- Asistiron máis de 150 persoas á cerimonia, nun acto ameno e con moi boa sintonía entre autoridades, premiados e público
Ribeira, 30 de xullo de 2012.- O Concello viviu no día de onte a gala de entrega dos seus premios institucionais que, nesta XIV edición, recaeron en Quico Cadaval na categoría de Cultura, Cruz Vermella de Riveira en Traballo Desinteresado, e David Chipperfield en Traballo Ben Feito.
Máis de 150 persoas asistiron á cerimonia que se desenvolveu no restaurante Baiuca, na parroquia de Artes; entre eles o alcalde Manuel Ruiz, a conselleira do Medio Rural e do Mar, Rosa Quintana; a presidenta das Amas de Casa (entidade que colabora na organización), Magdalena Bringas; os rexedores de Boiro e A Pobra, Juan José Dieste e Isaac Maceiras; e un longo etcétera de autoridades e veciños que quixeron estar presentes neste evento de carácter anual.
Sen perder a solemnidade propia deste tipo de celebracións, a comida-festa caracterizouse tamén por unha gran amenidade e distensión, grazas en boa medida á disposición dos propios galardoados, unha amenidade da que se contaxiaron as autoridades e os propios espectadores, que mesmo interromperon varias veces cos seus aplausos o acto.
Un dos que máis influíron no carácter distendido da gala foi o polifacético artista Quico Cadaval, quen, tras recibir de mans de Magdalena Bringas o seu galardón (consistente nunha escultura orixinal obra do creador Miguel Couto), espertou en varias ocasións as gargalladas do público coas súas ocorrencias.
Cadaval: o patrimonio inmaterial
Quico Cadaval significou durante a súa intervención que a parroquia de Carreira da que procede a súa familia e a cidade de Ribeira na que naceu son para el territorios míticos onde se sinte “capaz de colocar calquera suceso extraordinario”. A este respecto, lembrou a súa infancia na taberna da súa nai, onde recibía “sen filtro” todo tipo de historias e persoaxes que se converteron en materia do seu traballo. Tamén quixo facer unha lembranza especial a Antonio Novo, propietario do desaparecido bar Nordeste, por demostrar a transcendencia “da aventura de cada persoa anónima” e puxo en valor a importancia do patrimonio inmaterial como “alimento das persoas”.
Previamente, Ángeles Cores, como presidenta de Cruz Vermella de Riveira, recibiu a distinción que lle entregou a conselleira Rosa Quintana.
Acción humanitaria
Ángeles Cores salientou a importancia da colaboración das administracións e entidades sociais e manifestou a necesidade de saibamos valorar “o moito que temos”. Tamén enumerou algunhas das accións solidarias que está a impulsar esta organización humanitaria, como o ropeiro social, a entrega de alimentos, o desenvolvemento de clases e asesoramento a inmigrantes, cursos de primeiros auxilios, charlas nos colexios ou salvamento marítimo a través da súa embarcación “Marte”. Tamén salientou o labor desenvolvido polos voluntariose e voluntarias que cooperan coa institución.
Manuel Ruiz entregou o obsequio polo traballo ben feito ao arquitecto inglés David Chipperfield, que ten a súa residencia de lecer, deseñada por el mesmo, na parroquia de Corrubedo.
Chipperfield: premio por estar de vacacións
David Chipperfield ofreceu unhas verbas en inglés que se encargou de traducir a súa muller Evelyn. Así tras bromear con que “é a primeira persoa que recibe un premio por estar de vacacións”, este profesional londinense –un dos arquitectos máis laureados do mundo, segundo recordaría despois o alcalde- lembrou que leva vinte anos veraneando neste “lugar marabilloso” e declarou que “a veces é necesario que alguén veña de afora para recordar o tesouro que temos, pois con frecuencia damos por descontadas as cosas fermosas que hai ao noso arredor”. Neste senso, proclamou que “nestes tempos difíciles debedes recordar que tedes nesta terra un tesouro sen igual que ninguén pode tomarvos”. E sentenciou: “Por favor, “coidádeo”.
Finalmente chegaría o momento das intervencións das autoridades, falando en primeiro lugar a presidenta das Amas de Casa, quen recordou algúns dos persoeiros xa falecidos que recibiron este premio en anteriores edicións, como é o caso de Gonzalo Torrente Ballester, Isaac Díaz Pardo ou Francisco Lorenzo, quen fora cura de Aguiño.
Manuel Ruiz lembrou as orixes deste certame, que naceu por iniciativa da xenerosidade de Román Padín (propietario de La Onza de Oro) coa colaboración das Amas de Casa e manifestou o orgullo do Concello de seguir celebrándoo. En referencia aos galardoados, manifestou que é para el unha satisfacción poder organizar este sinxelo acto, pois “son eles co seu traballo os que durante a toda a súa vida están premiando a Ribeira”.
Posted via email from Certo.gl, o xornal dixital de Barbanza e Noia
No hay comentarios:
Publicar un comentario