10.1.11

Porto do Son: a homenaxe a Ramón Sampedro fornécese este ano con dous días de debates sobre morte digna


Os integrantes da asociación Dereito a Morrer Dignamente son os principais organizadores

Porto do Son, 10 de xaneiro de 2011. A tradicional homenaxe ao xuñense Ramón Sampedro durará tres días este ano. Comezará o vindeiro venres, 14 de xaneiro, cunha charla sobre morte digna e dispoñibilidade da propia vida, no centro sociocultural de Fontiñas en Santiago de Compostela. Nela participarán María Jesús Díaz Veiga, profesora de Dereito Procesal na Universidade Carlos III de Madrid; Luis Villares Naveira, maxistrado e coordinador en Galicia de Xuíces para a Democracia e o famoso doctor Luís Montes, actual presidente federal da asociación Dereito a Morrer Dignamente. Coordina Mar Martín García, concelleira de Benestar Social do Concello de Santiago a actividade, que comeza ás oito da tarde.


Cantís da praia das Furnas, onde Ramón Sampedro se mancou e quedou tetrapléxico

Xa o sábado, 15 de xaneiro, ás catro da tarde, haberá un roteiro pola memoria de Ramón Sampedro, cos lugares que marcaron a súa traxectoria vital ou nomeou nos seus escritos, como o río Sieira ou mesmo a súa casa natal. Logo farase un debate no local social da asociación de veciños Sartaxas. Os interesados deben agardar no hotel restaurante Arnela II, onde se lles recollerá ás 15:30.

O domingo 16 de xaneiro, á unha da tarde, terá lugar a tradicional homenaxe no lugar onde tivo o accidente que deixou inválido a Sampedro. Este ano inaugurarase un busto coa súa figura, diante do cal se fará a homenaxe floral e poética. A continuación haberá comida en Porto do Son, no restaurante do Arnela II.

Un ano importante para o que desexaba Sampedro


Se non se adía, este ano 2011 pode ser moi importante para que se cumpra o que durante tantos anos pediu Ramón Sampedro no seu leito: que haxa unha lei que regule a eutanasia e o dereito a morrer dignamente. Portavoces do goberno socialista sinalaron, templando gaitas, que non será unha lei da eutanasia en sentido estricto, e que levará como nome "Lei de Coidados Paliativos e Morte Digna".
Segundo o que trascendeu ata agora, a devandita lei permitiría que calquera cidadán tivese recoñecido o seu dereito a morrer dignamente, isto é, a morrer sen dor cando a ciencia médica permita que así sexa. Regularía casos que se producen a miúdo nos corredores dos hospitais, cando un médico lle di a un familiar do enfermo que o seu parente morre de todos os xeitos e que o vai pasar moi mal dende esa situación en diante e entón o parente pregunta se non se pode evitar este sufrimento. Os socialistas queren imitar a lei francesa, que cren que é excelente para remediar este tipo de situacións.
Na nova normativa quedarían claros os dereitos do paciente, dos familiares do mesmo e dos profesionais sanitarios, para evitar que se dean situacións como as que se produciron no caso de Ramón Sampedro ou nos numerosos problemas legais que lle plantexaron ao doctor Montes.

Páxina web de referencia:
http://www.eutanasia.ws

Posted via email from Certo.gl, o xornal dixital de Barbanza e Noia

No hay comentarios:

Twitter

Related Posts with Thumbnails Banner: Regale selva tropical