26.3.11

Música: aberto o prazo de inscrición para participar no IV Concurso Galego de Composición

Media_httpfarm6static_ietls

Barbanza-Noia, 26 de marzo de 2011. Onte, 25 de marzo, abriuse o prazo de inscrición do IV Concurso Galego de Composición para Bandas de Música e Sección Sinfónica que se prolongará ata o día 30 de setembro. A Xunta de Galicia, a través de AGADIC, e a Federación Galega de Bandas de Música Populares levarán a cabo unha nova edición deste Concurso no intento de cubrir a escaseza de repertorio musical galego para bandas de música, finalidade para a que foi concebido.

O éxito acadado nestes tres anos con obras para banda sinfónica (O Soño de Breogán de Juan Durán, Irmandiños de Juan Fernández Gúzman, Marea Negra de Antón Alcalde, A Pedra da Serpe de José L. Represas, A lenda da Santa Compaña de David Cuevas ) ou obras para banda de música (A Revolta Irmandiña de Raúl Martín Niñerola, Terra de Oestrimnios e Monte Medulio de Andrés Álvarez, Pórtico e Dolmen de Antón Alcalde e Auga levada de Juan M. Eiras) fan que haxa un repertorio dun valor cultural e musical importantísimos. Como principais novidades desta edición destaca a apertura do concurso a calquera compositor sen límite de idade nin procedencia, sendo requisito que as obras sexan de temática galega e con utilización de recursos musicais propios de Galicia. Tamén se establecen tres categorías ás que poder presentarse:
    * 1ª categoría: sección Sinfónica (a partir de 71 músicos)
    * 2ª categoría (até 70 músicos)
    * 3ª categoría (até 50 músicos)

O estreo das obras premiadas neste concurso no Certame Galego de Bandas de Música, a súa difusión na nosa páxina web e a posta a disposición das partituras para calquera banda de música, fan do concurso unha cita moi atractiva para calquera compositor.
Toda a información está tamén dispoñible no apartado Concurso de Composición da web e en descargas pódense obter as bases e a folla de inscrición, que adxuntamos nesta información.

Folleto_Bases_Concurso_2011.pdf Download this file

Folla inscricion_11.pdf Download this file

Cartel_Bases_Concurso_2011.pdf Download this file

Posted via email from Certo.gl, o xornal dixital de Barbanza e Noia

Política: os socialistas acusan de despilfarro á Xunta por mercar coches e telos parados en garaxes

Lage Tuñas cree que o Conselleiro de Presidencia, Alfonso Rueda “está intentando ausentarse do debate porque ponse á luz a dobre moral do PP” e asegura que mentres Feijóo "presume de austeridade, mantén nos garaxes da Xunta parte da flota de vehículos sen darlle uso, como un Audi A8. Iso non é derroche?". Os socialistas din que a Xunta mercou 600 coches en dous anos e ten parte deles parados e outros empréganos altos cargos para viaxes privadas

Santiago de Compostela, 26 de marzo de 2010. O portavoz da área institucional do Grupo Socialista, José Manuel Lage, acusou hoxe ao goberno galego de dobre moral e malas prácticas na xestión do parque móbil da Xunta de Galicia “ao descubir que o goberno galego ten almacenados vehículos nos garaxes da Xunta sin darlle uso algún”.

Lage Tuñas vén de presentar unha interpelación no parlamento de Galicia co obxecto de que se depuren responsabilidades e se remate coas “malas prácticas” no uso de recursos públicos do parque móbil da Xunta.

A existencia de vehículos sin uso no parque móbil da Xunta, como o caso dun coche modelo Audi A8, así como outros de gama media e turismos utilitarios “supón un despilfarro” según Lage Tuñas xa que entende que “esos vehículos teñen un mantemento, uns gastos de seguros, ter a documentación en regla, pero están sin uso algún, o que en tempos de crise aínda é máis sangrante”.

Cabe recordar que os socialistas galegos deron a coñecer a pasada semana a “utilización fraudulenta”, por parte de cargos de libre designación do goberno de Feijóo, de vehículos do parque móbil da Xunta de Galicia para uso privado e fins particulares.

Agora sabemos que non só é que se utilicen vehículos para uso particular senón que a Xunta almacena vehículos nos seus almacéns sin darlle uso, tendo que asumir os costes de mantemento e os respectivos seguros.” explica o deputado socialista.

Lage Tuñas considera que “mentras Núñez Feijóo presume de austeridade, mantén nos garaxes da Xunta unha parte da flota de vehículos sin darlle uso, como é o caso dun Audi A8. Iso non é un derroche?”.

Estamos diante dun bo exemplo da dobre moral do Partido Popular, xa que ao mesmo tempo que o goberno de Feijóo leva mercado máis de 600 vehículos para a Xunta de Galicia en menos de dous anos, cun coste de preto de 10 millóns de euros, nos garaxes da Xunta hai vehículos que non se utilizan"

Lage Tuñas cree que o Conselleiro de Presidencia, Alfonso Rueda “está intentando ausentarse do debate porque queda en evidencia a dobre moral do PP”.

Recorda o deputado socialista que “o conselleiro Rueda e máis o Presidente da Xunta anunciaran no seu día que se desprenderían de tódolos coches que non fosen a utilizar a cambio de conseguir outros máis baratos, pero a realidade é que nos garaxes da Xunta vese como o parque móbil ten unha parte de vehículos que siguen en posesión da Xunta e que as que se lle da uso”.

o conselleiro Rueda terá que explicar a razón pola que a Xunta sigue mantendo vehículos que non utiliza”, retou Lage.

Fin ás malas prácticas

Lage Tuñas considera que “o goberno debe dar contas e explicarse porque o peor que pode facer e negar a maior, xa que as probas deixan as vergonzas do goberno ao aire”.

Por ultimo emprazou ao Goberno de Feijoo a erradicar esta situación de inmediato. E resumiu “cabe unha rectificación por parte do goberno galego, xa que se precisa transparencia e claridade e sobre todo rematar coas malas prácticas na xestión do parque móbil da Xunta de Galicia”, concluíu.


Audi_a8-marzo_2011--

interpelación-parque móbil-Xunta de Galicia-marzo 2011---k.pdf Download this file

Posted via email from Certo.gl, o xornal dixital de Barbanza e Noia

Deportes: as regatistas de Cabo de Cruz, premiadas na I Gala do Deporte Feminino como mellor equipo

Fotos de Laure Fernández

Boiro, 26 de marzo de 2011. Onte, no Pazo da Cultura de Pontevedra celebrouse a 1ª Gala do Deporte Feminino Galego. A traíña "Rías Baixas", levada na súa maior parte por rapazas de Cabo de Cruz, foi unha das premiadas.

A asociación Mudegá foi a organizadora desta primeira Gala do Deporte Feminino Galego, na que se premiou á mellor deportista, adestradora, entidades, xuíza ou clubs da pasada tempada. Entre os premiados destaca a presenza da taekwondista Fani Hernández ou da traíña Rías Baixas.
Mudegá busca lograr a visibilidade do deporte feminino, un dos obxectivos principais deste colectivo: Lograr que os éxitos do deporte feminino sexan recoñecidos pola
sociedade e para iso é necesario ser visibles nos medios de comunicación. O pasado venres reuniuse o xurado para estudar as candidaturas presentadas e decidir os premiados. Entre as candidaturas, había deportistas cun curriculum espectacular, medallistas mundiais, olímpicas, clubs cunha longa historia… En definitiva, unha proba da boa saúde do deporte feminino galego.

Así, a taekwondista Fani Hernández (bronce no Europeo, bronce no mundial universitario e 4ª clasificada no ranking mundial) foi elixida mellor deportista galega, mentres que o mellor equipo é a traíña Rías Baixas, gañadora da Bandeira da Concha e da Liga de traíñas feminina no 2010 (igual que no ano anterior). O xurado valorou a traxectoria de Ana Penas (tres veces olímpica) para outorgarlle o premio á mellor traxectoria; mentres que Teresa Martínez Cancelo (a primeira muller do mundo que logrou ser árbitro internacional de hóckey sobre patíns) recibiu o premio á mellor árbitro. Ana Valín, de péntatlon, foi elixida como mellor adestradora do ano 2010, mentres que Ángel Alfonso Villar, do Friol, foi elixido como mellor directivo polo seu traballo a prol do fútbol feminino.
Na categoría de mellor iniciativa a prol do deporte feminino, o xurado apostou por María Ruíz Castro, que creou o club Padel Feminino Cíes, que neste momento conta con máis de 80 mulleres que compiten nunha liga de 1.700 persoas. Extrugasa, patrocinador do club Cortegada de Vilagarcía, é a entidade privada máis colaboradora do deporte feminino, mentres que a concellería de Igualdade e Participación Cidadá do Concello de A Coruña foi elixida como a mellor entidade pública, pola súa aposta polo deporte feminino. O premio para o medio de comunicación amigo correspondeulle a “A  temporada do fútbol galego”, cun apartado especial para o fútbol feminino, mentres que a mellor promesa é para a ximnasta Yael Campelo, que a súa curta idade xa anuncia importante éxitos deportivos no futuro. No transcurso da gala, Mudegá tamén agradeceu a colaboración do club FC Meigas de Ames, que leva na súa camiseta o
logo da asociación de forma absolutamente desinteresada e que está sempre disposto a colaborar.
O xurado, que se reuniu o día 18 de marzo, estivo formado por Mari Luz Ferreiro
(xornalista); David Acevedo (Xefe de deportes doutro xornal); Elena Fernández (Directora do Centro Galego de Tecnificación Deportiva); Belia Méndez (directora do IMD de Pontevedra); Javier Rico (xerente da Fundación Deporte Galego); Nuria Rodríguez (presidenta da Federación Galega de Salvamento e Socorrismo), Mercé Barrientos (presidenta da Federación Galega de Taekwondo) e Pilar Neira (presidenta de Mudegá). Como secretaria actuou Ana Varela (presidenta do club Perla de Fútbol Sala de Sada e directiva de Mudegá).

Relación de premiados:

Mellor deportista
Estefanía Hernández
Mellor traxectoria
Ana Penas
Medios de comunicación
A temporada do fútbol galego
Mellor adestradora
Ana Valín
Mellor árbitro
Teresa Martínez Cancelo
Iniciativa a prol do deporte feminino
María Ruíz Castro, creadora do club Padel Feminino Cíes
Entidade privada amiga
Extrugasa
Entidade pública máis comprometida
Concellería de Igualdade do Concello da Coruña
Directivo máis comprometido
Ángel Alfonso Villar (Friol)
Mellor equipo
Traíñas Rías Baixas
Premio á mellor promesa
Yael Campelo


 


Posted via email from Certo.gl, o xornal dixital de Barbanza e Noia

Ribeira: as obras do pavillón polideportivo de Palmeira comezan entre o 4 e o 8 de abril

Media_httpfarm3static_ualaq

Ribeira, 26 de marzo de 2011. O Concello informa da adxudicación da obra do Pavillón Polideportivo de Palmeira, que recaeu na empresa Ageco Construcciones y Reformas, S.L.  

O orzamento desta actuación, localizada no lugar de Horta do Barcelo, é de 1.308.000 euros e o prazo de execución de 12 meses. Está previsto que os traballos comecen entre o 4 e o 8 de abril.  A edificación, cuxo proxecto está redactado polo arquitecto Amancio Losada Vicente, constará dunha planta semisoto e dunha planta baixa.  

No semisoto haberá  unha pista de 40x20 metros, unha sala de fitness e ximnasia cunha superficie superior aos 70 metros cadrados, unha zona de vestiarios (con 4 vestiarios con aseos e duchas, outros dous vestiarios de monitores e dous máis adaptados para minusválidos), aseos para homes e mulleres e adaptados, zona de almacéns e sala de masaxes e curas. 

Polo que respecta á planta baixa, gozará de vestíbulo, servizo de atención ao público, oficinas, gradas e terraza.

Posted via email from Certo.gl, o xornal dixital de Barbanza e Noia

Ribeira: o alcaldable do Psoe avoga por un urbanismo racional e cooperativo co resto de municipios

Ribeira, 26 de marzo de 2011. O candidato do Psoe á alcaldía, Andrés Fariña, espuxo hoxe que aposta por un urbanismo racional "baseado no diálogo e na cooperación territorial entre os municipios de Barbanza". Esta opinión manifestouna nas conclusións da xornada "A cidade como xeradora de recursos, urbanismo e fiscalidade", na que interviron o arquitecto e ex-alcalde de Santiago, Xerardo Estévez, e o ex conselleiro do Consello de Contas, Xaquín Álvarez Corbacho.

Fariña, Estévez e Corbacho coincidiron na necesidade de que os plans urbanísticos de cidades como Ribeira "teñan en conta a súa integración co entorno, co obxectivo de acadar unha área metropolitana forte e en condicións de medrar dun xeito ordenado".

Xerardo Estévez, arquitecto que, durante o tempo que foi alcalde de Santiago, acadou para a cidade os premios máis prestixiosos pola recuperación do casco vello de Compostela, destacou "a importancia de elaborar un Pxom baseado na sostibilidade, xa que hai que facer as cousas con sentido común e pensando sempre nas vindeiras xeracións. O planeamento é fundamental: unha cidade sen un bo plan xeral está destinada ao fracaso", sentenciou. 

Para lograr un plan xeral sostible e racional, Estévez avogou polo diálogo continuo con cidadáns e institucións, así como pola formación cultural, aspecto clave para que se comprenda o modelo de municipio que se quere pór en marcha.

No que atinxe a Corbacho, referiuse á necesidade de que os municipios adapten as súas políticas de ingresos tributarios para atender os servizos que demanda a sociedade galega, "cada vez máis envellecida. En ocasións prodúcense desaxustes entre áreas urbanas e localidades limítrofes, polo que son precisas medidas estructurais para poñer fin a esta situación", indicou. Sinalou que as análises "detidas son fundamentais, hai que facer as cousas con disciplina, aplicándoa a calquera aspecto, como o desenvolvemento dos parques industriais, necesarios pero non en calquera sitio, porque precipitarse é malo a longo prazo", finalizou.


Posted via email from Certo.gl, o xornal dixital de Barbanza e Noia

Cultura: Valle-Inclán protagonizou unha sesión do ciclo "Galicia, ceo das letras", onde foi comparado con Cela e Blanco Amor

Media_httpfarm4static_drwaf

O director xeral do Libro, Bibliotecas e Arquivos, Francisco López Rodríguez, gabou o traballo da Cátedra Valle-Inclán da Universidade de Santiago no estudo e promoción da obra do escritor galego. O actor e director de teatro José Luis Gómez, que vén de traballar con directores de cine como Almodóvar ou Milos Forman, realizou unha lectura dramatizada de textos de Valle-Inclán

Santiago, 26 de marzo de 2011.- O ciclo literario da Cidade da Cultura, “Galicia, ceo das letras”, dedicou a sesión desta mañá a Ramón María del Valle-Inclán, escritor do que se conmemoran os 75 anos do seus pasamento. A sesión, que estivo presidida polo director do Libro, Bibliotecas e Arquivos, Francisco López Rodríguez, contou cun diálogo entre dous grandes expertos na figura do escritor galego: a directora da Cátedra Valle-Inclán da Universidade de Santiago, a profesora Margarita Santos, e o actor e director de teatro, José Luis Gómez, premio á mellor interpretación masculina no Festival de Cannes pola película “Pascual Duarte”, o Premio Nacional de Teatro, Medalla de Ouro ao Mérito nas Belas Artes e que ven de traballar con directores da talla de Pedro Almodóvar ou Milos Forman.

O director xeral do Libro, Bibliotecas e Arquivos gabou a Cátedra e o Grupo de Investigación Valle-Inclán, lembrando algúns dos seus proxectos mais importantes, como a edición do Anuario Valle Inclán en consorcio coa Universidade de Temple (Philadelphia), o depósito e coidado de todo o legado manuscrito de Valle-Inclán, a constitución da Biblioteca da Cátedra, a posta en marcha dun seminario permanente ou a organización de varios congresos internacionais sobre o autor. “Os meus parabéns a Margarita Santos que leva capitaneando esta nave dende 1994”, sinalou Francisco López, quen tamén lembrou os premios e distincións de José Luis Gómez, sinalando que o pasado mércores foi investido doutor Honoris Causa pola Universidade Complutense de Madrid.

Margarita Santos e José Luis Gómez analizaron as similitudes e diferenzas de Valle-Inclán e outros autores galegos, como Cela ou Blanco Amor. Durante o diálogo, os dous expertos comentaron varios estudos onde a figura de Valle Inclán se sitúa no cumio do teatro universal, con obras ao nivel de Shakespeare, Moliere, Bretch ou Lope de Vega. Posteriormente, José Luis Gómez fixo unha lectura dramatizada de textos de Valle-Inclán.

Con motivo da sesión de Valle-Inclán, a Biblioteca de Galicia organizou unha pequena mostra de obras do escritor galego, procedentes dos fondos da Biblioteca. A próxima edición de “Galicia, ceo das letras” será o 6 de abril e estará adicada a Alvaro Cunqueiro. As prazas para participar nela xa están cubertas.

Posted via email from Certo.gl, o xornal dixital de Barbanza e Noia

Ribeira: prometida de novo a lonxa para o municipio. Disque as obras comezan a finais deste ano e que será a máis grande de Galicia

O delegado territorial da Xunta na Coruña, Diego Calvo, e o presidente de Portos de Galicia, que tamén exerce como secretario de organización do PP de Galicia, José Manuel Álvarez-Campana, presentaron esta mañá o proxecto que eles chaman “a lonxa do século XXI”. Portos de Galicia investirá 17 millóns de euros na construción dunha lonxa de 17.000 metros cadrados para Ribeira
Media_httpfarm5static_jvyvx

O edificio da lonxa, que será visitable, foi deseñado por César Portela e Díaz y Díaz Arquitectos, e estará distribuido en tres superficies diferenciadas, con aparcadoiro soterrado

Ribeira, 26 de marzo de 2011.- Continúan a toda marcha os anuncios e promesas que antes se facían en campaña electoral e agora, coa nova lexislación, adiántanse un par de meses. Desta volta foron o delegado territorial da Xunta na Coruña, Diego Calvo, e o presidente de Portos de Galicia, José Manuel Álvarez-Campana, os que presentaron esta mañá o proxecto da nova lonxa para o porto de Ribeira, unha promesa que xa é vella e foi adiada por h ou por b durante moitos anos.. Tratase dunha infraestrutura moderna, versátil e adaptada ás necesidades reais dos profesionais. “Unha lonxa para o século XXI”, en palabras do presidente do ente público, que tamén exerce como secretario de organización do PP de Galicia, Álvarez-Campana.

Trala adxudicación o pasado día 21 do proxecto á empresa Acciona, Portos de Galicia investirá 17,3 millóns de euros na construción do edificio, que se iniciará, segundo o previsto, no terceiro trimestre deste ano. O prazo de execución dos traballos é de 38 meses.

A futura lonxa de Ribeira será a máis grande de Galicia entre as construidas pola Xunta. Esta nova construción verá multiplicada por máis de tres veces a superficie de venda, exposición e subasta da actual lonxa, acadando os 17.000 metros cuadrados de superficie. O deseño foi elaborado por César Portela e Díaz y Díaz Abogados, que idearon un edificio visitable para a cidadanía.

Estará distribuido en tres superficies diferenciadas. Unha planta semisoto para aparcamento de 4.500 metros cadrados e capacidade para unhas 380 prazas; unha planta baixa de 8.000 metros cadrados con destino a áreas de exposición, venta, subasta e expedición, ademais de almacéns de exportadores, espazos de servizos, aseos e oficinas. Finalmente terá unha primeira planta de 3.500 metros cadrados destinada oficinas, servizos de ventas, laboratorios, cafetería e oficinas, entre outros servizos.

No dimensionamento do edificio teranse en conta, especialmente, o número e superficie dos locais de exportadores, a zona de clasificación, exposición e subasta, o número e características dos peiraos de carga e a superficie de aparcamento dos exportadores.

A nova lonxa terá unha oficina de trazabilidade e contará cos sistemas máis modernos de conservación en frío, manipulación do peixe e subasta, entre outros. Incluirá, ademais, as novas tecnoloxías e enerxías limpas, como a solar e a térmica fotovoltaica. Estará dotada, así mesmo, de todos os servizos que garantan as descargas nas mellores condicións de seguridade e operatividade.

A execución da lonxa implicará non só a construción do edificio senón tamén das zonas de desenvolvemento máis próximas, como as correspondentes a carga e descarga, e a prestación de servizos incluídos no tratamento do peixe ou que complementan o desenvolvemento da actividade.

Esta multifuncionalidade conlevará a adecuación dos atraques, mediante a dragaxe das aliñacións que sexa necesaria, e a dotación aos cantís dos medios requeridos para poder efectuar as descargas en condicións de seguridade e eficiencia para cada unha das flotas que operen na lonxa.

A nova lonxa caracterizarase pola súa integración e protección medioambiental do entorno, coidando a calidade estética e os detalles, de xeito impidan efectos nocivos para o medio ambiente. Tamén respecto ao entorno do edificio, este verá mellorada a circulación de vehículos, de tal xeito que a lonxa estea comunicada cos accesos ao porto da maneira máis directa posible, acurtando os percorridos interiores pola zona portuaria.

Problemas coa ubicación

En canto á súa ubicación, a nova lonxa emprazarase na esplanada que no seu momento foi creada para esta instalación, pero que ata o momento non se empregou para este fin. Así darase solución a importantes problemas de funcionamento que presenta a lonxa actual, precisamente polo seu emprazamento, a través de atraques que permitirán efectuar as descargas en mellores condicións.

O novo emprazamento da lonxa ribeirense suporá a reubicación de aquelas actividades que poidan ser afectadas pola instalación da mesma na superficie elixida. Deste xeito trasladaranse as actividades dos redeiros, probablemente á zona do peirao comercial, e a zona de subministro de combustibles, entre outras.

Posted via email from Certo.gl, o xornal dixital de Barbanza e Noia

Twitter

Related Posts with Thumbnails Banner: Regale selva tropical