Os usuarios só se poderán conectar dúas horas diarias. Está actualmente en período de probas
En Ribeira hai varios locais de hostalería que ofrecen wifi gratis
Ribeira, 25 de maio de 2011.- Co obxecto de promover e facilitar o acceso da cidadanía do municipio ás novas tecnoloxías, o Concello de Ribeira informa da próxima instalación de WIFI gratuíta na praza do Concello e os seus arredores.
Actualmente este sinal está en período de probas e os técnicos están traballando para implantar a rede definitivamente nas vindeiras semanas. A este respecto, estanse a dar os pasos necesarios para establecer un protocolo de actuación en virtude do cal cada veciño que así o demande poida obter unha clave e un nome de usuario, dous datos imprescindibles para conectarse a Internet vía WIFI municipal.
256 kilobytes por segundo
A conexión que se ofrecerá axústase ás recomendacións realizadas pola CMT (Comisión do Mercado de Telecomunicacións) en relación aos servizos gratuítos de Internet, de tal xeito que os usuarios poderán obter un acceso básico de 256 kbps (kilobytes por segundo), o que permite realizar funcións tan cotiás como acceder ao correo electrónico ou ler un xornal electrónico.
Os usuarios poderán conectarse por un tempo máximo de dúas horas ao día, que non teñen por que consumirse en tempo corrido (pódense repartir en distintos accesos ao longo do día) nin están supeditadas a ningunha franxa horaria. Para a posta en marcha deste servizo cóntase coa colaboración da empresa Dúo Comunicaciones.
Posted via email from Certo.gl, o xornal dixital de Barbanza e Noia
No hay comentarios:
Publicar un comentario