- O dirixente do PP non falou de suprimir as Deputacións
- Aventurou a estrana cifra de "bastantes menos de 94". Agora son 94.
- Galicia non reduce concellos dende 1967. En 1842 había 326 e en 1900 323. Agora hai 315.
"Acabáronse as grandes obras faraónicas", profetizou Calvo, que dixo que non pode ser que concellos "vaian pedir axuda porque non poden manter a piscina, ou o polideportivo. E casos así temos varios"
Barbanza-Noia, 18 de outubro de 2011. Vizosísima a nota de prensa da Deputación de hoxe cos comentarios do seu actual presidente, o anterior superdelegado da Xunta polo PP, Diego Calvo.O presidente da Deputación da Coruña falou hoxe da "posibilidade de redistribuír o mapa territorial da provincia contando sempre coa voluntariedade dos concellos" e lanzouse con que "oxalá A Coruña sexa a primeira provincia de España en conseguir reducir o número de concellos"
Nembargantes, o presidente dun organismo que está sendo cada vez máis cuestionado polas súas prácticas caciquís e obsoletas a nivel de toda España, matizou que “non me gusta falar de fusión e non me gusta falar de nada imposto por unha reforma. O que quero é que sexan os propios alcaldes e alcaldesas os e as que propoñan a posibilidade de unirse con outros, sen que xurdan os problemas de ser absorbido ou absorbente”.
Logo deste brinde ao sol, pois ningún partido no goberno nin na oposición se meteu aínda nesta lameira política polos evidentes localismos que sobrancean Galicia enteira, Diego Calvo asegurou que algúns concellos da provincia gobernados por diferentes grupos políticos xa teñen manifestado o seu interese por levar a cabo esta experiencia piloto “que tería moito sentido” se o que se busca é a eficiencia na prestación de servizos. Sobre se hai xa previsto algún número definido de municipios, o presidente provincial dixo que “non teño un número ideal, aínda que me parece que serían bastantes menos de 94”.
“Non é unha decisión pensada para evitar custos do soldo do político, xa que iso a nivel global non resulta significativo no aforro de custos. Si que resulta importante o aforro na recollida de lixo ou nas vantaxes que poderán ter os concellos que se empeñan, por citar algún exemplo, en ter un centro social cada un”, insistiu Calvo.
Fixo especial fincapé o presidente provincial en que hai que “andar con tino” nestes asuntos, pois non é cuestión de que haxa “vencedores e vencidos”, senón que o que se busca é mancomunar servizos, aproveitar o persoal existente e, en resumo, camiñar cara unha maior eficiencia na prestación dos servizos á cidadanía.
Por se non fora pouca a lea que se pñode montar coas fusións -impostas xa en países como Grecia ou Italia- , Diego Calvo dixo que “moitas parroquias que pertencen a un concello determinado están máis relacionadas ou teñen máis que ver con outro concello, e iso habería que miralo, porque a proximidade territorial tamén é importante para abaratar custos”.
O presidente da Deputación coruñesa fixo estas declaracións no contexto da súa opinión acerca do debate aberto sobre a necesidade das entidades provinciais e na semana en que celebrará tamén os seus primeiros 100 días ao fronte da institución coruñesa. “O que é básico é non duplicar servizos, e non falo só das deputacións, tamén falo dos concellos e a propia administración autonómica e xeral”, matizou Calvo, que lembrou a importancia de celebrar unha reunión conxunta para “ver dunha vez por todas a que se dedica cada un de nós” e así evitar a duplicidade e, en moitas ocasións, a triplicidade”.
Hai que lembrar que o goberno do PP, que foi o que máis tempo gobernou esta autonomía dende que chegou a democracia, creou varios niveis de administracións que aínda agora están a desmantelar -o das Comarcas aínda está en proceso- e que supuxeron uns custos enormes, sobre todo de persoal, contratado a dedo na maioría dos casos e cuxa función aínda hai que buscala en moitos casos, salvo que fora para empregar a amigos do partido gobernante.
Posición a favor da fusión do alcalde de Noia
O único alcalde que se posicionou publicamente a prol da fusión de concellos nas bisbarras de Barbanza e Noia foi Rafael García Guerrero, xa antes das últimas eleccións municipais. Poden ler o seu posicionamento no seu blog.
O Ateneo Valle-Inclán, pro "Ribeira do Caramiñal"
Medio broma, medio en serio, un dos ateneos con máis actividade cultural de Barbanza, o Ateneo Valle-Inclán, leva pronunciándose hai tempo para que se fusionen Ribeira e A Pobra do Carmiñal e constitúan "Ribeira do Caramiñal". As diferenzas entre ambos concellos e as súas veciñanzas -coas típicas picadas en forma de insultos ou calificativos vexatorios- veñen moi de lonxe.
Concello do Barbanza e Concello de Muros-Noia, propostas razonadas
Pode que o racional en Barbanza fose a fusión enteira da comarca, con catro concellos agora agrupados alomenos nunha mancomunidade turística -Arousa Norte-. E o nome, levando o da Serra que os coroa a todos, evitaría esas cuestións de que fala Calvo sobre vencedores e vencidos, segundo sexan absorbentes ou absorbidos. A estes catro habería que sumarlles Dodro, Rois ou Lousame, segundo conviñera logo dun estudo que xa debería ter feito no seu día a extinta Sociedade para o Desenvolvemento Comarcal.
Na banda de Muros e Noia, o único concello resultante podería tomar o nome da Ría para evitar suspicacias. Englobaría Porto do Son, Noia, Muros, Outes e podería tomar Lousame, tamén por cuestións históricas e proximidade física.
"Acabáronse as grandes obras faraónicas"
Diego Calvo tamén explicou esta mañá que os orzamentos da Deputación para o próximo ano, en pleno proceso de elaboración, serán “complicados” porque, ademais, estanse redactando “a cegas”. Desta cuestión culpou ao goberno central de elixir “a peor data que se podería para unhas eleccións xerais porque, xa dende o verán, o goberno non realiza o seu traballo, non toma decisións nin concreta o que cada concello recibirá dos orzamentos do Estado”.
“Non o saberemos ata abril do ano que vén, polo menos, e entón haberá que axustar outra vez os orzamentos”, co custo que iso supón.
Con respecto aos orzamentos da Deputación, Calvo confirmou que levarán un recorte aproximado de 20 millóns de euros debido o que hai que devolverlle ao Estado e que incorporarán importantes novidades. “A fundamental é que os concellos que queiran axudas teñen que ter as súas contas ao día, que sexan públicas e que estean presentadas no Consello de Contas”, explicou Diego Calvo, que insistiu en que, ademais, “vanse financiar sobre todo proxectos mancomunados e sostibles”.
“Acabouse a época das grandes obras faraónicas e que ao ano seguinte veñan os concellos á Deputación a pedir axuda porque non poden manter a piscina, ou o polideportivo. E casos así temos varios”, relatou o presidente da Deputación, do mesmo partido que embarcou a Galicia na obra faraónica da Cidade da Cultura, aínda sen rematar e sen saber canto vai custar finalmente.
Por último, e no relativo aos orzamentos, Calvo fixo unha chamada á “corresponsabilidade fiscal” dos concellos. “Non pode ser que unha administración non cobre os servizos básicos de auga, saneamento ou recollida de lixo e veña a pedir a axuda doutra administración para ampliar outros. Iso non ten sentido”, concluíu.
Convenio de colaboración cos Grumir
Diego Calvo asinou tamén durante a mañá os convenios de colaboración cos representantes de 16 concellos da provincia (Arteixo, Arzúa, Betanzos, Boiro, Boqueixón, Brión, Carballo, Cee, Miño, Noia, Ordes, Ortigueira, As Pontes, Ribeira, Santa Comba e Vimianzo) que son base dun Grupo Municipal de Intervención Rápida.
En total, a Deputación provincial achega un total de 720.000 euros (45.000 por concello) para sufragar gastos de persoal e material funxible destas agrupacións que, en total, dan traballo a 224 persoas.
“O traballo destes grupos é fundamental e vital para o día a día dos concellos coruñeses”, confirmou. E lembrou que, nos últimos días, o rexedor de Ribeira dixo que, dos cincuenta lumes que houbera na súa zona nos últimos meses, o seu Grumir foi o primeiro en chegar a 49.
Posted via email from Certo.gl, o xornal dixital de Barbanza e Noia