14.8.12

Ribeira: a campioa xuvenil mundial Ana Peleteiro será a pregoeira da feira "Artemar Ribeira", que terá máis de 150 expositores

  • A feira, un novo xiro á que antes se coñecía como Feira Artesanal e Mariñeira, ocupará as prazas de España e do Concello, o Malecón e as rúas Santa Uxía e de Galicia
  • Celébrase esta fin de semana, de venres a domingo

 

 

Ribeira, 14 de agosto de 2012.- Máis de 150 expositores van amosar os seus produtos esta fin de semana na cidade de Santa Uxía con motivo da celebración da nova feira Artemar Ribeira: unha iniciativa auspiciada polo Concello e incluída dentro da Semana do Mar, que nace coa intención de dinamizar o municipio para que este sexa un referente da cultura mariñeira”, segundo palabras do propio alcalde Manuel Ruiz Rivas.

 

Así o manifestou o rexedor local durante a presentación desta feira mariñeira. Ruiz subliñou que concorrerán en torno a un 60% máis de expositores que reunía en anos pasados a feira artesanal e mariñeira e salientou sobre todo que un 25% do total pertencen ao municipio riveirense, cumprindo así un dos principais obxectivos con que foi concibida esta nova iniciativa, como é a de potenciar e poñer en valor a industria e o sector empresarial, cultural e asociativo do noso municipio.

 

A atleta ribeirense Ana Peleteiro, recentemente proclamada campioa do mundo xuvenil en triple salto, será a encargada de dar o pregón inaugural este venres ás 20.30 horas, nun acto que tamén contará coa participación da directora xeral de Comercio da Xunta, Nava Castro.

 

Tres áreas neurálxicas

O rexedor explicou que o evento terá tres áreas neurálxicas onde concentrará a exposición.  En primeiro lugar, a praza de España vai ser un dos principais puntos neurálxicos da feira coa instalación de tres grandes carpas e un stand institucional do Concello.

 

Así, haberá unha Carpa Náutica na que, nunha superficie de  400 metros cadrados, un total de 12 empresas e entidades significativas do municipio e da comarca exhibirán o potencial de Ribeira no mundo do mar. Xunto a elas, unha exposición de maquetas de dornas e as confrarías de Aguiño, Palmeira e Ribeira. A carpa tamén dará cabida a exposicións de redes e palillos e amosarase o traballo en vivo de palilleiras.

Tamén haberá unha Carpa da Alimentación de 400 metros na que se concentrarán 14 empresas. Neste espazo haberá dende degustacións e maridaxes ata catas de viño e venta de produtos.

Ademais, un dos grandes epicentros feirais vai ser a Carpa Gastronómica na que se van suceder ao longo da feira diferentes degustacións de produtos e demostracións de cociña (Show Cooking) cos que se pretende non só resaltar produtos consolidados senón sobre todo de promocionar as cualidades de aqueles produtos do mar que nestes momentos non teñen tanta saída comercial (relojito, cabalón...). Este escenario tamén dará cabida a outras accións, como presentacións literarias, entregas de premios ou actuacións musicais.

Por último, no mesmo centro da praza de España estará situado o stand institucional do Concello, cunha serie de elementos identificativos da evolución da cidade e a cultura mariñeira do municipio, ademais de contar cunha pequena aportación de contidos da Consellería do Mar.

Doutra banda, a praza do Concello será o espazo destinado a servir de referente cultural da feira e un espello do tecido social, coa presenza de stands das asociacións Amas de Casa, Aires da Dorna, Riveira Escríbese con V, Ámbar e A Creba, ademais da presenza do colectivo barbanzano Fotógrafos no Paraíso (que efectuarán uns obradoiros sobre esta arte e recollerán imaxes de todo o evento para a súa posterior exposición) e do artista local Antonio Pérez (que exhibirá a súa obra e realizará unha acuarela que pintará no transcurso da feira e será doada ao Concello).

Artesáns

Unha das grandes novidades deste ano reside en que o Concello contactou directamente cunha selección de artesáns de calidade que se axustan ao espírito que o Concello quere imprimir á feira en futuras edicións. Froito deste labor concorrerán un total de 26 artesáns selectos (a maioría galegos -4 deles ribeirenses- pero tamén nacionais e internacionais), que estarán apostados tamén na praza do Concello.

 

Por último, avenida do Malecón, a rúa Santa Uxía e a Rúa de Galicia albergarán preto de 100 postos que se corresponden cos contidos da feira artesanal e mariñeira de pasadas edicións.

 

Múltiples actividades

Artemar Ribeira vai ser escenario tamén da celebración de máis dunha vintena de actividades que complementarán e fortalecerán o apartado expositivo. Tal e o caso das actuacións dos grupos de música A Gandaina (música tradicional galega) Al-Folk (árabe) e Tuttis Catraputis (tradicional portuguesa) ou da animación de Confusión e Faquir Testa.

 

Documental e grupos locais

Así mesmo, Artemar vai dar cabida á presentación oficial en exclusiva para Galicia do documental Torreiros, de Pablo Ces, laureado con diversos galardóns a nivel estatal, ademais de actuación musical dos grupos locais Entrelíneas e The Siberets, dunha sesión DJ, ou da conferencia de Rosa Orellán en torno á presenza dos mariñeiros de Ribeira en Terranova, entre outras accións.

 

Non hai que esquecer tampouco os xogos e obradoiros de carácter infantil que terán lugar na praza Pablo Neruda e na Praza do Rueiro, nin o Concurso de Escaparates e a Ruta de Tapeo e Degustación de Cócteles Mariñeiras: dúas iniciativas que se repiten ante o éxito rexistrado o ano pasado grazas á colaboración da hostalería local e dos seus empresarios.

 

A Regata da Dorna de Prata ou o Concurso Ocean Man serán outras actividades de índole deportiva e fortemente vinculadas ao mar que terán lugar nos tres días de feira.





Posted via email from Certo.gl, o xornal dixital de Barbanza e Noia

Dodro: o xoves 16 abre o prazo para pedir as axudas á escolaridade do vindeiro curso

Cartel Axudas escolaridade 2012.pdf Download this file

Dodro, 14 de agosto de 2012. A Concellería de Servizos Sociais e Igualdade do Concello de Dodro convoca as axudas á escolaridade para o curso 2012-2013.

Están destinadas a menores escolarizados/as nos cursos de educación infantil, primaria, secundaria obrigatoria (ESO) e post-obrigatoria (garantía social) que residan e estean empadroados/as no concello. Os conceptos subvencionables son material escolar, alimentos infantís e comedor escolar e actividades estraescolares.

O prazo de solicitude é do 16 de agosto ao 7 de setembro e deberán formalizar a solicitude no departamento de servizos sociais do concello. Para máis información poden chamar ao 981 802 466


Posted via email from Certo.gl, o xornal dixital de Barbanza e Noia

Rianxo: do martes 21 ao xoves 23 de agosto, torneo de volei praia en Tanxil

Rianxo_volei_praia_2012

Rianxo, 14 de agosto de 2012. Os días 21, 22 e 23 de agosto celebrarase na Praia de Tanxil un torneo de Volei Praia para participantes de todas as idades. Cun carácter recreativo, o torneo é para parellas tanto masculinas como femininas e establécense dúas categorías: A, para nados no 1995 e anteriores e B, para os nados no 1996 e posteriores.

As inscricións pódense formalizar no Pavillón de Rianxo e na mesma praia ata o inicio da proba o día 21.


Posted via email from Certo.gl, o xornal dixital de Barbanza e Noia

Muros: este venres 17, xuntanza de Compromiso X Galicia aberta á veciñanza

Cartelcompromisomuros

Muros, 14 de agosto de 2012. Este venres, 17 de agosto, ás 21:00 horas, celebrarase en Muros, na Casa da Comunidade de Montes de Serres ( detrás da Igrexa de Serres ) unha xuntanza de Compromiso X Galicia que será aberta a todas aquelas persoas que mostren certo interese en participar neste novo proxecto galeguista e progresista.

Entre outros temas tanto de ámbito nacional como local elixirase ao novo secretario local de Muros.
"Queremos facer un chamamento a toda a xente, con ou sen vocación política, que se sinta comprometida con Galicia a participar tamén dende Muros nunha nova organización política, chamada a responder as demandas reaís da cidadanía", sinalan dende esta formación.


Compromiso X Galicia Muros Noia


Posted via email from Certo.gl, o xornal dixital de Barbanza e Noia

Ribeira: o sábado 25 de agosto preséntase a novela "La alianza de los tres soles"

La_foto

  • No Ateneo Valle-Inclán ás nove da noite

Posted via email from Certo.gl, o xornal dixital de Barbanza e Noia

A Pobra: o Psoe denuncia que o alcalde vende agora como "marabillosa actuación" unha proposta que tumbou hai anos porque a propoñía a oposición

glorieta Escurís 85747.pdf Download this file


A Pobra, 14 de agosto de 2012. Segundo denuncia hoxe en nota de prensa o Psoe pobrense, "hai uns anos, durante o goberno do bipartito, fracasou un proxecto de seguridade vial para A Pobra que incluía varias actuacións ó longo da AC-305. Este proxecto foi botado abaixo polo PP que, habelenciosamente foi quen de manipular aos veciños e veciñas afectad@s polo mesmo. Este proxecto incluía unha rotonda para redistribuír o tráfico na zona da Devesa, (Escurís), e afectaba naquel intre a unha finca cuxos propietarios presentaron alegacións ao mesmo".

 

Explica a voceira do Psoe, Teresa García, que "agora o alcalde do PP Isaac Maceiras aparece vendendo una “marabillosa” actuación que contempla a construción da mesma rotonda e con afección da devandita finca, cando no seu día prometeulle solucionarlle o asunto para non seren expropiados forzosamente. Unha vez máis, demóstrase que cando na Xunta goberna o seu partido Isaac di “Sí señor” e cando gobernamos os demais fai manipulación política e demagóxica para conseguir votos fáciles".

 

Ao respecto de dita actuación e ante a falta de información por parte do goberno local, o PSdeG a través dos deputados Pablo López Vidal e José Manuel Lage Tuñas presentaron no Parlamento de Galicia unha pregunta escrita sobre “as razóns, os datos e as previsións respecto da construción dunha rotonda glorieta na estrada AC-305 Padrón- Riveira no Concello da Pobra do Caramiñal (publicada no BOPG 734 o 18 de xullo de 2012”.





Posted via email from Certo.gl, o xornal dixital de Barbanza e Noia

Ribeira: máis dun cento de rapaces no bautismo de vela do Náutico esta fin de semana

  • Integrantes do Club e do Concello presentaron a iniciativa
 

Ribeira, 14 de agosto de 2012.- O concelleiro de Deportes, Juan Luis Martínez, presentou xunto ao vicepresidente do Club Náutico, Ramón Doval e o secretario da mesma entidade, Enrique Cores, o comezo dun curso de iniciación á vela que está aberto á participación de ata 120 rapaces, xa sexan veciños ou visitantes.


Segundo afirmou Enrique Cores, “o obxectivo desta acción é que os mozos coñezan o mar, se divirtan, descubran os segredos do mar e se animen a practicar este deporte”.

Semana do Mar

Esta iniciativa, organizada polo Concello coa colaboración do Club Náutico, adscríbese ao calendario da Semana do Mar, na que se está levando a cabo diferentes actividades relacionadas co mar como cursos de windsurf, piragua, a regata de dornas tradicionais “Dorna de Prata” e o Campionato Internacional de Salvamento e Socorrismo Ocean Mar.

Para realizar o bautismo de vela cóntase coas instalacións do club Náutico de Riveira e co material da escola de vela. Utilizaranse as embarcacións seguintes: unha Neumática, dous Raqueros e unha Omega. A actividade, que se desenrolará os días 18 e 19, é gratuíta e está dirixida a rapaces nacidos entre os anos 1998 e o 2005. A sesión de cada día dividirase nunha clase teórica, montaxe da embarcación e unha clase práctica. En total, a duración do curso será de catro horas. Como máximo haberá 15 alumnos en cada sesión, que estarán divididos nos seguintes horarios:

Mañá:  de 10:00 a 12:00 e de 12:00 a 14:00

Tarde:  de 16:00 a 18:00 e de 18:00 a 20:00

Será necesario que se fagan a reservas das prazas antes do día 18 de agosto para poder planificar a actividade.  Os teléfonos de contacto son 648187172 e 981874739 o e-mail escuelavela@nauticoriveira.com




Posted via email from Certo.gl, o xornal dixital de Barbanza e Noia

Twitter

Related Posts with Thumbnails Banner: Regale selva tropical