1.9.10

Cultura e turismo: o conselleiro do ramo, Roberto Varela, promete apoiar Barbanza como destino turístico de calidade


Roberto Varela, á esquerda, nunha foto de arquivo co filántropo Javier Expósito
 
Ribeira, 1 de setembro de 2010.- O conselleiro de Cultura e Turismo, Roberto Varela, visitou esta mañá a sede da Mancomunidade de Municipios de Arousa Norte e mantivo un encontro en Ribeira cos alcaldes e o sector turístico da comarca no que valorou as capacidades da bisbarra do Barbanza e fixo público o compromiso da Consellería de Cultura e Turismo para “seguir apoiando este crecemento da comarca como destino turístico e unha aposta modélica polo turismo sostible”. Roberto Varela enxalzou o traballo da Mancomunidade como “todo un exemplo da colaboración entre Concellos no eido da promoción turística con iniciativas que xorden da cooperación efectiva entre as empresas privadas e as administracións públicas”.


Varela fixo referencia aos "grandes e indubidables reclamos da bisbarra", como a illa de Sálvora

O conselleiro resaltou “os grandes e indubidables reclamos da bisbarra”, dos que destacou “unha riqueza paisaxística natural que resulta abraiante, como as dunas de Corrubedo e as lagoas de Carregal e Vixán, ou a illa de Sálvora; fermosas e tranquilas praias, un importante patrimonio arquitectónico, e xacementos arqueolóxicos de primeiro nivel”. Roberto Varela subliñou de xeito principal dentro destes valores, que os Concellos de Boiro, Ribeira, Rianxo e A Pobra, “ofrécennos un turismo e unha gastronomía que están indisolublemente unidos ao mar”. Por todas estas características, o titular de Cultura valorou as iniciativas que promove a Mancomunidade de Municipios de Arousa Norte co apoio da Secretaría Xeral para o Turismo a través de Turgalicia que serven para “incrementar o turismo en colaboración con empresas punteiras da zona relacionadas cos sectores de aloxamento, restauración e ocio” e entre as que destacan “os Bonos Gastronómicos, os Bonos de Turismo Rural ou a Ruta do Mexillón”. 

Ao abeiro da implicación da Consellería coa comarca do Barbanza, Roberto Varela lembrou o convenio asinado o pasado mes de xullo coa Mancomunidade de Municipios de Arousa Norte por un importe de 110.000 euros. O obxectivo é reforzar a oferta con novas iniciativas como os ‘Roteiros literarios en Arousa Norte’ e o paquete ‘Turismo accesible para persoas con discapacidade visual en Arousa Norte’ no que se está a traballar “con empresas tan importantes como a ONCE”, asegurou o conselleiro.

Turismo cultural: os prometidos roterios literarios

O conselleiro recordou que “resulta imposible obviar a grandísima achega á literatura e ao pensamento de Galicia que ten feito ao longo da historia a comarca do Barbanza”. Neste sentido, Roberto Varela fixo patente o traballo do departamento nun turismo cultural baseado en ‘Roteiros literarios’ que “cumprirán a dobre función de espallar o noso legado cultural e completar a oferta turística”.
         

A importancia cultural da comarca do Barbanza en Galicia queda ben definida, segundo Roberto Varela, con nomes como Castelao, “ilustre rianxeiro e unha das personalidades máis senlleiras da cultura de Galicia”. No seu repaso ás personalidades vinculadas á comarca, o conselleiro destacou ademais a Manuel Antonio, “un dos poetas máis innovadores e singulares da historia da nosa literatura que lamentablemente faleceu cando apenas tiña 30 anos e deixounos unha obra tan breve como absolutamente brillante”; Rafael Dieste, “un intelectual que nos legou importantes achegas na narrativa, o teatro, a poesía ou o xornalismo” e, do mesmo xeito, a Valle Inclán, “moi vinculado por razóns familiares ao Barbanza, en concreto a A Pobra do Caramiñal”.

O conselleiro salientou asemade o potencial e a “estratéxica situación dos catro Concellos dentro da Ruta Marítimo-Fluvial do Mar de Arousa e do Río Ulla que rememora a lenda da Traslatio” e asegurou que “traballaremos para que a Ruta do Mar de Arousa continúe crecendo en termos cuantitativos e cualitativos”.

Castros de Neixón


No comezo da xornada, o conselleiro de Cultura e Turismo visitou no Concello de Boiro o Centro Arqueolóxico do Barbanza, situado na Punta de Neixón, que cualificou como “unha xoia museística e patrimonial que cota con extraordinarios exemplos arqueolóxicos de distintas fases da prehistoria, como o megalitismo do neolítico, a arte rupestre da Idade de Bronce ou a cultura castrexa da Idade de Ferro”. 

Roberto Varela amosou a aposta do Goberno Autonómico e da Consellería “por pór en valor e difundir o abundante e valioso legado arqueolóxico que posúe Galicia”. Seguindo este compromiso, o conselleiro valorou o “importante traballo que se está a facer desde o Concello de Boiro nos castros de Neixón” e lembrou o convenio asinado o pasado mes de xuño polo que a Consellería concedeu 15.000 euros para o estudio e divulgación do patrimonio arquolóxico galego no Parque do Barbanza. 

Relacionadas:
Castelao en dous roteiros

A ministra Espinosa estivo en Sálvora

Sálvora esqueceu o contrabando

A outra cara da limpeza dos castros de Neixón

Posted via email from Certo.gl, o xornal dixital de Barbanza e Noia

No hay comentarios:

Twitter

Related Posts with Thumbnails Banner: Regale selva tropical