Cor simulada que agardamos non gañe o concurso de ideas para pintalo
Rianxo, 28 de outubro de 2010. O Bng de Rianxo e membros da comunidade educativa, tanto na vida real como na virtual, están a reactivar a campaña para que se repinte o colexio de Taragoña que leva o nome do intelectual Brea Segade. Hoxe lanzaron no Facebook e nos blogs unha campaña para que se envíe ao presidente da Xunta unha carta con esta petición. O grupo de Facebook está aquí.
Cronoloxía de incumprimentos
No Nadal de 2005 deputados e deputadas das tres forzas políticas do Parlamento de Galiza, coa presenza de Tareixa Paz, vicepresidenta do Parlamento e do BNG, achegáronse ao Colexio Público Brea Segade de Taragoña. O alumnado deulle razón de toda unha serie de deficiencias do colexio e eles se comprometeron a buscar unha solución.
Transcorridos seis meses despois da visita, o BNG cumpriu o comprometido coas crianzas de Taragoña e impulsou unha iniciativa no Parlamento para solucionar as graves eivas. A pregunta parlamentar, presentada o dez de xullo de 2006 polas deputadas nacionalistas Ana Pontón e Tareixa Paz nas que instaban á Consellería a atender estas necesidades. Transcorridos cinco anos despois desa visita, as obras de importancia e supostamente comprometidas non se efectuaron, entre outras, o repintado da escola que, cumprindo os vintesete anos xa de vida non veu unha nova man de pintura desde o seu inicio.
Pasaron xa cinco anos, e neste 2010 non hai nada feito e os Orzamentos da Xunta deste 2011 non recollen intervención ningunha, é máis: Rianxo non recibiu durante o 2010 ningunha achega de Xunta, da Consellería de Educación, para obras en centros, o único concello de todo o Barbanza que non ve un euro para obras.
Obxectivos da campaña
É por iso que se quere reactivar a petición e abrila aos membros da comunidade educativa do Brea Segade, asociacións, veciños e veciñas de Taragoña e o Araño, e polo grupo creado na web, para reclamar o repintado do centro, como símbolo da mellora e renovación dunhas instalacións educativas e que arrastra outras actuacións a maiores como a limpeza da maleza exterior a cargo do concello, do valado exterior, entre outras.
A tal fin repartiranse polas ANPAS e o exterior do Colexio, nun posto no mercadillo e por estabelecementos estas misivas para seren rexistradas no portelo único do Concello dirixidas á Xunta de Galicia. Queren que se repinte o centro despois de 27 anos coa mesma man de pintura: ningunha casa aguanta tanto sen renovala, canto máis unha instalación que acolle aos nenos e nenas do concello rianxeiro. Para darlle un carácter tamen participativo pretenden tamén animar a mandar propostas de pintado, e puxeron un fondo branco no que presentar suxestións.
Tamén se colocarán carteis en establecementos comerciais das parroquias para sensibilizar e que todos e todas colaboren na demanda dalgo que "entendemos é de xustiza. E para que se inclúan dentro dos orzamentos deste ano. A crise non debe afectar á educación".
Relacionada:
Educación en Rianxo: o Bng fala de "abraiante castigo"
Posted via email from Certo.gl, o xornal dixital de Barbanza e Noia
No hay comentarios:
Publicar un comentario