15.3.13

Boiro: este sábado 16, asemblea aberta de Anova no centro social

Acto_anova

  • Ás 17 horas
  • Poden participar tanto militantes coma simpatizantes

ORDE DO DÍA:
  1. Lectura e aprobación da acta da asemblea anterior (16/02/2013)
  2. Presentación breve do proxecto Anova no Barbanza para quen se achegue novo
  3. Asemblea Nacional de xuño, calendario e pasos a dar
  4. Posta en común de ideas para comezar a ter actividade político-social nas localidades. Diálogo socio político.
Máis info en

http://www.anova-galiza.org

Posted via email from Certo.gl, o xornal dixital de Barbanza e Noia

Colaboración: "O Papa en chándal", por Javier Ferreirós

Papa_ftbol

Os medios, e incluso os diferentes xornalistas dun mesmo xornal, discrepan respecto ás tendencias e intencións do novo Sumo Pontífice do catolicismo, que, copiando a un cantante valenciano, púxose Francisco, así, a secas (a que se vai liar na Wikipedia): é conservador, non, que é liberal, continuista, non, rupturista. É o Papa, e punto. Claro que está en contra do matrimonio entre homosexuais. Non o confundamos con Rouco, que cando vai de paisano faise chamar “Paco Clavel”.

Nun xesto de humildade exemplar, máis propia do herdeiro ó trono de Zamunda que dun cardeal ascendido, pagou a estancia da pensión na que estivo hospedado estes días en Roma. Supoño que os outros Papas dixeron que “xa mandarei a alguén a pagar outro día, que agora non levo cambio”, porque, como vai ter cambio o Papa? Se nin sequera ten petos.  Estará obrigado a deixar os seus obxectos persoais no mostrador do Cuarto das Bágoas- onde lle obrigan a pasar de papable a Papa a través do troco de indumentaria- como Alex o de A laranxa mecánica ó ingresar no manicomio.

Agora xa podemos dicir “arxentino, coma o Papa”. Que raro. Cando dixeron que o elixido no conclave (récord da palabra máis queimada nestes días, ó nivel de “antesala dos Óscar” cando se fala dos Globos de Ouro) era da Arxentina, pensei que sería Messi, que ultimamente gaña todos os premios individuais que conceden os seus colegas. Tanto el coma Jorge Mario reciben a coroa de loureiro con “humilitatis”, sen cuspir ás bancadas.

Hai unha viñeta de El Perich na que se ve ó Papa mirándose no espello e dicindo para si: “Mira que se Deus non existe, e eu toda a vida con estas pintas...” Din que a Ratzinger se lle vía o “jarsé” por debaixo das pintas papais cando, nada máis ser elixido, saíu ó balcón. Raro tamén que, sendo arxentino, ó novo Encargado Supremo non se lle notasen as cores azul e grana do seu equipo (seguro que non es ti, Lionel?), o San Lorenzo de Almagro, xa que, como se pode comprobar nos anuncios da cervexa Quilmes, os afeccionados arxentinos levan a camisola do seu equipo pegada á pel. Como non, La Voz de Galicia, que lle atopa conexións galegas a todo cristo (con titulares tipo “Beethoven era gallego”) lembrounos ós cinco minutos da elección de Francisco que o San Lorenzo é o equipo dos galegos da Arxentina.

Non quero asustar a ninguén, pero olliño: xorden terribles augurios por partida dobre coa ascensión ó trono do bonaerense (que aproveita o balbordo para roubarlle fieis á Igrexa Maradoniana). Os afeccionados do San Lorenzo son coñecidos coma “corvos”; por outra banda (como din en Cifras e Letras), o cargo de xeneral dos xesuítas (orde da que procede o Papa Francisco), é tamén denominado “Papa negro”. Corvo; Papa negro; xa fregan as mans en Cuarto Milenio. Por se fora pouco, escolleron a Jorge Mario un día 13 do ano 13. É o Papa negro desas profecías que só saen á luz cando xa morreu o conto. Seguro que os cardeais, mentres botaban a partida na Capela Sixtina, xuntaron os dous treces coa intención de rirse de Iker Jiménez e a súa troupe, entre os que figura un que semella Curros Enríquez, e que sempre di que se o can ladrou, é que había unha pantasma. Para a próxima, que metan un can no conclave (maldita palabra bendita) e revele cos seus ladridos a presenza irrefutable do Espírito Santo pousando na cachola dun vello con saias.

Que riquiño o Papa! Vai en metro. Só lle falta ir en chándal.

https://www.youtube.com/watch?v=ZFSRLCbqepY



Colaboración anterior:




Músico e historiador
Serie exclusiva para Certo coa análise
dos principais discos da música mundial
"Música por dentro"

Posted via email from Certo.gl, o xornal dixital de Barbanza e Noia

Noia: o tripartito presenta as contas de 2012 como "a mellor situación económica da historia noiesa"

  • Contan con eliminar as débedas totalmente ao longo deste ano 2013
  • Alcalde e concelleiro de Cultura reuníronse esta mañá na Xunta para abordar as obras do Coliseo Noela, que seguen sen data


O alcalde, Rafael García e os tenentes de alcalde, Marisol Villar (N.O.I.A.) e Bieito González (Bng) na presentación das contas esta mañá no Concello

Noia, 15 de marzo de 2013. O alcalde de Noia, o socialista Rafael García Guerrero, e os tenentes de alcalde Bieito González Domínguez (Bng) e Marisol Villar Ageitos (N.O.I.A) presentaron, en nome do grupo de goberno do Concello de Noia, os resultados orzamentarios do exercicio 2012. O Concello de Noia obtivo un remanente positivo de tesourería total de 3.486.775,58 euros, dos que 2.230.476,91 euros son a parte do remanente para gastos xerais.

Desde o grupo de goberno destácase "o extraordinario resultado orzamentario do ano 2012, xa que hai que ter en conta o contexto,  porque no exercicio pasado se reduciu a débeda do 20% ao 10% amortizando máis dun millón de euros, eliminando as facturas sen consignación (non hai facturas pendentes do ano pasado) e tendo en conta os recortes económicos que outras administracións están facendo na administración local, en especial coa vila de Noia".

O tripartito asegura que esta situación "permitirá que no ano 2013 a débeda viva do concello de Noia sexa do 0%, porque se amortizarán durante o exercicio actual os 973.608,33 euros pendentes que había a data 1 de Xaneiro de 2013". Os representantes municipais sinalaron como principais actores desta boa situación económica aos contribuíntes que "cos cumprimentos das súas obrigas fiscais son os que fan posible que Noia chegue á mellor situación económica da súa historia". Tamén agradeceron aos traballadores municipais que "co seu traballo diario fixeron posible esta realidade impensable a finais dos anos 90".

Esforzo de empresas locais que levaban anos sen cobrar

O alcalde e os concelleiros Bieito Domínguez e Marisol Villar quixeron lembrar "o esforzo que fixeron moitas empresas noiesas, que son proveedores do Concello, e que nos momentos en que o Concello estaba ao borde da creba aguantaron anos sen cobrar, chegando a negociar quitas importantes; nesas dramáticas etapas económicas da adminitración local noiesa grazas á colaboración, esforzo e paciencia dos proveedores noieses permitiu ao Concello saír do enorme burato económico no que estaba mergullado".

COLISEO NOELA: QUEN SABE CANDO?

  • A Dirección Xeral do Patrimonio Cultural revisará e redactará de novo o proxecto de posta en valor do Coliseo Noela, para a continuación sacar unha nova licitación das obras

O secretario xeral técnico da Consellería de Cultura e Educación, Jesús Oitavén, e a directora xeral do Patrimonio Cultural, María Carmen Martínez Insua, reuníronse esta mañá co alcalde de Noia, Rafael García, para tratar cuestións relacionadas co financiamento das obras no teatro. Dende a Xunta de Galicia solicitóuselle ao Concello de Noia que colaborara economicamente nestas actuacións, pero o responsable municipal comunicou a súa imposibilidade alegando a necesidade de cumprir co seu equilibrio orzamentario.

Finalmente, tras a reunión, a Consellería de Cultura e Educación comprometeuse a revisar o contido do proxecto, actualizalo e con posterioridade proceder á sinatura do correspondente convenio de colaboración. Unha vez estea listo, a Consellería licitará mediante concurso público as obras do Coliseo Noela. A Dirección Xeral do Patrimonio Cultural mantén a súa intención de proceder coas obras de acondicionamento do teatro noiés que non puideron executarse como consecuencia de que a empresa adxudicataria se encontrase nun proceso de liquidación. En ningún momento se fala de datas, polo que dende o Concello van seguir coa quenda de mobilizacións culturais contra este retraso de máis de dous anos, que consideran boicot por ser distinto signo político.

Posted via email from Certo.gl, o xornal dixital de Barbanza e Noia

Ribeira: sacan a licitación por case 400.000 euros a elongación da rúa Cristóbal Colón que unirá o cemiterio con Fafián

  • O novo tramo de rúa, que prolonga a Cristóbal Colón, terá 65 metros de longo, dobre sentido, servizos urbanos, alumeado e beirarrúas nas dúas marxes


 

Ribeira, 15 de marzo 2013.- O Concello informa de que a última xunta de goberno local deu luz verde á licitación da apertura dun novo tramo da rúa Cristóbal Colón que vai enlazar esta vía á altura do cemiterio municipal de Santa Uxía co lugar de Fafián.

 

Esta actuación supón unha inversión de 397.033 euros, dos cales 325.701 van ser aportados pola Deputación de A Coruña en virtude dun convenio de colaboración subscrito a finais do pasado decembro entre Manuel Ruiz e Diego Calvo. O prazo de execución é de catro meses.

 

Na actualidade, na zona obxecto de actuación unicamente existe un camiño de paso para persoas, sendo imposible a circulación de calquera tipo de vehículo. Ademais, a rede de abastecemento existente é de pequeno diámetro e está feita en fibrocemento; non hai rede de alcantarillado e o alumeado público é insuficiente.

 

Solución a problemas de tráfico

O proxecto elaborado vai permitir abrir un novo tramo duns 65 metros de lonxitude entre o cemiterio municipal e a rúa Blanco Amor (Fafián), o que posibilitará dar continuidade á circulación de vehículos e solucionar así os relativamente frecuentes problemas de tráfico producidos polo feito de que os coches teñen que dar forzosamente a volta fronte ao camposanto, que se erixe en fondo de saco.

 

A zona de calzada proxectada contará con dous carrís de circulación e anchura variable. O firme estará formado por unha base de zahorra artificial de 35 centímetros de espesor sobre o que se estenderá unha capa de 15 centímetros de espesor de bituminosa en quente tipo D-12.

 

Muro de contención

Ademais, instalaranse beirarrúas en ambos marxes cunha anchura de 1,50 metros e, debido ao desnivel existente entre o camiño actual e as fincas colindantes por unha das bandas, será necesario tamén construír un muro de contención de 64 metros de lonxitude e unha altura variable que irá dende os 5,20 aos 4,50 metros. Esta estrutura será de formigón armado.

 

En canto aos servizos, colocaranse unha nova liña de abastecemento consistente nunha tubaxe de fundición dúctil de 95 metros de longo e 150 milímetros de diámetro; para o saneamento disporase unha tubaxe de PVC compacto de 118 metros de longo e 315 milímetros de diámetro; e en canto á pluviais haberá unha tubaxe de PVC corrugado de 118 metros e 315 milímetros de diámetro. Por outra parte, dotarase á zona de cinco novos puntos de luz e unha liña de alumeado de 90 metros.




 


Posted via email from Certo.gl, o xornal dixital de Barbanza e Noia

Dodro: o goberno local gábase da súa xestión económica ao presentar a liquidación do orzamento de 2012

  • Saíulle un saldo positivo de 701.658 euros
  • Aproveitou para arremeter contra o goberno bipartito anterior

Media_httpfarm4static_ffvhm

Dodro, 15 de marzo de 2013. No pleno desta mañá foi presentada, polo goberno local do Partido Popular, a liquidación orzamentaria de 2012. O resultado orzamentario obtido foi un resultado positivo de 701.658 euros, o cal, segundo salienta en nota de prensa a tenente de alcalde Marisol Boga, "contrasta notablemente co resultados dos anos anteriores, con presupostos do goberno bipartito E QUE LEVARON Ó CONCELLO DE DODRO A CONVERTIRSE NUN DOS TRES CONCELLOS CON PEOR RESULTADO ORZAMENTARIO NA PROVINCIA DE A CORUÑA, EN CONCELLOS DE ATA 3.000 HABITANTES".

Segundo explica, as cifras dos últimos cinco anos foron éstas:

2011: -224.564 euros.

2010: -256.709 euros.

2009: -98.360 euros

2008: -135.310 euros.

"En termos absolutos a DIFERENCIA ENTRE O RESULTADO DE 2012 E 2011 É DE NADA MÁIS E NADA MENOS QUE 925.000 EUROS, o que pon de manifesto as notables diferenzas na xestión entre o goberno do PP e o goberno bipartito PSOE-BNG A PESAR DAS DIFICULTADES ORIXINADAS POLA CRISE ECONÓMICA", argumenta a tenente de alcalde.

Remanente de máis de 90.000 euros fronte aos case medio millón en negativo en 2010

"Pero máis importante é se cabe a evolución do REMANENTE DE TESORERÍA, E QUE MIDE REALMENTE A CAPACIDADE ECONÓMICA DO CONCELLO. NO ANO 2010, O CONCELLO DE DODRO CHEGOU A TER -469.199 EUROS, E NO 2011 A CIFRA CHEGARÍA ATA A CANTIDADE DE -413.732 EUROS, OCUPANDO O ÚLTIMO LUGAR ENTRE TODOS OS CONCELLOS DA PROVINCIA DE A CORUÑA. NO ANO 2012, POR PRIMEIRA VEZ NOS ÚLTIMOS 5 ANOS, O CONCELLO DE DODRO ACADOU UN REMANENTE DE TESORERÍA DE 91.429 EUROS, SUPERANDO NOTABLEMENTE TODAS AS PREVISIÓNS", remarca Boga, quen ofrece estes datos dos últimos anos:

2008: -29.995 EUROS.

2009: -198.574 EUROS.

2010: -469.199 EUROS.

2011: -413.732 EUROS.

"Pagando facturas antes dos 60 días", di o alcalde

Pola súa banda, o alcalde Valentín Alfonsín louva "os excelentes resultados obtidos tendo en conta as dificultades económicas que se atopou cando tomou posesión, e agradezo a colaboración da veciñanza, dos empregados e os membros do goberno municipal que foi decisiva para sacar ao concello da situación de creba, e poder manter os servizos básicos tan importantes na situación actual. Decir que cando o Alcalde Valentín Alfonsín tomou posesión, tivo que facer fronte ao pago urxente de enerxía eléctrica para evitar o corte de lús (sic) mesmo nas oficinas xerais, e a día de hoxe, o Concello de Dodro está pagando as facturas antes dos 60 días".

Na súa nota, o goberno local remata asegurando que "o actual goberno de Dodro demostra ben ás claras que como sempre veu denunciando dende a oposición, existe unha forma responsable de xestionar e gobernar, mantendo os servizos realmente importantes do Concello sen que por iso se teña que por en perigo a supervivencia económica do mesmo".





Posted via email from Certo.gl, o xornal dixital de Barbanza e Noia

Ribeira: o Liceo Marítimo rematou o seu obradoiro de bailes de salón

Na tarde de onte deu remate unha a iniciativa enmarcada dentro do Programa de Dinamización dos nosos Maiores de Ribeira, consistente nun Obradoiro de Bailes de Salón que contou coa participación de 31 parellas divididas en tres grupos.

Para celebrar a fin de curso, xuntáronse nas instalacións do Liceo Marítimo participantes dos tres grupos para ofrecer unha exhibición, baixo a dirección do que foi seu mestre, o coreógrafo riveirense Vicente Colomer Bussoms.

Tamén fixo acto de presenza Vicente Mariño de Bricio,  concelleiro  de Servizos Sociais e Promoción Social, área promotora da acción. Mariño de Bricio felicitou aos bailaríns polo seu bo facer o salientou a gran resposta que tivo a nova iniciativa, que se suma a outras accións dirixidas aos maiores, como os obradoiros de memoria, galego ou inglés ou as saídas culturais que se van dar a coñecer en breves datas.

O curso completo durou tres meses e celebrouse todos os xoves no Liceo con clases dunha hora de duración.




Posted via email from Certo.gl, o xornal dixital de Barbanza e Noia

Cultura: Barbantia organiza un debate o xoves 21 na Pobra sobre nova narrativa galega e presenta "Ocultos" o 22 en Boiro

A Asociación Cultural Barbantia, xunto co I.E.S. da Pobra do Caramiñal, un xornal coñecido e a Editorial Biblos, organizan un debate sobre a nova narrativa galega e presentan a obra "Sete de Biblos". Será o xoves 21 de marzo, ás 20:00 horas, no Auditorio Valle-Inclán da Pobra. Estarán presentes Tucho Calvo (Director literario de Biblos); Carlos Mosteiro; Iria López, Alberto Ramos, Patricia Casas, Berta Dávila e Iria Morgade.

Ao día seguinte, en colaboración co Concello de Boiro, presentarán a obra "Ocultos. Animais extraordinarios", de Xulio Gutiérrez e Nicolás Fernández. Será ás 20:30 horas na Galería Sargadelos de Boiro e participarán, amais dos autores, José María Heras (FaktoríaKdeLibros), Agustín Agra e Helena Teixeira, concelleira de Cultura de Boiro. O acto estará amenizado polo grupo de música antiga Menestreis.

Pode que tamén lle interese:




Posted via email from Certo.gl, o xornal dixital de Barbanza e Noia

Boiro: o luns 18 de marzo, obradoiro de cociña para facer risotto

  • Será ás 18:30 no bar Tres Catorce
  • A matrícula faise in situ ou por teléfono no mesmo local
  • Organiza PanePanna e pódese consultar o seu facebook aquí
  • Imparte Anna Mayer, de Panepanna. O obradoiro dura tres horas
  • Hai só 12 prazas e ten un custe de 25 euros, que inclúe degustación do que se cociñe, que neste caso é risotto al limone, salchicha e sasafrán e risotto con caldo galego
  • En vindeiras datas haberá outro obradoiro de cociña desta empresa na Pobra


Imaxe de http://panepanna.com

Posted via email from Certo.gl, o xornal dixital de Barbanza e Noia

Twitter

Related Posts with Thumbnails Banner: Regale selva tropical