28.4.11

Ribeira: a cuarta fase de "A túa pegada en San Roque" encherá de piñeiros mansos unha parcela, que será repoboada por 350 escolares


Imaxe dunha das fases anteriores

Ribeira, 28 de abril de 2011.- O Concello anunciou hoxe o desenvolvemento durante os meses de maio e xuño da cuarta fase do proxecto “A túa pegada en San Roque”, que, proseguindo o labor iniciado na convocatoria do ano pasado, vai seguir repoboando con piñeiros mansos unha parcela forestal do propio parque queimada durante a vaga de incendios do verán do 2006. 

O concelleiro de Turismo, Vicente García, foi quen presentou o proxecto na compaña dos técnicos municipais de Turismo e Xuventude, Sandra Fernández e Mario Vidal, respectivamente. 

Cabe lembrar “A túa pegada en San Roque” é un proxecto educativo e medioambiental que xurde co afán de recuperar e promocionar o patrimonio artístico, histórico, cultural e natural. Nas súas anteriores fases este proxecto contou con máis de 1.000 rapaces implicados, pertencentes a 5º e 6º de Primaria. 

Nesta ocasión, proséguese nestes obxectivos deseñando un conxunto de actividades interactivas de carácter formativo, educativo, cultural e lúdico. O proxecto, que é gratuíto, está dirixido aos once centros públicos e concertados existentes no concello riveirense, estimándose en máis de 350 o número de nenos que visitarán o parque a través de 13 xornadas (unha por colexio agás o Galaxia e o Grupo, que traerán dous grupos diferentes). 

Cada grupo de alumnos que acuda ao parque comezará o día cunha breve introdución na que se explicará en que vai consistir a xornada para efectuar a continuación unha visita guiada á exposición arqueolóxica Megalitismo, Idade de Bronce e Idade de Ferro. Acto seguido, os rapaces farán unha plantación na parcela indicada anteriormente. Tras un descanso merenda, coñecerán as árbores e follas de San Roque co apoio de guías e cadernos de campo. Tras un período de lecer con xogos e cancións, farán unha breve avaliación da xornada desenvolvida. 

En principio, as actividades darán comezo ás 9.30 horas e rematarán ás 13.30 horas, aínda que este horario se adaptará ás necesidades específicas de cada centro educativo. 
 

Posted via email from Certo.gl, o xornal dixital de Barbanza e Noia

No hay comentarios:

Twitter

Related Posts with Thumbnails Banner: Regale selva tropical