1.6.12

Noia: promoven campaña para que se abra dunha vez o Coliseo Noela

Camiseta_coliseo

  • Aseguran que o goberno de Núñez Feijóo leva "tomándolle o pelo" á veciñanza de Noia dende setembro de 2011 con estas obras

Noia, 1 de xuño de 2012. Segundo explica hoxe en nota de prensa a Agrupación Nacionalista de Noia (escindidos do Bng, integrantes de +Galiza e outros), "no mes de xaneiro de 2011 publicábase no DOG unha resolución na que se anunciaba a licitación das obras de rehabilitación no Teatro Coliseo Noela da nosa vila cun orzamento 304.923 euros cofinanciados con fondos FEDER (70%) e  FCI (30%). Asegurábasenos daquela que as obras terían unha duración máxima de 8 meses. En xuño dese mesmo ano resolvíase a adxudicación das reformas á favor de NEOR, S.A., unha empresa que a esas alturas no mundo da construción inspiraba escasa confianza pois xa se sabían as dificultades económicas que atravesaba. Pouco máis adiante, e ante o sospeitoso retraso que estaba experimentando o comezo das obras, desde a Consellaría de Cultura anunciábase a bombo e platillo que a restauración estaría rematada a finais do 2011 e que o retraso tiña xustificación no uso do Coliseo para a campaña electoral e para a realización de actividades xa comprometidas".


Segundo esta formación política, "algo cheiraba a chamusco. Estabamos a finais do 2011 e as obras non comezaban. Desde a Consellaría de Cultura argumentábase que o Concello non lles facilitara a tempo as licenzas pertinentes, e desde o Concello contestábase que non puideron dar licenza ás obras antes do 22 de setembro. Xa sabemos: as cousas de palacio vanche lentas. Pero agora, ademais, resultaba que na Consellaría de Cultura se indicaba que esa documentación se lles traspapelara. Non tardamos en saber os motivos de tanta demora. En xaneiro de 2012, só un mes despois de que a Xunta negara a maior, sóubose que a empresa adxudicataria, NEOR S.A., se vira abocada a pechar polas débedas acumuladas. O xerente de NEOR S.A. aseguraba que a Xunta coñecía esa situación desde setembro de 2011. É dicir, o goberno galego pasara medio ano tomándolle o pelo á cidadanía de Noia, sen que, unha vez que se soubo toda a verdade, se depurase ningún tipo de responsabilidades".


Tripartito comparsa


O dez de xaneiro de 2012 –un ano máis tarde de que se iniciase o proceso- o PP -prosegue a nota de prensa- anunciou que se ía abrir un novo concurso, pero que non había problema porque os fondos destinados para as actuacións estaban garantidos durante o 2012. "Pois ben, seis meses máis tarde aínda non sabemos nada. Será posible tamaña ineficacia? Claro que as comparsas que forman o tripartito de Noia parecen empeñadas en non airear excesivamente este auténtico disparate. Élles máis cómodo manter ignorante á cidadanía pois esta pódelles esixir responsabilidades por deixación de funcións", critican.

"Esta situación non se pode manter unha semana máis. A Xunta debe convocar con carácter inmediato o novo concurso e garantir que as obras se efectúen antes de que remate o ano. En caso contrario, ben seguro que a cidadanía de Noia saberá responder con contundencia. Un espazo tan necesario para a cultura da vila non pode seguir indefinidamente pechado. De feito, xa se empezan a producir iniciativas que reclaman con urxencia as actuacións comprometidas", rematan, en alusión ás camisolas nas que se reclama que se abra e que ilustran esta información.

Posted via email from Certo.gl, o xornal dixital de Barbanza e Noia

No hay comentarios:

Twitter

Related Posts with Thumbnails Banner: Regale selva tropical