10.1.11

A Pobra: remataron as obras de acondicionamento dos locais da policía, que conta cunha novo moto

A Pobra do Caramiñal, 10 de xaneiro de 2010. O pasado mes de agosto a Consellería de Presidencia, Administración Públicas e Xustiza convocara a cesión en propiedade aos concellos de Galicia de vehículos especialmente preparados para as funcións da policía local e o concello pobrense presentou entón a súa solicitude. Medio ano despois, presentouse o novo vehículo con que contan as forzas de seguridade da policía local: unha motocicleta Piaggio X7 300 I.E.

  Ten un motor monocilíndrico de catro tempos, 278 cm3 de cilindrada, 22,4 CV de potencia e está dotada "da máis moderna tecnoloxía como a inxección directa e o cambio de marchas por variador automático C.V.T. con servidor de par e que cumpre coa normativa Euro 3 de emisións, a máis alta para motocicletas", explican dende o equipo de goberno local. Con esta nova incorporación, o parque móbil da policía local ten tres vehículos lixeiros, un todo terreo e dúas motos. 

     Dependencias listas

     Por outra banda, tamén remataron as obras de acondicionamento das dependencias da policía local que se estiveron a levar a cabo ao abeiro do convenio asinado entre o concello da Pobra do Caramiñal e a Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza.    Arranxouse o tellado, que antes tiña filtracións e colocouse de novo o porche de entrada ás dependencias policiais.   O importe destas actuacións foi de 25.000 € totalmente sufragados pola Consellería..

   O concello da Pobra agradece á Consellería da Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza a cesión deste vehículo e as obras de acondicionamento "que mellorarán de xeito notable o servizo que a nosa policía local presta aos nosos veciños", conclúen.

Posted via email from Certo.gl, o xornal dixital de Barbanza e Noia

Ribeira: o senador Torres Colomer pregunta ao goberno polos topes de bacaladilla


Ribeira, 17 de xaneiro de 2011.- O senador e alcalde de Ribeira José Luis Torres Colomer vén de presentar ante a Cámara Alta unha pregunta, dirixida ao Goberno do Estado, interesándose polas medidas que pensa adoptar o Executivo ante a “drástica redución” da cuota de bacaladilla no Cantábrico e no noroeste da Península Ibérica, acordada o pasado decembro en Consello de Ministros de Pesca da UE. 

A este respecto, o senador expón que non existe causa que xustifique unha rebaixa do 93% sobre o TAC de lirio, pasando de 11.771 toneladas a só 824. A este respecto, alerta de que, en caso de manterse a redución da cuota, o referido caladoiro estará pechado xa antes de finalizar o mes de abril, segundo estimacións da propia flota arrastreira que faena na zona. 


Dita rebaixa vai en contra do sector pesqueiro e do emprego e, de non tomar o Goberno medidas urxentes ao respecto –asevera Torres Colomer-, poñería incluso en risco a supervivencia de moitos postos de traballo, tanto directos como indirectos, ligados a portos tan importantes como Ribeira, A Coruña, Muros, Cudillero, Avilés ou Ondarroa. 

Porto de A Coruña

A pregunta formulada por José Luis Torres será debatida no Senado en próximas datas.

 

Posted via email from Certo.gl, o xornal dixital de Barbanza e Noia

Turismo: Arousa Norte gardará os seus segredos co resto de Galicia en Fitur entre o 19 e o 23 de xaneiro en Madrid

A Mancomunidade dos catro concellos de Barbanza partillará espazo nos 1.400 metros cadrados do stand galego

Barbanza, 10 de xaneiro de 2011. A Sociedade de Imaxe e Promoción Turística de Galicia, Turgalicia, dependente da Consellería de Cultura e Turismo, instalará o seu stand institucional para a promoción do Turismo de Galicia na Feira Internacional do Turismo de Madrid, Fitur 2011, entre os días 19 e 23 de xaneiro. Serán 1.421 metros cadrados de superficie dedicados á difusión turística da comunidade galega nun dos principais mercados do mundo. Uns poucos metros cadrados acubillarán os segredos de Arousa Norte, que promocionarán Boiro, A Pobra do Caramiñal, Rianxo e Ribeira.


Este ano, o stand da Xunta de Galicia presentará a Marca turística da comunidade galega: Galicia, gárdasme o segredo?, transmitindo os seus valores emocionais (baseados no resultado dun estudo recente elaborado por Turgalicia no que se recollen aquelas percepcións que destacan na mente dos consumidores ou potenciais turistas con respecto a Galicia: autenticidade, misterio, maxia, sosego, a conexión cun mesmo e cos demais, nostalxia, o caracter acolledor e amable, etc). Tendo en conta estas claves, e baixo unha estética moi coidada e de calidade, sempre segundo a Xunta, o espazo representa a Galicia como un soño, un destino con personalidade propia onde os aspectos máis emocionais conectan con realidades concretas, onde esas sensacións ou soños poden ser vividos. Tamén se destacan aqueles elementos que nos diferencian e personalizan nun espazo escenográfico de grande atractivo e impacto visual para os visitantes.

O 800 aniversario da catedral de Santiago tamén será promocionado

Asemade, o stand difunde a totalidade da oferta turística galega: destinos, produtos e recursos, á vez que dá a coñecer os dous fitos do ano 2011: a Cidade da Cultura de Galicia e o 800 Aniversario da Catedral de Santiago. O atractivo refórzase coa inclusión de zonas de proxeccións interactivas que somerxen ao visitante por recorridos fantásticos de Galicia.

O stand de Galicia contará con 16 coexpositores que mostrarán de xeito concreto a súa oferta turística. Así, estarán presentes: Deputación da Coruña, Padroado de Turismo da Provincia de Lugo, Padroado Provincial de Turismo de Ourense, Turismo Rías Baixas, Mancomunidade de Municipios Ría de Arousa-Zona Norte, Asociación de Desenvolvemento Turístico da Mariña Lucense, Mancomunidade de Municipios da Terra Chá, Consorcio de Turismo Ribeira Sacra, Mancomunidade Terras de Pontevedra, Turismo da Coruña, Concello de Ferrol, Turismo de Santiago, Concello de Lugo, Turismo de Ourense, Turismo de Pontevedra e Turismo de Vigo.

Ao longo das xornadas, o espazo de promoción do Turismo de Galicia albergará distintos actos de presentación de destinos e produtos turísticos, ademais de actuacións dirixidas a todo tipo de públicos.

Posted via email from Certo.gl, o xornal dixital de Barbanza e Noia

Porto do Son: a homenaxe a Ramón Sampedro fornécese este ano con dous días de debates sobre morte digna


Os integrantes da asociación Dereito a Morrer Dignamente son os principais organizadores

Porto do Son, 10 de xaneiro de 2011. A tradicional homenaxe ao xuñense Ramón Sampedro durará tres días este ano. Comezará o vindeiro venres, 14 de xaneiro, cunha charla sobre morte digna e dispoñibilidade da propia vida, no centro sociocultural de Fontiñas en Santiago de Compostela. Nela participarán María Jesús Díaz Veiga, profesora de Dereito Procesal na Universidade Carlos III de Madrid; Luis Villares Naveira, maxistrado e coordinador en Galicia de Xuíces para a Democracia e o famoso doctor Luís Montes, actual presidente federal da asociación Dereito a Morrer Dignamente. Coordina Mar Martín García, concelleira de Benestar Social do Concello de Santiago a actividade, que comeza ás oito da tarde.


Cantís da praia das Furnas, onde Ramón Sampedro se mancou e quedou tetrapléxico

Xa o sábado, 15 de xaneiro, ás catro da tarde, haberá un roteiro pola memoria de Ramón Sampedro, cos lugares que marcaron a súa traxectoria vital ou nomeou nos seus escritos, como o río Sieira ou mesmo a súa casa natal. Logo farase un debate no local social da asociación de veciños Sartaxas. Os interesados deben agardar no hotel restaurante Arnela II, onde se lles recollerá ás 15:30.

O domingo 16 de xaneiro, á unha da tarde, terá lugar a tradicional homenaxe no lugar onde tivo o accidente que deixou inválido a Sampedro. Este ano inaugurarase un busto coa súa figura, diante do cal se fará a homenaxe floral e poética. A continuación haberá comida en Porto do Son, no restaurante do Arnela II.

Un ano importante para o que desexaba Sampedro


Se non se adía, este ano 2011 pode ser moi importante para que se cumpra o que durante tantos anos pediu Ramón Sampedro no seu leito: que haxa unha lei que regule a eutanasia e o dereito a morrer dignamente. Portavoces do goberno socialista sinalaron, templando gaitas, que non será unha lei da eutanasia en sentido estricto, e que levará como nome "Lei de Coidados Paliativos e Morte Digna".
Segundo o que trascendeu ata agora, a devandita lei permitiría que calquera cidadán tivese recoñecido o seu dereito a morrer dignamente, isto é, a morrer sen dor cando a ciencia médica permita que así sexa. Regularía casos que se producen a miúdo nos corredores dos hospitais, cando un médico lle di a un familiar do enfermo que o seu parente morre de todos os xeitos e que o vai pasar moi mal dende esa situación en diante e entón o parente pregunta se non se pode evitar este sufrimento. Os socialistas queren imitar a lei francesa, que cren que é excelente para remediar este tipo de situacións.
Na nova normativa quedarían claros os dereitos do paciente, dos familiares do mesmo e dos profesionais sanitarios, para evitar que se dean situacións como as que se produciron no caso de Ramón Sampedro ou nos numerosos problemas legais que lle plantexaron ao doctor Montes.

Páxina web de referencia:
http://www.eutanasia.ws

Posted via email from Certo.gl, o xornal dixital de Barbanza e Noia

Twitter

Related Posts with Thumbnails Banner: Regale selva tropical