18.6.10

Ribeira: recepción no Concello á vintena de alumnos e mestres ingleses, turcos e galegos do 'Proxecto Grundvit'

Ribeira, 18 de xuño de 2010.- O alcalde de Ribeira, José Luis Torres Colomer, recibiu hoxe no Salón de Plenos da Casa Consistorial á delegación formada por unha vintena mestres e alumnos que está a participar no Programa de Aprendizaxe Permanente Grundvigt: unha iniciativa que ten como meta mellorar a calidade e a dimensión europea da educación dos adultos na que están implicadas os centros educativos Kocasinan Anadolu Kiz Meslek ve Kiz Meslek Lisesi da localidade de Kayseri (Turquía); Lifelong learning Centre Kingsmeadow Community School de Gateshead (Inglaterra) e o IES Número 1 de Ribeira. 

Con tal motivo, estiveron na mesa ademais do rexedor riveirense, os coordinadores do proxecto por parte dos tres centros participantes: Isabel Peleteiro polo Número 1, Colin Maclelland polo instituto británico, e Hakan Çalap polo centro turco. 

Torres Colomer deulles a benvida a Santa Uxía nesta visita que se prolongará ata o vindeiro luns e na que lles espera unha axenda moi apretada, con visitas a Santiago de Compostela e á comarca Barbanzana, ademais de presentar o resultado do traballo desenvolvido nos respectivos países ao longo dos cursos 2008-2009 e 2009-2010  e elaborar as conclusións finais en relación ao proxecto, que tivo como tema Comida Tradicional-Comida sá (Traditional Food – Healthy Food). 

O alcalde riveirense describiulles as características da vida socioeconómica do municipio e desexoulles unha feliz estancia. O encontro finalizou cun intercambio de agasallos.

Posted via email from Certo.es, o xornal virtual de Barbanza e Noia

A Pobra do Caramiñal: unha delegación cubana visitou o Concello e o museo Valle-Inclán

A Pobra do Caramiñal, 18 de xuño de 2010. Unha delegación cubana visitou hoxe a Pobra do Caramiñal. Foi recibida polo alcalde, Isaac Maceiras, e as concelleiras de Cultura e Turismo, Encarna González, e de Educación e Muller, Isabel González Barral. Na delegación estaba o presidente da Federación de Sociedades Galegas de Cuba, Sergio Toledo e a directora de Cultrua da Sociedade Galega na Habana, Carmen Luisa Bajo Barrera. Tamén estivo Orlando González Cruz, presidente da asociación cultural recreativa Haveira (Habana-Ribeira).
A delegación puido visitar, logo de estar no Concello, o museo Valle-Inclán, onde puideron botarlle un ollo aos escritos que testemuñan a estadía e viaxes do escritor arousano a Cuba, e ver a placa conmemorativa na fachada do Auditorio, ao pé da que amosamos arriba, que da fe tamén das súas viaxes a México.

Posted via email from Certo.es, o xornal virtual de Barbanza e Noia

Literatura: convocado o terceiro certame de novela curta "Cidade Centenaria de Ribeira"

O 23 de marzo de 2011 rematará o prazo para presentar as obras. A editorial galega Xerais ocúpase da edición

Ribeira, 18 de xuño de 2010.- Está xa convocada a terceira edición do Concurso Internacional de Novela Curta Cidade Centenaria de Ribeira.  A presentación do certame, que ten carácter bienal, tivo lugar no Salón de Plenos da Casa Consistorial e serviu tamén para rubricar un convenio de colaboración en virtude do cal a editorial Xerais publicará a obra gañadora, así como para dar a coñecer a edición impresa da última novela vencedora: “Vertixes”, de Ignacio Silva, que tamén publica a referida editorial.

No acto interviñeron o alcalde José Luis Torres, o concelleiro de Cultural Luciano Fernández; o autor Ignacio Silva e o director de publicacións de Xerais, Manuel Bragado. Tamén quixeron estar presentes os membros do xurado da pasada convocatoria: Uxía Casal, Xoán Pastor Rodríguez, Alicia Padín, José Antonio Otero e Unai González, que actuou como secretario, pero sen voto.

Segundo informou Luciano Fernández, poderán concorrer a este certame todas as persoas, maiores de idade, de calquera nacionalidade ou residencia, cun único traballo en lingua galega de temática libre, orixinal e inédito. A obra haberá de ter unha extensión mínima de 80.000 caracteres e máxima de 120.000 caracteres.

Tirada mínima de 1.000 exemplares

O premio consistirá en 3.000 euros máis diploma conmemorativo e a publicación da obra na editorial Xerais, que en virtude do convenio de colaboración se compromete a  lanzar unha tirada mínima de 1.000 exemplares, nun volume único, podendo negociar co autor maior tirada ou varias edicións.

Tamén en virtude do acordo subscrito, Xerais seleccionará un dos catro membros que comporán o xurado. O prazo de admisión dos orixinais rematará o 23 de marzo de 2011, aniversario da concesión do Título de Cidade a Ribeira pola S.M. o Rei Alfonso XIII en 1906. Este convenio estará  en vigor para a terceira edición do Concurso de Novela Curta Cidade Centenaria de Ribeira (2010-2012), podendo ampliarse ou prorrogarse para futuras convocatorias co acordo mutuo das partes implicadas.

Consolidación

Manuel Bragado explicou que a convocatoria desta terceira edición consolida sobradamente o certame como un referente literario en Galicia e salientou a traxectoria literaria de Ignacio Silva, ao cal cualificou de escritor revelación do ano pasado. Pola súa parte, Ignacio Silva, nacido en Carballo en 1978, resaltou a importancia do certame máis aló da cuestión económica, ao permitir a publicación da obra gañadora do mesmo, que é o que máis desexan os escritores. Sobre a súa obra “Vertixes” explicou que con esta novela quixo retratar a xeración dos que están nos 30 anos.

Finalmente, o alcalde, José Luis Torres Colomer, explicou que con esta nova convocatoria e co convenio asinado coa editorial Xerais renóvase o compromiso do Concello de promocionar aos autores noveles “e sobre todo de dar cariño á nosa lingua, que é a lingua galega”.


Posted via email from Certo.es, o xornal virtual de Barbanza e Noia

Boiro: o 24 de xuño, inauguración das obras de acondicionamento de San Xoán de Macenda, en Moimenta


Hai pouco máis dun ano inauguráronse outras obras en Moimenta, en concreto no lugar de Insuachan

Boiro, 18 de xuño de 2010. O Concello de Boiro e os veciños inaugurarán o vindeiro xoves día 24 de xuño, San Xoán, as obras de acondicionamento realizadas no lugar de Moimenta, na parroquia de San Xoán de Macenda. O acto, presidido polo Alcalde de Boiro, Xosé Deira Triñanes, comezará ás 21.00 horas, e está convidada a corporación municipal e os veciños que desexen asistir.

A obra, denominada “Acondicionamento e mellora dun tramo de camiño veciñal no núcleo rural de Moimenta”, foi incluída no Fondo Estatal de Inversión Local e o Fondo Especial para a Dinamización da Economía e o Emprego, do Goberno central. As actuacións foron aprobadas en Consello de Ministros a proposta da Conferencia Sectorial da Vivenda, e todas estaban incluídas nas actuacións que a Xunta de Galicia achegou ao Ministerio de Vivenda. Isto foi posible grazas á proposta da ex Directora Xeral Encarna Otero Cepeda, quen incluíu esta obra na proposta que a Xunta fixo ao Ministerio.

O Alcalde de Boiro, Xosé  Deira Triñanes, e o Conselleiro de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas, Agustín Hernández, asinaron o protocolo de actuación en xullo de 2009.



Moimenta

Moimenta ten una estrutura eminentemente rural, tanto no social como no territorial. Conta con herdanzas do mundo agrogandeiro de mediados do século XX, que van mudando coa transformación económica do país, alá polo 1990, aínda que no desenvolvemento urbanístico foron introducidos elementos foráneos que distorsionaron a tipoloxía do lugar; polos usos e polo solo lindante está perfectamente enmarcado dentro dos parámetros de núcleo rural.

Esta aldea encaixa perfectamente nese concepto de núcleos a resgardar da especulación urbanística con instrumentos de planificación e recuperación edificativa e socioeconómica, sinalan os do actual equipo de goberno de Boiro. "Coma tódolos núcleos, sufriu unha transformación e engadidos novos, aparecidos a partires do cemento e que contribuíron, en ocasións, a reducir o tradicional, dando paso a formas e estruturas de material moderno, ás veces sen  gusto e que agreden ás formas tradicionais".

O goberno de Boiro entende que Moimenta "ofrece un núcleo antigo que debe ser recuperado para devolverlle a identidade do tradicional. Todo, no seu conxunto, debe ser obxecto dunha atención importante: os muros, así como formas, volumes e por suposto os rueiros vellos, que nesta aldea seguen a amosar o tradicional. Por iso as actuacións levadas a cabo por este goberno neste núcleo, que pretendemos fose avanzadilla para outras actuacións noutros núcleos".

Outras actuacións que completaron a obra foron o alumeado novo, soterrando todo tipo de cableado que tiña un compoñente importante na contaminación visual; a reposición das canalizacións de pluviais a fecais; a restauración e rehabilitación do lavadoiro substituíndo os elementos de cemento por pedra e a retirada de cableado aéreo.

Nesta actuación, hai 26 vivendas nas cales residen 51 habitantes;  só 16 están habitadas. En total, 92 edificacións, cun 30% en mal estado.

Posted via email from Certo.es, o xornal virtual de Barbanza e Noia

Boiro: programa de Festas do Verán (27 de xuño a 7 de xullo) e rueiro coa súa nova ubicación

Boiro, 18 de xuño de 2010. As Festas do Verán 2010 presentáronse esta mañá. Van do 27 de xuño ao 7 de xullo. Estrean novo emprazamento, co obxectivo de desconxestionar o tráfico no casco urbano durante as celebracións e dar máis comodidade tanto aos veciños como aos propios empresarios das atraccións de feira. Deste xeito, as atraccións de maior volume colocaranse na superficie do novo aparcamento e o resto na Avenida da Constitución e na Avellaneda, quedando as caravanas dos feirantes emprazadas na rúa número 6 e un tramo de Avellaneda.

No plano adxunto pódese comprobar como quedarán distribuídos tanto os chiringuitos como o tráfico, que poderá circular practicamente con normalidade, pois durante o día só quedará pechada a zona das atraccións de maior envergadura, e pola noite estarán despexados accesos suficientes tanto de entrada como de saída.

As orquestras manterán os espectáculos na Praza de Galicia.  

Se quere baixar a revista Folía, co saúda e outras cousas, aquí

Nós ofrecémoslles o que hai cada día:



Posted via email from Certo.es, o xornal virtual de Barbanza e Noia

Porto do Son: os socialistas piden explicacións ao presidente da Xunta pola paralización das obras na fachada marítima


Porto do Son, 18 de xuño de 2010
. O PSdeG, a través do seu deputado Xosé Manuel Lage Tuñas, pide a Núñez Feijóo explicacións "claras e urxentes" sobre a paralización da obra de remodelación da fachada marítima de Porto do Son.

Lage Tuñas interpela ao goberno polos motivos que fan que unha obra adxudicada fai un ano aínda non comezara a executarse. O deputado noiés do PSdeG levará ao pleno do parlamento este asunto "pola súa gravidade"  e manifesta que "ou hai algo anómalo ou hai unha xestión neglixente". Lage asegura que "é preciso que o goberno galego explique porque en Porto do Son non comezan os traballos dunha obra adxudicada en xullo do ano 2009, xa que non hai respostas por parte de Portos de Galicia e o goberno de Feijóo da a calada por resposta cando se trata dunha obra de máis de tres millóns de euros que foi adxudicaba xa polo actual goberno galego".
 

Posted via email from Certo.es, o xornal virtual de Barbanza e Noia

Política: Xuventudes Socialistas alega contra a Lei de prevención de alcohol e tilda a Feijóo de "retrógrado"

María Torres denuncia que “Feijóo terá un comportamento retrógrado si impulsa unha Lei de Prevención de Consumo de alcohol entre menores de Galicia, feita de costas á opinión da mocidade. O anteproxecto de lei amosa que ao PP non lle interesa escoitar á mocidade”.

Mozos de botellón nunha praia

Santiago de Compostela, 18 de Xuño de 2010.- A secretaria xeral das Xuventudes Socialistas de Galicia (XSG), María Torres, lamentou hoxe que a Xunta de Galicia non tivese en conta as propostas dos xóvenes á hora de regular o anteproxecto de lei de Prevención de Consumo de Alcohol entre menores da Consellería de Sanidade.

María Torres denuncia que “Feijóo terá un comportamento retrógrado se impulsa unha Lei de Prevención de Consumo de alcohol entre menores de Galicia, feita de costas á opinión da mocidade” e subliña que ”o anteproxecto de lei amosa que ao PP non lle interesa escoitar á mocidade. De feito, este anteproxecto é unha copia case literal do que se nos presentou a principios de ano para poder facer aportacións, que despois parece que non foron tidas en conta.”

María Torres cre que “é preciso crear espazos de diálogo e entendemento entre a mocidade e as administraccións e Núñez Feijóo promove xusto o contrario.” Esta actitude, argumenta, "dá boa mostra da falla de interese por parte da Xunta de Galicia de que os máis novos contemos, facendo gala novamente de actitudes paternalistas e retrógradas”.

Para Xuventudes Socialistas, este anteproxecto só recolle pequenos cambios con respecto ó orixinal presentado e que fundamentalmente teñen que ver coas limitacións  de espazos nos que se pode consumir alcohol en presencia de menores, así como en materia de procedemento sancionador.  "Así a Xunta de Galicia, que inicialmente prohibía o consumo de alcohol nos centros de ensino ou nos centros deportivos, agora deixa a porta aberta a que maiores de idade consuman alcohol nos centros docentes ou nos centros deportivos sempre que “maioitariamente” haxa máis maiores de idade que menores de idade, cuestións estas que xa se regularon por primeira vez nunha Orde estatal de 7 de Novembro de 1989 na que se prohibía a venta de tabaco e alcohol en centros escolares, ou no artigo 67.1 da Lei 10/1990 do Deporte aprobada polo Congreso dos Deputados, onde prohíbe expresamente nas instalacións nas que se celebren competicións deportivas a introdución e venta de toda clase de bebidas alcohólicas”.

Para a responsable de Xuventudes Socialistas, “o que agocha esta realidade é unha actitude cínica por parte da Consellería de Sanidade na que só se penaliza ou mero consumo estético por parte de menores de idade, deixando de ser un problema a partir dos 18, xa que parece non importar o consumo de alcohol por parte de maiores de idade en contextos típicamente infantís e xuvenís”. “Das propostas presentadas polas Xuventudes Socialistas de Galicia, só tiveron en conta un par delas de mellora de texto e fomento do asociacionismo, que poñen enriba da mesa o único interese da Xunta de Galicia de maquillar un proxecto que continúa sen achegar nin unha soa proposta de nivel asistencial ou de incorporación social nin propostas sólidas en materia preventiva”, remarcou Torres Pose

Deste xeito, afondou María Torres, “o texto continúa a estar centrado na prohibición e na sanción”. “É grave que non se teña recollido ningunha das aportacións que dende as Xuventudes Socialistas temos feito no ámbito preventivo, asistencial ou de incorporación social, xa que segundo a organización xuvenil este debería ser o groso da lei", remarcou, así como que se negan "a garantir o acceso a servizos asistenciais eficaces, que conten con persoal axeitadamente formado tanto para a atención dos mozos e mozas que consumen alcohol de xeito abusivo como para as súas familias. “

A secretaria das XSG cuestionou novamente que Sanidade “só se preocupe do consumo de alcohol ata os 18 anos e non o faga a partir desa idade” e que “persiga o consumo mediante a prohibición e a sanción sen preveer ningún tipo de medida de carácter reeducacional ante situacións de consumo abusivo”, cando está demostrado que este non é o camiño.  Neste senso dende as XSG manteñen que “o anteproxecto se centra case en exclusiva en “prohibir o consumo” a menores de idade,  cuestión esta que presenta múltiples dúbidas de encaixe constitucional e que pretende substituir a actividade preventiva e asistencial por prohibición pura e dura. A administración autonómica prefire pechar os ollos prohibindo que mollarse actuando, ademais de recoller como único medio de financiamento das actuacións preventivas o recadado vía sancións”.

“A prevención ten que ser o eixo central do anteproxecto de lei”, subliñou María Torres, quen avogou pola educación como ferramenta “imprescindible” para os hábitos de vida saudables. “Temos que ser conscientes de que o consumo de alcohol forma parte dos nosos sistemas de socialización dos que os máis novos toman partido dende idades temperás”. Para Xuventudes Socialistas, “hai que potenciar a autonomía da nosa mocidade para que poidan tomar decisións responsables e informadas, fomentando a adquisición de habilidades sociais e persoais que poidan influír sobre os factores que determinan a súa saúde”.

Relacionado:

Botellón: todos os puntos de vista. Unha reportaxe de Tamara Peña

Posted via email from Certo.es, o xornal virtual de Barbanza e Noia

Ribeira: polideportivo e piscina da Fieiteira, pechados dende luns 21 por reformas

Ribeira, 18 de xuño de 2010. Este luns día 21 de xuño quedará pechado ao público a piscina e o polideportivo da Fieiteira co fin de iniciar as obras de remodelación deste complexo. Cun orzamento de 955.774  euros, esta é a máis cuantiosa das actuacións promovidas pola Corporación Local que se adscriben ao Fondo Estatal para o Emprego e a Sostibilidade Local. A actuación foi adxudicada a Construcciones en Piedra Sigrás, S.L. e o  prazo de execución da obra é de 180 días (6 meses). 

A partir do 1 de xullo habilitarase a pista do Polideportivo de Santa Uxía (Coroso) como sala de musculación, e funcionará de luns a venres, en horarios de 9 a 14 e de 19 a 23 horas.

O Complexo da Fieiteira xa rexistrou no pasado diversas ampliacións e hoxe consta de dous edificios: un recinto polideportivo e unha piscina. Ademais, na zona exterior sitúase unha pista de atletismo con graderío, un campo de fútbol de céspede natural de 108x69 metros e un campo de fútbol de céspede artificial.

O recinto polideportivo dispón de sala de kárate, vestiarios de árbitros, almacén, vestiarios de usuarios e sala de musculación en planta baixa, mentres que na planta alta sitúase o graderío para espectadores, aseos e unha recta de atletismo interior. En canto á piscina, conta con dous vasos de natación, vestiarios, graderío e oficinas administrativas. Ambos edificios comparten acceso, que se sitúa no edificio dedicado a piscinas, e escaleiras e aseos de planta alta, que se sitúan no edificio polideportivo.

Previstas dúas zonas de acceso

A nova actuación responde entre outros obxectivos á necesidade dun maior aproveitamento dos espazos existentes e á necesidade de diferenciación de circulacións dos distintos usuarios, abonados e non abonados. Vaise realizar a separación dos distintos usuarios coa ubicación do vestíbulo de acceso no edificio polideportivo, para o que se construirá un control de acceso para a zona de abonados e outra de acceso directo a usuarios. Na zona do polideportivo demoleranse as actuais dependencias utilizadas como vestiarios e construíranse uns novos; e ademais aproveitarase o espazo baixo gradas para situar tres salas de actividades. Haberá tamén un almacén de pista na zona próxima ás escaleiras de acceso ás gradas.

Ximnasio e ascensor

O espazo ocupado pola actual recta de atletismo en planta primeira adecuarase para o seu uso como ximnasio. Para mellorar a accesibilidade tanto a este espazo como os outros que se sitúan en planta alta, construirase un ascensor.


Piscina

No que respecta ao edificio que alberga os vasos de natación, ampliaranse e reformaranse os vestiarios e crearase unha nova zona de tratamentos accesibles dende a zona dos vasos. Ademais, substituiranse as máquinas de climatización e caldeiras existentes por outras de maior potencia e impermeabilizaranse e pavimentaranse as praias dos vasos e renovarase o revestimento do vaso de aprendizaxe.

Zona wellness

En alusión á devandita zona de tratamentos ou wellness, deseñouse un circuíto cos seguintes servizos:

  •     Hidroterapia: instalación dun jacuzzi dotado con jets de auga e aire e placas de aire tanto no chan como nos asentos.

  •     Tratamento con calor: instalación dunha sauna e un baño de vapor, que teñen efectos sobre o organismo de eliminación de toxinas a través do suor, tonificantes e vasodilatadores.

  •     Aplicación en contraste frío-calor: instalaranse tres sistemas de contraste: ducha-cubo (ducha de contraste con caída de auga sobre o corpo do usuario); ducha bitérmica secuencial (ducha secuencial de auga fría e quente que se toma despois da prestación de calor para estimular os sistemas nerviosos e musculares e activar a circulación; conta con jets de ducha, cadro hidráulico e pulsador antivandálico) e ducha de chorros (ducha con jets situados a distintas alturas para poder aplicar unha hidromasaxe de zonas lumbares, cervicais, dorsais, etc... producindo un efecto terapéutico; conta con jets de encastre e pulsador antivandálico).

Ademais, dotarase á  zona con equipamento de tumbonas térmicas que se colocarán na zona de praia e que conformaran a zona de descanso despois do tratamento do circuíto.

Posted via email from Certo.es, o xornal virtual de Barbanza e Noia

Ribeira: Juan Hombre imparte o terceiro curso de defensa persoal do 28 de xuño ata o 2 de xullo en Palmeira


Ribeira, 18 de xuño de 2010
. Desde o luns día 28 de xuño ata o venres día 2 de xullo, o mestre ribeirense de Artes Marciais Juan Hombre organiza o III Curso sobre Defensa Persoal Intensiva en Palmeira. Falamos con el sobre esta terceira incursión no interesante mundo da defensa persoal e, nesta ocasión, tamén na supervivencia.

Pregunta.- Maestro: de novo entre nós?

Resposta.- -Xa vedes, aquí estou de novo por terceira! vez pra facer un curso Intensivo sobre Defensa Persoal.

.- E desta volta onde?

.- No local que xentilmente nos aporta a Sociedade Fillos de Palmeira.

.- Por que intensivo?

.- Home, o de intensivo é porque son os cinco días seguidos, de luns a venres, e dúas horas cada día. É dicir: intensivo e moi forte, xa que a xente tense que empeñar e esforzarse moito.

.- Cal está a ser a resposta da xente nestes cursos?

.-Moi positiva. A verdade é que me atopo un pouco sorprendido: non esperaba unha resposta desta índole. Tiven moita xente interesada nos cursos anteriores  e, ao parecer, neste terceiro ainda vai ser mellor.

.- Acada vostede sempre unha resposta así nesta terra?

            -Bueno, como xa dixen, estou moi contento, xa que antigos alumnos, de hai moitos anos, acuden aínda interesados nas miñas leccións. Para min é unha grande satisfacción, non só aprenderlles a estes, agora xa pais de familia, senón tamén aos seus fillos.

.- Iso ten que ser moi bonito...

.- Xa o creo que si, porque é moi fermoso ver a rapaces, agora homes, que inda se lembran de min e traen aos seus fillos para coñecer a quen comezou coas artes marciais nesta rexión. Sempre agrada que falen ben de ti e que che valoren en consecuencia.

.- Seica vai impartir tamén un curso de supervivencia...

.- Certo, pero non vos enterastes polo periódico. Como sabedes, hoxe en día os mozos non teñen moito xeito de facer cousas na natureza. A Wiii, a Play e a Tv adormécenos, non só nas súas funcións motoras, senón tamén na súa capacidade de reacción ante o perigo.

.- Como vai ser este primeiro contacto coa supervivencia?

.- Nesta primeira toma de contacto coa supervivencia, aqueles que acudan para facela, realizarán unhas  pequenas marchas pola fermosa zona do Barbanza, durmirán unha noite ao aire libre e teremos xogos populares galegos para animalos un pouco.

.- Xogos populares en supervivencia?

.- Así é. Teño a ilusión de que tanto os maiores que xa os coñecen, como os pequenos que non saben o que son, poidan compartir xuntos este tipo de cultura e educación para recordar vellos tempos. Así que tanto o xogo da estornela ou da billa (billarda) como lle chamabamos nós; o do guá (canicas ou bolas) o do pión ou trompo e tamén algúns máis terán acollida nesta xornada o aire libre.

.- Agardamos, mestre, que teña moito éxito nesta empresa!

.- Grazas pola vosa acollida. Tan só desexaría enviar desde aquí un forte saúdo para todos aqueles que se acordan de min e decirlles que ainda que pasaron moitos anos, eu tampoco me olvido de eles. Todos coñocemos que "é de ben nacidos, ser agradecidos” aínda que moitos non sexan capaces de entendelo. Unha aperta para todos.

III CURSO DEFENSA PERSOAL TAISHINDO- Juan Hombre

Lugar: Sociedade Fillos de Palmeira

Datas: Luns 28 de Xuño a Venres 2 de Xulio

Horario: 20 a 22 horas

Teléfono de contacto 675176199

Posted via email from Certo.es, o xornal virtual de Barbanza e Noia

Rianxo: a coral do Liceo Marítimo e a banda da Escola de Música participan nun concerto solidario en Vilagarcía o domingo 20 de xuño

Rianxo, 18 de xuño de 2010. A Xunta Directiva da Escola de Música de Rianxo convida a todo o mundo ao Concerto que organiza a Coral Sta. Eulalia - Nosa Sra. da Xunqueira que xunto coa colaboración das corais: Brisas de Guillán, Sobradelo e Liceo Marítimo Rianxeiro, e a Banda da Escola de Música de Rianxo, terá lugar o vindeiro domingo 20 de xuño ás 20h30, no Auditorio de Vilagarcía. 

Programa

Banda da Escola de Música de Rianxo: 

*Rúa da Fonte (Antón Alcalde)
*Alma de Dios (José Serrano)
*Serengeti (Antón Alcalde)
*A Vision of Majestic (James Swearingen)
*Contos da Aldeia (Antón Alcalde) 

Corais e Banda da Escola de Música de Rianxo: 

*Rosas (X. Carlos Seráns)
*A Saleta (X. Carlos Seráns)
*Apreixar o Vento (X. Carlos Seráns) (soprano: Esperanza Mara Filgueira Rama)
*Lela (Rosendo Mato – Arranxos: X. Carlos Seráns)
*Negra Sombra (Xoán Montes – Arranxos: X. Carlos Seráns)
                

Posted via email from Certo.es, o xornal virtual de Barbanza e Noia

Arte: Miguel Harguindey, de Ribeira, no Festival OFFF de París, do 24 ao 26 de xuño

Presenta "Political Personal Disaster", unha mistura de arte dixital con performance que poden ver en http://www.myspace.com/politicalpersonaldisaster
Harguindey é fotógrafo, e xa gañara o Luis Ksado de creación fotográfico no 2006 (http://www1.dicoruna.es/dicoruna-noticia/servlet/Noticias?accion=2&ver=19&nid...)

Posted via web from Certo.es, o xornal virtual de Barbanza e Noia

Twitter

Related Posts with Thumbnails Banner: Regale selva tropical