30.7.12

Boiro: presentado o libro "Luces sobre a casa de Goiáns no Antigo Réxime", sobre a historia do Pazo Goiáns

  • A obra, promovida pola consellería de Cultura, afonda na traxectoria histórica do pazo máis influinte da comarca do Barbanza durante o Antigo Réxime
  • Asistiu o conselleiro, Vázquez Abad, quen reivindicou a herdanza histórica do Pazo de Goiáns na construción dunha identidade artística galega
  • Ao rematar a presentación, os asistentes percorreron o pazo acompañados polo autor do libro, Xosé Manuel Vázquez Lijó

O pazo, que xa é de todos os boirenses, segue no desleixo

Boiro, 30 de xullo de 2012.- O conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, Xesús Vázquez Abad, presentou hoxe o libro Luces sobre a casa de Goiáns no Antigo Réxime, unha obra na que o historiador Xosé Manuel Vázquez Lijó, ‘Queté’, afonda na traxectoria histórica dun pazo de gran poder e influencia na comarca do Barbanza durante esta época, da que proceden relevantes persoeiros da historia de Galicia.

Durante a súa intervención, Vázquez Abad reivindicou hoxe a herdanza histórica do Pazo de Goiáns na construción dunha identidade artística galega, en especial de “aquela que reflicte o ánimo construtivo e renovador que puxo os alicerces para que Galicia, con personalidade de seu, collese o ritmo da historia e tomase protagonismo na mesma con nome propio”.

Na presentación, que tivo lugar no salón de actos do centro social de Boiro (A Coruña), tamén estiveron presentes o secretario xeral de Cultura, Anxo Lorenzo; a concelleira de Cultura, Patrimonio e Comercio, Elena Teixeira; e o propio autor da monografía. Ao remate desta presentación, os asistentes tiveron a oportunidade de facer un percorrido polo Pazo de Goiáns, guiados polo escritor Vázquez Lijó.


A herdanza histórica do Pazo de Goiáns
Ademais do relativo ao patrimonio histórico-artístico, o conselleiro destacou a influencia desta institución na aparición de “grandes figuras das artes que levan a súa obra por todo o mundo e de profesionais dedicados a multitude de actividades cunha forte base creativa”, que se viron animadas por toda unha serie de “materializacións concretas, como as do Pazo de Goiáns, para asentarse definitivamente como parte de nós”.

Para rematar, fixo referencia ás palabras que Vázquez Lijó recolle na introdución desta monografía, nas que o autor afirma que “se en brillo arquitectónico Goiáns non pode rivalizar con outros pazos, non é menos certo que os edificios, espazos e paisaxes que contén nun marco físico privilexiado, a carón da ría de Arousa, é moi elevado e xustifica sobradamente a súa consideración de Ben de Interese Cultural”.

Posted via email from Certo.gl, o xornal dixital de Barbanza e Noia

Ribeira: así foi a entrega a Quico Cadaval, Sir David Chipperfiel e Cruz Vermella dos premios do Concello

  •  Asistiron máis de 150 persoas á cerimonia, nun acto ameno e con moi boa sintonía entre autoridades, premiados e público

Ribeira, 30 de xullo de 2012.- O Concello viviu no día de onte a gala de entrega dos seus premios institucionais que, nesta XIV edición, recaeron en Quico Cadaval na categoría de Cultura, Cruz Vermella de Riveira en Traballo Desinteresado, e David Chipperfield en Traballo Ben Feito.

 

Máis de 150 persoas asistiron á cerimonia que se desenvolveu no restaurante Baiuca, na parroquia de Artes; entre eles o alcalde Manuel Ruiz, a conselleira do Medio Rural e do Mar, Rosa Quintana; a presidenta das Amas de Casa (entidade que colabora na organización), Magdalena Bringas; os rexedores de Boiro e A Pobra, Juan José Dieste e Isaac Maceiras; e un longo etcétera de autoridades e veciños que quixeron estar presentes neste evento de carácter anual.

 

Sen perder a solemnidade propia deste tipo de celebracións, a comida-festa caracterizouse tamén por unha gran amenidade e distensión, grazas en boa medida á disposición dos propios galardoados, unha amenidade da que se contaxiaron as autoridades e os propios espectadores, que mesmo interromperon varias veces cos seus aplausos o acto.

 

Un dos que máis influíron no carácter distendido da gala foi o polifacético artista Quico Cadaval, quen, tras recibir de mans de Magdalena Bringas o seu galardón (consistente nunha escultura orixinal obra do creador Miguel Couto), espertou en varias ocasións as gargalladas do público coas súas ocorrencias.

 

Cadaval: o patrimonio inmaterial

Quico Cadaval significou durante a súa intervención que a parroquia de Carreira da que procede a súa familia e a cidade de Ribeira na que naceu son para el territorios míticos onde se sinte “capaz de colocar calquera suceso extraordinario”. A este respecto, lembrou a súa infancia na taberna da súa nai, onde recibía “sen filtro” todo tipo de historias e persoaxes que se converteron en materia do seu traballo. Tamén quixo facer unha lembranza especial a Antonio Novo, propietario do desaparecido bar Nordeste, por demostrar a transcendencia “da aventura de cada persoa anónima e puxo en valor a importancia do patrimonio inmaterial como “alimento das persoas”.

 

Previamente, Ángeles Cores, como presidenta de Cruz Vermella de Riveira, recibiu a distinción que lle entregou a conselleira Rosa Quintana.

 

Acción humanitaria

Ángeles Cores salientou a importancia da colaboración das administracións e entidades sociais e manifestou a necesidade de saibamos valorar “o moito que temos”. Tamén enumerou algunhas das accións solidarias que está a impulsar esta organización humanitaria, como o ropeiro social, a entrega de alimentos, o desenvolvemento de clases e asesoramento a inmigrantes, cursos de primeiros auxilios, charlas nos colexios ou salvamento marítimo a través da súa embarcación “Marte”. Tamén salientou o labor desenvolvido polos voluntariose e voluntarias que cooperan coa institución.

 

Manuel Ruiz entregou o obsequio polo traballo ben feito ao arquitecto inglés David Chipperfield, que ten a súa residencia de lecer, deseñada por el mesmo, na parroquia de Corrubedo.

 

Chipperfield: premio por estar de vacacións

David Chipperfield ofreceu unhas verbas en inglés que se encargou de traducir a súa muller Evelyn. Así tras bromear con que “é a primeira persoa que recibe un premio por estar de vacacións”, este profesional londinense –un dos arquitectos máis laureados do mundo, segundo recordaría despois o alcalde- lembrou que leva vinte anos veraneando neste “lugar marabilloso” e declarou que “a veces é necesario que alguén veña de afora para recordar o tesouro que temos, pois con frecuencia damos por descontadas as cosas fermosas que hai ao noso arredor”. Neste senso, proclamou que “nestes tempos difíciles debedes recordar que tedes nesta terra un tesouro sen igual que ninguén pode tomarvos”. E sentenciou: Por favor, “coidádeo”.

 

Finalmente chegaría o momento das intervencións das autoridades, falando en primeiro lugar a presidenta das Amas de Casa, quen recordou algúns dos persoeiros xa falecidos que recibiron este premio en anteriores edicións, como é o caso de Gonzalo Torrente Ballester, Isaac Díaz Pardo ou Francisco Lorenzo, quen fora cura de Aguiño.

 

Manuel Ruiz lembrou as orixes deste certame, que naceu por iniciativa da xenerosidade de Román Padín (propietario de La Onza de Oro) coa colaboración das Amas de Casa e manifestou o orgullo do Concello de seguir celebrándoo. En referencia aos galardoados, manifestou que é para el unha satisfacción poder organizar este sinxelo acto, pois “son eles co seu traballo os que durante a toda a súa vida están premiando a Ribeira”.

 


Posted via email from Certo.gl, o xornal dixital de Barbanza e Noia

Lousame: o VI Encontro de Bandas recibe a "Las musas de Guadalupe" de Murcia e á banda de Valga



Lousame, 30 de xullo de 2012. O día 5 de agosto de 2012 terá lugar no Campo da festa de San Roquiño (Tállara) o VI Encontro de Bandas Concello de Lousame (Homenaxe a Prudencio Romo). Este ano as bandas invitadas son a Banda Municipal de Valga e a Agrupación Músico-Cultural "Las Musas de Guadalupe", que devolve a visita feita pola banda anfitriona a terras murcianas o ano pasado. No evento participará tamén a Coral Polifónica de Noia, que xunto coa voz solista de José Manuel Barreiro Pérez “Secho” interpretará temas de Los Tamara para homenaxear a figura do emblemático Prudencio Romo, director fundador da Banda de Lousame no ano 1996 e excelente persoa e músico que nos deixou no ano 2007, pouco despois de ceder a dirección da banda ó noso actual director Fernando.

O acto estará presentado, como vén sendo habitual, pola xornalista noiesa Loli Gómez, e estase a consolidar como a xuntanza de bandas máis importante das comarcas de Noia e do Barbanza, medrando en calidade, organización e público.


Intercambio

 

Devolvendo a visita que a Banda de Lousame realizou o pasado ano a terras murcianas, este próximo venres día 3 chega a Galicia a Agrupación Músico-Cultural “Las Musas de Guadalupe”. Esta banda da pedanía de Guadalupe no Concello de Murcia estará ata o martes día 7 realizando diversas actividades como visitas polo concello lousamián e a comarca, recepción polas autoridades municipais e comida de confraternidade entre as dúas bandas, partido de futbol entre una selección de cada banda, visitas a Santiago de Compostela e outros puntos da comarca como as dunas de Corrubedo ou o Castro de Baroña e diversas actividades máis.

Tamén intervirá no VI Encontro de Bandas Concello de Lousame (Homenaxe a Prudencio Romo) o día 5 de agosto ás 6 da tarde no campo da festa de San Roquiño xunto coas bandas de Valga e Lousame. Tratase dunha banda importante na súa comunidade autónoma con varios premios no Certamen Nacional de Bandas Ciudad de Murcia e que dá continuidade ós intercambios feitos nos últimos anos pola Banda de Lousame coas bandas de Ogíjares (Granada), San Indalecio de La Cañada (Almería) ou Ciudad de Irún.

Posted via email from Certo.gl, o xornal dixital de Barbanza e Noia

Muros: instan a Portos a arranxar os problemas relacionados cos amarres e convocan concentración o domingo 5 de agosto

  • Aprobada moción no pleno cos votos a favor dos nacionalistas e o Psoe e coa abstención do PP
  • O problema afecta a moitos mariñeiros, tanto xubilados como non xubilados, de Muros e hai bastante malestar e preocupación no pobo
  • Convocan concentración o vindeiro domingo 5 de agosto para presionar a Portos e á Xunta de Galicia

Concentracin_barcos

Moción plazas amarre portos.doc Download this file

Posted via email from Certo.gl, o xornal dixital de Barbanza e Noia

Dodro: medio milleiro de vellos na XIII Festa das Persoas Maiores

Dodro, 30 de xullo de 2012. A Festa dos Maiores de Dodro, que se celebrou onte a pesares dos recortes en sanidade, dependencia e funcionariado por parte do mesmo partido que goberna en Dodro pero a nivel central, acolleu a medio milleiro de persoas de moita idade (vellos segundo o dicionario da Real Academia Galega, inda que sexa unha palabra denostada pola corrente do pensamento politicamente correcto) tivo este ano cambios significativos. O cambio principal foi que non se celebrou como viña sendo habitual na Fonte Primeiral. Este ano celebrouse unha misa na igrexa parroquial de San Xulián de Laiño e logo a comida foi no restaurante Scala.

 

Durante a xornada puideron disfrutar dunha exposición de labores realizadas polas participantes do obradoiro de Seráns de Labores e Fíos organizado polo concello durante o curso pasado. Despois da comida riron con ganas cunha actuación humorística e posteriormente bailaron ata rematar a xornada.

 

Os maiores de Dodro foron recibidos polo alcalde e a concelleira de Servizos Sociais e Igualdade, a cal abriu o acto. A concelleira, Marisol Boga, deu a benvida a todos os asistentes e tivo un recordo moi especial para todas aquelas persoas “que nos deixaron” ao longo do ano e manifestou o seu recoñecemento a todos eles neste día.


En relación aos cambios da festa mencionou que esperaba foran en beneficio da mesma agradecendo a asistencia de todos e o desexo de compartir ese día todos xuntos. Comentou que organizaron e prepararon a festa con moito cariño e que “de todas as funcións que teño encomendadas no Concello, esta é a máis satisfactoria de todas”.

 

Posteriormente realizouse un recoñecemento á muller e ao home máis maiores asistentes á festa. A muller máis maior foi Josefa Sóñora Abuin de Teaio, nacida en 1915 e o home foi Gerardo Fernández Casal de Lestrobe nacido en 1922. Ambos recibiron, como recordo dese día,  unha figura de Sargadelos gravada en prata que representaba a dous maiores.

 

Para rematar antes do xantar doulles a benvida o alcalde, quen recoñeceu a labor de todos os maiores, axudando a construír un país mellor exercendo a solidariedade dun xeito que é exemplo para as xeracións presentes e vindeira. Recordou a mala situación económica pola que está a pasar o concello pero “podemos e debemos saír adiante, e deixar atrás canto antes as dificultades que agora nos presionan”. Para rematar dixo que “os que conformamos hoxe o goberno, traballamos para que vos sigades sentindo orgullosos do voso concello”.

Posted via email from Certo.gl, o xornal dixital de Barbanza e Noia

Noia: do venres 3 ao domingo 5 de agosto, torneo de baloncesto internacional feminino

Muros: denuncian a parálise do novo edificio xudicial que ían facer na vila

  • O Psoe di que hai tres anos que estaba previsto
  • Pedirán no Parlamento que se constrúa na parcela cedida polo Concello e co proxecto xa redactado dende hai tres anos

Vista do Concello de Muros


Muros, 30 de xullo de 2012. O portavoz da área institucional do Psoe, José Manuel Lage, vai interpelar no novo periodo de sesións ao goberno galego para reivindicar na Xunta a execución dun edificio que aloxe as dependencias do xulgado de primeira instancia do partido xudicial de Muros.O que hai actualmente está no interior da casa consistorial muradana.

”Existe non só o proxecto, senón que o anterior goberno deixou unha partida económica de máis dun millón e medio de euros para a citada infraestrutura xudicial”, explicou Lage Tuñas, quen lembrou que “o goberno socialista de Pérez Touriño redactou o proxecto e adxudicouno. Cando chegou Feijóo á presidencia da Xunta, o seu goberno anulou a adxudicación e tivo que indemnizar á empresa afectada”. “Sempre entendimos que a sede xudicial de Muros ubicada dentro da casa do Concello estaba alí de forma temporal e que o propio era dotar ao Partido Xudicial cun edificio propio onde se ubicaría o xulgado de primeira instancia, entre outros servizos” explica Lage Tuñas.

Millón e medio de euros para o novo xulgado

”Existe ademais non só o proxecto, senón que o anterior goberno deixou unha partida económica de máis dun millón e medio de euros para a citada infraestrutura xudicial”, sinalou o Portavoz da Área Institucional do Grupo Socialista, José Manuel Lage, quen vai interpelar ao goberno galego no comezo do novo período de sesións no parlamento galego, para reivindicar diante da Xunta de Galicia a execución dun edificio destinado a albergar as dependencias do xuzgado de primeira instancia do partido xudicial de Muros.

Posted via email from Certo.gl, o xornal dixital de Barbanza e Noia

Twitter

Related Posts with Thumbnails Banner: Regale selva tropical