O Concurso de Declaracións de Amor convocado polo Clube da Lingua e a Biblioteca xa ten gañadores, que recibiron cadanseu premio durante o festival de Entroido que se celebrou onte no instituto. Presentáronse máis de medio cento de declaracións nas modalidades de texto e de SMS e 2º e 3º da ESO foron os cursos máis activos e os maiores non se animaron nadiña. Quedou deserta a modalidade de Videodeclaracións. Vese que enfrontarse ás cámaras ten un aquel especial (cando menos a algúns porque a outros non tanto) aínda que a algunhas rapazas só lles faltou un pequeno empurrón.
Nos próximos días iremos publicando as mellores declaracións. Comezamos coas gañadoras:
1º PREMIO SMS:
Faim 1 favor nn volvas a chamar, nin mandes sms, borra o meu nº, de verdad o sinto, pro o meu dentista dixom que me alonxara das cousas tan doces coma ti
Kameán (Juan Rodríguez Brión, 2º A)
2º PREMIO TEXTO:
Amor de parvulario
Ódiote, ódiote tanto que non te quero ver.
Ódiote, ódiote tanto que che teño envexa.
Gústasme, gústasme tanto que te temo.
Séguesme gustando, e cada vez máis.
Quérote, quérote tanto, que o daría todo por ti.
O Dedos (Álvaro Fernández Carnota, 3º C)
1º PREMIO TEXTO:
Cando durmía
soñaba un mundo de fantasía,
no que ti me querías, no que eu te quería,
no que ti eras a luz do meu mundo negro,
no que ti eras as miñas ganas de seguir vivindo,
no que ti eras o meu consolo.
Pero cando espertei pensei que seguía soñando, e deime
conta –outra vez- de que ti nin sequera sabías que existía.
453 (José Vidal Ageitos, 2º B)
Parabéns aos premiados...
Aquí a xente do equipo quedou coa mosca detrás da orella co alcume "O dedos" (segundo premio). Cousas nosas!