1.8.10

Boiro: Juancho Armental enfróntase ao reto Sálvora-Barraña a nado por segunda vez esta primeira quincena de agosto


Armental, en plena nadada nun reto do ano 2009. Foto: Dani Gestoso

Boiro, 1 de agosto de 2010. Tras superar unha lixeira lesión nun ombreiro  Juancho Armental ultima a súa preparación para o seu complexo e vindeiro reto persoal. Nunha data aínda por sinalar desta quincena de agosto percorrerá, en "Loitar contra o Imposible", os máis de 21 quilómetros de distancia que separan na Ría de Arousa a Illa de Sálvora (enfronte a Ribeira) e a praia de Barraña, na súa localidade natal de Boiro.

As condicións mentais deste afrontador de retos están fortes, tralo éxito acadado por Juancho Armental na primeira das súas travesías para este ano 2010 celebrada o pasado sábado día 10 de xullo entre Vilagarcía de Arousa e Pontecesures (16 quilómetros), pola que se convertiu no primeiro galego da Historia en facer a nado a Ruta Marítima Xacobea polo Río Ulla. Nesa fazaña rebaixou o tempo acadado por David Meca en 3 horas e 32 minutos (aínda que se fixeron catro quilómetros menos),

 
Segundo intento

Foto: Dani Gestoso

Esta travesía entre Sálvora e Barraña xa a intentara o ano pasado e rematou co ingreso médico de Juancho Armental a consecuencia dunha hipotermia (baixoulle a temperatura do corpo a 30 graos) e unha hipoglucemia (os niveles baixáronlle a 32), causadas polas inclemencias metereolóxicas naquela ocasión.

 
O deportista boirense agradece a todos de antemán "o trato e a cobertura que nos prestáchedes na anterior proba, que serviu a modo de test de cara á proba raiña a celebrar como vos comento en agosto. Agardamos nestas derradeiras semanas a colaboración e o patrocinio daquelas empresas que aposten polo deporte e por este xeito de vivir, que vincula a éstas e á súa imaxe de marca a valores como a superación persoal, á loita, á planificación profesional, ao esforzo e a un sinfín de inputs que tanto a nivel persoal coma profesional son condicións sine qua non para acadar as metas fixadas".


Foto: Dani Gestoso

ALGÚNS DATOS DESTE VINDEIRO RETO:

 SAÍDA: Illa de Sálvora.
 
HORA DE SAÍDA: Por confirmar.
 
CHEGADA: Praia de Barraña (Boiro). 
 
QUILÓMETROS: arredor de 25
 
OBXECTIVO: Ser a primeira persoa da historia en cruzar e atravesar toda a ría de Arousa (xa cruzou o ano pasado desde Vilagarcía hasta A Pobra do Caramiñal).

ADESTRAMENTOS: Todas as tardes na praia de Carragueiros en Boiro baixo as ordes do seu adestrador persoal, Jesús Silva. Cando se realice o reto, Juancho terá superados os 500 quilómetros desde que comenzou a súa preparación no mes de xaneiro deste ano.

Para maior información: http://juanchoarmental.blogspot.com/.

Posted via email from Certo.gl, o xornal dixital de Barbanza e Noia

Rianxo: o VIII Certame de baile e música tradicional "Aleivosía", este sábado 7 de agosto

Porto do Son: o Curro da Enxa volta, seis anos despois de non celebrarse, este sábado 7 e domingo 8 de agosto


Logo do duro inverno pasado, algúns cabalos do Son van ser rapados esta vindeira fin de semana

Porto do Son, 1 de agosto de 2010. Os gandeiros de Porto do Son, logo de seis anos de parálise, retoman esta fin de semana o Curro da Enxa. A comunidade de montes de Baroña chegou a un acordo para alugar o recinto onde se celebra durante dez anos, polo que a súa continuidade queda garantida durante esta próxima década.

O sábado 7 de agosto haberá, ás once da mañá, certame morfolóxico e concurso de estampa e beleza. Remata cunha monta salvaxe (xinetes a pelo nos animais, e gañarán os que máis aguanten enriba da montura).

O domingo 8 de agosto madrugarán para baixar os cabalos ao curro, onde ás dez aproximadamente van ser marcadas e rapadas (o que se coñece como rapa das bestas). Logo haberá outros concursos cabalares e pola tarde, dende as catro, carreiras de équidos.

Un gran afeccionado a este curro, o nebrense Paco do Martelo, estará de noraboa. Nesta entrada do seu blog sobre Nebra cóntanos os motivos que levaron a suspender esta actividade tradicional en Porto do Son e tantos outros lugares de Galicia.

Posted via email from Certo.gl, o xornal dixital de Barbanza e Noia

Boiro: o Concello detalla actividades de interese no municipio e arredores para agosto e setembro


Entre as actividades cerca do Concello recollen a Festa do Pemento de Herbón (en Padrón)


Download now or preview on posterous
Paseate con nos.pdf (197 KB)

Download now or preview on posterous
Verán 2010 Boiro.pdf (101 KB)

Posted via email from Certo.gl, o xornal dixital de Barbanza e Noia

Ribeira: o luns 9 de agosto, como colofón ás Festas do Verán, "Etheria sae ao teu paso"

Ribeira, 1 de agosto de 2010. Como complemento á programación das Festas de Verán, a praza do Concello de Ribeira vai acoller o vindeiro luns día 9 de agosto, a partir das nove da noite, a actividade Camiños en Danza. Ethéria sae o teu paso. Trátase dun espectáculo impulsado polo Centro Coreográfico Galego coa finalidade de promocionar a danza entre distintos concellos do Camiño de Santiago: ademais de Ribeira, Santiago de Compostela, Fisterra, Muxía, Vilagarcía e O Cebreiro.

Camiños en Danza. Ethéria sae o teu paso é unha variación do espectáculo Ethéria. A viaxe soñada. A viaxe de Ethèria é unha historia fascinante que traza un percorrido de unión entre os grandes centros de peregrinación cristiá. Ao mesmo tempo, é unha historia incompleta: nos datos da viaxe, xa que non se conservan todas as follas do manuscrito que a relata; e no seu remate, ao perderse a pista de Ethèria e non confirmar se efectivamente regresou a Galicia. O espectáculo ten unha duración de 25 minutos e un elenco formado por seis bailaríns e un percusionista. Está organizado por AGADIC coa colaboración do Xacobeo e da Concellería de Cultura e Festexos de Ribeira.

O novo espectáculo do Centro Coreográfico Galego parte do suposto de que esa viaxe foi posible, dende Xerusalén ata Compostela; e amosaránola a través da música, a imaxe e a danza, evocando sentimentos e sensacións en cada un dos lugares polos que transcorre. 

Toda a información da obra orixinal na web do Centro Coreográfico Galego, aquí

Posted via email from Certo.gl, o xornal dixital de Barbanza e Noia

Ribeira: Ámbar celebrou a súa Festa do Verán, con Tonhito de Poi como invitado de honra

Ribeira, 1 de agosto de 2010. O pasado xoves 29 de xullo, a Asociación  ÁMBAR organizou a xa tradicional festa ó aire libre, que cada ano vén realizando con motivo de fin de curso do Centro Ocupacional.

A xornada comezou pola mañá cunha excursión polos paseos peaonís de Ribeira e cunha parada para refrescarse na terraza do Bar Plaza, onde os mozos  foron convidados a uns petiscos.

Coa chegada do mediodía desprazáronse ata o merendeiro de Couso para disfrutar dunha churrascada preparada polos propios monitores e coa axuda dos usuarios. Nesta ocasión contouse tamén coa presenza dun convidado de excepción, Toñito de Poi, quen tivo a oportunidade de mostrar as súas habilidades como cociñeiro afeccionado, colaborando dende o primeiro momento nas labores culinarias.

A xornada transcorreu cunha amena sobremesa na que o artista de Poi animou ós presentes coa súa guitarra e a súa voz, dando opcións para que os máis talentosos mostrasen as súas dotes artísticas.

Posted via email from Certo.gl, o xornal dixital de Barbanza e Noia

Dodro: aprobado por unanimidade o Plan de Igualdade de Oportunidades


Mulleres e homes de Dodro nun xogo tradicional

Dodro, 1 de agosto de 2010. No pleno ordinario do mes de xullo celebrado o día 30, o pleno da corporación aprobou por unanimidade o Plan para a igualdade entre mulleres e homes a proposta da concelleira nacionalista Victoria Rei, responsable da concellaría de Igualdade e Benestar.

Para a elaboración do mesmo fíxose un estudo da súa poboación e, resultado do mesmo, propóñense unha serie de obxetivos:

1.- Sensibilizar á poboación para o cambio de roles e estereotipos tradicionais de
xénero
2.- A participación das mulleres en tódolos eidos da vida pública
3.- O reparto dos tempos adicados ó traballo, á familia e ás responsabilidades
domésticas
4.- Formar á poboación infantil e xuvenil en igualdade
5.- Prevención da violencia de xénero e fomento do bó trato.

Para a consecución dos mesmos deseñáronse 84 accións que afectan ás distintas
concellarías para traballar o obxetivo da igualdade de forma transversal. A elaboración
do mesmo foi posible coa financiación da Deputación de A Coruña, e posteriormente
editarase para a súa difusión pública (xa o poden ler aquí na Rede, adxunto).

A concelleira nacionalista Victoria Rei amosou a súa "satisfación por ter sacado adiante esta proposta coa unanimidade de todos os grupos políticos, pois abarca ata o 2012, máis alá desta lexislatura e o consenso arredor da igualdade permitirá que estes obxetivos se manteñan, convencida de que a igualdade favorece a mulleres e homes".

Posted via email from Certo.gl, o xornal dixital de Barbanza e Noia

Colaboración: Ramón Torrado fala da importancia de coidar as nosas fontes

"Penso de verdade que estas fontes e fontenlas son, como a froita, un tesouro que nos acompaña no noso paso polo mundo, e un símbolo de riqueza que as entrañas do noso país nos regala. Debemos amar as nosas fontes como as amaba aquela muller que é a que mellor nos representa, unha muller das terras de Padrón chamada María Rosalía Rita Martínez de Castro, e asegurar que os nosos descendentes tamén dispoñan destes ríos de vida".
O artigo enteiro en http://certo.es/index.php?page=as_fontes_en_barbanza

Posted via email from Certo.gl, o xornal dixital de Barbanza e Noia

Twitter

Related Posts with Thumbnails Banner: Regale selva tropical