17.10.12

Dodro: ponse en marcha un servizo de roupeiro

Dodro_roupeiro

Dodro, 17 de outubro de 2012. O Concello de Dodro informa hoxe de que se poon en marcha "por primeira vez en Dodro" o proxecto solidario “Roupeiro de Dodro” promovido pola Concellería de Servizos Sociais e Igualdade do Concello de Dodro.

O Roupeiro ten unha primeira fase de recollida na que as familias de Dodro con excedentes de roupa e calzado poderán entregalas no departamento de Servizos Sociais do Concello. O prazo de recollida é do 1 de novembro ao 15 de decembro de 9h a 14h. Preténdese facer dúas recollidas ao ano coincidindo cos cambios de estacións.

 
A roupa e o calzado deben estar en bo estado de uso e limpas e admitirase todo tipo de prendas de roupa así como de enxoival doméstico. A Concellería de Servizos Sociais e Igualdade contará para este proxecto solidario coa colaboración da rede de voluntariado do Concello que estará coordinado por un técnico do departamento. O persoal voluntariado encargarase da clasificación, arranxos e limpeza de ser o caso, de todo o material recibido.

A segunda fase do proxecto será a entrega de roupa e calzado a familias do Concello de Dodro, beneficiarias e seleccionadas polos técnicos do departamento de Servizos Sociais e non repercutirá custe algún para elas.

Unha vez rematado o prazo de distribución que se estableza, o excedente xerado, de ser o caso, será entregado directamente a unha ONG do ámbito máis cercano que teña roupeiro.

Nova edición de "Un neno, un xoguete, unha ilusión"

Dodro_xoguetes

Asemade, esta concellería pon de novo en marcha o proxecto de recollida de xoguetes iniciado o ano pasado “Un neno, un xoguete, unha ilusión”. Os veciños/as poderán entregar todo tipo de xoguetes en bo estado de uso a partir do día 1 de novembro no departamento de Servizos Sociais de 9h a 14h.

Antes, en Certo:

 

Posted via email from Certo.gl, o xornal dixital de Barbanza e Noia

Boiro: o Psoe esixe a reapertura "inmediata" da piscina municipal

Media_httpfarm2static_axpgc


Boiro, 17 de outubro de 2012. A Executiva do PSOE de Boiro demanda ao alcalde Juan José Dieste a reapertura da piscina municipal, mediante o emprego dos cauces necesarios, facendo fincapé en que estas instalacións son unha necesidade primordial para os cidadáns do Concello de Boiro.


Despois de que nestes días a empresa concesionaria da piscina, Supera, sinalara que as obras que se viñeron facendo no complexo de A Cachada non serán suficientes para o seu uso e que mesmo non se estaría informando á empresa dos detalles destas accións por parte do Concello, os socialistas quixeron lembrar que estas instalacións foron pagadas por tódolos boirenses e teñen dereito a usalas.

Un problema sen solventar dende xuño

 Os socialistas critican que se leve con este problema dende o mes de xuño, cando se pecharon estas instalacións deixando sen este servicio aos boirenses, os cales teñen que desprazarse a outros municipios da comarca para poder realizar cursos de natación para aprender a nadar, por prescripción médica ou mesmo por cuestión de saúde ou hobby.


Un alcalde ineficaz ante un problema menor

Jorge Campaña, secretario xeral do PSOE local, criticou que “se o alcalde Juan José Dieste non foi capaz de solucionar un problema que poderíamos tildar de “menor” —pola súa xestionabilidade— como é o da piscina municipal, con que garantías vai a enfrontar verdadeiros problemas coma os do desemprego xuvenil no noso Concello, por exemplo?”.


Dende o PSOE esixen “eficiencia e eficacia por parte do executivo, especialmente tendo en consideración que temos un alcalde que cobra coma un Ministro: falamos de 110.000 euros entre o alcalde e o tenente de alcalde, é dicir, case vinte millóns de pesetas”. Se ben dende o goberno do Partido Popular sinalaron en varias ocasións a través da prensa que a solución estaba próxima, case cinco meses despois o complexo deportivo segue pechado. “Pensamos que estas novas foron feitas para gañar tempo e enganar aos veciños e veciñas xa que, de ser certas, os boirenses estaríamos desfrutando da piscina, do pavillón e do ximnasio dende hai tempo”, quixo engadir Campaña, quen reclama ao alcalde "que traballe para solventar os problemas dos veciños e veciñas de Boiro".

Pode que tamén lle interese:




 

 

Posted via email from Certo.gl, o xornal dixital de Barbanza e Noia

Noia: Espazos Sonoros remata este xoves 18 co concerto do grupo de música antiga "1500"

  • O Grupo de música antiga 1500 e Marco Ambrosini clausurarán o festival o xoves 18 de outubro na igrexa de Santa María a Nova de Noia cun concerto, ás 20.30 horas, baixo o título: "Comer, rezar, namorar..."

Grupo-1500-2
Noia, 17 de outubro de 2012. O Grupo de música antiga "1500" e o músico Marco Ambrosini poñen fin este xoves 18 na igrexa de Santa María A Nova, en Noia, á programación dos Espazos Sonoros 2012.

Tras un mes e medio de programación a presente edición dos Espazos Sonoros remata cun concerto moi especial, un encontro entre a formación galega de música antiga, o Grupo de música antiga 1500 e o músico Marco Ambrosini.

Baixo o título Comer, rezar, namorar..., o Grupo 1500 presenta un programa de músicas dos cancioneiros ibéricos do Renacemento arredor de tres temas universais. Obras de importantes autores ibéricos dos séculos XV e XVI serán recreadas polo Grupo 1500, co seu persoal e característico estilo interpretativo. Toda unha serie de descoñecidas e fermosísimas pezas, que sorprenderán pola súa calidade textual e musical. O grupo conta, ademais, coa colaboración dun artista de excepción, Marco Ambrosini, un dos máis afamados intérpretes dun instrumento popular das culturas nórdicas, a nyckelharpa.

Nesta edición, Espazos Sonoros afianzou os seus obxectivos de captación de novos públicos para a música con cheos absolutos en concertos e en actividades paralelas. Concertos como o da formación Ulobit no Museo Massó en Bueu e Sara Ruiz na Reitoral de Gundivós en Sober, ou actividades como a soireé organizada na Casa Grande de Vilancosta na Estrada, que esgotou o seu cupo de entradas dispoñibles, dúas horas despois de abrirse o prazo de inscrición, son testemuña de como esta programación cumpriu coas expectativas dun público cada día mais interesado en novas propostas para outro tipo de lecer.

Formacións como Seldom Sene, Ulobit, Iván Abal e Marisol Mendive, o Grupo de música antiga 1500, Marco Ambrosini, Germán Díaz, Charo Pita e Javier Fernández, Sara Ruiz, Valadarestiada e o arpista Andrew Lawrance-King percorreron diferentes espazos de interese cultural de Galicia, algúns xa coñecidos polo festival como a igrexa de San Pedro en Lugo ou o Liceo de Ourense, e outros novidosos espazos descubertos para o deleite musical como o Parque Arqueolóxico da Arte Rupestre de Campo Lameiro, o Museo Massó en Bueu, a Reitoral de Gundivós en Sober ou a Casa Grande de Vilancosta na Estrada.

Antes anunciamos:


Concerto: "Comer, rezar, namorar", o 18 de outubro

 

Posted via email from Certo.gl, o xornal dixital de Barbanza e Noia

Muros: tres concelleiros non adscritos abandonan o pleno pola actitude "dictatorial" da alcaldesa socialista

Media_httpfarm9static_ggutg

María Xosé Alfonso e María Sambade foron dúas das concelleiras que se foron do pleno

Muros, 17 de outubro de 2012. No día de hoxe celebrouse un pleno extraordinario e urxente no concello de Muros con dous puntos na orde do día, á parte da ratificación da urxencia.

Os concelleiros non adscritos solicitaron repetidamente que, tal e como figuraba na orde do día, se trataran os dous puntos por separado e se votaran por separado, "pois o sentido do voto non ten por que ser o mesmo en dous asuntos que son distintos", explican. Ao que a alcaldesa, co apoio do grupo do PP, se negou e plantexou unha única votación, obrigando a que os concelleiros e concelleiras da corporación votaran o mesmo nos dous casos, motivo polo cal as concelleiras María Xosé Alfonso, María Sambade e o concelleiro José Manuel Quintela abandonaron o salón de plenos.

A pesar de que coa abstención anunciada do grupo do PP as dúas propostas da alcaldesa sairían adiante fora cal fora o sentido dos votos dos concelleiros non adscritos, estes consideran vulnerado o seu dereito a votar en cada un dos puntos da orde do día, "o que é unha nova mostra da actitude dictatorial da alcaldesa de Muros", aseguran.

Tamén denuncian os concelleiros non adscritos a pésima xestión da alcaldesa, pois a pesar de que o RDL 20/2012 lle dá aos concellos un prazo de tres meses para fixar a prestación económica na situación de incapacidade temporal dos/as traballadores/as, non é capaz de levar este asunto a un pleno ordinario nese prazo e convoca un pleno extraordinario e urxente xa fóra dese prazo, evitando así o diálogo e debate cos grupos da oposición na comisión informativa que correspondería.

Incumprimento cos traballadores do Concello

Por último, os tres concelleiros non adscritos queren denunciar publicamente o incumprimento por parte da alcaldesa do acordado no pleno no que se aprobou o plan de axuste, pleno no que aceptando a petición dos concelleiros non adscritos, a propia alcaldesa se comprometeu a que as medidas que afectaran aos traballadores se tomarían só en última instancia e sempre previo acordo con eles. "Algo que claramente incumpre neste pleno, pois o acordo que aparece como 1º punto na orde do día non foi acordado cos traballadores e non están esgotadas as medidas que se poden tomar sen prexudicar aos traballadores nin á cidadanía", finaliza María Xosé Alfonso Torres, portavoz dos concelleiros non adscritos.



 

Posted via email from Certo.gl, o xornal dixital de Barbanza e Noia

Muros: este venres 19 celebran o Día contra o Cancro de Mama

Muroscontraocancro

 

Muros, 17 de O departamento de Servizos Sociais e o Centro de Información a Muller ( CIM) do Concello de Muros en colaboración coa AECC, teñen programadas unha serie de actividades para o vindeiro venres 19 de outubro “ Día contra o cancro de mama".

Pola mañá ás 11.30 h o poñente Marcos Calvo Martínez, psicólogo da AECC de Santiago dará unha charla-coloquio “Cancro de mama, enfermidade curable”.

As 12.30 h no Curro da praza do Concello, convídase a que a xente colabore para formar un lazo humano, que simbolizará a unidade de todos contra esta enfermidade.

Xa pola noite, ás 22.00 h no auditorio da Casa de Cultura, terá lugar unha gala benéfica con dúas monologuistas, Isabel Risco e Isa Chao.

Xa están a venda as entradas e unhas camisetas coas que a xente pode  facer a súa aportación  a dita causa,  ao mercalas.

Coa entrada sortearanse uns agasallos entre tódolos/as participantes.  A recadación da taquilla así como a da venda de camisetas será destinada integramente a AECC.



 

Posted via email from Certo.gl, o xornal dixital de Barbanza e Noia

Ribeira: Aguiño e Carreira tamén terán pistas de céspede artificial

  • Serán de 40 por 20 metros cadrados e valerán case 100.000 euros, dos que a Axencia Galega de Desenvolvemento Rural aporta 82.000
  • Non se sabe cando entrarán en funcionamento

Ribeira, 17 de outubro de 2012. Tal e como se publica no Diario Oficial de Galicia do día de hoxe, a Axencia Galega de Desenvolvemento Rural (AGADER) destina ao Concello de Riveira unha achega económica de 81.959,25 euros (sobre un importe total 96.554,84 euros), dirixida á construción no municipio de dúas novas pistas polideportivas. Estas instalacións estarán situadas na Tasca (Aguiño),nas inmediacións do campo de fútbol; e en Frións (Carreira), no recinto do centro de ensino infantil e primario alí situado.

Cada unha das pistas medirá 40x20 metros: é dicir, serán considerablemente máis grandes que as novas pistas de Abesadas (28x14 metros) e do Centenario (10x7 metros). Non obstante, esteticamente será moi semellante a estas, cun armazón de aceiro mesturado con taboeiros de madeira de piñeiro, con céspede artificial de última xeración e con porterías e canastras integradas na propia estrutura.

Con carácter preliminar á colocación das pistas, serán adecuados os lugares da actuación. No caso do CEIP Frións, actualmente a área de xogo na que se proxecta a actuación presenta un pavimento asfáltico deteriorado, co cal será necesario arranxar a soleira existente. En canto á Tasca, haberá que nivelar, compactar e pavimentar a esplanada na que se localizará a pista.

Non se dan datas de remate e entrada en funcionamento das mesmas.

 
Este mesmo ano foron construídas as pistas polideportivas de Abesadas e do Centenario, á que lle falta por estender o céspede artificial.

Posted via email from Certo.gl, o xornal dixital de Barbanza e Noia

Lousame: a Banda de Música participa por segundo ano consecutivo o VI Certame de Bandas

  • Entre o 16 e o 18 de novembro en Santiago
  • Antes ten que ensaiar moito, e dará tres concertos previos. O primeiro deles é este sábado 20 no auditorio de Valga
  • O ano pasado conseguiu dous premios


Un dos temas interpretados pola Banda de Lousame no certame anterior

Lousame, 17 de outubro de 2012. A Banda Municipal de Música de Lousame actúa por segundo ano consecutivo no Certame Galego de Bandas de Música. Este evento, organizado conxuntamente pola Federación Galega de Bandas de Música e a Consellería de Cultura da Xunta de Galicia, chega este ano á súa sexta edición e terá lugar os días 16, 17 e 18 de novembro no Auditorio de Galicia de Santiago de Compostela. A Banda de Lousame participa na Sección Terceira xunto coas bandas de Ribadavia, Arteixo, Chapela e Cabral. A súa actuación será o venres 16 de novembro ás 8 da tarde.

Para preparar o repertorio co que se presenta a Banda de Lousame realizará  tres concertos previos, o primeiro dos cales ten lugar este sábado día 20 no Auditorio de Valga ás 9 da noite. A Banda de Lousame espera repetir o éxito da anterior edición onde acadaron dous premios: o segundo premio na Sección Terceira e o premio á mellor interpretación dunha obra galega coa obra “O demo de Carboeiro” de Manuel Blanco Dosil. Este compositor do concello de Outes volve colaborar este ano coa Banda de Lousame compoñendo para interpretar neste certame a obra “Escenas do Atlántico”.

 

Posted via email from Certo.gl, o xornal dixital de Barbanza e Noia

Ribeira: este domingo 21, ademais das eleccións, Andaina polos montes da Garita

Noia: Costas emite un documento con reticencias sobre o documento previo do PXOM local

Media_httpfarm5static_jjkda

Na zona de Boa hai, polo visto, unha liña da ribeira do mar inexistente

Noia, 17 de outubro de 2012. Segundo informa hoxe o Concello noiés, a Subdirección Xeral de Dominio Público Marítimo-Terrestre, vén de emitir o informe ao “Documento previo á aprobación inicial” do PXOM, e nel explícase que o Concello de Noia, conta na actualidade cos seguintes expedientes de deslinde:

  • Desde o límite de Porto do Son, ata o barrio do Campo das Rodas (actualmente en tramitación)
  • Desde o barrio de Sofreixos ata a marxe esquerda do río Tambre (completado e en vigor)
  • O comprendido entre os vértices 203 e 206, sitos na Punta Paralada-A Barquiña do deslinde aprobado por Orde Ministerial do 29.12.2006, aínda hoxe en tramitación

Logo, o informe escomeza a analizar aqueles aspectos relativos á plasmación nos correspondentes planos da liña da ribeira do mar, da liña do deslinde do dominio público marítimo-terrestre, así como a que delimita a servidume de protección e a súa zona de influencia. Nestes aspectos o informe fai as seguintes observacións:

  •  
    • Na zona de Punta Redondelo, en Boa, díbuxase unha liña da ribeira do mar inexistente.
    • Na zona de Punta Telleira na Paralada, represéntase de xeito incorrecto a liña de deslinde do dominio público marítimo-terrestre, aínda en tramitación.
    • A liña que delimita a zona sobre a que recae a servidume de protección, recóllese cunha anchura de 20 metros, en lugar de 100 metros na zona de San Lázaro, nas inmediación do estadio municipal. Tamén se fai a mesma consideración para a zona do Rio do Porto, entre A Barquiña e Barro.

Controversia pendente en San Lázaro

Para arranxar estas deficiencias o Ministerio dí que facilitará toda a información precisa, previa petición en forma por parte do Concello. Aínda asi, hai que lembrar que o Concello mantén unha controversia pedente de resolver, que é a que lle afecta á proposta de novo deslinde, concretamente na zona antes suliñada de San Lázaro, xa que demandamos para a mesma a distancia de 20 metros e non os 100 que dispón o Ministerio.

Noutra orde de cousas, o informe recomenda que se recolla de xeito literal no texto da normativa urbanística, unha serie de determinacións da vixente Lei de Costas, a fin de evitar erros ou falsas interpretacións, mencionando concretamente: a utilización do dominio público marítimo-terrestre, os usos autorizados e prohibidos nas zonas de servidume de protección, o respeto á servidume de tránsito, as obras permitidas e prohibidas no dominio público, etc.

Fai tamén unha mención expresa á fachada marítima do Malecón de San Lázaro, afectada na súa totalidade pola liña de servidume de protección de Costas, indicando que se o Concello pretende acollerse á exepcionalidade contemplada na vixente Lei de Costas, terá que dar os pasos nela contemplados.

Deficiencias que se poden superar, asegura o Concello

A criterio dos servizos técnicos e xurídicos municipais, "o informe plantexa cuestións, todas elas, posibles de superar. Se ben é certo que o Goberno Local agardaba que a alegación formulada o pasado ano, e aínda non resolta, relativa á proposta de novo deslinde nas proximidades do estadio municipal de San Lázaro, fose atendida e alí se mantivera a liña de servidume a 20 metros e non a 100 como agora se propón. O interese que o Concello ten nesta cuestión, non é outro que o de poder pechar a mazá do último tramo da Avda. da República Arxentina, hoxe con traseiras á Xunqueira de San Lázaro, otorgando certa posibilidade edificatoria de tal maneira que quede configurada coas correspondentes fachadas", remata a nota de prensa do Concello.

Antes, en Certo:

PXOM de Noia: Augas de Galicia informa a favor no documento inicial

Pode que tamén lle interese:

 

Posted via email from Certo.gl, o xornal dixital de Barbanza e Noia

Rianxo: este venres 19, xornadas de convivencia entre o club de remo local e Ámbar

Remo_ambar

Rianxo, 17 de outubro de 2012. Este venres, 19 de outubro, terán lugar as primeiras xornadas de convivencia entre o Club de Remo Rianxo e a Asociación AMBAR.

O obxectivo da actividade é que persoas con diversidade funcional teñan acceso ao deporte do remo, coñecendo as interioridades e caracterísiticas desta modalidade deportiva, co fin contribuir á súa integración e mellora da calidade de vida.

Así, directivos, adestradores e deportistas  do Club de Remo Rianxo farán de anfitrións para os membros de AMBAR e mostraranlle as súas instalacións, os materiais e embarcacións que utilizan e terminarán cun Bautismo de Mar en traiñeira que lles permitirá vivir en primeira persoa a sensación de remar nesta embarcación deportiva tradicional.

Tamén, en Rianxo:


A xornada desenvolverase entre as 10:30 e as 13:30 h. no Club de Remo Rianxo e nas augas da ensenada de Rianxo

Posted via email from Certo.gl, o xornal dixital de Barbanza e Noia

Porto do Son: as redeiras da confraría "Virxe do Carme" recolleron o premio do Ministerior de Agricultura

  • Trátase de premios de Excelencia e Innovación para mulleres rurais

Porto do Son, 17 de outubro de 2012. O Ministro de Agricultura, Alimentación e Medio Ambiente, Miguel Arias Cañete, xunto coa Ministra de Sanidade, Servizos Sociais e Igualdade, Ana Mato, entregaron onte os "Premios de Excelencia a la Innovación para mujeres Rurales 2012", nun acto que se celebrou no marco do Día Internacional da Muller Rural.
 

Media_httpfarm5static_cklfa

Este certame, organizado polo Ministerio de Agricultura, Alimentación e Medio Ambiente, distingue iniciativas orixinais e innovadoras, que apliquen modelos de negocio baseados na xestión sostible dos recursos rurais. Os proxectos amosan a potencialidade da muller como axente motor do medio rural a través da súa participación no mercado laboral.

O proxecto de Porto do Son, "Formación para o cambio", foi galardoado nesta III edición xunto a outros oito. A temática abarca dende a repoboación do medio rural á formación para mantemento de actividades artesanais, promoción do patrimonio natural e cultural marítimo-pesqueiro, cooperativismo de traballo asociado ou promoción do turismo e promoción de empleo no rural.

También foron premiadas iniciativas orientadas á implantación de agricultura ecolóxica, conservación de razas gandeiras en perigo de extinción, mestura de aloxamiento rural, gastronomía tradicional e actividades culturais, así como diversificación de actividades no rural.

O caso de Porto do Son


A asociación de redeiras "Virxe do Carme" actualmente está formada por 34 redeiras profesionais que traballan na nave-taller de Porto do Son e na nave de Portosín e o resto nas súas casas particulares. Todas están dadas de alta no Réxime Especial do Mar como traballadoras autónomas. Dez incorporáronse ao sector das redes grazas a cursos de formación promovidos pola Asociación. Ademáis, dan a coñecer a súa profesión aos turistas e elaboran miniaturas de artes de pesca para vender entre os visitantes deste municipio.

Posted via email from Certo.gl, o xornal dixital de Barbanza e Noia

Twitter

Related Posts with Thumbnails Banner: Regale selva tropical