Converxencia XXI acredita no plurilingüismo como oportunidade que debe ser aproveitada para o beneficio cultural, social e económico de Galicia. Ademais considera fundamental que os poderes públicos articulen políticas que de xeito efectivo normalicen a lingua galega, que sen dúbida é a que está nunha posición de maior febleza.
As políticas normalizadoras desenvolvidas desde o ano 1983 non sempre acadaron os obxectivos para os que foron formuladas, de tal xeito que aínda hoxe a lingua é minoritaria en moitos ámbitos (nomeadamente na empresa privada, medios de comunicación, cultura audiovisual, xustiza e Igrexa) e non se logrou frear completamente, aínda que si en parte, a perda de falantes que se iniciara co proceso de urbanización de Galicia a principios do século XX e que se acelerou durante o réxime ditatorial de Franco.
O papel do ensino é fulcral tanto para a normalización da lingua como para acadar unha competencia lingüística efectiva en galego, castelán e inglés (sen esquecermos outras coma o francés, o alemán e, sobre todo, o portugués). Mais as políticas dos sucesivos gobernos autonómicos non conseguiron que a competencia en galego do noso alumnado sexa a desexable, e moito menos a competencia en lingua inglesa. Agora o goberno do Partido Popular presenta á sociedade un borrador pouco claro no que utiliza o inglés como pretexto para deixar a porta aberta ás familias e aos centros para que ?libremente? escollan saber menos galego.
O Presidente lanza a cortina de fume do inglés para contentar os colectivos anti-galego que teoricamente o auparon ao Poder (cousa que os inquéritos posteriores non demostran), pero sobre todo para evitar unha posible aínda que improbable fuga de votos a UPyD.
Isto demostra como esta Xunta emprega técnicas de propaganda ao máis puro estilo neocon para desfacer un sarillo no que se meteron eles sós. Para Converxencia é inaudito que se xogue coa urxente necesidade que temos de que os nosos cidadáns aprendan inglés, mediante a frívola manobra distractoria de presentar un proxecto no que se fala dun terzo de asignaturas en linguas estranxeiras sen adiantar nin o máis mínimo plan de formación ou contratación de profesorado, e sen mencionar como se ha financiar.
O verdadeiro problema do plurilingüismo é a histórica falta de vontade política dos gobernos autonómicos. Canto ao galego os datos demostran que hai un déficit evidente no grao de cumprimento das sucesivas normativas cuxa responsabilidade corresponde unicamente ás autoridades educativas de cada momento. Porén, no borrador preséntasenos unha realidade imaxinaria na que galego e castelán son linguas totalmente iguais na nosa sociedade e non hai nin o máis mínimo recoñecemento de o galego estar en situación de desvantaxe, razón que parece ser a esgrimida hipocritamente para desprotexelo no ensino e provocar un retroceso na súa implantación por primeira vez na historia da Autonomía.
En Educación Infantil é flagrante como se incumpren as disposicións relacionadas coas linguas: en moitos casos non se respecta a lingua materna dos pequenos e é case excepcional atopar aulas nas que verdadeiramente se introduza os nenos e nenas ao galego en entornos castelán-falantes, como con maior ou menor énfase dispuxeron sempre as leis.
No Ensino Obrigatorio é sabido e recoñecido (malia á propaganda ?anti-imposición?) que fundamentalmente se emprega a lingua que o profesor decide, e que abonda con facer os exames en galego para que a inspección se dea por satisfeita. Numerosos estudantes de entornos urbanos contan cos dedos dunha man as materias que teñen realmente en galego malia os supostos mínimos do trinta e tres ou do cincuenta por cento.
Canto ao inglés a ineficiencia do sistema é evidente e resulta case patético, disparatado e surrealista que se estude inglés desde Primaria ata 2º de Bacharelato e o noso alumnado a duras penas sexa quen de tatabexar algunhas palabras e frases soltas. O conxunto do sistema educativo queda en evidencia no caso da competencia lingüística en inglés. Cómpre moita máis formación do profesorado, acompañada dun cambio radical do sistema pedagóxico e, por suposto, que efectivamente se impartan outras materias na lingua inglesa.
Algúns centros xa imparten asignaturas en inglés, ao abeiro dun programa iniciado durante o goberno bipartito, pero sen dúbida o pulo que necesita esta lingua precisa dun proxecto moito máis ambicioso que a Xunta non parece ter intención de acometer, alén de empregalo como truco ilusionista para saír da lama na que se meteu durante a campaña electoral.
Por outra banda, Converxencia non comprende a suposta ?liberdade? de que o alumnado poida empregar a lingua que desexe independentemente da que sexa empregada en cada área. Esquece o goberno ao redactar este borrador que a lingua de cada materia é parte do currículo, e que se se establece en que lingua debe impartirse é para afianzar a competencia nesa lingua por parte dos estudantes, polo que non ten sentido que os nenos e as nenas non a empreguen.
De feito, o borrador non contempla a posibilidade de que se resposte en galego e/ou castelán nas áreas impartidas en inglés (que esperamos que sexan moitas), polo que pretenden ?impoñer? o inglés pero non se atreven a ?impoñer? o galego ou o castelán. (Véxase o Art. 7.3)
A proposta da Xunta fala dun terzo para ?linguas estranxeiras?, aínda que precisa que se outorgará unha atención especial ao ensino en lingua inglesa. Achamos que é unha moi boa oportunidade para que se fomente o ensino do portugués a través da área chamada ?Segunda Lingua Estranxeira? pero tamén por suposto a través do uso desta lingua como vehicular noutras materias. Non debemos esquecer, a maior abondamento, que si que contamos cos medios humanos para que se ensinen contidos en portugués.
O borrador presenta aspectos pouco claros que esperamos que se subsanen no decreto definitivo (retroceso na implantación do galego, utópico terzo en linguas estranxeiras, perigo de incumprimento das disposicións...) Confiamos en que estes sexan eliminados no decreto definitivo, que se chegue ao maior consenso posible e que se evite avivar calquera pouso de conflito social por cuestión de lingua.
A LIBERDADE
Converxencia XXI é un partido con vocación integradora que ten sinalado en moitas ocasións que o seu arco ideolóxico admite posicións que van desde a socialdemocracia á democracia-cristiá, pero non agocha que é un partido de base ideolóxica liberal-demócrata.
Por iso somos moi sensibles a que desde o PP (sobre todo desde os sectores máis ultra-conservadores) se recorra a un falso concepto de ?Liberdade? para xustificar as máis reaccionarias posicións da dereita tradicional española.
A Educación en España non outorga aos centros a autonomía que nós consideramos oportuna para desenvolveren os seus currículos de acordo coas necesidades dos seus contornos. As asignaturas, os contidos e ata os calendarios son establecidos polo Estado, cunhas leis que saen das Cortes e que dan unha pequena marxe de manobra ás Comunidades Autónomas.
Tanto os gobernos do PSOE coma os do PP no Estado establecen punto por punto unha liña de actuación que non permite que os centros poidan ofertar currículos realmente heteroxéneos, máis diversos, máis innovadores e máis adaptados aos cambios sociais que se producen e que se han producir, de tal xeito que tampouco se desfruta realmente dunha oferta educativa plural, alén de se os centros son relixiosos ou non.
É hipócrita a reivindicación tradicional da dereita conservadora do dereito a elixir a educación dos fillos por parte das familias, pois en ningún caso o PP reivindica que os Colexios e Institutos teñan liberdade real e efectiva á hora de establecer os seus currículos. As familias non dispoñen dunha oferta realmente plural e heteroxénea para poder escoller en ?liberdade? o que cren que é mellor para os seus fillos. Curiosamente, desde o goberno do PP, si que se esgrime a ?liberdade? para xustificar un retroceso histórico no duro camiño da implantación do galego no ensino.
Converxencia transmite polo tanto mediante este comunicado a súa preocupación pola falta de compromiso co fomento do inglés que reflicte este borrador e pola hipocrisía coa que se pretende facer retroceder a nosa lingua nas aulas.