A conselleira de Traballo e Benestar, Beatriz Mato, anunciou hoxe o inicio das obras deste centro, que duplicará coa súa posta en marcha a oferta de prazas públicas en centros de día no Barbanza (ou sexa, só hai 40, en Boiro)
A Pobra do Caramiñal, 20 de xullo de 2011.- A Xunta de Galicia destinará un total de 707.989 euros á obra de construción dun centro de día no Concello de A Pobra do Caramiñal, que foi adxudicada este mesmo mes. O futuro centro ofertará 40 prazas para persoas maiores. A conselleira de Traballo e Benestar, Beatriz Mato, colocou hoxe a primeira pedra deste servizo social específico para as persoas que sofren algún grao de dependencia non só para prestarlles a atención que precisan, senón tamén para axudalas a preservar a súa autonomía persoal durante o máximo tempo posible.
Unha vez que rematen as obras, que contan cun prazo de execución de 12 meses, a Xunta licitará o seu equipamento para poñelo en marcha no último trimestre do próximo ano. O centro de día, que estará situado ao carón do pavillón polideportivo municipal, terá na planta baixa a zona de servizos cun acceso independente dende o exterior coa cociña, o comedor, unha sala polivalente e de terapia ocupacional, así como un patio semicuberto, segundo recolle o proxecto. Na planta primeira situaranse os despachos para o persoal do centro e outras salas, como a de curas, de rehabilitación ou de espera.
Dóbranse as insuficientes 40 prazas actuais
Mato apuntou que con este centro de día, A Pobra terá unha oferta completa en materia de atención social, xa que lembrou que a Consellería de Traballo e Benestar tamén xestiona nesta localidade unha residencia para maiores de 48 prazas e o centro sociocomunitario, que hoxe tamén visitou a titular do departamento autonómico.
Neste senso, resaltou que esta infraestrutura tamén contribuirá a mellorar a dotación social para persoas maiores na comarca do Barbanza, xa que as prazas públicas do centro da Pobra duplicará a oferta pública en centros de día que ata a data existía. Así, as 40 prazas do futuro centro de día sumaranse ás 40 que xa están a disposición dos veciños e veciñas no centro de día de Boiro. Ademais, o departamento autonómico tamén conta cun centro de día de 45 prazas na localidade de Dodro.
“Esta é aposta do Goberno galego, seguir a esforzarnos pese a crise económica para dotar a Galicia da oferta de servizos sociais que requiren os cidadáns”, salientou a conselleira. Mato afirmou que a Xunta está aumentando en toda a Comunidade autónoma as prazas en residencias, centros de día e de alzhéimer en máis de 2.000 desde o principio da lexislatura. Nos próximos meses, esta oferta crecerá, xa que a Consellería de Traballo e Benestar porá en marcha 22 novos centros de día, infraestruturas nas que se investirán 10 millóns de euros e que atenderán a 1.000 persoas máis.
“Isto significa que ao remate deste ano as prazas en centros de día incrementaranse nun 160 por cento en dous anos”, explicou, ademais de agradecer a colaboración institucional amosada polo Concello da Pobra para a materialización deste proxecto, lembrando que a Administración local cedeu os terreos necesarios para a súa construción.
“A colaboración institucional é o mellor dos camiños posibles para dar respostas ás necesidades dos nosos veciños e veciñas e, especialmente, ás necesidades sociais, das que os concellos son coñecedores de primeira man”, indicou.
Visita ao centro sociocomunitario
Tras a colocación da primeira pedra do centro de día da Pobra, Mato desprazouse ata o centro sociocomunitario da localidade para presidir a entrega de diplomas aos participantes que ao longo do ano tomaron parte nos diferentes cursos impartidos nestas instalacións. A conselleira de Traballo e Benestar indicou que este centro é un emblema en Galicia, xa que comezou a súa andaina hai 26 anos.
- A Pobra: viaxe ás Cíes o venres 29 de xullo
Posted via email from Certo.gl, o xornal dixital de Barbanza e Noia
No hay comentarios:
Publicar un comentario