27.10.10

Lousame: os concellos que envian o seu lixo á planta de reciclaxe abordarán o problema da mesma nunha moción nos seus plenos

A maioría dos concellos manifestaron a súa disposición a apoiala, pero o de Ames non será un deles. O comité de empresa di que Carlos Fernández, con esta actitude, retrátase como un "alcalde moroso"

O de Ames é o concello que máis endebedado está coa planta de Servia. O seu alcalde, o socialista Carlos Fernández, é tamén presidente da Federación Galega de Municipios e Provincias

Lousame, 27 de outubro de 2010. Nos próximos días diversos concellos da Mancomunidade do Barbanza e outros adheridos ao sistema de recollida e tratamento de residuos sólidos urbanos levarán ao pleno unha moción elaborada polo propio Comité de Empresa, en apoio á planta de reciclaxe de Lousame. A maioría xa manifestaron a súa disposición a aprobala, agás o concello de Ames, onde o seu alcalde, Carlos Fernández, non admitiu a moción como tal e remitiuna a “Rogos e preguntas”. O Comité de Empresa agarda que Fernández rectifique e se comporte como Presidente da Federación Galega de Municipios e Provincias e non como un alcalde “moroso”.

A moción ten como obxectivo que os concellos manifesten o seu “firme compromiso co sistema de recollida, tratamento e xestión de Residuos Sólidos Urbanos de Lousame e a Mancomunidade do Barbanza”, garantindo a súa participación no mesmo e co compromiso de non optar por un modelo diferente de xestión de RSU; apoiar e respaldar todas as iniciativas e plans aprobados pola Mancomunidade de Concellos da Serra do Barbanza encamiñadas a garantir o pago da débeda contraída coa empresa concesionaria do servizo nos prazos estabelecidos pola Mancomunidade, nomeadamente aprobar e ratificar as retencións a efectuar pola Xunta de Galiza do Fondo de Cooperación Local que lle correspondan a este concello nas contías e prazos aprobados pola Mancomunidade e que garantan a viabilidade da planta e a amortización da débeda.

Inclúe ademais o compromiso de adecuar os orzamentos de cada concello para o ano 2011, para garantir o cumprimento do pagamento mensual do canon do lixo. “A estes efectos”, di textualmente, “o orzamento deberá contar cunha contía específica que se corresponda coas cantidades a pagar correspondentes ao ano 2011 e que se destinarán exclusivamente a este obxectivo” e conclúe co acordo de realizar todas as actuacións necesarias para demandar da Xunta de Galiza a resolución favorable do actual conflito existente coa recicladora ECOEMBES e garantir a recollida e pagamento do 100% do envase lixeiro reciclado na Planta de Lousame.

O Comité de Empresa contactou, para levar aos plenos dos distintos concellos esta moción, tanto coas alcaldías como cos grupos da oposición. No concello de O Son, a propia alcaldía é quen a presenta no pleno que terá lugar o vindeiro venres. Do mesmo xeito farán os alcaldes de Lousame e de Brión, onde a data de celebración dos plenos están pendentes de confirmar.

A moción tamén entrará para o seu debate e aprobación, nos plenos que se celebrarán en Pontecesures e Carnota. En Noia será a oposición quen a tramite e en Ames, onde foi presentado como moción polo BNG, o seu alcalde, Carlos Fernández, relegouna ao punto da orde do día de “Rogos e Preguntas”.

O pleno de Ames celebrarase mañá xoves, día 28 de outubro, ás 20:30 horas e os traballadores/as anuncian que asistirán para comprobar se o edil se comporta á altura do seu cargo como Presidente da FGAMT ou como un alcalde “moroso”. Do pagamento das débedas que o concello de Ames ten contraídas dependen a viabilidade da planta e a continuidade dos 150 postos de traballo.

Vía Cig

Posted via email from Certo.gl, o xornal dixital de Barbanza e Noia

A Pobra: "Gran Cambio", o programa sacamantecas da televisión autonómica, rodará esta tempada na vila


A Pobra do Caramiñal, 27 de outubro de 2010. "Gran Cambio", un programa da televisión autonómica galega que somete a probas aos seus concursantes para variar o seu aspecto físico, presentouse esta tarde na Casa do Concello. Ficción Producciones, a mesma produtora que gravou na illa de Sálvora "Mar libre", é a encargada deste espectáculo no que uns voluntarios se comprometen, aconsellados por expertos, a baixar os quilos de graxa que cren que lles sobran.

O programa presume de que na tempada anterior fixo baixar 132 quilogramos a 13 concursantes (facíase de xeito colectivo), mais desta volta vai haber un só gañador, xa que, aínda que comezarán en grupos, logo de varias expulsións, só poderá quedar un (lembran aquela frase mítica da película protagonizada por Christopher Lambert, "Os inmortais"? Pois igual, pero aquí no canto de perder a cabeza, perdes sebo corporal).

Na imaxe, Isaac Maceiras no centro; a presentadora Mariana Carballal á dereita e o produtor do programa, Julio Casal, á esquerda. Nos extremos, dúas das concursantes pobrenses.

"Gran Cambio" busca implicar a toda A Pobra no espectáculo. Para iso argallará visitas ao mercadillo para facer unha compra saudable, a tendas para mercar bo, bonito e barato, e tamén a algún restaurante para cociñar ao xeito os alimentos mercados. Falarán tamén en cada programa cunha famosa ou un famoso, aínda que non adiantaron ningún nome. Este personaxe mediático contará como se coida para lucir a súa figura (agardamos que traian gordos tamén, que non se convirta a televisión nunha ditadura dos esqueléticos). Entre pitos e frautas, botarán na Pobra uns tres meses.

A produtora ofreceu datos e fotos dos que van concursar, que poñemos a continuación.

Posted via email from Certo.gl, o xornal dixital de Barbanza e Noia

Mar: o Psoe pregunta á Xunta polo furtivismo na Ría de Muros e Noia

Noia, 27 de outubro de 2010. A deputada socialista Marisol Soneira presentou unha pregunta hoxe no Parlamento para que a Xunta de Galicia se pronuncie sobre episodios de furtivismo na Ría de Muros e Noia. En concreto fala dun episodio dun buzo que mariscaba e foi sorprendido por vixiantes da confraría de Muros, cos que houbo un enfrontamento. Polo que denuncian os socialistas, os froitos do mar máis esquilmados nesta zona por "pseudo pescadores deportivos" son navallas e centolas. O Psoe quere saber se a Consellería de Mar se vai presentar como acusación particular polos feitos citados.


 

Posted via email from Certo.gl, o xornal dixital de Barbanza e Noia

Ribeira: este xoves 28, Contacontos pola igualdade na escola municipal ás once da mañá


Imaxe da presentación. Foto: Deputación de Coruña
Ribeira, 27 de outubro de 2010. Este xoves 28, ás once da mañá na escola municipal, haberá unha sesión de contacontos dentro da campaña "Contacontos pola igualdade" que impulsa a Deputación de Coruña. Esta actividade roldará por oito concellos da provincia e Ribeira será a primeira parada e o único de Barbanza e Noia.

Os outros concellos no que se representará o contacontos son  Ames, Arteixo, Cambre, Carballo, Culleredo, Narón e Oleiros. 

O circuíto de actuacións foi dado a coñecer esta mañá pola deputada responsable da área de Igualdade da institución provincial coruñesa, Silvia Seixas, que destacou que con esta iniciativa a Deputación pretende contribuír a educar aos pequenos “nos valores do respecto, a tolerancia, e igualdade”.

Os contacontos representarán as tres obras da colección de Edicións Embora A igualdade conta, tituladas O pai dos mandóns, O segredo de Flora e A urna dos desexos, escritas por Cristina Justo e Paloma Rodríguez, dos que a Deputación da Coruña adquiriu 450 libros (150 exemplares de cada título) que serán distribuídos aos concellos e bibliotecas públicas da provincia para fomentar a igualdade de xénero entre os lectores máis novos.

Con esta acción, segundo explicou a deputada provincial, a Deputación pretende paliar “a eiva importante que existía no material de igualdade destinada aos nenos”. As obras están pensadas para cativos entre os 3 e os 10 anos de idade.

Posted via email from Certo.gl, o xornal dixital de Barbanza e Noia

Twitter

Related Posts with Thumbnails Banner: Regale selva tropical