- Serán de 40 por 20 metros cadrados e valerán case 100.000 euros, dos que a Axencia Galega de Desenvolvemento Rural aporta 82.000
- Non se sabe cando entrarán en funcionamento
Ribeira, 17 de outubro de 2012. Tal e como se publica no Diario Oficial de Galicia do día de hoxe, a Axencia Galega de Desenvolvemento Rural (AGADER) destina ao Concello de Riveira unha achega económica de 81.959,25 euros (sobre un importe total 96.554,84 euros), dirixida á construción no municipio de dúas novas pistas polideportivas. Estas instalacións estarán situadas na Tasca (Aguiño),nas inmediacións do campo de fútbol; e en Frións (Carreira), no recinto do centro de ensino infantil e primario alí situado.
Cada unha das pistas medirá 40x20 metros: é dicir, serán considerablemente máis grandes que as novas pistas de Abesadas (28x14 metros) e do Centenario (10x7 metros). Non obstante, esteticamente será moi semellante a estas, cun armazón de aceiro mesturado con taboeiros de madeira de piñeiro, con céspede artificial de última xeración e con porterías e canastras integradas na propia estrutura.
Con carácter preliminar á colocación das pistas, serán adecuados os lugares da actuación. No caso do CEIP Frións, actualmente a área de xogo na que se proxecta a actuación presenta un pavimento asfáltico deteriorado, co cal será necesario arranxar a soleira existente. En canto á Tasca, haberá que nivelar, compactar e pavimentar a esplanada na que se localizará a pista.
Non se dan datas de remate e entrada en funcionamento das mesmas.
Este mesmo ano foron construídas as pistas polideportivas de Abesadas e do Centenario, á que lle falta por estender o céspede artificial.
Posted via email from Certo.gl, o xornal dixital de Barbanza e Noia
No hay comentarios:
Publicar un comentario