1.9.10

Noia: a concellería de Tráfico e Seguridade Cidadá informa sobre os novos itinerarios para os vehículos


Noia, 1 de setembro de 2010. A concellería de Tráfico e Seguridade Cidadá, que leva a socialista Rosa Ana Mariño, informa de que comeza a o periodo de proba para o trazado definitivo da circulación de tráfico rodado a de Noia. "Dende fai varios meses estanse a levar a cabo cambios importantes para a circulación de vehículos na nosa vila; fundamentalmente estas modificacións teñen como obxetivo acadar maior fluidez na circulación nas horas principais e ofrecer ao viandante a maior seguridade posible á hora de cruzar as estradas. Isto levou ao grupo de goberno a habilitar nos Malecóns de Gasset e Cadarso dobre sentido de circulación, poñer a rúa do Ferrador de subida e a rúa Rosalía de Castro de sentido único en dirección Muros", explica Mariño.

Pasos de peóns elevados na Barquiña, para protexer máis aos peóns

      "Para a concellería de Tráfico e Seguridade cidadá é prioritaria a seguridade vial, e tentar reducir o número de accidentes de tráfico, especialmente nos que se vexan implicados peóns, como no ano 2009, onde houbo varios accidentes con falecidos. Por iso fixose un investimento superior aos 42.000 euros en pasos de peóns elevados, tentando reducir a velocidade de media do tráfico na vila, primando a seguridade por riba de calquera cousa. Ademais procedeuse á colocación de semáforos e rotondas nas arterias principais de Noia. Esta semana rematará a fase principal do proxecto de semaforización do Plan Estatal: desaparecerán das estradas de Noia as líneas amarelas provisionais e as barreiras new jersey de plástico e no seu lugar teremos a nova organización de tráfico", argumenta.

Nova organización de tráfico en Noia


      Mantense dobre circulación por Malecón de Gasset.
      Pódese subir por rúa Ferrador e coller dirección Santiago por rúa de Galicia ou por rúa Rosalía de Castro.
      Pódese voltar ao centro da vila baixando por rúa Besteiros ou dando volta a rotonda e baixando por Pedra Sartaña. Queda prohibido o xiro á esquerda desde Rosalía de Castro a Pedra Sartaña, de xeito que tódolos vehículos están obrigados a ir á rotonda para coller a dirección desexada. Este cruce estará regulado por semáforos que permitirán aos peóns cruzar con seguridade pulsando o botón, ademáis de regular o tráfico das catro vías que conflúen na rotonda.
      Mantense tamén a dobre circulación no Malecón de Cadarso, ahora regulado por semáforos na intersección con rúa do Espírito Santo e a Ponte de San Lázaro.
      Toda circulación que proveña do Malecón de Cadarso estará obligada a ir á rotonda da Praza das Américas. Queda prohibido xirar á esquerda no Malecón de Cadarso á rúa Escultor Ferreiro, como así se fixo durante os meses de xullo e agosto deste ano 2010.

Punto de posible colisión

      Prodúcese un punto de posible colisión no momento en que se xuntan vehículos que dende a Ponte de San Lázaro queren acceder ao Malecón; vehículos que dende o Espírito santo queren ir a San Lázaro e os vehículos que dende Malecón de Cadarso queren acceder a Escultor Ferreiro. Polo tanto, ante este agravante, a circulación obrigará a tódolos vehículos que veñan do Malecón de Cadarso a ir á rotonda da Praza das Américas en San Lázaro e desde alí elixir a dirección desexada. Así mesmo, aos condutores que saian da rúa Espírito Santo, si se lles permitirá o acceso, regulado por semáforos, a tódalas direccións (Escultor Ferreiro, Malecón de Cadarso e Ponte de S.Lázaro).

Os peóns terán que cruzar cando o semáforo se poña en verde para os viandantes: este é o cambio máis importante nesta zona, pois a maior parte da retención de tráfico era producida polo continuado cruce de peóns. Elimínase o paso de peóns situado na Ponte de San Lázaro, polo que as persoas que circulen a pé por esta zona deberán cruzar con seguridade polos pasos de peóns agora habilitados.

Nos tres últimos días de agosto fíxose a proba para ver como funcionaría o tráfico se se permitía o xiro directo cara á rúa Escultor Ferreiro pero o resultado foi negativo, polo que se procede á correción.  Desde a concellaría de Tráfico tense rectificado ou modificado en numerosas ocasións algunha das decisións adoptadas, como no caso da última reforma dos tráfico en Labarta onde os veciños detectaron erros, que se procederon a corrixir. "Ainda que se fan estudios previos, no tráfico non todo é predicible, e temos claro que temos que estar abertos a corrixir cando sexa posible, non se trata de impoñer nada: o tráfico e cousa de todos, e todos os consellos e propostas dos veciños deben ser estudiadas", salienta Rosana Mariño.
 

      Un cambio que dará máis axilidade ao tráfico é o realizado na rúa de Galicia coa intersección da rúa Rosalía de Castro. Habilitaranse dous carrís: un para os vehículos que circulen dirección Santiago, Muros, Fisterra e outro para os vehículos que van ao centro da vila ou ao Peirao do Marqués baixando directamente pola rúa Besteiros.

      Nesta lexislatura investiuse en tráfico e seguridade cidadá un orzamento de máis de 175.000 euros. Adicados a semaforización, máis de 118.000; na construción de pasos de peóns elevados 42.829,60 e 15.000 para complementar a señalización de velocidade que falta nos pasos de peóns elevados e finalizar a reorganización de tráfico en certas zonas de Noia.

Máis de 300 multas durante o verán

      Coa entrada en vigor da reforma da lei de tráfico o pasado mes de maio, as cuantías das sancións por infraccións de tráfico incrementáronse notablemente. O importe mínimo que se recolle na nova lei é de 80 euros para unha infracción do tipo estacionar en zona reservada a outros usuarios como paradas de taxi,… ou levar a máis persoas das autorizadas nun vehículo. Pero as infraccións máis habituais, como estacionar en dobre fila (obstaculizando a circulación), estacionar sobre un paso de peóns, non respectar unha liña continua, estacionar nun vado autorizado, conducir utilizando o teléfono móbil ou cruzar en vermello un semáforo para peóns suporá para o infractor unha multa de 200 euros. A cuantía máis elevada que prevé a lei aplicaráselle a aquelas persoas que, sen permiso ou sen causa xustificada, instalen, retiren, trasladen, oculten ou modifiquen a sinalización existente na vía; estas son as típicas “gamberradas” de fin de semana de doblar ou arrincar señais de tráfico e según a nova lei a multa aplicable é de 3.000€ para a cal ademáis non é posible a reducción do 50% que se fai no resto das sancións mencionadas se se abonan antes de un mes.

A policía local de Noia, durante os meses de Xullo e Agosto, emitíu 303 sancións de tráfico. No mes de Xullo foron 122 infractores sancionados, o que supón menos de 4 multas ao día, e no mes de Agosto as infraccións castigadas superan as 190, saíndo unha media de 6 sancións ao día.

As rúas de maior actividade policial son, por orde:

Malecón de San Lázaro: por non respectar o sinal de prohibido estacionar en xoves e domingos de 7 a 16h.

Rosalía de Castro: Por estacionar en parada de taxis ou en zona reservada a vehículos oficiais.

Escultor Ferreiro: por estacionar en carga e descarga, parada de taxis e zona de minusválidos.

Malecón de Cadarso: Por estacionar en dobre fila, obstaculizando a circulación e por non respetar o sinal de obligación para a dereita.

Rosana Mariño apuntou que "coa difusión destes datos preténdese dar a maior transparencia posible á xestión municipal. Son datos públicos e aos que a cidadanía ten dereito".

Posted via email from Certo.gl, o xornal dixital de Barbanza e Noia

Porto do Son: U-Tres da un concerto nas festas patronais o venres 10 de setembro

Porto do Son, 1 de setembro de 2010. O grupo de rock U-Tres, formado por Dennis Romero como voz e guitarrista; Arturo Sieira no baixo e Sergio Sieira na batería, darán un concerto o vindeiro día 10 de setembro, venres, na esplanada do porto de Porto do Son, con motivo das festas patronais desta localidade. A hora de comezo estímase sobre as doce e media da noite.

Posted via email from Certo.gl, o xornal dixital de Barbanza e Noia

Ribeira: o Concello súmase á recuperación dos seráns en Galicia. O primeiro, este sábado 4 no pavillón de Sirves, con 15 grupos

Ribeira, 1 de setembro de 2010. – O Grupo de Baile e Música Tradicional Tahúme e o Concello de Ribeira unen as súas forzar para organizar o vindeiro día 4 de setembro, a partir das 22 horas, no pavillón polideportivo de Sirves o Primeiro Serán de Ribeira. 

Para presentar esta actividade participaron no Auditorio os edís de Cultura e Festexos e de Xuventude e Turismo, Luciano Fernández e Vicente García, así como a presidenta do Grupo Tahúme, Bea Iglesias, e a vocal deste colectivo Iria Romay. 

En palabras de Bea Iglesias, o que se pretende con esta acción é que en Ribeira “volvamos a ter as festas que tiñan as persoas de antano e que rexurdan os bailes tradicionais”: unha idea na que tamén abundou Iria Romay, quen afirmou que esta actuación non quere ser unha actuación de baile tradicional ao uso. 

Con tal motivo, está confirmada a presenza neste primeiro Serán de 15 grupos de folclore formados por xente maior procedentes de diferentes zonas de Pontevedra e A Coruña nas que se conservan os bailes tradicionais, como Toutón, A Hermida, Rego do Bargo, Amoedo, Limiñoa ou Tordoia. Tamén van participar diferentes colectivos barbanzanos, como o grupo da Sociedade Hijos de Palmeira e Vai de Roda de Rianxo, entre outros.

A xente que estea interesada en acudir pode facelo apuntándose no teléfono 629 678 844 ou no mesmo día 4 de setembro no posto da organización.  

Luciano Fernández destacou a traxectoria do Grupo Tahúme como “un dos grupos máis significativos de Galicia na recuperación de baile tradicional, formado por xente xoven”. Ademais, explicou que nun principio pensarase na praza de España de Santa Uxía para celebración do Serán, pero por circunstancias meteorolóxicas preferiuse non arriscar e desenvolver a actividade no poliderportivo de Sirves. Tamén quixo convidar a toda a cidadanía da comarca a que se animen a participar, ben sexa bailando durante o acontecemento ou mirando o espectáculo. Pola súa banda, Vicente García salientou o importante pulo turístico que supón para o municipio a posta en marcha de accións desta natureza.

Artigo recomendado

A recuperación dos seráns, na web do Consello da Cultura Galega

Relacionadas:

I Serán da Lingua en Taragoña

IV Serán Mar de Rianxo

Serán do Patrocinio



 


Posted via email from Certo.gl, o xornal dixital de Barbanza e Noia

Dodro: roteiro cultural en bicicleta o sábado 11 de setembro, organizado polo colectivo "Orghullo de País"


Non especifican tipo de bicicleta nin indumentaria a levar, de xeito que: vostedes mesmos!

Dodro, 1 de setembro de 2010. O vindeiro sábado 11 de setembro vai ter lugar en Dodro unha ruta cultural en bicicleta polo municipio. Vai ser guiada polo profesor de Historia Manolo Lorenzo Baleirón, o cal explicará as características e anécdotas de cada lugar a visitar.

Pazo de Hermida, onde Rosalía viviu un tempo cos seus fillos

Sairá ás dez da mañá do campo da festa de Laíño e percorrerá a igrexa de San Xián de Laíño, o muíño de vento, a mámoa da Mina, o pazo de Bendaña, igrexa de Dodro, pazo de Lestrobe, pazo de Hermida, brañas de Laíño, augas sulfurosas de Bexo, mámoas de Paradegua, castro de Bexo e petróglifos de Bouza Badín, ata a volta ao punto de partida, no campo da festa laiñés, onde haberá uns petiscos para recobrar forzas.


Igrexa de San Xián de Laíño

Organiza o colectivo "Orghullo de País". O seu facebook está aquí

Relacionadas:

I roteiro Pensa Nao


Toponimia: Riveira non existe, e Lestrove menos

Posted via email from Certo.gl, o xornal dixital de Barbanza e Noia

Cultura e turismo: o conselleiro do ramo, Roberto Varela, promete apoiar Barbanza como destino turístico de calidade


Roberto Varela, á esquerda, nunha foto de arquivo co filántropo Javier Expósito
 
Ribeira, 1 de setembro de 2010.- O conselleiro de Cultura e Turismo, Roberto Varela, visitou esta mañá a sede da Mancomunidade de Municipios de Arousa Norte e mantivo un encontro en Ribeira cos alcaldes e o sector turístico da comarca no que valorou as capacidades da bisbarra do Barbanza e fixo público o compromiso da Consellería de Cultura e Turismo para “seguir apoiando este crecemento da comarca como destino turístico e unha aposta modélica polo turismo sostible”. Roberto Varela enxalzou o traballo da Mancomunidade como “todo un exemplo da colaboración entre Concellos no eido da promoción turística con iniciativas que xorden da cooperación efectiva entre as empresas privadas e as administracións públicas”.


Varela fixo referencia aos "grandes e indubidables reclamos da bisbarra", como a illa de Sálvora

O conselleiro resaltou “os grandes e indubidables reclamos da bisbarra”, dos que destacou “unha riqueza paisaxística natural que resulta abraiante, como as dunas de Corrubedo e as lagoas de Carregal e Vixán, ou a illa de Sálvora; fermosas e tranquilas praias, un importante patrimonio arquitectónico, e xacementos arqueolóxicos de primeiro nivel”. Roberto Varela subliñou de xeito principal dentro destes valores, que os Concellos de Boiro, Ribeira, Rianxo e A Pobra, “ofrécennos un turismo e unha gastronomía que están indisolublemente unidos ao mar”. Por todas estas características, o titular de Cultura valorou as iniciativas que promove a Mancomunidade de Municipios de Arousa Norte co apoio da Secretaría Xeral para o Turismo a través de Turgalicia que serven para “incrementar o turismo en colaboración con empresas punteiras da zona relacionadas cos sectores de aloxamento, restauración e ocio” e entre as que destacan “os Bonos Gastronómicos, os Bonos de Turismo Rural ou a Ruta do Mexillón”. 

Ao abeiro da implicación da Consellería coa comarca do Barbanza, Roberto Varela lembrou o convenio asinado o pasado mes de xullo coa Mancomunidade de Municipios de Arousa Norte por un importe de 110.000 euros. O obxectivo é reforzar a oferta con novas iniciativas como os ‘Roteiros literarios en Arousa Norte’ e o paquete ‘Turismo accesible para persoas con discapacidade visual en Arousa Norte’ no que se está a traballar “con empresas tan importantes como a ONCE”, asegurou o conselleiro.

Turismo cultural: os prometidos roterios literarios

O conselleiro recordou que “resulta imposible obviar a grandísima achega á literatura e ao pensamento de Galicia que ten feito ao longo da historia a comarca do Barbanza”. Neste sentido, Roberto Varela fixo patente o traballo do departamento nun turismo cultural baseado en ‘Roteiros literarios’ que “cumprirán a dobre función de espallar o noso legado cultural e completar a oferta turística”.
         

A importancia cultural da comarca do Barbanza en Galicia queda ben definida, segundo Roberto Varela, con nomes como Castelao, “ilustre rianxeiro e unha das personalidades máis senlleiras da cultura de Galicia”. No seu repaso ás personalidades vinculadas á comarca, o conselleiro destacou ademais a Manuel Antonio, “un dos poetas máis innovadores e singulares da historia da nosa literatura que lamentablemente faleceu cando apenas tiña 30 anos e deixounos unha obra tan breve como absolutamente brillante”; Rafael Dieste, “un intelectual que nos legou importantes achegas na narrativa, o teatro, a poesía ou o xornalismo” e, do mesmo xeito, a Valle Inclán, “moi vinculado por razóns familiares ao Barbanza, en concreto a A Pobra do Caramiñal”.

O conselleiro salientou asemade o potencial e a “estratéxica situación dos catro Concellos dentro da Ruta Marítimo-Fluvial do Mar de Arousa e do Río Ulla que rememora a lenda da Traslatio” e asegurou que “traballaremos para que a Ruta do Mar de Arousa continúe crecendo en termos cuantitativos e cualitativos”.

Castros de Neixón


No comezo da xornada, o conselleiro de Cultura e Turismo visitou no Concello de Boiro o Centro Arqueolóxico do Barbanza, situado na Punta de Neixón, que cualificou como “unha xoia museística e patrimonial que cota con extraordinarios exemplos arqueolóxicos de distintas fases da prehistoria, como o megalitismo do neolítico, a arte rupestre da Idade de Bronce ou a cultura castrexa da Idade de Ferro”. 

Roberto Varela amosou a aposta do Goberno Autonómico e da Consellería “por pór en valor e difundir o abundante e valioso legado arqueolóxico que posúe Galicia”. Seguindo este compromiso, o conselleiro valorou o “importante traballo que se está a facer desde o Concello de Boiro nos castros de Neixón” e lembrou o convenio asinado o pasado mes de xuño polo que a Consellería concedeu 15.000 euros para o estudio e divulgación do patrimonio arquolóxico galego no Parque do Barbanza. 

Relacionadas:
Castelao en dous roteiros

A ministra Espinosa estivo en Sálvora

Sálvora esqueceu o contrabando

A outra cara da limpeza dos castros de Neixón

Posted via email from Certo.gl, o xornal dixital de Barbanza e Noia

Twitter

Related Posts with Thumbnails Banner: Regale selva tropical