1.6.12

Porto do Son: un austríaco solicita 200 hectáreas de monte veciñal para gandeiría ecolóxica

  • As 200 hectáreas, inseridas no Banco de Terras que xestiona a Xunta e que puxo en marcha o anterior goberno bipartito, destinaranse á cría de razas de gando vacún, ovino, porcino e aves, e será compatible coa xestión forestal e incluso turística e educativa do monte. O emprendedor é o cidadán austríaco Andreas Rohregger


Porto do Son, 1 de xuño de 2012.- O director xeral da Axencia Galega de Desenvolvemento Rural (Agader), Antonio Crespo Iglesias, asinou hoxe nas instalacións da Axencia en Santiago de Compostela, un contrato de cesión terras, con Andreas Rohregger, un cidadán austríaco interesado en converterse en gandeiro ecolóxico en terras galegas. O contrato supón a cesión de 200 hectáreas do Monte veciñal en man común de Baroña, para o que foi imprescindible a intermediación do Banco de Terras.

O contrato formalizarase a través do Banco de Terras de Galicia, cun arrendamento pactado entre promotor e comunidade veciñal durante 11 anos. Esta operación, que inclúe non só as terras senón tamén as instalacións alí existentes, posibilitará o aproveitamento do potencial multifuncional do monte mediante a implantación dun sistema de cría de razas de gando vacún, ovino, porcino e de aves autóctonas, como é o caso da raza Cachena en vacún ou a Galiña de Mos.
 

Media_httpfarm7static_klgkl

O turismo cultural de Porto do Son ten a súa xoia da coroa no castro de Baroña

A Comunidade de Montes de Baroña realizará conxuntamente con Andreas Rohregger os labores de xestión do monte, encargándose ela mesma da explotación forestal e cedendo no arrendamento mencionado os usos de carácter gandeiro, agrícola e outros derivados do aproveitamento dos recursos do monte, tales como a recollida de fungos ou as visitas de carácter turístico, entre outros.

A cría destas razas realizarase ao aire libre, mediante un sistema de pastoreo rotacional, para conseguir unha carne da máxima calidade e salubridade. Os produtos derivados da actividade serán comercializados a través da marca europea rexistrada “Tierra Celta”.

Aproveitamento turístico e granxa escola


A todo isto sumarase o posible aproveitamento turístico do enclave, tendo en conta a excepcionalidade do lugar, próximo ao Castro de Baroña. Así mesmo, o promotor austríaco pretende levar a cabo durante o período de cesión un proxecto de granxa escola que dea a coñecer as súas actividades a escolares ou visitantes en xeral.





Posted via email from Certo.gl, o xornal dixital de Barbanza e Noia

Dodro: rematado o obradoiro de memoria coa entrega de diplomas

Grupo_tall

Dodro, 1 de xuño de 2012. O pasado día 29 de maio remataron os Obradoiros de Memoria e Alfabetización organizados pola concellería de Servizos Sociais e Igualdade, que se realizaron en sete aldeas do Concello de Dodro ( Bexo, Tallós, Lestrobe, Imo, Traxeito, Vigo e Teaio). Un total de  74  alumnos/as acudiron a estos talleres dende o mes de setembro.

Como remate do curso fíxose fai uns días unha excursión a Portugal e o mesmo día 29 pola tarde realizouse a festa de fin de curso. Asistiron á festa o alcalde Valentin Alfonsín e a concelleira responsable, Marisol Boga

Na festa fixose un visionado dunha presentación de fotografías e recordos destes meses e o alcalde e a concelleira fixeron entrega dos diplomas a todos/as os alumnos/as. Despois todos degustaron unha merenda na que colaboraron as alumnas dos talleres e divertíronse con xogos e música.





Posted via email from Certo.gl, o xornal dixital de Barbanza e Noia

Muros: Títerehop este sábado 2 de xuño


A actuación en Ribeira

Muros, venres 1 de xuño de 2012. Mañá, sábado día 2 de xuño ás 20.00 horas, na Sala de danza San Xosé de Muros, terá lugar o obradoiro para adolescentes Títerehop. Trátase dunha actividade do programa de dinamización lingüística 'FalaRedes' impulsada pola Secretaría Xeral de Política Lingüística para os concellos adheridos á Rede de Dinamización Lingüística.

A actividade divídese en dúas partes. Na primeira, os rapaces de 13 a 17 anos aprenderán as técnicas básicas do hip-hop e as rimas, procedendo a compoñer as súas propias cancións. Logo, introducidos polos titiriteiros de Viravolta, deseñarán o seu propio monicreque, co que deberán interpretar a súa peza musical diante dunha cámara. O resultado colgarase no blog http://titerehop.wordpress.com/ , no que tamén se pode consultar máis información.

Inscricións e máis información:

http://www.muros.es/bandos/normalizacionxuno12.pdf

www.xunta.es/linguagalega/falaredes


Posted via email from Certo.gl, o xornal dixital de Barbanza e Noia

Noia: promoven campaña para que se abra dunha vez o Coliseo Noela

Camiseta_coliseo

  • Aseguran que o goberno de Núñez Feijóo leva "tomándolle o pelo" á veciñanza de Noia dende setembro de 2011 con estas obras

Noia, 1 de xuño de 2012. Segundo explica hoxe en nota de prensa a Agrupación Nacionalista de Noia (escindidos do Bng, integrantes de +Galiza e outros), "no mes de xaneiro de 2011 publicábase no DOG unha resolución na que se anunciaba a licitación das obras de rehabilitación no Teatro Coliseo Noela da nosa vila cun orzamento 304.923 euros cofinanciados con fondos FEDER (70%) e  FCI (30%). Asegurábasenos daquela que as obras terían unha duración máxima de 8 meses. En xuño dese mesmo ano resolvíase a adxudicación das reformas á favor de NEOR, S.A., unha empresa que a esas alturas no mundo da construción inspiraba escasa confianza pois xa se sabían as dificultades económicas que atravesaba. Pouco máis adiante, e ante o sospeitoso retraso que estaba experimentando o comezo das obras, desde a Consellaría de Cultura anunciábase a bombo e platillo que a restauración estaría rematada a finais do 2011 e que o retraso tiña xustificación no uso do Coliseo para a campaña electoral e para a realización de actividades xa comprometidas".


Segundo esta formación política, "algo cheiraba a chamusco. Estabamos a finais do 2011 e as obras non comezaban. Desde a Consellaría de Cultura argumentábase que o Concello non lles facilitara a tempo as licenzas pertinentes, e desde o Concello contestábase que non puideron dar licenza ás obras antes do 22 de setembro. Xa sabemos: as cousas de palacio vanche lentas. Pero agora, ademais, resultaba que na Consellaría de Cultura se indicaba que esa documentación se lles traspapelara. Non tardamos en saber os motivos de tanta demora. En xaneiro de 2012, só un mes despois de que a Xunta negara a maior, sóubose que a empresa adxudicataria, NEOR S.A., se vira abocada a pechar polas débedas acumuladas. O xerente de NEOR S.A. aseguraba que a Xunta coñecía esa situación desde setembro de 2011. É dicir, o goberno galego pasara medio ano tomándolle o pelo á cidadanía de Noia, sen que, unha vez que se soubo toda a verdade, se depurase ningún tipo de responsabilidades".


Tripartito comparsa


O dez de xaneiro de 2012 –un ano máis tarde de que se iniciase o proceso- o PP -prosegue a nota de prensa- anunciou que se ía abrir un novo concurso, pero que non había problema porque os fondos destinados para as actuacións estaban garantidos durante o 2012. "Pois ben, seis meses máis tarde aínda non sabemos nada. Será posible tamaña ineficacia? Claro que as comparsas que forman o tripartito de Noia parecen empeñadas en non airear excesivamente este auténtico disparate. Élles máis cómodo manter ignorante á cidadanía pois esta pódelles esixir responsabilidades por deixación de funcións", critican.

"Esta situación non se pode manter unha semana máis. A Xunta debe convocar con carácter inmediato o novo concurso e garantir que as obras se efectúen antes de que remate o ano. En caso contrario, ben seguro que a cidadanía de Noia saberá responder con contundencia. Un espazo tan necesario para a cultura da vila non pode seguir indefinidamente pechado. De feito, xa se empezan a producir iniciativas que reclaman con urxencia as actuacións comprometidas", rematan, en alusión ás camisolas nas que se reclama que se abra e que ilustran esta información.

Posted via email from Certo.gl, o xornal dixital de Barbanza e Noia

Noia: remitido á Xunta o Plan Especial de Dotacións en Manle para poder construír o local social

  • Manle está na parroquia de Santa Cristina de Barro

 

Noia, 1 de xuño de 2012. A Concellería de Urbanismo noiesa, que dirixe o nacionalista Bieito González, vén de remitir á Subdirección Xeral de Avaliación Ambiental o “Plan Especial de Dotacións en Manle”, a fin de que a mesma dictamine sobre a necesidade ou non da emisión do informe de avaliación ambiental estratéxica, ao que en xeral están obrigados a someterse determinados plans urbanísticos ou outros  intrumentos de ordenación do territorio, antes da súa aprobación inicial por parte da Xunta de Goberno Local.

 

Ao comezo do presente mandato municipal, desde a mesma Concellería, promoveuse unha modificación puntual do planeamento urbanístico en vigor, que tiña como obxeto habilitar unha parcela de titularidade municipal no lugar de Manle, a fin de que a mesma tivera a consideración de solo dotacional onde poder construír no futuro o local social que a veciñanza do lugar demanda. Tal modificación puntual non chegou a termo, xa que a actual Lei do Solo impide a transformación direta do solo rústico en calquera das outras categorías de solo existente, establecendo outros mecanismos para que tal transformación sexa posible, como é a obrigatoriedade da redacción do Plan Especial en cuestión.

 

Case 9.000 euros en expropiacións


O citado “Plan Especial de Dotacións”, ten como finalidade a mesma que perseguía a mentada modificación puntual, tratando de preparar a parcela en cuestión para o seu uso como dotacional, e que permita a construción dun futuro local social. A parcela agora delimitada conta cunha superficie de 3.030 metros cadrados, sendo froito da agregación de tres (a municipal de 2.215 m2 e dúas particulares de 815 m2). O valor da expropiación das parcelas de titularidade privada ascenderá a 8.557,50 euros.


Antes, en Certo, tamén publicamos isto sobre Noia:




Deportistas de Elite: cada venres no Liceo ata o 15 de xuño


Cambios no tráfico: polas obras de saneamento


Curso: o 1 e 2 de xuño, sobre pautas en condutas adictivas


Curso: o 2 de xuño, sobre úlceras por presión


Liceo: Darío Álvarez expón o xoves 31 e hai teatro o domingo 3



Escrito á Scrt. Xeral de Calidade e Avaliación Ambiental.pdf Download this file

Plano Plan Especial de Dotacións en Manle.pdf Download this file

Posted via email from Certo.gl, o xornal dixital de Barbanza e Noia

Twitter

Related Posts with Thumbnails Banner: Regale selva tropical