22 para o casco histórico de Noia, 33 para Muros, 11 para Padrón e outras tantas para Rianxo.
Oficina de Rehabilitación de Noia, na rúa do Curro
Barbanza-Noia, 28 de abril de 2011.- Os veciños das localidades de Muros, Noia, Padrón e Rianxo contarán con máis axudas para a rehabilitación de vivendas e edificios ubicadas nas Áreas de Rehabilitación destas vilas. Na reunión do Consello da Xunta celebrada hoxe, o Executivo autonómico aprobou destinar unha nova partida de 11,2 millóns de euros ao financiamento de 1.750 actuacións nas áreas de rehabilitación integral existentes en Galicia, así como para a área de rehabilitación do Camiño de Santiago.
Neste bloque de novas actuacións inclúense 22 para o casco histórico de Noia, 33 para Muros, 11 para Padrón e outras tantas para Rianxo.
O Consello celebrado hoxe autorizou a sinatura dos correspondentes acordos no marco da Comisión Bilateral sobre Áreas de Rehabilitación Integral de Galicia, formada pola Xunta e o Estado e na que tamén participan os concellos que contan con ARI.
A partida autorizada hoxe engádese aos 14,2 millóns de euros que se están a executar na actualidade para financiar máis de 3.000 rehabilitacións, polo que nestes momentos a Xunta ten mobilizados mais de 25 millóns de euros de fondos propios que posibilitarán unhas 4.800 accións de rehabilitación. As 1.750 actuacións autorizadas hoxe, así como as obras de urbanización e reurbanización que poidan realizar os concellos que teñen áreas de rehabilitación declaradas, recibirán da Xunta de Galicia subvencións de ata 10.785.000 de euros.
En execución están na actualidade 84 convenios en 33 concellos. Estas 84 convenios prevén a actuación sobre un total de 3.036 vivendas, estando xa rematadas as actuacións nun total de 1.084 vivendas.
Axudas á rehabilitación O Plan de Vivenda establece tres tipos de áreas de rehabilitación:
- Áreas de rehabilitación situadas en zonas urbanas pero fóra dos cascos históricos
- Áreas de rehabilitación en conxuntos históricos, que son a meirande parte das galegas.
- Áreas de rehabilitación en núcleos rurais.
Os propietarios de edificios e vivendas emprazados nas áreas de rehabilitación, cunha antigüidade superior a 10 anos e destinados a residencia habitual e permanente do propietario ou ao alugueiro, poden acceder a axudas de ata 11.600 euros por actuación. Nas áreas de rehabilitación emprazadas en conxuntos históricos ou núcleos rurais a subvención pode acadar o 75 por cento do presuposto, co límite indicado de 11.600 euros. Nas restantes áreas, nas que non existen os condicionantes das zonas históricas e rurais, a porcentaxe da subvención pode ser dun máximo do 65 por cento do orzamento, cun límite de 10.500 euros.
Ademais, poderase acceder a un préstamo, sen subsidiación, a un prazo máximo de 15 anos, con 3 de carencia.
Nos casos de áreas de rehabilitación emprazadas en conxuntos históricos, as axudas da área serán compatibles con outras axudas de rehabilitación en conxuntos históricos que financia en exclusiva a Xunta de Galicia. O mesmo sucederá coas áreas de rehabilitación en núcleos rurais, cuxas axudas serán compatibles coas de rehabilitación rural. Estas axudas de rehabilitación en conxuntos históricos e as de rehabilitación rural acadan o 50 por cento do orzamento. Sumadas as axudas da área de rehabilitación e de conxuntos históricos poden acadar como máximo o 75 do orzamento.
Axudas á urbanización para os concellosDoutra banda, os concellos poderán acceder a subvencións para a realización de obras de urbanización e reurbanización no ámbito das áreas de rehabilitación. Nas áreas de rehabilitación emprazadas en conxuntos históricos e núcleos rurais esta subvención pode acadar o 60 por cento do presuposto das obras, sempre que o importe da subvención para urbanización e reurbanización non supere o 60 por cento do importe total de subvencións destinadas a rehabilitación de edificios e vivendas.
Nas restantes áreas de rehabilitación o importe das subvencións será como máximo do 40 por cento, sempre que o importe da subvención para urbanización e reurbanización non supere o 40 por cento do importe total de subvencións destinadas a rehabilitación de edificios e vivendas.
Posted via email from Certo.gl, o xornal dixital de Barbanza e Noia