26.2.13

Cultura: o décimo aniversario da Galipedia vai ser celebrado cun ciclo de charlas en Santiago

Galipedia_10_-_cartel

  • O venres 8 de marzo cúmprese unha década da versión galega da Wikipedia, a enciclopedia libre dixital que revolucionou o coñecemento en Internet
  • A Galipedia anda polos 98.000 artigos, froito do esforzo de milleiros de voluntarios que aportan textos, fotos e vídeos
  • Será o sábado 9 de marzo cando se celebren estas charlas, no colexio Fonseca do Campus Sur da USC

Barbanza e Noia, 26 de febreiro de 2013. O vindeiro venres 8 de marzo de 2013 celébrase o décimo aniversario do nacemento da Galipedia, a enciclopedia libre en galego. Transcorridos dez anos foron creados máis de 98.000 artigos e vaise achegando á cifra dos cen mil, aumentando cada vez máis a súa calidade grazas ó traballo de miles de voluntarios e ós mecanismos comunitarios de revisión entre iguais.

Calquera pode mellorar a Galipedia se ve un erro ou se coñece un tema que aínda non estea desenvolvido. Os contidos desta obra colectiva publícanse baixo unha licenza libre, a Creative Commons - Recoñecemento - Compartir Igual, que permite o seu libre uso conservando esa licenza.

A Galipedia forma parte dun amplo movemento que empezou en xaneiro de 2001, cando se puxo en marcha a Wikipedia co obxectivo de que todo o coñecemento humano estea dispoñible para calquera persoa no seu idioma. A partir de aí fóronse creando versións da Wikipedia en varias linguas, habendo máis de 280 na actualidade.

O primeiro artigo da Galipedia, creado o 12 de marzo de 2003, foi "Ou". Esta entrada non se correspondía cunha entrada enciclopédica, polo que en 2008 trasladouse ó Galizionario, porque a Galipedia conta con varios proxectos irmáns, tamén libres e colaborativos, que complementan a enciclopedia como son Galilibros, Galifontes e Galicitas.

Wikimedia España, o capítulo español dese movemento, organiza, xunto á comunidade de editores da Galipedia, un encontro o 9 de marzo en Santiago de Compostela co obxectivo de celebrar este aniversario, pero tamén de reforzar estes proxectos. Unha oportunidade para atoparse galipedistas xunto a outras persoas implicadas no coñecemento e a cultura libre e na promoción da lingua e a cultura galegas. Un encontro no que se combinará unha mesa redonda con charlas nas que se vai a profundar nalgunhas cuestións de común interese.

Os conferenciantes que participarán neste acto son os seguintes:

 * José Manuel Abuín Mosquera, Técnico de Proxecto do Centro de Supercomputación de Galicia (CESGA)
 * Antonio Gregorio Montes, administrador da Galipedia
 * Manuel Gago Mariño, director do portal culturagalega.org e profesor na Facultade de Xornalismo da Universidade de Santiago de Compostela, ademais de divulgador gastro-arqueolóxico en Capítulo 0
 * Marcos Pérez Pena, director do xornal dixital Praza Pública
 * Denís Fernández Cabrera, de Urco Editora
 * Óscar Otero, de A navalla suíza
 * Javier de la Cueva, avogado, experto en propiedade intelectual

Esta actividade foi organizada coa colaboración da Universidade de Santiago de Compostela e o CESGA, e a entrada ó acto é libre até completar o aforamento. Todas estas presentacións realízanse no Salón de Actos do Colexio Maior Fonseca situado no Campus Vida da Universidade de Santiago de Compostela, a partir das 10 da mañá.

Acerca de Wikipedia

Wikipedia é consultada actualmente por máis de 400 millóns de persoas todos os meses. Proporciona acceso inmediato a información de alta calidade, libre, gratis e sen publicidade. Na última década, unha vasta comunidade de voluntarios uniuse para crear máis de 22 millóns de artigos en 285 idiomas, aproximando a causa do coñecemento libre a cada persoa no planeta.

Acerca de Wikimedia España

Wikimedia España é unha asociación española sen ánimo de lucro que ten como fin favorecer o desenvolvemento do Coñecemento Libre promovendo proxectos relacionados, e en especial aqueles albergados por Wikimedia Foundation Inc. (listaxes en www.wikimediafoundation.org), en todas as linguas que se falan en España.

Posted via email from Certo.gl, o xornal dixital de Barbanza e Noia

No hay comentarios:

Twitter

Related Posts with Thumbnails Banner: Regale selva tropical