28.2.13

Rianxo: buscan "xente interesante" para unha serie de fotos e entrevistas a persoeiros locais

  • O proxecto, a cargo dos fotógrafos Xoán Antón Castro (Txorima) e Óscar Reboiras (blog Fotos de Rianxo), denomínase "Ruando Rianxo" e conta coa colaboración do Concello
  • Buscan entrevistar a xente de todas as parroquias, que sexan "a voz e o sentir de moitos outros rianxeiros"


Foto de Radio Rianxo de Óscar Reboiras


A rianxeira a contralus, de Xoán Antón Castro

Rianxo, 28 de febreiro de 2013. Óscar Reboiras, blogueiro de "Fotos de Rianxo" e un vello flickeiro, Xoán Antón Castro Barreiro, Txorima, están a argallar "Ruando Rianxo", un proxecto "no que queremos fotografar e entrevistar a xente de todas as parroquias, coma vós e coma nós. Moitas veces temos pequenas grandes historias ao noso lado, na casa do veciño e pásannos totalmente desapercibidas. Por iso lle queremos poñer rostro aos traballadores do mar, aos artistas, ao agro, á hostalería, á música… que vive e medra en Rianxo", segundo explican en Fotos de Rianxo.

A súa idea foi "moi ben acollida" pola área de Cultura do Concello de Rianxo, da que teñen patrocinio e reserva de auditorio para finais deste 2013. Por iso buscan a colaboración de todos os rianxeiros para que lles suxiran persoeiros interesantes "que sexan a voz e o sentir de moitos outros rianxeiros" para que "cando se realice a mostra no Auditorio saibades que de seguro tedes un veciño, un amigo ou un familiar alí retratado e que descubrades, ao igual que Xoán Antón e máis eu, a outros rianxeiros cos que de seguro vos cruzastes moitas outras veces sen saber a súa historia".

E rematan cos datos de contacto e unha invitación a colaborar, "porque Rianxo é un concello rico en persoas, en historias e en vivencias. E nós queremos plasmar parte desa riqueza. De feito, se coñecedes alguén interesante (e vivo) na vosa parroquia, podedes contactar con calquera de nós para valorar a súa inclusión na exposición":

Xoán Antón Castro: a.rosagz@gmail.com

Óscar Reboiras: oscar.reboiras@gmail.com

Posted via email from Certo.gl, o xornal dixital de Barbanza e Noia

Rianxo: este venres, 1 de marzo, inaugúrase a mostra de fotos "O latexo das prazas"


Máis info sobre esta mostra na Peneira Dixital, de onde se tomou a imaxe
  • Promove o Concello de Pontevedra
  • Son imaxes das prazas de Pontevedra tomadas por fotoxornalistas
  • A inauguración é ás 12 do medio día no auditorio
  • Estará o alcalde, Adolfo Muíños, e Carlota Román, concelleira de Turismo de Pontevedra

Pode que tamén lle interese:




Posted via email from Certo.gl, o xornal dixital de Barbanza e Noia

27.2.13

Noia: do xoves 7 de marzo ao xoves 9 de maio, oito charlas na III Aula de Saúde

  • Unha charla do prestixioso xenetista Ángel Carracedo, que xa estivo no III Congreso para a Saúde en Noia, será a derradeira das actividades
  • Asma, cancro de mama, doenza de Chron, obesidade, demencia, vacinas e pedagoxía serán as materias abordadas polos oito especialistas




Posted via email from Certo.gl, o xornal dixital de Barbanza e Noia

Ribeira: este venres, 1 de marzo, deputadas do Bng informan sobre a situación do sector pesqueiro

Pes

  • Acto informativo ás 20:30 no salón de actos do ISM (Casa do Mar)
  • Falarán Rosana Pérez, deputada no Congreso en Madrid e Montse Prado, deputada no Parlamento Galego
  • Abordarán as iniciativas do Bloque Nacionalista Galego para defender a flota pesqueira tanto en Santiago como en Madrid, así como medidas dirixidas a mellorar o sector, cambios nas leis e nas cotas e outros asuntos de interese para as xentes que dependen do Mar






Posted via email from Certo.gl, o xornal dixital de Barbanza e Noia

Rianxo: o vindeiro sábado 9 de marzo, I Certame Galego de Poesía Erótica Recitada

Cartel_certame_poesia_ertica_r


Rianxo, 27 de febreiro de 2013. O I CERTAME GALEGO DE POESÍA ERÓTICA RECITADA é organizado pola Área de Educación, Cultura e Normalización Lingüística do Concello de Rianxo en colaboración con Slam Arousa.

O certame desenvólvese dentro do programa de poesía erótica FERVEIRO AMARZO, e consiste nun Batallón de recitado entre o conxunto de poetas participantes (escolleranse 5 finalistas e, de entre estes, unha persoa gañadora). Ademais da intervención plástica erótica a cargo da artista María Piensos e da actuación musical a cargo de Najla Shami.
O certame está aberto a todas as persoas, e poden acudir tanto as que queiran participar como as que non, terá lugar:
  • DÍA: sábado 9 de marzo
  • HORA: 20.00 h
  • LUGAR: Auditorio de Rianxo

Para máis información así como tamén consultar as normas, xurado e premios pode premer no seguinte enlace

Posted via email from Certo.gl, o xornal dixital de Barbanza e Noia

Noia: este sábado, 2 de marzo, inauguración dunha mostra de Carlos Pereira no Liceo

Carlos_pereira

  • O artista convidado á sala "Francisco Creo" é Carlos Pereira Martínez
  • A súa exposición leva por título "Ars hermética: en honor de Maat"
  • A inauguración terá lugar ás 20:00 horas

Quen é Carlos Pereira Martínez?

BIOGRAFÍA NA ASOCIACIÓN DE ESCRITORES EN LINGUA GALEGA

   Naceu en Montevideo (Uruguai) o 24 de marzo de 1959. Reside na actualidade na Coruña. Licenciado en Xeografía e Historia, especialidade Historia, pola Universidade Nacional de Educación a Distancia (U.N.E.D.), realizou os Cursos de doutorado en Historia Medieval no Departamento de Historia Medieval, Moderna e Ciencias e Técnicas Historiográficas da U.N.E.D. Traballa na súa tese de doutoramento sobre A Orde do Temple nos reinos de Galicia e León. Profesionalmente é Historiador do Concello de Culleredo.

   Membro numerario da Sociedad Española de Estudios Medievales; membro da Asociación de Escritores en Lingua Galega; ex vicepresidente da Asociación Cultural Estudios Históricos de Galicia; membro do Padroado e do Consello Rector da Fundación Instituto de Estudios Políticos e Sociais; membro da Asociación de Xenealoxía, Heráldica e Nobiliaria de Galicia; membro do Ateneo Republicano de Galicia; membro do Consello de Redacción da revista Dez-Eme, da Fundación 10 de Marzo de Comisións Obreiras; membro do Comité científico da revista Anuario Brigantino, do Concello de Betanzos.

   Formou parte do desaparecido colectivo poético coruñés "Os Habitantes do Lago", que editou a revista do mesmo nome, participando en numerosos recitais por toda Galicia. Foi tamén un dos fundadores do Grupo de Teatro "Maiolongo" de Culleredo (1976) e director do grupo (1978). Cursou estudios varios anos no Conservatorio de Música da Coruña. Ten poemas publicados en revistas literarias como Ó Loro, Os Habitantes do Lago, As follas de Sísifo, Olláparo, Cerne, entre outras. Obtivo premios literarios de poesía en Culleredo, Cee, Noia ou Vigo.

   Ilustrou varios números de revistas como Ó Loro, Os Habitantes do Lago ou Galería, deseñando asimesmo diversos carteis, revistas e folletos. Participou, nos anos 80, nalgúns dos certames de Banda Deseñada organizados pola Casa da Xuventude de Ourense, así como nas exposicións colectivas itinerantes dos mesmos. Membro cofundador do Grupo de gravadores "Suevia", forma parte tamén do Grupo "Crise" e colabora coa Asociación de Artistas Plásticos de Galicia (ARGA).

   Tense ocupado, en textos publicados en libros, folletos e catálogos de exposicións, da obra de artistas como Manuel Romero, Alfredo Erias, Secundino Rivera, Manuel Gandullo, Julio Fernández Argüelles, Dulce Anca, María Xosé Leira, Chus García Camino, Gabriel Anido, Andrés Novo, Carlos del Valle, Emilio Celeiro, Ramón Astray, Luis Romero ou Yolanda Martínez Dorda, entre outros.

   Ten participado nas dúas edicións dos Encontros coa Pintura, celebrados en 2005 e 2006 no Pazo de Mariñán, organizados pola Deputación Provincial, e no I Encontro de Pintura e Poesía Homenaxe a Rosalía, organizado polo Concello de Brión de 2006.

   Foi membro do Xurado do I Certame de Pintura "O mundo do mar", organizado por Ámbito Cultural de El Corte Inglés e a Asociación de Artistas Plásticos de Galicia.

   Ten participado, en exposicións individuais ou colectivas, en lugares como A Coruña, Lisboa, Braga, Porto do Son, Porriño, Culleredo, Lugo, Almada, Tui, Santiago ou Betanzos.

Posted via email from Certo.gl, o xornal dixital de Barbanza e Noia

26.2.13

Ribeira: logo de corenta anos sen unha en Carreira, abre este sábado 2 de marzo a farmacia Bouzas

Ribeira, 26 de febreiro de 2013. Segundo nos comenta Francisco Javier Crugeiras, webmaster de http://carreira.info/, este vindeiro sábado, 2 de marzo, ás 12 da mañá, vai ser o acto de inauguración da nova Farmacia Bouzas, en Campos, Carreira.

O local, situado onde antes estaba a sucursal de Caixa Galicia, está rexentado por Ana María Bouzas e dúas axudantes. "Logo de case que 40 anos sen farmacia, en Carreira volve haber este servizo básico e necesario para os seus habitantes, unha moi boa nova para toda a veciñanza", sinala na súa páxina web este carreirán.

Posted via email from Certo.gl, o xornal dixital de Barbanza e Noia

Mar: xa hai unha nova ameaza para as Rías Galegas. O mexillón pigmeo negro de Nova Zelandia

Borregn


  • Así o denuncia Adega hoxe na súa web


Imaxe de Molluscsoftasmania.net do Limnoperna securis

Arousa-Noia, 26 de febreiro de 2013. O Limnoperna securis (mexillón pigmeo negro) orixinario de Nova Zelandia, está xa nas rías galegas, denuncia hoxe Adega na súa web. Rexistrado por primeira vez na ría de Vigo en 2005, en poucos anos saltou á de Pontevedra e a súa presenza na de Arousa "só é cuestión de tempo", auguran os ecoloxistas galegos. O seu impacto sobre o ecosistema das rías e o sector mexilloeiro pode ser importante, xa que é máis adaptábel (salinidade, temperatura), coloniza máis ambientes e compite polos recursos co mexillón autóctono. Non é a única especie exótica e invasora mariña que chegou a Galiza nos últimos anos, favorecida pola globalización do comercio mundial, o cambio climático e o escaso control das administracións: Algas, moluscos e mesmo peixes tropicais están xa presentes nas nosas augas. Á perda de biodiversidade que provocan únese a ameaza que sobre o sector marisqueiro e a economía das rías poden ter organismos como mexillón pigmeo. "Investir na conservación das nosas rías é hoxe máis importante que nunca!", alerta Adega.

Potencial invasor importante

O mexillón Limnoperna supón unha ameaza para o ecosistema das rías que colonizou (actualmente Pontevedra e Vigo). A maior capacidade para vivir en fondos brandos, habida conta que nas rías galegas (polos recheos e o aumento da contaminación orgánica) están a aumentar estes substratos; e a tolerancia a un rango máis amplo de condicións ambientais que o mexillón autóctono, danlle potencial invasor o Limnoperna.

Ao producírense cambios bruscos de salinidade, o que acontece nas rías galegas cando chove moito, o Limnoperna vese beneficiado novamente fronte ao mexillón autóctono. Por outra banda, o cangrexo común (Carcinus maenas) aliméntase dos dous bivalvos, pero é mellor depredador do mexillón autóctono que do Limnoperna. Co aumento da temperatura, aumenta a súa depredación sobre o mexillón autóctono e diminúe sobre o invasor, polo que o quecemento global podería favorecer a distribución do Limnoperna. Hai que ter en conta tamén que este mexilón austral pode ser portador do protozoo Marteilia refringens, que pode infectar as bateas.

Segúndo un recente estudo, na ría de Vigo foron atopados até 67.000 indviduos/m2 e 18.425 indviduos/m2 na ría de Pontevedra. Pola talla dos Limnopernas atopadas e as densidades de individuos, conclúese que a ría de Vigo tivo que ser colonizada en primeiro lugar que a de Pontevedra. Isto podería confirmar que o vector da introdución sería a importación de ostra xaponesa dende o Pacífico. A invasión propágase cara o norte debido a procesos de circulación da auga de mar. Na Arousa no momento no que se tomaron as mostras para o estudo, non se atopou o Limnoperna , mais o habitual trafego de barcos entre as rías si que o podería introducir.

Xunta: nin un euro para erradicar especies invasoras

"Despois da perda e alteración dos hábitats naturais, a introdución de especies exóticas e invasoras é a segunda causa da diminución da biodiversidade no mundo. Estes organismos supoñen ao ano un gasto de millóns de euros que poderían aforrarse con programas efectivos de divulgación, alerta e eliminación de pequenas invasións antes de que se convertan nun problema maior. Fronte a esta realidade, os colectivos ecoloxistas vimos traballando dende hai anos para tentar sensibilizar á cidadanía e as administracións sobre esta poblemática e do importante que é tomar medidas temperás. Lamentabelmente, os orzamentos da Xunta para 2013 non consignan un só euro a erradicar especies invasoras", remata Adega.

García-Borregón, despreocupado difundindo

Namentres, responsables políticos destas desfeitas, como o director xeral de Conservación da Natureza, Ricardo García-Borregón, están a participar na I Xornada de difusión e seguimento no Parque Nacional Marítimo Terrestre das Illas Atlánticas de Galicia, acompañado pola delegada territorial da Xunta en Vigo, María José Bravo Bosch. García-Borregón é tamén un dos responsables da desaparición do lobo ibérico no Barbanza, co descontrol das batidas e licencias de caza ilegais, como xa informamos reiteradamente neste medio, sen que o goberno de Feijóo mudase o máis mínimo as súas políticas e moito menos pensase en cesar a semellante irresponsable.

Hai uns días, en Certo:




Posted via email from Certo.gl, o xornal dixital de Barbanza e Noia

Rianxo: do martes 5 ao sábado 9 de marzo, exposición no auditorio para difundir as cooperativas

Rianxo: este sábado, 2 de marzo, charla sobre alimentación dun paramédico

Rianxo, 26 de febreiro de 2013. A Concellería de Servizos Sociais rianxeira organiza unha charla informativa sobre a temática da alimentación como a base para unha boa saúde. Terá lugar o sábado día  2 de marzo ás 19:00 h no auditorio.

Será impartida por Luis Miguel García Bruzos, especialista en terapias e tratamento de medicina natural, acupuntura, osteopatía, iridoloxía, homeopatía, dietética e alimentación.

A temáticas que se tratarán serán as seguintes:

  • Como recuperar a saúde
  • Como evitar enfermar
  • Como coñecer as causas ou orixes das nosas enfermidades para poder correxilas.
  • Como correxir: gases, torticole, dor de cabeza, ...

Nota de Certo:

A maior parte das "materias" que aborda este parasanitario non teñen base científica ou son directamente rexeitadas pola comunidade científica, como a homeopatía ou a naturopatía. Asista, se quere, a esta charla, mais baixo a súa responsabilidade.

Posted via email from Certo.gl, o xornal dixital de Barbanza e Noia

Noia: a piscina, con novos horarios, abrirá domingos e festivos pola mañá

  • Trátase dunha das primeiras medidas adoptadas polo concello de Noia tras a resolución o pasado venres do contrato da concesión á empresa que a levaba
  • Segundo a concelleira responsable de Deportes, Mary Domínguez, búscase adaptar os horarios ás necesidades dos usuarios do recinto, co que pola semana abrirá, sen pechar a mediodía, dende as oito da mañá ás once da noite
  • O novo réxime de horarios comeza o primeiro de marzo, este mesmo venres
  • En vindeiros días anúnciase tamén unha nova imaxe corporativa das instalacións

 

Noia, 26 de febreiro de 2013. A concelleira de Deportes de Noia Mary Dominguez vén de anunciar varias melloras no servizo da piscina municipal. A principal novidade será que a partir do 1 de Marzo a piscina municipal abrirá os domingos e os festivos polas mañás. O novo horario será pola semana ininterrumpido de 8:00 a 23:00, os sábados de 10:00 a 14:00 e de 17:00 a 21:00. Domingos e festivos abrirá de 10:00 a 14:00.

Ademais, Domínguez Villanueva anuncia que os sábados pola tarde de 17:00 a 19:00 habilitarase parte do vaso da piscina para unha actividade de ocio en familia, especialmente destinados aos máis nenos, con actividades lúdicas, e este primeiro sábado haberá inchables acuáticos durante toda a tarde.

Nova imaxe corporativa

A maiores, a Concelleira de Deportes informa que desde hai uns días hai a disposición dos usuarios novas actividades gratuítas para os usuarios como o aquagym, que se fai en parte do vaso da piscina os luns e os mércores de 12:00 a 12:45. Ademais, nos vindeiros días procederase a presentar a nova imaxe corporativa, pero a concelleira xa adiantou que se está traballando nun concepto global de deporte e saúde, que tentará marcar un cambio na liña de actuación actual, convertendo a saúde nun tema transversal.

Mary Domínguez agradece "a colaboración dos traballadores da piscina municipal de Noia, xa que a súa implicación e compromiso está permitindo levar a cabo moitas destas melloras".


La_foto

Posted via email from Certo.gl, o xornal dixital de Barbanza e Noia

Ribeira: esta fin de semana, cans arrastradores de trineos no "Mushing Ribeira Activa 2013"

  • O sábado 2 e domingo 3 de marzo, última proba do circuito estatal desta modalidade deportiva con cans

Posted via email from Certo.gl, o xornal dixital de Barbanza e Noia

Noia: Cruz Vermella celebrará o seu 25 aniversario o sábado 2 de marzo no Liceo

Cartel-aniversario-cruz-ver

  • Dende as 18:00 horas na Sociedade Liceo
  • Cruz Vermella local de Noia creouse en 1988

Posted via email from Certo.gl, o xornal dixital de Barbanza e Noia

Boiro: este xoves, 28 de febreiro, charla informativa sobre o financiamento dos novos hospitais e centros de saúde de Galicia

Boiro_sos

  • Organiza a Plataforma en Defensa da Sanidade Pública de Barbanza
  • Comeza ás 20:30 horas no centro social de Boiro, no local de Leña Verde
  • Estará o voceiro de SOS Sanidade Pública a nivel de Galicia, Manuel Martín, secundado por Marian Rodríguez, da Plataforma barbanzá

Posted via email from Certo.gl, o xornal dixital de Barbanza e Noia

Ribeira. o pleno da Corporación fai unha declaración institucional en defensa da flota pesqueira

  • Foi aprobada por todos os grupos e lida polo alcalde, Manuel Ruiz Rivas, no pleno de onte:


"O Concello de Ribeira quere defender a profesionalidade e bo facer dos nosos homes do mar que teñen contribuído coa súa actitude á recuperación dos caladoiros nos últimos anos.

É por iso que esiximos un trato igualitario para a nosa flota que con outras que operan en calquera outra zona da Unión Europea e das costas españolas. 

Pedimos igualmente que nas nosas augas operen as mesmas condicións para todos os buques, independentemente do país que os abandeire, e que os produtos pesqueiros importados teñan as mesmas condicións de salubridade e trazabilidade que se esixen aos nosos peixes.

Apoiamos o novo reparto por modalidades de pesca, que supón un avance respecto ao anterior modelo no que se debe seguir progresando, ao igual que na transferencia das cotas. 

Queremos recordar ao Goberno de España e á Unión Europea que a nosa costa é unha zona altamente dependente da pesca e o marisqueo, e polo tanto instamos aos nosos representantes á defensa dos intereses da flota pesqueira galega".

Posted via email from Certo.gl, o xornal dixital de Barbanza e Noia

Sociedade: "Stop Desafiuzamentos" de Barbanza reclama o cese das prácticas bancarias irregulares e intimidatorias

  • A plataforma, que xa o denunciou con anterioridade, sinala que a banca está a violar o código de boas prácticas bancarias que se aprobou hai uns meses ao exercer accións de acoso e persecución a familias afectadas por execucións hipotecarias
  • Non só chaman aos directamente afectados, senón a familiares dos endebedados e incluso a veciños do edificio onde viven
  • O colectivo anti-desafiuzamentos está a denunciar estas prácticas ante as institucións e tratando de que o público en xeral teñan coñecemento deste terrorismo financieiro


Este é o comunicado íntegro de "Stop Desafiuzamentos" de Barbanza:


El actual genocidio financiero que padecen muchas familias de nuestro país, genera una auténtica alarma social que en vez de sensibilizar a los responsables de muchas entidades financieras lo que provoca es una constante violación del código de buenas prácticas bancarias, al ejercer acciones de acoso y persecución, constante, contra las familias humildes que no pueden afrontar el pago de sus hipotecas, de manera regular, por la carencia de recursos económicos.

 

   Son continuas las llamadas telefónicas, con frecuencia diaria,  a los deudores en sus propios hogares o a sus móviles, llamadas a los centros de trabajo, a los familiares más directos de los deudores o bien a los vecinos del edificio, donde reside la familia afectada por la hipoteca, son algunas de las prácticas habituales que ciertas entidades financieras, con escasos escrúpulos, ejercen  hacia ciertas familias humildes de nuestro entorno, ocasionándoles un daño psicológico evidente, que en  muchos casos les llevan a perder su autoestima y las ganas de vivir.

 

   Desde la Plataforma “Stop Desahucios” del Barbanza no podemos  por menos que denunciar todas estas situaciones irregulares de forma pública, ante las propias entidades financieras y también ante el Valedor do Pobo y el Banco de España, para que se adopten las medidas correctoras oportunas y se abran los expedientes administrativos necesarios.

Posted via email from Certo.gl, o xornal dixital de Barbanza e Noia

Cultura: o décimo aniversario da Galipedia vai ser celebrado cun ciclo de charlas en Santiago

Galipedia_10_-_cartel

  • O venres 8 de marzo cúmprese unha década da versión galega da Wikipedia, a enciclopedia libre dixital que revolucionou o coñecemento en Internet
  • A Galipedia anda polos 98.000 artigos, froito do esforzo de milleiros de voluntarios que aportan textos, fotos e vídeos
  • Será o sábado 9 de marzo cando se celebren estas charlas, no colexio Fonseca do Campus Sur da USC

Barbanza e Noia, 26 de febreiro de 2013. O vindeiro venres 8 de marzo de 2013 celébrase o décimo aniversario do nacemento da Galipedia, a enciclopedia libre en galego. Transcorridos dez anos foron creados máis de 98.000 artigos e vaise achegando á cifra dos cen mil, aumentando cada vez máis a súa calidade grazas ó traballo de miles de voluntarios e ós mecanismos comunitarios de revisión entre iguais.

Calquera pode mellorar a Galipedia se ve un erro ou se coñece un tema que aínda non estea desenvolvido. Os contidos desta obra colectiva publícanse baixo unha licenza libre, a Creative Commons - Recoñecemento - Compartir Igual, que permite o seu libre uso conservando esa licenza.

A Galipedia forma parte dun amplo movemento que empezou en xaneiro de 2001, cando se puxo en marcha a Wikipedia co obxectivo de que todo o coñecemento humano estea dispoñible para calquera persoa no seu idioma. A partir de aí fóronse creando versións da Wikipedia en varias linguas, habendo máis de 280 na actualidade.

O primeiro artigo da Galipedia, creado o 12 de marzo de 2003, foi "Ou". Esta entrada non se correspondía cunha entrada enciclopédica, polo que en 2008 trasladouse ó Galizionario, porque a Galipedia conta con varios proxectos irmáns, tamén libres e colaborativos, que complementan a enciclopedia como son Galilibros, Galifontes e Galicitas.

Wikimedia España, o capítulo español dese movemento, organiza, xunto á comunidade de editores da Galipedia, un encontro o 9 de marzo en Santiago de Compostela co obxectivo de celebrar este aniversario, pero tamén de reforzar estes proxectos. Unha oportunidade para atoparse galipedistas xunto a outras persoas implicadas no coñecemento e a cultura libre e na promoción da lingua e a cultura galegas. Un encontro no que se combinará unha mesa redonda con charlas nas que se vai a profundar nalgunhas cuestións de común interese.

Os conferenciantes que participarán neste acto son os seguintes:

 * José Manuel Abuín Mosquera, Técnico de Proxecto do Centro de Supercomputación de Galicia (CESGA)
 * Antonio Gregorio Montes, administrador da Galipedia
 * Manuel Gago Mariño, director do portal culturagalega.org e profesor na Facultade de Xornalismo da Universidade de Santiago de Compostela, ademais de divulgador gastro-arqueolóxico en Capítulo 0
 * Marcos Pérez Pena, director do xornal dixital Praza Pública
 * Denís Fernández Cabrera, de Urco Editora
 * Óscar Otero, de A navalla suíza
 * Javier de la Cueva, avogado, experto en propiedade intelectual

Esta actividade foi organizada coa colaboración da Universidade de Santiago de Compostela e o CESGA, e a entrada ó acto é libre até completar o aforamento. Todas estas presentacións realízanse no Salón de Actos do Colexio Maior Fonseca situado no Campus Vida da Universidade de Santiago de Compostela, a partir das 10 da mañá.

Acerca de Wikipedia

Wikipedia é consultada actualmente por máis de 400 millóns de persoas todos os meses. Proporciona acceso inmediato a información de alta calidade, libre, gratis e sen publicidade. Na última década, unha vasta comunidade de voluntarios uniuse para crear máis de 22 millóns de artigos en 285 idiomas, aproximando a causa do coñecemento libre a cada persoa no planeta.

Acerca de Wikimedia España

Wikimedia España é unha asociación española sen ánimo de lucro que ten como fin favorecer o desenvolvemento do Coñecemento Libre promovendo proxectos relacionados, e en especial aqueles albergados por Wikimedia Foundation Inc. (listaxes en www.wikimediafoundation.org), en todas as linguas que se falan en España.

Posted via email from Certo.gl, o xornal dixital de Barbanza e Noia

25.2.13

Rianxo: as nenas e nenos do colexio Castelao aprenderon sobre oficios artesanais co programa "Enredando, artesanía na escola"

Colexio_castelao

  • Amosáronlles o procedemento para obter seda, desde o coidado dos vermes ao enfiado
  • A iniciativa de Economía e Industria ten por obxectivo concienciar á sociedade, comezando polos rapaces, do valor do produto feito á man

Rianxo, 25 de febreiro de 2013.- A Consellería de Economía e Industria presentou hoxe no CEIP Alfonso D. Rodríguez Castelao o módulo O gremio da seda do programa didáctico “Enredando, artesanía na escola”, unha iniciativa organizada pola Fundación Centro Galego da Artesanía e do Deseño que ten por obxectivo achegar os oficios artesanais aos rapaces para que poidan coñecelos e valoralos en maior medida.

“Enredando, artesanía na escola”, que se iniciou no curso 2011-2012, chegou na súa primeira edición a case 4.000 alumnos e alumnas de toda Galicia. Durante este curso chegará a 22 localidades galegas, ofrecendo aos alumnos de educación infantil, primaria e secundaria a oportunidade de coñecer de preto o sector da artesanía.

Coa unidade didáctica presentada hoxe achégaselles aos estudantes o procedemento da obtención da seda, desde o coidado dos vermes ata a extracción e enfiado da seda dos casulos. Como novidade este ano preséntase tamén para alumnos de secundaria o módulo Do papel ao libro, no que os participantes elaboran artesanalmente follas de papel que logo encadernan.

Co programa “Enredando”, a Consellería de Economía e Industria persegue concienciar á sociedade do valor do produto feito á man, comezando polos máis novos, así como presentarlle aos rapaces a artesanía como unha alternativa para o seu futuro laboral. Deste xeito, contribúese a favorecer o relevo xeracional nos oficios máis tradicionais e promóvese o desenvolvemento da artesanía galega a través da formación de futuros artesáns creadores, trasladando aos cativos o valor engadido da artesanía no que se refire á súa creatividade, patrimonio cultural e tradición.






Posted via email from Certo.gl, o xornal dixital de Barbanza e Noia

Cultura: institucións públicas e asociacións homenaxearon a Rosalía de Castro no 150 aniversario de "Cantares Gallegos"

  • No acto de Altofalante en Ribeira participaron Quico Cadaval, Carlos Callón e Santiago Páramo
  • Na homenaxe institucional da Xunta estiveron o dodrense Anxo Angueira, como presidente da Fundación Rosalía de Castro, e o alcaldes de Rianxo, Adolfo Muíños, e de Dodro, Valentín Alfonsín

Barbanza-Noia, 25 de febreiro de 2013. Nesta fin de semana houbo celebracións e alborados ao longo de todo o país para celebrar o Día de Rosalía, que cadrou co 150 aniversario da publicación do libro-viveiro das Letras Galegas, "Cantares gallegos".

En Ribeira, o sábado 23, a asociación Altofalante celebrou na Casa do Pescador, que se viu superada no seu aforo e obrigou a varias persoas a presenciárena de pé, unha lectura con xente de toda caste. Houbeo dende unha nena de 6 anos até unha anciá ou unha moza estadounidense. Entre os lectores estiveron "vacas sagradas" do activismo cultural en galego como  Quico Cadaval, Carlos Callón e Santiago Páramo. A Asociación Altofalante valora moi positivamente a acollida e prepárase cos ánimos reforzados para facer máis actividades culturais neste concello. "Demanda delas, evidentemente, hai", explicou o seu presidente, Carlos Lixó.

Acto institucional da Xunta en Padrón


O alcalde de Vigo, o de Padrón, o conselleiro Jesús Vázquez e Anxo Angueira

O conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, Xesús Vázquez Abad, salientou na celebración do acto institucional conmemorativo do 176 aniversario do nacemento de Rosalía de Castro, a importancia do recoñecemento colectivo que Galicia brinda á obra e á figura rosaliana. Coa alborada celebrada no Día de Rosalía na Casa da Matanza (Padrón) comezaron os actos de celebración dos 150 anos da publicación de Cantares Gallegos, organizados –co apoio do Goberno galego e outras entidades– pola Fundación Rosalía de Castro, a Real Academia Galega e a Universidade de Vigo.


No acto participaron ademais os secretarios xerais de Cultura e de Política Lingüística, Anxo Lorenzo e Valentín García, respectivamente; así como o presidente da Fundación Rosalía, Anxo Angueira, o alcalde de Padrón, Antonio Fernández Angueira, o alcalde de Santiago, Ángel Currás Fernández, o alcalde de Vigo, Abel Caballero, o presidente da Real Academia Galega, Xosé Luís Méndez Ferrín, o director do Centro de Estudos Rosalianos, Xesús Alonso Montero, o reitor da Universidade de Vigo, a vicepresidenta do Consello da Cultura Galega, Rosario Álvarez, Salustiano Mato, o deputado da Xunta de Goberno da Deputación da Coruña, Santiago Amor, o presidente do Pen Club de Galicia, Luís González Tosar, o presidente da Asociación de Editores, Manuel Bragado, o director xeral da Fundación Barrié, Javier López Martínez, o vicepresidente da Federación de Libreiros de Galicia, Antón Pedreira, e a tesoureira da Asociación Internacional de Estudos Galegos, Elisa Fernández Rey.

O Día de Rosalía comezou cunha ofrenda floral ao pé do monumento que lembra onde naceu a escritora, na praza de Vigo, en Santiago de Compostela. Ademais, e por iniciativa conxunta coa Asociación de Gaiteiros Galegos, gaiteiras e gaiteiros de toda Galicia interpretaron unha “Alborada para Rosalía” en diferentes puntos do territorio galego.

Esta peza tamén se interpretou na Casa da Matanza onde se proxectaron tamén imaxes das alboradas realizadas esta mañá ao longo e ancho do país. Neste acto na casa de Rosalía en Padrón, ademais do conselleiro, personalidades de distintas institucións culturais, sociais e políticas de Galicia recitaron versos de Cantares Gallegos na honra da poetisa. Xesús Vázquez Abad pechou a súa intervención afirmando que “hoxe celebramos o grande exemplo de Rosalía, a extraordinaria dimensión do seu legado e, como ela moi probablemente desexaría, a confianza nunha Galicia que constrúe o seu futuro.”


Jesús Vázquez con Anxo Angueira

Melloras na Casa da Matanza
Coincidindo co final deste ano conmemorativo está prevista para o mes de decembro a reinauguración da Casa da Matanza, tras as obras de mellora, conservación e accesibilidade realizadas, ás que a Consellería de Cultura e Educación destinou 200.000 euros con cofinanciamento do Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional no marco do Programa operativo Feder Galicia 2007-2013.

Deste xeito a Fundación ten previsto levar a cabo unha modernización dos contidos e do perfil da Casa-Museo´, así como incorporar novas tecnoloxías audiovisuais e novos servizos para os e as visitantes da casa na que Rosalía de Castro pasou os derradeiros anos da súa vida

150 aniversario de Cantares Gallegos
Un dos eixos centrais deste ano conmemorativo será a exposición ‘O Cantar dos cantares’, que se organizará co patrocinio da Xunta de Galicia e o Concello de Vigo e coa colaboración do Consorcio da Zona Franca de Vigo.

A Xunta de Galicia, a través da Consellería de Cultura e Educación, impulsará nos vindeiros meses un completo programa de actividades en colaboración con diversas institucións e entidades culturais, co obxectivo de facer partícipe a toda a cidadanía galega desta celebración.


O venres pasado:

Homenaxe a Rosalía en Ribeira: nove colexios leron os seus poemas                            

Posted via email from Certo.gl, o xornal dixital de Barbanza e Noia

23.2.13

Poesía: Serafín Marcos leva por toda Galicia o seu espectáculo "Mergullarnos na poesía"

Noia, 23 de febreiro de 2013. O noiés Serafín Marcos é xa un vello coñecido  (que non é o mesmo que coñecido vello) neste xornal nas súas facetas de performer e activista cultural. Cada ano prepara un espectáculo cultural no que o protagonista é a autora ou autor escollido pola Real Academia Galega para o Día das Letras Galegas.


Serafín Marcos no claustro do Concello noiés en 2010

Este ano engade a ese número monográfico outro, titulado "Mergullarnos na poesía", no que mestura a seis poetas. Falamos con el sobre esta actividade a través do seguinte cuestionario:


Pregunta.- Por un intre pensamos que este ano non ía difundir a Roberto Vidal Bolaño, o autor do Día das Letras 2013...
 
Resposta.- Por suposto que hai Roberto Vidal Bolaño, estamos fixando as datas de representación que por agora se están centrando no mes de maio.
 
.- Seis autores en "Mergullarnos na poesía". Difícil escolla para textos, ou doada pola calidade dos autores?

 

.- Non caben todos os textos nunha mesma representación, así que van entrando uns e saíndo outros. Isto dáme aire novo e frescura en cada función.


.- Como vai ser o espectáculo: un aburrido recital ou haberá sorpresas?

 

.- O espectáculo pretende ser divertido, dinámico e participativo. Todo iso xurde do propio texto ou acción poética. Rímonos coa poesía, gritamos con ela, mergullámonos no seu silencio, imos con ela e deixamos que nos leve, alguén nos traerá de volta.


.- Ao non someterse ao autor do Día das Letras Galegas, que sempre leva case toda a programación cultural en maio, cre que o seu espectáculo poderá ser máis visto en toda Galicia durante máis meses?

 

.- Así está sendo. Achegarse á poesía con este espectáculo non ten calendario; achegarse ó autor e á obra das Letras Galegas ten un calendario moito máis limitado.


.- Segue correndo? En que carreiras participou hai pouco ou vai participar?
 
.- O exercicio físico é parte imprescindible da creatividade, é o momento onde as ideas máis indomables e esquivas se achegan co brillo máis irresistible. A última carreira foi en Negreira e retomaremos a competición na media maratón Vigo-Baiona.
 
.- Murakami ten unha novela sobre un corredor e os seus pensamentos namentres fai runnning. Que pensa vostede cando corre? 
 

.- Lin a novela, o corredor é el, o contido en volume, que Murakami meteu nese libro veríase superado con unha sola hora de trote en soidade. O que pensas cando corres, acaso sexa o máis parecido á actividade cerebral mentres soñas.


.- Política e cultura: cre que se apoia abondo ou coa escusa da crise chapodan de máis os políticos?

 

.- A cultura é independente, loitadora; mais a política pode apoiar as iniciativas culturais e agora estáselle aplicando unha poda moi severa.


.- Vostede comezou no teatro: inda que o que fai agora ten moito de dramatúrxico, pensa voltar a participar en espectáculos teatrais tradicionais?

 

.- Gústame o teatro, mais namórame a performance e o happening.

Posted via email from Certo.gl, o xornal dixital de Barbanza e Noia

22.2.13

Dodro: o sábado 16 de marzo, obradoiro de globoflexia para a mocidade

Globoflexia


A Concellería de Cultura, Voluntariado e Asociacionismo organiza un curso gratuíto
de Iniciación a Globoflexia o vindeiro sábado 16 de marzo de 9:30h a 13:30h para mozas/os de entre 15 e 30 anos.

As inscricións poden realizarse na Casa da Cultura ata o 14 de marzo.


Posted via email from Certo.gl, o xornal dixital de Barbanza e Noia

Ribeira: o Bng presenta unha moción para que se arranxen as desfeitas do Campo da Tasca en Aguiño

Ribeira, 22 de febreiro de 2013. O portavoz do BNG en Ribeira, Xosé Antonio Vázquez Cobas, visitou o Campo da Tasca de Aguiño na compañía de usuarios e usuarias deste campo, non só usado polo clube de Aguiño senón por outros deste concello. Alí puideron comprobar o seu estado de abandono e deterioro. Cabe lembrar que o campo de fútbol cada fin de semana é moi utilizado e visitado posto que hai partidos de diferentes ligas e categorías.

Ante o seu mal estado, o BNG levará as demandas dos usuarios e usuarias ao pleno do mes de febreiro, onde pedirá que haxa melloras e un mantemento en condicións para este campo de fúbol.

Deficiencias máis graves:

-Gradas sen cubrir: isto orixina que os vestiarios que están debaixo, teñen importantes filtracións de auga cando chove.
-Filtracións na cantina: na actualidade cada vez que chove, entra a auga dentro dela e o pechamento está en mal estado.
-Mal estado dos aseos e vestiarios: faltan billas, lavabos soltos, instalación de auga ten perdas e a instalación eléctrica está en mal estado e é perigosa.
-Falta de hixiene: podedes ver nas fotografías a falta de limpeza das instalacións.

Ante todo isto, o BNG solicitará que haxa unha intervención integral na instalación municipal da Tasca que contemple a solución de todas estas deficiencias enumeradas.

Solicitude campo da Tasca.pdf Download this file

Posted via email from Certo.gl, o xornal dixital de Barbanza e Noia

A Pobra do Caramiñal: a xunta local de seguridade acorda crear un comité de coordinación policial

  • O subdelegado do Goberno aproveitou para visitar o posto da Garda Civil, algo habitual neste tipo de xiras da autoridade gubernamental.

A Pobra, 22 de febreiro de 2013.- O subdelegado do Goberno en A Coruña, Jorge Atán, e o alcalde, Isaac Maceiras, copresidiron esta mañá unha reunión da xunta local de seguridade. Con eles estiveron a vicesecretaria xeral da delegación do Goberno, Eva Vázquez; o comandante xefe da Garda Civil de A Coruña, Benedicto González, os comandantes dos postos de Boiro e A Pobra; o tenente-alcalde de A Pobra, Manuel Fontao; o xefe da Policía Local, Ramón Valiño; e o inspector xefe da Policía Autonómica, Antonio Riádigo.

Acordaron crer un comité de coordinación policial que vai depender desa mesma xunta de seguridade, pois estamos nun país no que as forzas de seguridade están duplicadas e non partillan en moitos casos as súas forzas inda que teñan o mesmo obxectivo. Disque buscan que medren as accións conxuntas na Pobra, en especial de cara a datas estivais (aumenta a poboación flotante, polo turismo) e co obxectivo sobreentendido de previr a comisión de faltas e delitos. Na reunión congratuláronse do baixo nivel de delincuencia desta zona e da colaboración puntual de Garda Civil e Policía Nacional para erradicar puntos conflictivos neste eido. Non se voltarán a reunir en seis meses, a non ser que sobreveñan circunstancias excepcionais.
 





Posted via email from Certo.gl, o xornal dixital de Barbanza e Noia

Cultura: nenas e nenos de nove colexios de Ribeira leron textos para homenaxear a Rosalía

Ribeira, 22 de febreiro de 2013. A concelleira de Educación, Carmen Vizcaya Sampedro, acompañou ós máis de 250 nenos de primaria que acudiron hoxe ó Auditorio Municipal de Riveira a unha homenaxe a Rosalía de Castro. En solitario, en parella ou en grupo recitaron poemas de “Cantares Gallegos” neste acto organizado desde o servizo de Normalización lingüística da Concellería de Educación do Concello.

O acto comezou ás once da mañá e tivo unha duración de hora e media na cal os nenos e nenas estiveron moi participativos e gozaron do traballo dos seus compañeiros.


Ó comezo da actividade seis alumnos de terceiro e cuarto da ESO do IES Nº1 presentaron unha curtametraxe do poema “Cantan os galos pra o día” que se pode ver na páxina da Asociación de Escritores en Lingua Galega, impulsores da idea. 

Logo da proxección comezou o recital infantil a cargo do alumnado de 4º de primaria.

- Os alumnos do colexio A Milagrosa recitaron de maneira coral “Has de Cantar”. 

- Os nenos e nenas do Colexio Bayón estiveron representados por Miriam e Alba que recitaron outro poema de “Cantares Gallegos” en solitario.

- Unha intervención en parella e outra coral é o que prepararon os nenos e nenas do Colexio Sagrado Corazón de  
Jesús.

- Os alumnos do CEIP Frións co poema “Fun un domingo”. 

- O colexio de primaria de Artes recitou en parellas, e dunha maneira moi orixinal o poema de Rosalía “Canta Meniña”. Ó terminar a súa mestra cantoulles como lle pedían, para sorpresa de todos, unha canción en ruso. 

- Tamén houbo idiomas estranxeiros na actuación dos nenos e nenas do colexio de Carreira. Recitaron dous poemas de “Cantares Gallegos”, o último en inglés lido por unha mestra nativa.

Con estas dúas propostas en ruso e inglés, os centros plurilingües de Riveira dan a coñecer o seu magnífico traballo de comunión de todas as linguas do mundo.

- Os alumnos dos colexios Galaxia e O grupo foron os máis numerosos. Subiron en grupos e por clases a amosar o seu traballo. 

- Os alumnos do Grupo recitaron acompañados de música. Os primeiros “Campana de Bastavales” e os seguintes ”Adios Ríos Adios Fontes” con música de  
Amancio Prada.

Para rematar o acto, todos os nenos e nenas recitaron ó unísono e postos en pé un anaco do poema “Cantarte hei, Galicia”.

Dende a Concellería de Educación do Concello agradécese a enorme participación na iniciativa tanto ós nove colexios que participaron coma ós mestres que se involucraron cos nenos. "Sen eles non sería posible", remata.


Posted via email from Certo.gl, o xornal dixital de Barbanza e Noia

Cultura: actos de homenaxe a Rosalía de Castro previstos para esta fin de semana nas bisbarras de Barbanza e Noia


O acto principal será en Bonaval, Santiago, onde repousan os restos da Nai das Letras Galegas

Barbanza e Noia, 22 de febreiro de 2013. Segundo informa a Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega, as quendas e datas  para a multitudinaria homenaxe (tanto en espazos como en número de xente) a Rosalía de Castro esta fin de semana en Barbanza e Noia son as seguintes:





Poden consultar toda Galicia en:
http://axendaaelg.blogaliza.org/

Relacionadas:





Posted via email from Certo.gl, o xornal dixital de Barbanza e Noia

Twitter

Related Posts with Thumbnails Banner: Regale selva tropical