- Denuncia que está tan descoidado o monte e determinadas fincas particulares que teme que arda a súa vivenda unifamiliar en caso de lume forestal
O lume no monte, praga que en moitos casos se multiplica por non termos políticas de prevención que se fagan cumprirRibeira, 4 de xullo de 2011. Dise que "home precavido vale por dous", e así lle poderiamos aplicar este refrán a un veciño de Carreira que remitiu hoxe mesmo un escrito ao Concello de Ribeira para que tome medidas de prevención ante un posible incendio forestal que podería levar por diante a súa vivenda. Segundo expón o veciño, "o artigo 45 da Constitución española establece que "todos os españois teñen o dereito a desfrutar dun medio ambiente axeitado para o desenvolvemento da persoa, así como o deber de conservalo". Pois ben, considero que por culpa ou neglixencia dun veciño que posúe, na liña medianil coa miña vivenda unifamiliar, un mato abondoso e unhas árbores cunhas alturas considerables, de máis de catro metros, hai un risco evidente de provocar un incendio, cos prexuízos para a miña vivenda e os integrantes da miña familia, que a habitamos". O veciño reclámalle ao Concello que dende o departamento de Medio Ambiente "exista unha política de prevención e máis concretamente un Plan municipal de prevención fronte ós lumes forestais, máxime en época estival, e consecuentemente a obriga e responsabilidade de calquera veciño na limpeza da vexetación e matos das súas propias leiras particulares". O home que presentou o escrito engade que na finca que está ao pé da súa casa "hai grande cantidade de vexetación seca e masa arborada na liña entre ambas edificacións, cun evidente perigo de incendio. Non só é manter limpo o monte, con cortalumes, senón que hai vivendas particulares en núcleos de poboación importantes como pode ser a parroquia de Carreira nos que se debe facer cumprir a necesaria política de prevención e favorecer condutas de menor risco de sinistros entre os veciños". Agardamos que o veciño do escrito nos avise en canto se arranxe a súa demanda. Ou insista se ninguén pon remedio na administración local. Co lume non se xoga.
Posted via email from Certo.gl, o xornal dixital de Barbanza e Noia
No hay comentarios:
Publicar un comentario