4.7.11

Porto do Son: programa das festas de Queiruga, do 24 ao 26 de xullo

Media_httpfarm3static_jexgd

Igrexa de San Estevo de Queiruga

Porto do Son, 4 de xullo de 2011. Crise haberá, pero as festas das parroquias que non nolas saquen. Velaquí o programa das sonenses de Queiruga:

24 de Xullo
(Véspera)

19:00 Festival folcló
rico a cargo da A.F CHORIMAS

.23:00 Gran verbena a cargo da gran "ORQUESTA SALSA ROSA"  e actuación especial ata altas horas da madrugada da
MACRODISCOTECA "MOZART DISCO SHOW" de Madrid

25 de Xullo
VIRXE DOS REMEDIOS

Pola mañá cedo, alborada a cargo do grupo de gaitas de CHORIMAS

13:00 Misa na honra da Virxe dos Remedios

18:00 Xogos para os cativos no polideportivo de Queiruga a cargo de PEQUEXOGO PADRÓN "con inchable de saltar, babmbán e festa da escuma ata as 22:00 horas"

23:00 Gran actuación da orquesta "CICLON"

26 de Xullo
VIRXE DO CARME

Pola mañá cedo alborada a cargo dos grupos de gaitas CHORIMAS de Queiruga e SALGUEIRIÑOS de Noia

12:00 Saída en procesión do campo da festa ata a gruta de Porto Nadelas

13:00 Misa na honra da virxe do Carme

14:00 Sesión vermú e sardiñada de balde para todos, con viño e boroa (pan de millo para os que non entendan o galego) amenizada por un "GRUPO MUSICAL"

23:00 Gran verbena a cargo de un "GRUPO MUSICAL" e como actuación especial "ORQUESTA ACHÉ".

Vía

Posted via email from Certo.gl, o xornal dixital de Barbanza e Noia

Ribeira: recibidos no Concello os tres nenos do Sáhara ocupado que pasan o verán con familias da cidade

Vacacins_en_paz

Ribeira, 4 de xullo de 2011. A Casa Consistorial acubillou hoxe a recepción de tres rapaces (dous nenos e unha nena) que pasarán o verán no municipio barbanzano co gallo do programa Vacacións en Paz. O alcalde Manuel Ruiz Rivas e o concelleiro de Promoción Social, Asuntos Sociais, Sanidade e Consumo, Vicente Mariño de Bricio, foron os encargados de dar a benvida a estes nenos, que estarán no concello ata finais de agosto, así como as súas respectivas familias de acollida.

Dous dos rapaces participantes son vellos coñecidos pois esta é a cuarta ocasión en que pasan a época estival en Ribeira. Trátase de Nayim Mohamed Embarec e Larousi Mohamed Lamin, procedentes do campamento de Tindouf (Arxelia), que están sendo acollidos polas familias de María Jesús Pérez Sampedro (de Carreira) e de Manuela García García (de Deán Grande).

A nena que recala na Centenaria por primeira vez chámase Ahyeba Mohamed, que foi acollida pola familia de María del Pilar Laranga Santos, de Santa Uxía.

Ruiz Rivas ratificou o compromiso do Concello co programa Vacacións en Paz, iniciativa na que a institución local leva participando dende fai máis dunha década, e salientou a contribución deste proxecto solidario. Ademais, entregou uns agasallos aos pequenos. 

Cabe lembrar que Vacacións en Paz ten como finalidade dar a nenos saharauis unha estancia agradable e humanamente satisfactoria nunha época na que nos seus campamentos alcánzanse temperaturas extremas, ofrecéndolles igualmente a posibilidade de coñecer formas distintas de vida e potenciar a comunicación e o entendemento entre as poboacións de España e o pobo saharaui.

Se quere saber máis por que estes nenos viven así (o noso país ten boa parte da culpa), consulte este artigo da Wikipedia.

Posted via email from Certo.gl, o xornal dixital de Barbanza e Noia

Ribeira: inaugurada a mostra "Rosalía sempre viva. Viva Rosalía!" na biblioteca

  • É itinerante. En Ribeira estará ata o venres 15 de xullo
Ribeira, 4 de xullo de 2011. A Biblioteca de Ribeira deu cabida no transcurso desta mañá á inauguración da exposición “Rosalía sempre viva. Viva, Rosalía!” que estas dependencias municipais acollerán ata o vindeiro 15 de xullo. 

Os encargados de abrir a mostra foron Mª Carmen Vizcaya, concelleira delegada de Educación; e Alberte Ansede, secretario da Fundación Manuel María: institución promotora da exposición xunto coa Deputación Provincial da Coruña. 

“Rosalía sempre viva. Viva, Rosalía!” é unha exposición interactiva e didáctica que percorre a vida e obra da autora de Follas Novas. A novidade dos documentos gráficos que conforman a exposición constitúen un grande atractivo para os visitantes, que gozarán dunha visión diferente ao tempo que rigorosa sobre a escritora. 

Xunto cos paneis explicativos, os visitantes (sobre todo os máis novos, entre 9 e 16 anos) poderán usar a “Guía didáctica” editada para tal fin como fórmula de dinamización coa que facer un repaso sobre o visto e aprendido ao longo da exposición. 

A mostra poderá  ser visitada de luns a venres de 8 a 14 horas, coincidindo co inicio do horario de verán na Biblioteca Municipal.

Posted via email from Certo.gl, o xornal dixital de Barbanza e Noia

Ribeira: a biblioteca, polo horario de verán, só abre de 8 a 14 horas dende esta semana

Media_httpfarm5static_dapsh

Ribeira, 4 de xullo de 2011. O Concello informa do inicio do horario de verán na Biblioteca Municipal, que está situada na rúa Manuel Lustres Rivas de Santa Uxía. 

Con tal motivo, esta instalación estará aberta de luns a venres de 8 a 14 horas. O horario de verán prolongarase ata o final das Festas de Verán (cuxo remate terá lugar o luns 8 de agosto). 

Despois está previsto que a biblioteca recupera o seu horario habitual: de 10 a 14 e de 17 a 21 horas.

Pode que tamén lle interese:


Aula Multimedia: aberta con acceso libre dende o 13 de xuño


Turismo: amplían horarios das oficinas de información


Dorna: novos xogos e novidades para este ano


Feira das oportunidades: do 13 ao 15 de agosto no Malecón


Aforro: tecnoloxía led para rúas e prazas

Posted via email from Certo.gl, o xornal dixital de Barbanza e Noia

Ribeira: tradición galega e engado arxentino no Festival de Danza Contemporánea

Ribeira, 4 de xullo de 2011. A dobre función do Festival de Fin de Curso desenvolvido onte e antonte polas 24 alumnas da Escola Municipal de Danza Contemporánea rexistrou un notable éxito de asistencia en ambas actuacións.  

Dirixidas polo profesor Vicente Colomer, as xóvenes bailarinas, con idades comprendidas entre os 6 e os 20 anos, despregaron o seu talento e coñecementos acumulados nos tres cursos que leva esta iniciativa promovida pola Concellería de Cultura.  

As coreografías do dobre festival celebrado no salón de actos do Auditorio Municipal estiveron moi influenciadas polo estilo que identifica á compañía Nova Galega de Danza, da que Vicente Colomer é fundador e que se caracteriza por sustentarse nos bailes tradicionais de Galicia. 

Non obstante, o repertorio deixou tamén lugar para outros estilos, como un tango do coñecido compositor arxentino Astor Piazzola que puxo o broche final á actuación.

 


Posted via email from Certo.gl, o xornal dixital de Barbanza e Noia

Ribeira: un veciño pídelle ao Concello que tome medidas para evitar incendios forestais en Carreira

  • Denuncia que está tan descoidado o monte e determinadas fincas particulares que teme que arda a súa vivenda unifamiliar en caso de lume forestal
Media_httpfarm4static_ebkll

O lume no monte, praga que en moitos casos se multiplica por non termos políticas de prevención que se fagan cumprir

Ribeira, 4 de xullo de 2011. Dise que "home precavido vale por dous", e así lle poderiamos aplicar este refrán a un veciño de Carreira que remitiu hoxe mesmo un escrito ao Concello de Ribeira para que tome medidas de prevención ante un posible incendio forestal que podería levar por diante a súa vivenda.

Segundo expón o veciño, "o artigo 45 da Constitución española establece que "todos os españois teñen o dereito a desfrutar dun medio ambiente axeitado para o desenvolvemento da persoa, así como o deber de conservalo". Pois ben, considero que por culpa ou neglixencia dun veciño que posúe, na liña medianil coa miña vivenda unifamiliar, un mato abondoso e unhas árbores cunhas alturas considerables, de máis de catro metros, hai un risco evidente de provocar un incendio, cos prexuízos para a miña vivenda e os integrantes da miña familia, que a habitamos".

O veciño reclámalle ao Concello que dende o departamento de Medio Ambiente "exista unha política de prevención e máis concretamente un Plan municipal de prevención fronte ós lumes forestais, máxime en época estival, e consecuentemente a obriga e responsabilidade de calquera veciño na limpeza da vexetación e matos das súas propias leiras particulares".

O home que presentou o escrito engade que na finca que está ao pé da súa casa "hai grande cantidade de vexetación seca e masa arborada na liña entre ambas edificacións, cun evidente perigo de incendio. Non só é manter limpo o monte, con cortalumes, senón que hai vivendas particulares en núcleos de poboación importantes como pode ser a parroquia de Carreira nos que se debe facer cumprir a necesaria política de prevención e favorecer condutas de menor risco de sinistros entre os veciños".

Agardamos que o veciño do escrito nos avise en canto se arranxe a súa demanda. Ou insista se ninguén pon remedio na administración local. Co lume non se xoga.   

Posted via email from Certo.gl, o xornal dixital de Barbanza e Noia

Lousame: exposición de pintura dos artistas franceses "AAA53" dende o venres 8 de xullo e outras actividades culturais no verán

Lousame, 4 de xullo de 2011. A Casa da Cultura de Lousame acollerá dende este venres 8 de Xullo ata o 31 de Agosto a exposición de pintura AAA53. Dita exposición chega dende Laval (Francia) e estivo xa en abril no Liceo de Noia, grazas á mediación do artista lousamiano Luis Veiras Manteiga.

Horario de visitas: de 9.00 a 14.00 horas. Para saber quen son os AAA53, consulten a súa web (en francés): http://www.aaa53.fr

Cursos da axencia municipal de lectura

A axencia municipal de Lectura de Lousame organiza actividades para este verán dirixida a nenos menores de 10 anos:

  • "A banda deseñada no teu PC" - 8 e 15 de Xullo de 10.00h a 12.00h.
  • "O e-book" - 16 de Agosto de 10.00h a 11.00h.

O horario de inscrición nas actividades é de 9 .00h a 14.00h.

Para inscrición e información: 981 825 780

Ludoteca

A Concellería de Cultura do Concello organiza nos meses de xullo e agosto unha Ludoteca de verán para nenos de 6 anos en diante.

As datas da Ludoteca son as seguintes:

  • Xullo: 7, 14 e 27 de Xullo de 11.00h a 13.00h.
  • Agosto: 9, 16 e 26 de Agosto de 11.00h a 13.00h.

Información e Inscrición no teléfono 981 825 780 

Actuacións de maxia

O Concello de Lousame, a través da súa Concellería de Cultura e dentro do programa Camiños de Cultura, celebra no mes de xullo o seu mes da maxia coas seguintes actuacións:

  • Sábado 9 de Xullo as 11.00h: GRANPEDRINI E O MAGO DA BOINA - Tempo de Maxia.
  • Sábado 16 de Xullo as 12.00h: CHRYSTIAN MAGIC - A casiña da maxia.
  • Sábado 23 de Xullo as 12.00h: CIRCO CHOSCO - Chosco

Posted via email from Certo.gl, o xornal dixital de Barbanza e Noia

Twitter

Related Posts with Thumbnails Banner: Regale selva tropical