26.3.11

Ribeira: o alcaldable do Psoe avoga por un urbanismo racional e cooperativo co resto de municipios

Ribeira, 26 de marzo de 2011. O candidato do Psoe á alcaldía, Andrés Fariña, espuxo hoxe que aposta por un urbanismo racional "baseado no diálogo e na cooperación territorial entre os municipios de Barbanza". Esta opinión manifestouna nas conclusións da xornada "A cidade como xeradora de recursos, urbanismo e fiscalidade", na que interviron o arquitecto e ex-alcalde de Santiago, Xerardo Estévez, e o ex conselleiro do Consello de Contas, Xaquín Álvarez Corbacho.

Fariña, Estévez e Corbacho coincidiron na necesidade de que os plans urbanísticos de cidades como Ribeira "teñan en conta a súa integración co entorno, co obxectivo de acadar unha área metropolitana forte e en condicións de medrar dun xeito ordenado".

Xerardo Estévez, arquitecto que, durante o tempo que foi alcalde de Santiago, acadou para a cidade os premios máis prestixiosos pola recuperación do casco vello de Compostela, destacou "a importancia de elaborar un Pxom baseado na sostibilidade, xa que hai que facer as cousas con sentido común e pensando sempre nas vindeiras xeracións. O planeamento é fundamental: unha cidade sen un bo plan xeral está destinada ao fracaso", sentenciou. 

Para lograr un plan xeral sostible e racional, Estévez avogou polo diálogo continuo con cidadáns e institucións, así como pola formación cultural, aspecto clave para que se comprenda o modelo de municipio que se quere pór en marcha.

No que atinxe a Corbacho, referiuse á necesidade de que os municipios adapten as súas políticas de ingresos tributarios para atender os servizos que demanda a sociedade galega, "cada vez máis envellecida. En ocasións prodúcense desaxustes entre áreas urbanas e localidades limítrofes, polo que son precisas medidas estructurais para poñer fin a esta situación", indicou. Sinalou que as análises "detidas son fundamentais, hai que facer as cousas con disciplina, aplicándoa a calquera aspecto, como o desenvolvemento dos parques industriais, necesarios pero non en calquera sitio, porque precipitarse é malo a longo prazo", finalizou.


Posted via email from Certo.gl, o xornal dixital de Barbanza e Noia

No hay comentarios:

Twitter

Related Posts with Thumbnails Banner: Regale selva tropical