6.9.11

A Pobra: este venres, 9 de setembro, presentan "Coche Amarillo, Gorra de Plato, Ropa Tendida y Perro"

Boceto cartel presentación libro.pdf Download this file

A Pobra, 6 de setembro de 2011. O vindeiro venres 9 de setembro ás 21:00 h. vai ter lugar no auditorio do Museo Valle-Inclán, a presentación do libro “Coche Amarillo, Gorra de Plato, Ropa Tendida y Perro”, unha obra de tinguidura autobiográrfica escrita por María Isabel Muñoz Sotés, unha madrileña avogada e xornalista íntimamente ligada á Pobra do Caramiñal desde que, no ano 1955 veu pasar por primeira vez a tempada estival nesta vila xunto coa súa familia.. 

A través dun vocabulario sinxelo vai narrando as súas vivenzas desde a máis tenra infancia ata os derradeiros anos e consegue captar a nosa atención para levarnos ó longo de diversos episodios cos que non podemos evitar botar a vista atrás e darnos conta de tantas vivenzas que hoxe son tan habituais e que no seu tempo eran tan curiosas, como aquel no que describe como foi a unha inauguración de curso cunha amiga montada nunha vespa e acabou saíndo fotografada en xornais e revistas. 

Aínda hoxe segue achegándose María Isabel á Pobra no verán e noutras ocasións se lle resulta posible, e a mesma Pobra do Caramiñal axudouna en moitos momentos para atopar a inspiración que fixo posible que estas memorias viran a luz.

Posted via email from Certo.gl, o xornal dixital de Barbanza e Noia

Ribeira: Belén do Campo reuniuse con representantes de nais e pais do instituto de Coroso

Coroso_reunin_sperdelegada

A delegada territorial da Xunta na Coruña, Belén do Campo, e a xefa territorial de Educación, Teresa Villaverde, na reunión cos pais e nais do centro integrado de formación profesional Coroso

  • A Consellería de Educación di que aposta pola Formació Profesional co aumento da oferta e do número de prazas para o vindeiro curso
  • Dende Educación aclaran -disque- que o traslado do alumnado de ESO e Bacharelato do futuro centro integrado de formación profesional non provocará ningunha interrupción da vida académica
  • O CIFP Coroso contará con tres novos ciclos
Media_httpfarm2static_dcidg

Ribeira, 6 de setembro de 2011.- A Consellería de Educación e Ordenación Universitaria mantén a aposta pola FP co aumento da oferta e do número de prazas para o vindeiro curso. "Só na localidade Ribeira, haberá tres novos ciclos, en virtude da creación do centro integrado de formación profesional Coroso, que permitirá aumentar nun 46% o número de prazas, dando conta do decidido impulso do Goberno galego a estas ensinanzas na comarca", explica a Xunta en nota de prensa.

A delegada territorial da Xunta na Coruña, Belén do Campo, e a xefa territorial de Educación, Teresa Villaverde, reuníronse esta mañá con representantes dos pais e nais do Coroso, encontro no que tamén estivo presente a concelleira de Educación da vila, Carmen Vizcaya. Na xuntanza, a máxima representante do Executivo autonómico na provincia aclarou que o traslado do alumnado de ESO e Bacharelato do futuro CIFP a outros centros concluirase en poucos días e antes do inicio do curso, así como a adaptación do devandito centro a CIFP, co fin de evitar calquera trastorno da actividade académica.

Os 160 alumnos do Coroso xa foron reubicados na súa maior parte no IES Nº1 e no IES Leliadoura. Practicamente o 100% foron recolocados na súa primeira opción. Respecto dos docentes, teñen dereito e prioridade na escolla doutro centro, polo que os que se vexan afectados por esta circunstancia debido á creación do CIFP quedarán dentro da localidade.

Ciclos adaptados ás necesidades actuais
Tal como reiterou Do Campo, a creación do novo centro integrado e o traslado das ensinanzas de ESO e Bacharelato a outros institutos da contorna posibilita autorizar novos ciclos que respondan ás necesidades do sistema produtivo galego, así como o incremento de oferta en ciclos formativos xa autorizados. A finalidade é agrupar no novo CIFP ciclos da mesma familia profesional ata o momento dispersos en varios IES e poboacións.

A máxima representante da Xunta na provincia salientou que a reordenación da FP impulsada pola Xunta permite implantar novas disciplinas no CIFP Coroso: o grao medio en Instalacións de Produción de Calor e, en réxime modular para adultos, os graos medios en Instalacións Eléctricas e Automáticas e en Electromecánica de Vehículos Automóbiles.


Pode que tamén lle interese:


Posted via email from Certo.gl, o xornal dixital de Barbanza e Noia

Dodro: obradoiro de orientación laboral para menores de 30 anos e ciclo de charlas sobre asuntos controvertidos (herdanzas e consumo de tóxicos)

  • As charlas son os venres 16 de setembro e 14 de outubro
  • O obradoiro de orientación é o vindeiro mércores 14 de setembro

Pode que tamén lle interese:

Posted via email from Certo.gl, o xornal dixital de Barbanza e Noia

Boiro: este sábado 10, V Baixada do Tíralle de San Ramón de Bealo

Texto e fotos: Alén Pérez

Boiro, 6 de setembro de 2011. O vindeiro sábado, 10 de setembro, terá lugar a V Baixada do Tíralle de San Ramón de Bealo. Dende hoxe mesmo puidéronse ver a todos os participantes xa anotados adestrando no circuíto "freeride" (condución estilo libre para os que non foron aínda a centros trilingües) que teñen alí mesmo, en Bealo.

Lema relacionado con Spielberg

O lema que locen este ano nos camisolas os participantes é "Non somos E.T. pero apañámonos", nunha simpática alusión a unha das películas máis famosas de Steven Spielberg. Organiza esta variante das típicas baixadas de vehículos das festas galegas Manuel Lustres, que foi quen comezou con esta actividade. Colabora o Concello de Boiro e patrocina unha tenda de bicis que terá unha carpa alí ubicada para amañar detalles de última hora.

Nas imaxes pódese ver a Pablo Blanco, Diego Lojo, Sergio Nieto, Cristian García, Álex Somoza,
Carlos Vilas, Martin Outeiral, Suso Maneiro, Dani Galbán, Luis Batidas, Efren Armental, e Samuel Cristobo.

Posted via email from Certo.gl, o xornal dixital de Barbanza e Noia

Dodro: comezou un curso sobre coidadores de dependentes que remata en outubro

Dodro, 6 de setembro de 2011. Onte, 5 de setembro, comenzou en Dodro o curso formativo de "Técnicas específicas de atención persoal a pacientes dependentes: Hixiene, Aseo e Coidados Sanitarios" para coidadores de persoas en situación de dependencia. A presentación do curso estivo a cargo da Concelleira de Servizos Sociais e Igualdade, Marisol Boga Grela, quen deu a benvida ós asistentes, agradeceu e louvou o traballo que realizan tanto os profesionais como as persoas a nivel particular e recalcou que a prioridade de Servizos Sociais "é axudar e apoiar aos sectores que máis o necesitan, neste caso facilitando a formación para os coidadores de dependentes".

Ao curso acuden 28 persoas que obteran o título valorable para o recoñecemento da experiencia profesional. Ten unha duración de 70 horas e rematará o 8 de outubro.

Pode que tamén lle interese:


Visita: do alcalde a Coruña, a falar coa súperdelegada


Concerto: a Polifónica de Padrón, este venres 9 de setembro


A Modiño: novo programa para coidadores de dependentes. Viaxes o 17 e 23



Posted via email from Certo.gl, o xornal dixital de Barbanza e Noia

Turismo: 21 pasaxeiros de media por viaxe na primeira andaina do novo autobús turístico do verán en Ribeira

Imaxe_autobs_turstico

  • En total foron 402 os usuarios do servizo, que realizou 19 viaxes 
  • O goberno quere impulsalo o vindeiro verán xunto cunha ruta en catamarán pola banda norte da Ría de Arousa


Ribeira, 6 de setembro de 2011.- Rematada a andaina no presente verán do autobús turístico de Ribeira (a primeira iniciativa desta índole que se desenvolve na comarca barbanzana) chegou o momento de facer balance. En total, foron 402 os pasaxeiros que fixeron uso deste servizo durante un total de 19 saídas, o que arroxa unha media algo superior aos 21 viaxeiros por sesión. 

O Executivo acolle estes datos "con relativa satisfacción, na confianza de consolidar este servizo na estación estival do 2011, unha vez se impulse un servizo integral de transporte turístico que inclúa, ademais do referido autocar, unha ruta marítima en catamarán  que conecte Ribeira coa outra banda da ría de Arousa e os seus turistas potenciais", explican en nota de prensa. 

Usuarios de toda España

Cabe salientar que entre os usuarios do autobús houbo xente procedente de practicamente toda a xeografía española, incluíndo ademais das catro provincias galegas, lugares como Madrid, Barcelona, Alacante, Valencia, Sevilla ou As Palmas de Gran Canaria. 

Así mesmo, moitos veciños de Ribeira e da comarca quixeron aproveitar a posta en marcha deste novo servizo para coñecer máis polo miúdo e baixo o asesoramento dun guía profesional os principais recursos que atesoura o municipio. Algúns fixérono a título individual e outros en grupos organizados, como foi o caso das asociacións Ambar, Amicos e A Creba, dos alumnos-traballadores do obradoiro de emprego Airoas ou dos nenos do Colexio Bayón participantes nas actividades de verán do centro educativo. 

Houbo dúas rutas: un primeiro itinerario que visitaba o miradoiro da Pedra da Rá, o parque periurbano de San Roque e o seu Centro de Interpretación Arqueolóxica, o Museo Etnográfico de Artes, o Dolmen de Axeitos, o miradoiro da Curota e o porto de Palmeira; e unha segunda ruta que pasaba polo Carreiro de Aguiño, a Casa da Costa / CIELGA (centro de interpretación do parque dunar), a Gran Duna, o Faro de Corrubedo, o porto de Corrubedo e a ermida e miradoiro de San Alberte.

Antes, en Certo:


Turismo: 276 viaxeiros en 15 días no bus turístico

Posted via email from Certo.gl, o xornal dixital de Barbanza e Noia

Ribeira: os semáforos do Malecón pasan da provisionalidade a ser de uso cotiá

Dando resposta á demanda da cidadanía 

OS SEMÁFOROS PROVISIONAIS INSTALADOS NO MALECÓN DE SANTA UXÍA AMPLÍAN O SEU SERVIZO E PASAN A FUNCIONAR TODOS OS DÍAS

OS DISPOSITIVOS DE SINALIZACIÓN SÓ OPERABAN ATA AGORA OS SÁBADOS POLA MAÑÁ COINCIDINDO COA CELEBRACIÓN DO MERCADILLO

Santa Uxía de Riveira, 6 de setembro de 2011.- Respondendo á demanda da cidadanía, o Concello de Riveira tomou a decisión de ampliar a iniciativa de control do tráfico na avenida do Malecón de Santa Uxía, de tal xeito que a regulación por semáforo da circulación nesta vía pasará a funcionar todos os días da semana, e non exclusivamente os sábados pola mañá durante o mercadillo como viña acontecendo ata agora (cabe lembrar que o resto do tempo a cor dos semáforos estaba fixada en ámbar).

Para poñer todo en marcha, operarios especializados desprazáronse ata alí co obxecto de colocar máis sinais semafóricas e acabar de precisar así a regulación de toda a zona en cuestión baixo este tipo de dispositivos. As pertinentes tarefas están sendo realizadas baixo a inspección do tenente de alcalde Víctor Mariño de Bricio e a intención do Executivo é que a ampliación do servizo sexa efectiva con carácter inmediato.

Así, estanse a instalar outros dous semáforos na rúa Rosalía de Castro (na intersección da mesma co paseo do Malecón) para regular o paso de peóns alí enclavado. Ademais, nun dos semáforos situados no carril do Malecón que vai cara a praza da Concordia engadíuselle un sinal de desvío a Rosalía de Castro, co fin de permitir aos vehículos realizar esta manobra de xiro; mentres que o que está situado en fronte do establecemento Bulebar foi obxecto dunha pequena modificación na súa orientación.

Sinais sonoras

Hai que recordar que todos estes semáforos teñen carácter provisional, á espera da súa instalación definitiva para unha maior fluidez do tráfico e seguridade viaria. En tal caso, os semáforos provisionais serán suplantados por outros con carácter definitivo, os cales levarán incorporadas sinais sonoras destinadas sobre todo a facilitar o tránsito dos peóns invidentes.

Antes, en Certo:


Tráfico: charla sobre seguridade viaria. Semáforos aínda non

Flickr de Contando Estrelas
Progreso: solicitan semáforos sonoros en Santa Uxía


Posted via email from Certo.gl, o xornal dixital de Barbanza e Noia

Twitter

Related Posts with Thumbnails Banner: Regale selva tropical