25.5.11

Medio Ambiente: as bisbarras de Barbanza e Noia gañan tres bandeiras azuis e perden dúas nas súas praias

Barbanza-Noia, 25 de maio de 2011. No día de hoxe déronse a coñecer as bandeiras azuis que outorga a Fundación de Educación Ambiental (FEE). No que atinxe ás bisbarras de Barbanza e Noia, a listaxe é a que segue:

Boiro

Media_httpfarm4static_cmizd

Izado da bandeira en Praia Xardín hai dous anos
Barraña
Carragueiros
Mañóns
A Retorta
Saltiño-Barraña-Esquerda

A Pobra do Caramiñal

Media_httpfarm5static_wcavg

Bandeira azul en Cabío en 2010, que repite un ano máis

Lombiña-Cabío
A Illa da Laxe

Ribeira

Media_httpfarm5static_bizfa

Socorristas en Coroso

Coroso
O Vilar
A Corna
O Touro
Río Azor

Porto do Son
Ornanda (nova este ano)
Aguieira
Caveiro

Media_httpfarm5static_todpv

As Furnas, tristemente célebre por quedar nela parapléxico Ramón Sampedro

As Furnas (nova este ano)

Rianxo

Tanxil
As Cunchas

Muros

Media_httpfarm4static_kjwdg

Praia de San Francisco, un día de vento

San Francisco (nova este ano, xusto cando lle chantan enfronte gaiolas de salmón)

Tamén hai que engadir que o Club Náutico Portosín-Porto do Son, en Porto do Son, volta recibir bandeira azul, como o ano pasado, e que o Club Náutico Deportivo de Ribeira consíguea este ano por vez primeira.

Perden bandeira azul: a praia da Barca, na Pobra do Caramiñal e Ameixida, en Ribeira.

Posted via email from Certo.gl, o xornal dixital de Barbanza e Noia

Rianxo: as Xornadas de Perspectiva de Xénero rematan este xoves 26 no auditorio

Organizadas pola Mancomunidade Arousa Norte, participaron case cincocentos alumnos dos institutos de Boiro, Rianxo, Ribeira e A Pobra do Caramiñal
Media_httpfarm5static_bhoai

Rianxo, 25 de maio de 2011. Rianxo será o último concello no que se realice a actividade de perspectiva de xénero que organiza a Mancomunidade de Municipios ría de Arousa-zona norte e nela participarán 80 mozos e mozas do Instituto de Educación Secundaria (IES) Félix Muriel. A actividade terá  lugar no auditorio de Rianxo, este xoves 26 de maio ás 11.00 horas.

Previamente xa se realizaron tres xornadas nos concellos da Pobra do Caramiñal, Boiro e Riveira e nas que participaron 350 alumnos e alumnos dos IES da Pobra do Caramiñal, Praia Barraña, Espiñeira, A Cachada, Leliadoura e Nº 1 de Ribeira. 

Estes datos supoñen a participación de sete IES da comarca do Barbanza, 433 mozos e mozas que cursan os estudos de 3º e 4º da ESO e 1º de Bacherelato.

O proxecto propón a análise das cancións e produtos musicais que consume a mocidade dende unha perspectiva de xénero a través dun concerto. Nesta actuación recitaranse aquelas cancións que falan de relacións de parella, dos ideais románticos, dos celos, da posesión, da dependencia, etc. e que transmiten valores que fomentan as desigualdades entre homes e mulleres, que perpetúan prexuízos sobre os hábitos sexuais ou favorecen falsos ideais románticos.

A través deste concerto preténdese fomentar a prevención da violencia de xénero na mocidade, sensibilizar á mocidade en igualdade de xénero, analizar os produtos musicais que consume a mocidade dende a perspectiva de xénero e espertar a análise crítica na mocidade para evitar a perpetuación de estereotipos de xénero.

Para levar a cabo estas actuacións, Arousa Norte contará coa colaboración do Grupo Chévere de teatro. Para a selección e programación desta actividade fixéronse previamente dúas reunións cos profesores implicados dos institutos de educación secundaria (IES) dos catro concellos.

Este proxecto levarase a cabo co financiamento dunha subvención concedida pola Sección de Servizos Socias, dependente do Servizo de Fomento e Servizos Provinciais, da Deputación da Coruña.

Posted via email from Certo.gl, o xornal dixital de Barbanza e Noia

Porto do Son: este venres 27 de maio, entrega do Premio Leixaprén e Encontro do Audiovisual Escolar Galego

A Coordinadora de Equipos de Normalización Lingüística Leixaprén entregará este venres, no marco da celebración do Encontro do Audiovisual Escolar Galego SonCine, o XII Premio Leixaprén a Manuel González en recoñecemento ao seu labor de promoción do audiovisual galego e da lingua galega neste ámbito.

Durante a xornada, uns 200 alumnos e 40 docentes de 18 centros escolares de toda Galicia mostrarán os seus traballos audiovisuais e asistirán a aulas de cine impartidas por prestixiosos especialistas do audiovisual galego como o director Luís Avilés, a produtora Mara González ou o guionista Daniel Domínguez.

Porto do Son, 25 de maio de 2011. Este venres 27 de maio terán lugar na Casa de Cultura e no IES de Porto do Son a entrega do XII Premio Leixaprén e o Encontro do Audiovisual Escolar Galego, eventos organizados polos Equipos da Biblioteca, Normalización Lingüística e SonCine e os Departamentos de Lingua Galega e Educación Plástica do instituto e que contan coa colaboración da Alcaldía e a Concellaría de Cultura do Concello de Porto do Son.

Durante a sesión da mañá, a Casa de Cultura converterase nun espazo de encontro de alumnos e docentes de 18 centros educativos galegos que desenvolven na actualidade proxectos audiovisuais. Ademais da presentación e proxección destes traballos, ao final da mañá farase entrega do XII Premio Leixaprén que outorga a Coordinadora de Equipos de Normalización Lingüística Leixaprén, formada por centros de ensino secundario das comarcas do Barbanza e Muros-Noia. Este galardón, que se entrega dende o ano 2000 a persoas, colectivos, empresas ou institucións en recoñecemento ao labor que realizan na promoción e defensa da lingua galega, recaeu na presente edición en Manuel González Álvarez polo seu traballo na promoción do audiovisual galego e da lingua galega neste campo. Ademais, este premio quere simbolizar o traballo colectivo de todas aquelas persoas que introduciron e dinamizaron o audiovisual nos ámbitos afeccionado e escolar, campos nos que o idioma galego ten unha presenza impo rtante.

Na súa dilatada traxectoria, Manuel González foi responsable nos anos 80 da Área de cine e vídeo da Dirección Xeral de Cultura e da Videoteca de Galicia (xérmolo do CGAI) e coordinador do programa “A imaxe na escola”. Ademais do seu labor no eido da investigación, no que destaca no estudo e catalogación do patrimonio cinematográfico galego e da emigración, dende os primeiros 90 até a actualidade traballou na produción, guionización e realización de diversos programas e series para a TV, foi director da Escola de Imaxe e Son da Coruña e da Axencia Audiovisual Galega e responsable de proxectos pioneiros como Flocos.TV e Cinemas Dixitais.

Xa durante a xornada da tarde, o Encontro do Audiovisual Escolar Galego trasladarase ás instalacións do instituto, que acollerá as “aulas de cine” impartidas por especialistas de recoñecido prestixio no ámbito audiovisual como Luís Avilés, Mara González, Daniel Domínguez, Fernando de Castro, Fran Piñeiro, María Yáñez, Rebeca Ces e a empresa desescribir, sobre dirección, guión, produción, gravación, fotografía, deseño gráfico e difusión web. Por outra banda, os docentes dos diferentes centros participarán nun foro co obxectivo de reflexionar sobre a necesidade de desenvolver un espazo de intercambio do audiovisual escolar para compartir traballos e experiencias e desenvolver a formación e creación audiovisual do alumnado ante a ausencia dunha política de promoción da educación audiovisual por parte da administración autonómica.

A celebración deste Encontro responde á necesidade de visibilizar publicamente na sociedade a cantidade e calidade de traballos que se están realizando nos centros de ensino. Unha mostra non exhaustiva nin sistemática pode verse na páxina http://www.netvibes.com/encontro-do-audiovisual-escolar-galego, que recolle centos de vídeos escolares.

Antes, en Certo:


Encontro Audiovisual Galego: o 27 de maio. Programa completo


Premio Leixaprén: para Manuel González, o 27 de maio entrega


Fotografa_manuel_gonzlez_lvare

cartaz-programa_premioleixapren_encontroaudiovisual.pdf Download this file

Posted via email from Certo.gl, o xornal dixital de Barbanza e Noia

Boiro: a comunicación entre pais e fillos, tema dunha charla este xoves 26 na casa de cultura

Media_httpfarm3static_qbgoe

Instituto da Cachada, ao pé da casa de cultura de Boiro

Boiro, 25 de maio de 2011. As asociación de Pais e Nais dos institutos da Cachada, do Praia Barraña e do CEIP Praia Xardín de Boiro organizan este xoves, día 26 de maio, ás 20:00 horas, no Auditorio da casa da Cultura "Ramón Martínez López" unha conferencia. O tema escollido, cada vez máis de actualidade, é “A comunicación entre pais e fillos” e encargarase de pronunciar a conferencia a psicóloga Enma Blanco García,  que está especializada en psicopatoloxía e psicoterapeútica e conta con anos de experiencia en terapia familiar. 

No transcurso do acto abordaranse temas como o diálogo familiar, os problemas na convivencia, os conflictos no seo da familia ou a imposición de castigos. A presidenta da Anpa do Ies A Cachada, Cristina García Saborido, convida a todo aquel que estea interesado nestes temas a achegarse á charla, que é aberta ao público xeral.

Posted via email from Certo.gl, o xornal dixital de Barbanza e Noia

Ribeira: Dominga Brión (Bng) renuncia tras 14 anos na vida municipal

Media_httpfarm4static_edbua

Ribeira, 25 de maio de 2011. Os escasos resultados do pasado domingo nas eleccións locais nalgunhas formacións seguen a cobrarse víctimas políticas, en forma de dimisións. Desta volta tocoulle á bisbarra de Barbanza, onde unha histórica do nacionalismo, a candidata á alcaldía por dúas veces do Bloque Nacionalista Galego en Ribeira, Dominga Brión, presentou hoxe a súa renuncia.

"Quería anunciarvos que non vou a tomar posesión como concelleira do Concello de Ribeira. Foi unha honra para min representar ao pobo de Ribeira durante 14 anos como concelleira, 8 deles como voceira municipal do BNG. Despois de todos estes anos nos que me impliquei intensamente, adicando boa parte do meu tempo de ocio de maneira desinteresada, na defensa dos intereses dos veciños e veciñas deste concello, considero que chegou o momento de pechar un ciclo na miña vida e deixar paso a outros compañeiros e compañeiras", explica no seu blog. "Foi unha mágoa que todo o intenso traballo feito non o puideramos ou non o souberamos transmitir á cidadanía. Agradezo especialmente o respaldo obtido. Grazas á confianza e apoio das 2.328 persoas que nos deron o seu voto seguimos sendo a segunda forza política con catro concelleiros e concelleiras, a pesar do importante revés electoral. A todas as persoas que confiaron en nós teño que dicirlles que o BNG vai a seguir facendo o seu traballo tanto dende a organización como dende o ámbito institucional, cun grupo municipal liderado por Xosé Luís Groveiro, e que contará ademais con Ánxeles González Cruxeiras, Luís Teira e Carme Lampón", conclúe.

Valoración da Asemblea Local, que lamenta a marcha

A Asemblea Local do BNG de Ribeira, diante da dimisión presentada por Dominga Brión, fixo unha valoración moi positiva do seu labor ao frente da organización en Ribeira durante estes últimos anos. Tamén quixo agradecer os seus esforzos e dedicación e lamentar, aínda que comprendéndoa, a súa decisión.

Posted via email from Certo.gl, o xornal dixital de Barbanza e Noia

Ribeira: o Concello abrirá a súa rede wifi de balde nas inmediacións da casa consistorial

Os usuarios só se poderán conectar dúas horas diarias. Está actualmente en período de probas

Media_httpfarm3static_avjer

En Ribeira hai varios locais de hostalería que ofrecen wifi gratis

Ribeira, 25 de maio de 2011.- Co obxecto de promover e facilitar o acceso da cidadanía do municipio ás novas tecnoloxías, o Concello de Ribeira informa da próxima instalación de WIFI gratuíta na praza do Concello e os seus arredores. 

Actualmente este sinal está en período de probas e os técnicos  están traballando para implantar a rede definitivamente nas vindeiras semanas. A este respecto, estanse a dar os pasos necesarios para establecer un protocolo de actuación en virtude do cal cada veciño que así o demande poida obter unha clave e un nome de usuario, dous datos imprescindibles para conectarse a Internet vía WIFI municipal.

256 kilobytes por segundo

A conexión que se ofrecerá axústase ás recomendacións realizadas pola CMT (Comisión do Mercado de Telecomunicacións) en relación aos servizos gratuítos de Internet, de tal xeito que os usuarios poderán obter un acceso básico de 256 kbps (kilobytes por segundo), o que permite realizar funcións tan cotiás como acceder ao correo electrónico ou ler un xornal electrónico. 

Os usuarios poderán conectarse por un tempo máximo de dúas horas ao día, que non teñen por que consumirse en tempo corrido (pódense repartir en distintos accesos ao longo do día) nin están supeditadas a ningunha franxa horaria. Para a posta en marcha deste servizo cóntase coa colaboración da empresa Dúo Comunicaciones.

 

Posted via email from Certo.gl, o xornal dixital de Barbanza e Noia

Ribeira: farán unha diagnose para redactar o segundo Plan de Igualdade entre homes e mulleres

Ribeira, 25 de maio de 2011.- Co obxectivo de traballar firmemente a prol da igualdade de xéneros, o Concello iniciou un estudo de diagnose acerca das necesidades e carencias aínda existentes en canto á igualdade de oportunidades entre homes e mulleres. Este documento servirá como base para confeccionar o que será o segundo Plan de Igualdade entre Homes e Mulleres do Concello de Ribeira, despois de que o primeiro plan, contribuíse a acadar algúns avances neste sentido, coa posta en marcha por exemplo dun servizo de atención sexolóxica, entre outras iniciativas. 

Así o manifestou esta mañá a concelleira de Igualdade, Acción Social, Maiores e Dependencia da Corporación en funcións, María Esther Patiño, que estivo acompañada de Dolores Crujeiras, directora do Centro de Información á Muller. 

María Esther Patiño aludiu así mesmo ás iniciativas máis destacables que se desenvolveron neste ámbito, como o Banco do Tempo, o Campamento da igualdade dirixido a menores de entre 8 a 12 anos, actividades de coeducación para os máis cativos ou actividades educativas de promoción da igualdade e prevención da violencia de xénero nos centros escolares para alumnado da ESO.  

Agora, o que se pretende co estudo de diagnose de xénero é identificar as necesidades e desigualdades existentes co afán de que o mesmo sirva de base para a elaboración do citado plan de igualdade: un instrumento no que se concretarán as medidas a adoptar para erradicar os desaxustes detectados. Este traballo previo de identificación estase realizando co apoio técnico  externo da consultora Sánchez-Albornoz. 

Neste contexto, o Concello de Igualdade e Accións Social  quere escoitar a voz dos veciños e convida aos diferentes axentes sociais e económicos presentes no noso municipio e á cidadanía en xeral a realizaren as súas achegas, demandas, suxestións e a facilitar aquelas informacións que sirvan para, entre toda a cidadanía, ir configurando un mapa de necesidades en materia de igualdade entre mulleres e homes.  

Para isto, os veciños poden ofrecer as súas propostas mediante o blog http://riveiraplandeigualdade.blogspot.com ou no correo electrónico: riveira.plandeigualdade@gmail.com

Ademais, segundo informou a directora do CIM, ao longo dos vindeiros meses vanse organizar varios grupos focais para que os homes e mulleres do concello poidan participar directamente neste proxecto municipal.

Posted via email from Certo.gl, o xornal dixital de Barbanza e Noia

Ribeira: preto dun cento de motos Harley ruxirán este venres polas rúas nunha concentración


Flickr de Stuck in Customs

Ribeira, 25 de maio de 2011. Preto dun cento de motos Harley Davidson percorrerán este venres, día 27 de maio, Palmeira e as rúas de Santa Uxía e concentraranse na praza do Concello para exhibir exemplares desta lendaria marca estadounidense ante os veciños do municipio. 

O desfile dará  inicio ás 18 horas dende Insuela, en Palmeira. Tras chegar á cidade pola avenida da Coruña, os vehículos de dúas rodas circularán polas Carolinas e o paseo Malecón e chegarán ata o fronte da Casa Consistorial por Rosalía de Castro (dende onde está o Boulevard), emprazamento en que os pilotos deixarán aparcadas as súas motos para admiración dos presentes. 

Visita ao museo

Os participantes aproveitarán a súa estancia en Ribeira para coñecer, da man da directora da Casa Museo Municipal, Pilar Casas, o lugares máis emblemáticos da cidade, entre eles o propio museo. Ademais recibirán material turístico do municipio. A actividade prolongarase ata as 21 horas. 

Esta iniciativa está  promovida polas Concellerías de Cultura e Festexos e de Xuventude e Turismo do Concello de Ribeira, e conta coa colaboración dos colectivos moteiros HOG Galicia Chapter España e HOG Coruña Chapter Spain.

Posted via email from Certo.gl, o xornal dixital de Barbanza e Noia

Twitter

Related Posts with Thumbnails Banner: Regale selva tropical