risoterapia, a risa como actitude, habilidades sociais e achegamento interpersonal, desenvolvemento ludo-dinámico a nivel grupal, o xogo e o desenvolvemento psicolóxico e a ximnasia da risa.

Posted via email from Certo.gl, o xornal dixital de Barbanza e Noia

Ribeira: un quinteto de grupos locais de música tradicional amosaron o seu bo facer no auditorio

Ribeira, 11 de xullo de 2011. Os acordes da música máis autóctona resoaron o pasado sábado no salón de actos do auditorio, co gallo da celebración da Mostra de Música Tradicional de Ribeira, unha actividade organizada pola Concellería de Cultura co fin de promover e divulgar o extraordinario traballo que desenvolven os distintos grupos folclóricos do municipio. 

Cinco deses grupos tiveron a ben participar na actividade: o Grupo Tradicional Tahume de Olveira , O Rueiro dos Fillos de Palmeira, o Grupo de Gaitas O Pichote de Palmeira, O Grupo de Pandereteiras Tanxedoira de Palmeira e o Grupo de Canto A Gandaina de Palmeira. 

Ao longo dunha hora e media, os integrantes destes grupos deron conta do seu talento sobre o escenario do Auditorio nun evento que estivo presentado polo técnico municipal de Cultura, Unai González. 

Ao remate do mesmo, a concelleira de Cultura do Concello, Elvira Pisos, agasallou a cada grupo participante cunha figura conmemorativa da Mostra para premiar e agradecer a súa participación.

Posted via email from Certo.gl, o xornal dixital de Barbanza e Noia

Twitter

Related Posts with Thumbnails Banner: Regale selva tropical