1.8.10

Ribeira: o luns 9 de agosto, como colofón ás Festas do Verán, "Etheria sae ao teu paso"

Ribeira, 1 de agosto de 2010. Como complemento á programación das Festas de Verán, a praza do Concello de Ribeira vai acoller o vindeiro luns día 9 de agosto, a partir das nove da noite, a actividade Camiños en Danza. Ethéria sae o teu paso. Trátase dun espectáculo impulsado polo Centro Coreográfico Galego coa finalidade de promocionar a danza entre distintos concellos do Camiño de Santiago: ademais de Ribeira, Santiago de Compostela, Fisterra, Muxía, Vilagarcía e O Cebreiro.

Camiños en Danza. Ethéria sae o teu paso é unha variación do espectáculo Ethéria. A viaxe soñada. A viaxe de Ethèria é unha historia fascinante que traza un percorrido de unión entre os grandes centros de peregrinación cristiá. Ao mesmo tempo, é unha historia incompleta: nos datos da viaxe, xa que non se conservan todas as follas do manuscrito que a relata; e no seu remate, ao perderse a pista de Ethèria e non confirmar se efectivamente regresou a Galicia. O espectáculo ten unha duración de 25 minutos e un elenco formado por seis bailaríns e un percusionista. Está organizado por AGADIC coa colaboración do Xacobeo e da Concellería de Cultura e Festexos de Ribeira.

O novo espectáculo do Centro Coreográfico Galego parte do suposto de que esa viaxe foi posible, dende Xerusalén ata Compostela; e amosaránola a través da música, a imaxe e a danza, evocando sentimentos e sensacións en cada un dos lugares polos que transcorre. 

Toda a información da obra orixinal na web do Centro Coreográfico Galego, aquí

Posted via email from Certo.gl, o xornal dixital de Barbanza e Noia

No hay comentarios:

Twitter

Related Posts with Thumbnails Banner: Regale selva tropical