7.8.11

Deportes: Mudega denuncia o descarado machismo e discriminación da Federación de Remo

Imaxes de arquivo, de cando gañaron a Bandeira da Concha en Euskadi

Boiro, Cabo de Cruz, 7 de agosto de 2011. Cumpríronse as previsións e a embarcación feminina "Rías Baixas" -Rianxeira- proclamouse vencedora no Campionato de España Feminino “I trofeo FER”, que se disputou esta tarde na localidade de Pedreña. A regata disputouse por primeira vez a catro longos e tres ciabogas, o mesmo percorrido que as embarcacións masculinas.  
Pero o trato desde esta federación, á hora de repartir os premios non é igual. Para os mozos: Trofeo e recompensa económica. Repartíronse 44.000 euros.  "O premio para as nosas campionas: TROFEO SOAMENTE.  Cansámonos de esixir, A IGUAL ESFORZO, IGUAL RECOMPENSA. Miles de quilómetros temos que percorrer, para conseguir a igualdade,  é incrible, que nestas datas nos atopemos con discriminacións desta índole", explican dende Mudega (Mulleres Deportistas Galegas).  
  
"Felicitamos ás campionas porque é un orgullo para o deporte galego contar cun equipo como  a SD Rías Baixas que engade un título máis (neste caso o Trofeo Federación) á súa colección de éxitos desde que saltaron ao mar na Concha no verán do 2008", rematan no seu comunicado.

 

 
 
 
 


Posted via email from Certo.gl, o xornal dixital de Barbanza e Noia

Ribeira: remataron as Festas do Verán, coa coroación das Raíñas da Flor e os concertos da mocidade

Ribeira, 7 de agosto de 2011. A praza de Otero Goyanes, fronte á Igrexa Parroquial, foi o escenario elixido para coroación das 18 rapazas que, representando ás nove parroquias do municipio en dúas categorías -infantil e xuvenil-, foron coroadas hoxe como Raíñas da Flor. Con esta actividade e os concertos da Mocidade, que se trasladaron a este domingo por ter que ser suspendidos pola chuvia anteriormente, remataron as Festas do Verán de Ribeira deste 2011.

Magdalena Bringas, presidenta da entidade promotora desta histórica iniciativa das Raíñas da Flor, a Asociación de Amas de Casa de Ribeira, foi encargada de presentar o acto de coroación, que contou coa activa participación das concelleiras de Cultura e de Parque Natural e Medio Ambiente, Elvira Pisos e Elvira Pereira, e á do propio alcalde, Manuel Ruiz Rivas, quen destacou a importancia deste acontecemento que conta xa con 22 anos de traxectoria. 

Tras a coroación tivo lugar o gran desfile de carrozas que partiu unha vez máis dende o recinto portuario para percorrer as rúas principais da cidade para disfrute dos espectadores. A marcha estivo acompañada dos espectáculos Cabarédeambulante do elenco Femme Fatale e Bloqinho de Percusión de Aperta. 

Mañá ao mediodía, as pequenas serán recibidas polo alcalde na Casa Consistorial. 

No apartado Xuvenil, as Raíñas de Flor son Lucía Gómez Pazos (Aguiño), Ana Dosantos Blanco (Artes), Lara Lorenzo Lustres (Castiñeiras), Loli Prego Prego (Carreira), Irene María Calo Franco (Corrubedo), Saray Santos Alonso (Olveira), Ángela Fernández Bello (Palmeira) Pura Ageitos Mos (Oleiros) e Sara Ageitos (Santa Uxía de Riveira). 

E no apartado Infantil: Natalia Mariño González (Aguiño), Andrea Olveira Vila (Artes), Carla García Campaña (Castiñeiras), Marta Paz Pazos (Carreira), Yudit Sobrido Quintela (Corrubedo), Andrea Ageitos Rey (Oleiros), Saray Martínez Rama (Olveira), Lucía Miranda (Palmeira), e Aitana Cadabal (Santa Uxía).

Antes, en Certo:


Pode que tamén lle interese:

Posted via email from Certo.gl, o xornal dixital de Barbanza e Noia

Rianxo: carteis das Festas da Guadalupe 2011

Ribeira: as Festas do Verán rematan este domingo

  • Onte reviviuse a tradicional procesión mariñeira, á que asistiron máis dun milleiro de devotos da Virxe do Carme, entre os que figuraban a conselleira de Mar, o novo presidente de Portos, o alcalde e o ex-alcalde
  • Dúas coroas de flores ao mar homenaxearon aos mariñeiros mortos en faena

Ribeira, 7 de agosto de 2011. – Máis de 1.200 persoas participaron, segundo cálculos da organización, na procesión marítima en homenaxe da Virxe do Carme que se celebrou onte, no marco da programación das festas de verán, que rematan hoxe, domingo 7 de agosto. 

Previamente á procesión, celebrouse a tradicional misa solemne na lonxa, que estivo oficiada polo párroco de Santa Uxía, Cesáreo Canabal. A asistencia á cerimonia foi tamén multitudinaria e, entre outros, estiveron presentes o alcalde, Manuel Ruiz Rivas; o senador José Luis Torres Colomer, a conselleira do Mar, Rosa Quintana; o presidente de Portos, José Juan Durán, membros da Corporación e distintas autoridades civís e militares e representantes da vida social e mariñeira do entorno.

Rematada a eucaristía, embarcouse á Virxe do Carme no Praia do Castro e acto seguido zarpou a procesión. Ata tres catamaráns, 23 embarcacións de envergadura e outros moitos barcos de menor calado formaron parte da comitiva. 

Tras unha media hora de singradura, lanzáronse simultáneamente dúas coroas de flores ao mar: unha desde o citado Praia do Castro, polo alcalde, o cura párroco, o patrón maior da Confraría de Riveira e o patrón do barco; e a outra dende o Julimar por parte de Torres Colomer, a conselleira do Mar e o patrón deste barco. Unha vez alcanzada de novo a terra, a procesión proseguiu polas rúas de Ribeira ata a igrexa de Santa Uxía.

Esta vindeira semana en Ribeira:


Charla sobre seguridade viaria: o martes 16 de agosto

Antes, en Certo:


Comezaron as Festas do Verán: monicreques de Duendesico


Deportes nas Festas do Verán: tenis, xadrez e basket


Festas do Verán: do 3 ao 7 de agosto. Programa completo


Posted via email from Certo.gl, o xornal dixital de Barbanza e Noia

A Pobra: fotoxornalismo sobre feitos de Santiago na casa da cultura e obras de Luisa Valdés na casa mariñeira

A Pobra, 7 de agosto de 2011. Dúas foron as salas de exposicións temporais que protagonizaron un cambio de mostra na Pobra na tarde-noite do venres 5 de agosto. A primeira que abríu as portas para proceder a unha nova inauguración, foi A Casa da Cultura Raquel Fernández Soler, onde ata finais do mes de agosto, poderemos disfrutar dun manifesto de fotoxornalismo titulado “Compostela, un ano de Voz”, no que a través das imaxes tomadas por Xoán Soler, Álvaro Ballesteros, Sandra Alonso e Paco Rodríguez, todos eles fotógrafos da delegación dun coñecido xornal tradicional, faise un percorrido polos acontecementos máis destacados no acontecer compostelano durante o ano 2010.

A segunda exposición abríu as portas ás 21:00 h. nas dependencias da oficina de turismo da Pobra do Caramiñal. Neste caso é a artista Luisa Valdés quen achega unha mostra da súa obra a través dunha colección de fotografía e lapis e de acrílicos e acuarela sobre tea, que leva o título “Caldo de cultivo”. Trátase dunha mostra onde se xoga cun fondo aberto e dinámico, e un primeiro plano máis cercano ó espectador trazado a través de tramas, celas e estructuras que actúan como liñas de modulado. Acompañando a Luisa Valdés, estiveron presentes na inauguración o alcalde en funcións, Manuel Fontao, a concelleira de cultura, Encarna González, e o concelleiro de turismo, Jesús Dieste. A mostra estará aberta durante o mes de agosto.

Antes, en Certo:


Pintura: a brasileira Di Carvalho expón na Casa Mariñeira

Posted via email from Certo.gl, o xornal dixital de Barbanza e Noia

Twitter

Related Posts with Thumbnails Banner: Regale selva tropical