Posted via email from Certo.gl, o xornal dixital de Barbanza e Noia
28.10.10
Outes: o 1 de novembro inaugúrase a II Mostra de Fotos Antigas
Política: o Psoe denuncia a "falsa austeridade de Feijóo" coa retirada de seis millóns de euros do fondo incondicional dos concellos e
Barbanza-Noia, 28 de outubro de 2010. O Viceportavoz do Grupo Parlamentario dos Socialistas de Galicia, José Manuel Lage Tuñas interveu hoxe na Comisión 3ª do Parlamento, trala comparecencia do Conselleiro de Presidencia na que explicou as partidas orzamentarias da súa área. Alí o deputado do PSdeG denunciou que “con estes orzamentos hoxe caeulle a careta e o eslogan da falsa austeridade ao Goberno de Feijóo, ao incrementar en 2 millóns de euros (nun 8,59% mais que o ano pasado) o gasto corrente do conxunto da administración xeral da Xunta de Galicia mentres reducen as partidas en sanidade, educación, dependencia ou investigación e desenvolvemento”. Lage Tuñas sinalou que Alfonso Rueda aproveitou esta comparecencia “para lanzar soflamas contra o Goberno de España, co fin de evitar asumir as súas responsabilidades, renunciando ao exercicio do autogoberno”. “Deixen de buscar responsables externos e explíquenos como baixan os fondos adicados á sanidade, á educación, ao gasto social e nembargantes para o ano 2011 sube o gasto corrente do conxunto da administración xeral da Xunta de Galicia en 2 millóns de euros respecto do orzamento do ano 2010” espetou. O portavoz socialista relata que 9 de cada 10 euros da Consellería da Presidencia adícanse ao gasto corrente. Mais polo miúdo indica que o gasto corrente aumenta un 8.59% entre 20010 e 2011 no referido o conxunto da administración xeral. Lage Tuñas replicou que “nesta partida é onde debería haber reducción de gasto corrente, por iso é falsa a austeridade da que viñeron presumindo. Cáelles a careta porque os números cantan”.E advirte que o Partido Popular prefire facer recortes no profesorado, no persoal sanitario e na dependencia “prefiren meter a tixeira alí onde máis se necesita”. Asevera que colgarse medallas sobre a supresión das Fundacións Comarcais “ é ter moita cara”, e cualificouno “coma unha neglixente xestión xa que durante 18 meses non procederon a disolucións dunhas Fundacións, que quedaron definidas nun proxecto impulsado polo anterior Goberno autonómico”.
Lage Tuñas aludiu ás promesas incumpridas de racionalización da administración paralela e recordoulle a Alfonso Rueda que “levan 18 meses gobernando e foron incapaces de disolver as fundacións comarcais” . Neste punto atacou duramente ao conselleiro da Presidencia ao recordarlle que “cústalles disolvelas porque foron vostedes quen as crearon, vostedes son os responsables da súa existencia e son os responsables do fracaso do modelo de comarcalización de Galicia”. “A ver se en vez de anunciala (disolución das fundacións), fan algo e gobernan, porque o goberno anterior xa lles deixou todo preparado para consumar a disolución e agora veñen vostedes a intentar colgarse medallas”, proclamou. Nese senso lembra que o PSdeG-PSOE fíxolle propostas parlamentarias para evitar duplicidades na administración paralela e facer unha reducción real da administración institucional “pero o Partido Popular votou en contra”, insistiu. O deputado do PSdeG recordou que o seu grupo xa propuxera evitar duplicidades e volveu a propoñer “fusionar as catro Xestures nun único organismo, a fusión de Augas de Galicia e a Empresa de Obras e Servizos Hidráulicos ou concentrar nun Instituto Galego de Finanzas, os actuais IGAPE, BIC Galicia ou Xesgalicia”. O viceportavoz socialista di que o Conselleiro “meteulle unha navallada ao gasto social, sen novos equipamentos sociais, reducindo 300 ciclos formativos, diminuíndo o persoal docente, reducindo as becas universitarias e presumindo que non van a pagar o gasto da dependencia”. E prosegue “ e mentres non disolven fundacións e incrementan un 8.59 % o Capitulo II do orzamento, o que supón case 2 millóns mais do gasto corrente”, insistiu Lage. Coas cifras na man o portavoz de Presidencia e Administración Autonómica do PSdeG-PSOE explica que as contas autonómicas esquecen novos equipamentos sociais ou inversións en comunicacións terrestres e portuarias. Denuncia que recortan gasto social, a inversión productiva, esquecen a aposta polo I+D e manteñen o gasto improductivo. “Por diante din unha cousa e por debaixo da mesa coa man fan outra”, advertiu.
Lage Tuñas tamén fixo fincapé na ”reducción” dos fondos incondicionais para os concellos galego e explicou que “o Fondo de Cooperación para os Concellos “ten 6 millóns de euros menos que no ano anterior, pasando de 120 millóns a 114”. O ano pasado destinaban 120 millóns de euros a fondos incondicionais para os concellos galegos, este ano só 114 millóns; os socialistas propoñemos que se corrixan os orzamentos e se incrementen os fondos destinados aos concellos galegos” explicou o deputado do PSdeG. Neste punto reclamou a modificación dos orzamentos “para que os concellos non sufran esa merma”, e ademais “ que se fagan as liquidacións con caracter mensual”, como demanda a FEGAMP “xa que os concellos teñen que facer pagos con carácter mensual, como é no caso das nóminas dos empregados públicos”. O deputado do PSdeG recordou que nos orzamentos para o ano 2011 existe un total de 356 millóns de euros, dos cales 114 son incondicionais para os concellos e 242 millóns son condicionadas, é decir transfírense a través a través de subvencións ou convenios. Lage Tuñas propuxo que “se modifique o orzamento para incrementar os fondos incondicionais do Fondo de Cooperación cos concellos e mellorar así as aportacións fixas aos concellos galegos” e nese punto pide que “se transformen en incondicionais parte dos 242 millóns de euros destinados a corporacións locais pero que son fondos condicionados. Solicita tamén que se destine unha parte importante ao Fondo de Cooperación cos concellos e pasen a ser fondos incondicionais, o que melloraría as finanzas das administracións locais.
Posted via email from Certo.gl, o xornal dixital de Barbanza e Noia
A Pobra: o Concello ofrece unha homenaxe a Xerardo Fernández Albor este venres
Artigo laudatorio sobre este político na Wikipedia
Posted via email from Certo.gl, o xornal dixital de Barbanza e Noia
Ribeira: Portos de Galicia promételle ao alcalde pequenas obras para a cidade, Aguiño, Palmeira e Corrubedo
Ribeira, 28 de outubro de 2010.- O presidente de Portos de Galicia. José Manuel Álvarez-Campana, mantivo onte unha reunión de traballo co alcalde de Ribeira, José Luis Torres, para tratar diversos asuntos relacionados coas instalacións portuarias de Ribeira e outros portos incluídos dentro do termo municipal como son Aguiño, Palmeira e Corrubedo.
Torres Colomer solicitou a Portos de Galicia autorización para levar a cabo obras de saneamento dentro dunha parte do dominio público do porto de Ribeira, nunha zona próxima á fachada marítima, consistentes na instalación dun separador de augas fecais e de residuos industriais, elementos de bombeo e canalizacións. Unha petición á que o presidente de Portos mostrou a súa colaboración e disposición. Tamén se trataron outras obras que polas súas características significarán un pulo importante na actividade comercial, pesqueira e náutico recreativa para Ribeira, como son, a mellora do abrigo das instalacións náutico recreativas e a mellora da capacidade operativa do peirao comercial, ámbalas dúas en fase de redación do proxecto. A ampliación do peirao comercial, actualmente en estudo, e o remate do edificio de servizos que albergará as oficinas portuarias, foron outros dous asuntos de relevancia tratados na reunión.Asemade, o presidente de Portos informou ao alcalde de Ribeira da situación da nova lonxa de Ribeira, neste momento pendente de adxudicación e que suporá un investimento duns 18 millóns de euros. Deste xeito a Consellería do Mar, a través de Portos de Galicia, aposta por reforzar a comercialización e atender unha antiga demanda dos usuarios do porto de Ribeira. Coa execución desta actuación, Portos de Galicia fomentará unha maior operatividade nos peiraos da zona que comprende a futura lonxa, a posta en valor e explotación das instalacións, e o desenvolvemento das áreas próximas ao edificio e do porto en xeral.
Tamén foron tratados asuntos relacionados coas instalacións portuarias de Aguiño, Palmeira e Corrubedo, tamén pertencentes ao termo municipal de Ribeira. O alcalde solicitou a Portos de Galicia a realización de pequenas obras menores e de alumeado nestes portos. Asemade, tratáronse peticións relativas remodelación das ramplas do porto de Aguiño, un programa de actuacións para o porto de Palmeira e a construción de departamentos para usuarios no porto de Corrubedo, todas elas en estudio e que se poderían realizar a curto e medio prazo.
Posted via email from Certo.gl, o xornal dixital de Barbanza e Noia
Lousame: 55.000 euros para rehabilitar un local que se destinará a sala de exposicións
O único lugar de exposicións que hai agora en Lousame é a casa de cultura Lousame, 28 de outubro de 2010.- A Consellería de Cultura e Turismo e o Concello de Lousame veñen de acordar un convenio de cooperación para a rehabilitación dun local e a súa conversión en zona cultural de exposicións. Segundo o convenio, a Consellería de Cultura e Turismo concederá ao concello coruñés a cantidade total de 55.000 euros para a rehabilitación do local. Os fondos europeos procedentes do Programa Operativo FEDER (Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional) financiarán o 70% da colaboración. A Consellería de Cultura e Turismo dentro da súa programación anual traza as directrices a seguir dentro do mapa de infraestruturas socioculturais de Galicia con especial interese no acondicionamento e equipamento de locais socioculturais existentes, pero que non se poden usar por non estar en condicións óptimas. O obxectivo é que os distintos concellos de Galicia poidan ofrecer á poboación unha variada e completa oferta sociocultural. Con este convenio, acometeranse as obras necesarias para acondicionar o local de Lousame e que permita ofrecer un espazo suficientemente dotado para albergar as distintas actividades de carácter cultural. Asemade, tamén acollerá diversas exposicións conformando unha programación cultural axeitada e ampla. Tanto Consellería como Concello son conscientes da necesidade de establecer instalacións de carácter sociocultural que permitan unha adecuada oferta, co obxecto de satisfacer as necesidades que en materia cultural teñen os habitantes da zona de Lousame. Con este convenio asegúrase ter os espazos necesarios para que poidan representarse as diversas manifestacións da cultura galega nun marco digno e adecuado no Concello de Lousame. Esta cooperación entre Consellería e Concello no que atinxe á rehabilitación do local como centro cultural inscríbese no marco do Programa Operativo FEDER Galicia 2001-2013. Deste xeito, converterase a Lousame nun referente cultural que pode ofrecer unha serie de actuacións encamiñadas á divulgación, información e promoción da cultura e achegar o máximo posible o noso patrimonio cultural a un público de tódalas idades.
Posted via email from Certo.gl, o xornal dixital de Barbanza e Noia
Rianxo: reactivan a campaña para que repinten o colexio "Brea Segade" de Taragoña logo de 27 anos
Cor simulada que agardamos non gañe o concurso de ideas para pintalo
Rianxo, 28 de outubro de 2010. O Bng de Rianxo e membros da comunidade educativa, tanto na vida real como na virtual, están a reactivar a campaña para que se repinte o colexio de Taragoña que leva o nome do intelectual Brea Segade. Hoxe lanzaron no Facebook e nos blogs unha campaña para que se envíe ao presidente da Xunta unha carta con esta petición. O grupo de Facebook está aquí.
Cronoloxía de incumprimentos
No Nadal de 2005 deputados e deputadas das tres forzas políticas do Parlamento de Galiza, coa presenza de Tareixa Paz, vicepresidenta do Parlamento e do BNG, achegáronse ao Colexio Público Brea Segade de Taragoña. O alumnado deulle razón de toda unha serie de deficiencias do colexio e eles se comprometeron a buscar unha solución.
Transcorridos seis meses despois da visita, o BNG cumpriu o comprometido coas crianzas de Taragoña e impulsou unha iniciativa no Parlamento para solucionar as graves eivas. A pregunta parlamentar, presentada o dez de xullo de 2006 polas deputadas nacionalistas Ana Pontón e Tareixa Paz nas que instaban á Consellería a atender estas necesidades. Transcorridos cinco anos despois desa visita, as obras de importancia e supostamente comprometidas non se efectuaron, entre outras, o repintado da escola que, cumprindo os vintesete anos xa de vida non veu unha nova man de pintura desde o seu inicio.
Pasaron xa cinco anos, e neste 2010 non hai nada feito e os Orzamentos da Xunta deste 2011 non recollen intervención ningunha, é máis: Rianxo non recibiu durante o 2010 ningunha achega de Xunta, da Consellería de Educación, para obras en centros, o único concello de todo o Barbanza que non ve un euro para obras.
Obxectivos da campaña
É por iso que se quere reactivar a petición e abrila aos membros da comunidade educativa do Brea Segade, asociacións, veciños e veciñas de Taragoña e o Araño, e polo grupo creado na web, para reclamar o repintado do centro, como símbolo da mellora e renovación dunhas instalacións educativas e que arrastra outras actuacións a maiores como a limpeza da maleza exterior a cargo do concello, do valado exterior, entre outras.
A tal fin repartiranse polas ANPAS e o exterior do Colexio, nun posto no mercadillo e por estabelecementos estas misivas para seren rexistradas no portelo único do Concello dirixidas á Xunta de Galicia. Queren que se repinte o centro despois de 27 anos coa mesma man de pintura: ningunha casa aguanta tanto sen renovala, canto máis unha instalación que acolle aos nenos e nenas do concello rianxeiro. Para darlle un carácter tamen participativo pretenden tamén animar a mandar propostas de pintado, e puxeron un fondo branco no que presentar suxestións.
Tamén se colocarán carteis en establecementos comerciais das parroquias para sensibilizar e que todos e todas colaboren na demanda dalgo que "entendemos é de xustiza. E para que se inclúan dentro dos orzamentos deste ano. A crise non debe afectar á educación".
Relacionada:
Educación en Rianxo: o Bng fala de "abraiante castigo"
Posted via email from Certo.gl, o xornal dixital de Barbanza e Noia
Dodro: organizan un magosto para este sábado 30 de outubro dende as seis da tarde
Dodro, 28 de outubro de 2010. A Concellaría de Cultura de Dodro convida a participar na Festa do Magosto que terá lugar na Paxareira o vindeiro sábado, día 30. A festa deste tempo de outono vaina organizar a asociación de veciños «O Morasón» da Comunidade de Montes Balouta e Fontecova e comezará arredor das 18.00 horas.
Os organizadores queren tentarnos por unha parte con churrasco, orellas, chourizos crioulos, refrescos, cervexa e viño e pola outra cun concurso de cabazas, animación cultural a cargo do grupo «Argallando» que inclúe xogos populares, danza, paracaídas... para nenas e nenos de todas as idades durante dúas horas.Se queres facerte regueifeiro, Oral poncho doado: http://www.regueifa.orgPero hai tamén cousas serias: Unha parella de membros da Asociación ORAL que se dedica a revitalizar unha tradición de enxeño popular, montarán unha regueifa, a pura improvisación, para divertir ao público. "Non podes faltar!", aseguran dende a Concellaría de Cultura de Dodro.
Posted via email from Certo.gl, o xornal dixital de Barbanza e Noia
Mocidade: tes entre 18 e 30 anos? Viaxa barato e descubre o planeta co programa "Xuventude no Mundo"
Un dos lugares de intercambio cultural é BudapestConsulta http://xuventude.xunta.es/programas-eu.html ou descarga aquí o programa completo e mira se hai algún lugar que che interese. Hai poucas prazas! E só hai para anotarse uns días en agosto, así que atentos!É isto unha especie de Imserso para a xuventude? Que envexa!
Posted via email from Certo.gl, o xornal dixital de Barbanza e Noia
Ribeira: abarrotada a casa de cultura de Carreira na charla sobre os perigos de Internet
A presentación correu a cargo de Manolo Calviño, que destacou a súa faceta como usuario informático e pai de menor en idade escolar.
As ponencias correron a cargo do mestre e pedagogo Alex Pérez , que disertou sobre os perigos desta ferramenta en mans dos menores, así como as medidas que teñen os pais para facer frente a esta situación: diálogo e sensatez.
A psicóloga Rebeca Sevilla plantexou o seu discurso sobre a influencia das redes sociales na formación dos rapaces na idade infantil e adolescencia.
Eduardo Iglesias plasmou a súa visión, como informático, sobre as ferramentas técnicas das que dispoñen os pais para aminorar os perigos aos que se enfrentan os usuarios.
Pola súa parte, a xurista Lorena Vila amosou a súa experiencia en temas relacionados cos delitos que aguilloan con máis frecuencia tanto aos menores como aos usuarios informáticos.
Unhas cincuenta personas abarrotaron a casa de cultura carreirense, onde se celebrou a conferencia organizada polo colectivo que preside Ana Gómez Hermo. Os asistentes manifestaron posteriormente unha opinión unánime sobre a utilidade da charla que viñan de escoitar e animaron á asociación de veciños a continuar con este tipo de actos de divulgación.
Posted via email from Certo.gl, o xornal dixital de Barbanza e Noia
Rianxo: presentan o cancioneiro de Marcial Valladares "Ayes de mi país" este venres 29
A presentación será no auditorio de Rianxo
"Ayes de mi país. O cancioneiro de Marcial Valladares", de José Luís do Pico Orjais e Isabel Rei Sanmartim, nun acto que terá lugar ás 20:30 horas no auditorio de Rianxo.
Agárdase a presenza dos coordinadores desta publicación, así como o editor, Javier Jurado; o secretario de Barbantia, Xosé Ricardo Losada; e mais a concelleira de cultura de Rianxo, Mari Carme Figueira. José Luís do Pico Orjais é músico tradicional, bibliófilo e mestre. En Certo recomendamos cada pouco artigos do seu excelente blog: http://ilhadeorjais.blogspot.com. Isabel Rei Sanmartim é tamén música (especialidade guitarra) e profesora. Integrante da Academia da Lingua Portuguesa. Todo o seu curriculum aquí Se queres mercar "Ayes de mi pais", telo na lonxa virtual Toupa.net, aquí
Posted via email from Certo.gl, o xornal dixital de Barbanza e Noia
Lingua galega: premiado o colexio de Aguiño por "Onde a terra acaba e o mar começa"
Imaxe do Ceip de Aguiño, da súa web
Barbanza, 28 de outubro de 2010.- A Consellería de Educación e Ordenación Universitaria fixo pública onte a resolución da convocatoria para a realización de proxectos de innovación en dinamización lingüística en centros de titularidade desta consellería, para desenvolver no curso académico 2010-2011.
Os premiados da edición de 2010, na que participaron un total de 37 centros de toda Galicia, foron o CEIP de Aguiño, en Ribeira (A Coruña), polo proxecto "Onde a terra acaba e o mar começa"; o CEIP de Quintela, en Moaña (Pontevedra), polo traballo En galego pola rede II; o CRA Mestra Clara Torres, en Tui (Pontevedra), grazas á iniciativa Unha andaina “Artic” en galego; o IES Perdouro, en Burela (Lugo), que se presentou co proxecto Dinamización sociolingüística de Burela: intervención dinamizadora da Sanidade; e, finalmente, o IES Rodeira, en Cangas (Pontevedra), polo traballo Que sorte falamos en galego!
As iniciativas seleccionadas recibirán unha dotación económica de 3.000 euros. Ademais, a Secretaría Xeral de Política Lingüística prestará o asesoramento necesario durante o desenvolvemento do proxecto, que se levará a cabo no curso académico 2010-2011, e organizará unha xornada de formación para o profesorado implicado nas iniciativas gañadoras. Ademais, Política Lingüística difundirá a través da rede as experiencias e a publicación dos materiais educativos, no web www.xunta.es/linguagalega.
Posta en valor dos proxectos innovadores que promovan o uso do galego
A través da Secretaría Xeral de Política Lingüística e mais da Dirección Xeral de Educación, Formación Profesional e Innovación Educativa, a Consellería de Educación e Ordenación Universitaria leva a cabo esta convocatoria para a realización de proxectos de innovación en dinamización lingüística en centros de titularidade desta consellería, unha iniciativa que busca fomentar o desenvolvemento de proxectos educativos innovadores que favorezan o uso da lingua galega.
A través dos Premios de Innovación en Dinamización Lingüística, a Consellería de Educación e Ordenación Universitaria pretende reforzar a dimensión comunicativa do galego en relación con contextos vivos, facilitarlle ao alumnado unha oferta educativa que o axude a percibir a utilidade desta lingua e que o capacite para o seu uso correcto e eficaz.
Onde a terra acaba e o mar começa
O título do traballo presentado a este premio polos aguiñenses está recollido dun famoso verso de Luis Vaz de Camôes, da súa obra "Os Lusiadas", no canto III, verso 20, adicado a Portugal e que di:
De Europa toda, o Reino Lusitano,
Onde a terra se acaba e o mar começa,
E onde Febo repousa no Oceano.
Este quis o Céu justo que floresça
Nas armas contra o torpe Mauritano,
Deitando-o de si fora, e lá na ardente
África estar quieto o não consente".
O ano pasado tamén foi premiado o colexio de Aguiño, quizais o que máis manexa a ferramenta de Internet nestas bisbarras. Os institutos de Rianxo e Porto do Son recibiron accésits, categoría que este ano non se deu.
Outras novas deste Ceip publicadas antes en Certo
Posted via email from Certo.gl, o xornal dixital de Barbanza e Noia