- O prazo de inscrición abre este venres 22 de xullo e pecha o xoves 28
Santa Uxía de Riveira, 20 de xullo de 2011.- Durante os catro primeiros días do mes de agosto, as Concellerías de Deportes e de Turismo do Concello e o equipo de fútbol local Sálvora C.F. van organizar o Campus de Fútbol Base Cidade de Riveira. Trátase dunha iniciativa dirixida a rapaces e rapazas nados entre o 2000 e o 2004 (6 a 11 anos de idade), ambos inclusive.
Esta é a terceira edición en que se implanta a iniciativa (e a segunda na que colabora o Sálvora) e para ofrecer detalles da mesma déronse cita hoxe na Casa do Concello os concelleiros de Deportes e Atención Cidadá, Juan Luis Martínez Queiruga, e de Fomento do Emprego, Comercio, Turismo e Pemes, Anxo Orellán Fernández, así como o coordinador de fútbol base do Sálvora C.F, Siño Campaña.
O campus desenvolverase no campo de herba sintética, que acollerá actividades específicas vinculadas co fútbol alterándoas con outras de ocio e tempo libre. Tamén se utilizarán instalacións anexas.
Os obxectivos desta iniciativa son ofrecer unha alternativa de ocio a través da actividade física e a recreación, ocupar o tempo de lecer dos nenos en época de vacacións, promover hábitos saudables, fomentar as relacións sociais entre os rapaces e aprender e executar elementos básicos do fútbol.
O prazo de inscrición comeza o venres 22 de xullo e prolongarase ata o 28 de xullo. Os interesados poden anotarse na Oficina Municipal de Deportes situada no Auditorio Municipal (teléfono 981 835 650). O horario de atención é de 9 a 13.30 horas. Hai 60 prazas ofertadas.
Tanto Juan Luis Martínez como Anxo Orellán e Siño Campaña quixeron animar aos rapaces do entorno a apuntarse no campus, que conxuga fundamentos deportivos con obxectivos sociais e culturais.
Tamén lle pode interesar:
Narcotráfico: charla o martes 26 de xullo no Liceo Marítimo
Recepción: María Vilas, Ana Peleteiro e Adrián Jiménez, campións
Policía infantil: nova promoción
Programación "Fiestra da Cultura": Amancio Prada e moito máis
Posted via email from Certo.gl, o xornal dixital de Barbanza e Noia
No hay comentarios:
Publicar un comentario