Vázquez esixiulle o pasado sábado ao goberno de Feijóo "que axude á planta de Lousame para facela máis eficiente".
Porto do Son, 28 de novembro de 2010.- O secretario Xeral do PSdeG, Pachi Vázquez, esixiulle ao Goberno de Feijóo que axude a pranta de tratamento de residuos de Lousame, “para poder facela máis eficiente e garantir a súa viabilidade futura, tal e como se recollía no anterior Plan de Residuos”. Vázquez fixo estas declaracións onte no acto de inauguración da sede socialista de Porto do Son, onde estivo acompañado por Ramón Quintáns, secretario xeral de Porto do Son, Mar Barcón, secretaria de Política Municipal do PSdeG, e Xoan Pastor Rodríguez, alcalde da vila.
O líder dos socialistas lembrou que “a Xunta modificou o Plan de Residuos de Galicia, baseado na compostaxe, na reutilización e na reciclaxe, para apostar pola incineración, que é un modelo absolutamente desfasado e desaconsexado pola Unión Europea”. “A Consellería de Medio Ambiente non pode seguir desentendéndose deste problema, que atinxe a unha poboación moi elevada e pode representar un gran problema medioambiental, que ten que resolver a Xunta”, aseverou.
Vázquez apuntou que “Feijoo, non cumpliu en todo este tempo ningunha das súas promesas electorais e non arranxou nin un dó dos problemas de Galicia”. “Despreocúpase do paro e da economía. Despreocúpase da sanidade, que é un servizo público esencial e está facendo augas por todas partes, querendo privatizala a marchas forzadas e introducindo modelos certamente perversos para rebaixar as listas de espera”, denunciou. Ademais sinalou que “despreocúpase da educación, e despreocúpase dos concellos, que contan con menos recursos para realizar as prestacións sociais que está facendo, incluso máis alá das súas competencias”. O líder dos socialistas lembrou que “estamos a vivir unha crise que sabemos non é de rápida solución. Pero en Galicia sabemos tamén que a receita do PP non resolve nada. Esta é a nosa arma para defender a nosa posición fronte á dereita.”
Optimismo electoral desbordante
O responsable socialista sinalou que “teremos un gran resultado nas eleccións municipais do próximo ano. Imos gobernar tódalas capitais, cidades e vilas como ésta de Porto do Son, se somos capaces de achegarnos máis aos veciños e veciñas e lle damos resposta aos seus problemas“. Vázquez recalcou que “máis que nunca, o PSdeG ten que ser a casa común da esquerda, o punto no que conflúan quenes defendemos os dereitos cidadáns, o dereito a unha sanidade e unha educación públicas, universais e gratuítas”. “O dereito -engadiu- de quenes cremos que en Galicia só o PSdeG pode ser a alternativa real ao recorte salvaxe e á privatización dos servicios públicos esenciais que preconiza o PP”. Finalmente sinalou que “Porto do Son é un emblema para o PSdeG no Barbanza. E hoxe aquí ofrézovos toda a miña colaboración e a de toda a Executiva para que poidades saír airosos do próximo compromiso electoral”.
Posted via email from Certo.gl, o xornal dixital de Barbanza e Noia