20.7.11

Ribeira: campus de fútbol base para nenos de 6 a 11 anos do 1 ao 4 de agosto

  • O prazo de inscrición abre este venres 22 de xullo e pecha o xoves 28

Santa Uxía de Riveira, 20 de xullo de 2011.- Durante os catro primeiros días do mes de agosto, as Concellerías de Deportes e de Turismo do Concello e o equipo de fútbol local Sálvora C.F. van organizar o Campus de Fútbol Base Cidade de Riveira. Trátase dunha iniciativa dirixida a rapaces e rapazas nados entre o 2000 e o 2004 (6 a 11 anos de idade), ambos inclusive.  

Esta é a terceira edición en que se implanta a iniciativa (e a segunda na que colabora o Sálvora) e para ofrecer detalles da mesma déronse cita hoxe na Casa do Concello os concelleiros de Deportes e Atención Cidadá, Juan Luis Martínez Queiruga, e de Fomento do Emprego, Comercio, Turismo e Pemes, Anxo Orellán Fernández, así como o coordinador de fútbol base do Sálvora C.F, Siño Campaña. 

O campus desenvolverase no campo de herba sintética, que acollerá actividades específicas vinculadas co fútbol alterándoas con outras de ocio e tempo libre. Tamén se utilizarán instalacións anexas. 

Os obxectivos desta iniciativa son ofrecer unha alternativa de ocio a través da actividade física e a recreación, ocupar o tempo de lecer dos nenos en época de vacacións, promover hábitos saudables, fomentar as relacións sociais entre os rapaces e aprender e executar elementos básicos do fútbol. 

O prazo de inscrición comeza o venres 22 de xullo e prolongarase ata o 28 de xullo. Os interesados poden anotarse na Oficina Municipal de Deportes situada no Auditorio Municipal (teléfono 981 835 650). O horario de atención é de 9 a 13.30 horas. Hai 60 prazas ofertadas. 

Tanto Juan Luis Martínez como Anxo Orellán e Siño Campaña quixeron animar aos rapaces do entorno a apuntarse no campus, que conxuga fundamentos deportivos con obxectivos sociais e culturais.

Tamén lle pode interesar:


Narcotráfico: charla o martes 26 de xullo no Liceo Marítimo


Recepción: María Vilas, Ana Peleteiro e Adrián Jiménez, campións


Policía infantil: nova promoción


Programación "Fiestra da Cultura": Amancio Prada e moito máis

Posted via email from Certo.gl, o xornal dixital de Barbanza e Noia

A Pobra: posta a primeira pedra do centro de día, que terá 40 prazas e debería estar listo en xullo de 2012, e funcionando no último trimestre dese ano

A conselleira de Traballo e Benestar, Beatriz Mato, anunciou hoxe o inicio das obras deste centro, que duplicará coa súa posta en marcha a oferta de prazas públicas en centros de día no Barbanza (ou sexa, só hai 40, en Boiro)

A Pobra do Caramiñal, 20 de xullo de 2011.- A Xunta de Galicia destinará un total de 707.989 euros á obra de construción dun centro de día no Concello de A Pobra do Caramiñal, que foi adxudicada este mesmo mes. O futuro centro ofertará 40 prazas para persoas maiores. A conselleira de Traballo e Benestar, Beatriz Mato, colocou hoxe a primeira pedra deste servizo social específico para as persoas que sofren algún grao de dependencia non só para prestarlles a atención que precisan, senón tamén para axudalas a preservar a súa autonomía persoal durante o máximo tempo posible.

Unha vez que rematen as obras, que contan cun prazo de execución de 12 meses, a Xunta licitará o seu equipamento para poñelo en marcha no último trimestre do próximo ano. O centro de día, que estará situado ao carón do pavillón polideportivo municipal, terá na planta baixa a zona de servizos cun acceso independente dende o exterior coa cociña, o comedor, unha sala polivalente e de terapia ocupacional, así como un patio semicuberto, segundo recolle o proxecto. Na planta primeira situaranse os despachos para o persoal do centro e outras salas, como a de curas, de rehabilitación ou de espera.

Dóbranse as insuficientes 40 prazas actuais

Mato apuntou que con este centro de día, A Pobra terá unha oferta completa en materia de atención social, xa que lembrou que a Consellería de Traballo e Benestar tamén xestiona nesta localidade unha residencia para maiores de 48 prazas e o centro sociocomunitario, que hoxe tamén visitou a titular do departamento autonómico.

Neste senso, resaltou que esta infraestrutura tamén contribuirá a mellorar a dotación social para persoas maiores na comarca do Barbanza, xa que as prazas públicas do centro da Pobra duplicará a oferta pública en centros de día que ata a data existía. Así, as 40 prazas do futuro centro de día sumaranse ás 40 que xa están a disposición dos veciños e veciñas no centro de día de Boiro. Ademais, o departamento autonómico tamén conta cun centro de día de 45 prazas na localidade de Dodro.

“Esta é aposta do Goberno galego, seguir a esforzarnos pese a crise económica para dotar a Galicia da oferta de servizos sociais que requiren os cidadáns”, salientou a conselleira. Mato afirmou que a Xunta está aumentando en toda a Comunidade autónoma as prazas en residencias, centros de día e de alzhéimer en máis de 2.000 desde o principio da lexislatura. Nos próximos meses, esta oferta crecerá, xa que a Consellería de Traballo e Benestar porá en marcha 22 novos centros de día, infraestruturas nas que se investirán 10 millóns de euros e que atenderán a 1.000 persoas máis.

“Isto significa que ao remate deste ano as prazas en centros de día incrementaranse nun 160 por cento en dous anos”, explicou, ademais de agradecer a colaboración institucional amosada polo Concello da Pobra para a materialización deste proxecto, lembrando que a Administración local cedeu os terreos necesarios para a súa construción.

“A colaboración institucional é o mellor dos camiños posibles para dar respostas ás necesidades dos nosos veciños e veciñas e, especialmente, ás necesidades sociais, das que os concellos son coñecedores de primeira man”, indicou.

Visita ao centro sociocomunitario
Tras a colocación da primeira pedra do centro de día da Pobra, Mato desprazouse ata o centro sociocomunitario da localidade para presidir a entrega de diplomas aos participantes que ao longo do ano tomaron parte nos diferentes cursos impartidos nestas instalacións. A conselleira de Traballo e Benestar indicou que este centro é un emblema en Galicia, xa que comezou a súa andaina hai 26 anos.

“Trátase dun espazo que os propios usuarios e usuarias converten nun sitio para o intercambio interxeracional e as relacións sociais, valores que estamos a impulsar desde o Goberno galego a través do Plan de Actuación Social 2010-2013”.

Pode que tamén lle interese:


Posted via email from Certo.gl, o xornal dixital de Barbanza e Noia

Noia: este xoves 21 de xullo, rastro de antigüidades no paseo de Felipe de Castro e alameda

Dodro: o Bng reclama que non se peche a escola unitaria de Bexo

Ana Pontón amosa o seu respaldo ás  máis de 400 sinaturas que demandan o mantemento da escola e pide que a Xunta rectifique

Media_httpfarm2static_aqtrx

Dodro, 20 de xullo, 2011- A deputada do BNG, Ana Pontón rexistrou onte no Parlamento galego varias iniciativas sobre a supresión de  Educación primaria na Escola Unitaria de Bexo, no concello de Dodro. Pontón cre este peche "errado” e  asegura que esta é unha nova decisión do Goberno galego na liña de desmantelar servizos públicos no rural.

Para a nacionalista, a decisión da Consellaría de Educación non conta co apoio da comunidade educativa que durante todo este curso ven demandando a continuidade da educación primaria en Bexo, “petición avalada por máis de 400 sinaturas”.

A deputada reclama que a Xunta “rectifique” e teña en conta o alto grao de satisfacción co modelo educativo deste centro que provoca que moitos pais, tendo outros centros de referencia con dereito a transporte gratuíto, opten por acudir a esta escola.

Pontón cuestiona a “teórica preocupación” da Xunta de Galicia co despoboamento e as tendencias demográficas e a adopción de certas medidas como a anunciada recentemente pola Consellaría de Educación  e pregunta se a Xunta considera que pechando servizos se equiparan as condicións de vida entre quen reside no ámbito rural e  urbano.

A deputada do BNG tamén preguntará ao Goberno como xustifica non atender a demanda de pais e nais, avalada por máis de 400 sinaturas para que esta escola sega mantendo a súa oferta educativa.

O Alcalde de Dodro non se pronuncia

Pola súa parte, a portavoz do BNG no Concello de Dodro, Vitoria Rei Mariño salienta que o BNG presentou unha pregunta ao alcalde sen conseguir ningunha resposta o que –ao seu xuízo- evidencia a “falta de diálogo” e sobre todo a “nula preocupación do rexedor pola educación en Dodro”. Rei Mariño reitera que a decisión  do peche desta escola “vai contra a vontade das nais e  pais” e mostra o “desleixo” do goberno municipal para negociar unha solución ante o “goberno amigo” da Xunta.

A portavoz nacionalista en Dodro avanza que dende o BNG seguirán presentando iniciativas ao fin de acadar a continuidade da Escola Unitaria de Bexo.

Posted via email from Certo.gl, o xornal dixital de Barbanza e Noia

Ribeira: medio cento de maiores saíron ás Illas Cíes. Próxima saída cultural á Mariña luguesa

Ribeira, 20 de xullo de 2011. Medio cento de maiores do municipio participaron o pasado venres na saída cultural que con destino ás Illas Cíes  promoveu a Concellería de Promoción Social, Servizos Sociais, Mercados e Consumo do Concello de Ribeira.

Media_httpfarm2static_bygwj

A viaxe incluíu unha visita previa á cidade de Vigo (con percorrido por monte de O Castro e polo mercado da Pedra), excursión en barco ata as illas Cíes e, tralo xantar, regreso á cidade olívica e posterior visita ao mosteiro de Poio. 

Próximo destino: A Mariña

Media_httpfarm4static_uucst

A iniciativa estivo organizada polo Departamento de Servizos Sociais, que xa a está a traballar na próxima saída: unha ruta pola Mariña Lucense que se desenvolverá do 8 ao 12 de agosto.

Posted via email from Certo.gl, o xornal dixital de Barbanza e Noia

Twitter

Related Posts with Thumbnails Banner: Regale selva tropical