5.4.13

Ribeira: o escritor Antón Riveiro Coello abreu os Xoves Literarios de abril

Os Xoves Literarios que organiza o Concello de Riveira a través da súa Área de Educación deron comezo na tarde de onte cunha conferencia de altura a cargo de Antonio Riveiro Coello: prestixioso escritor nacido en Xinzo de Limia no ano 1964, pero que ten en Barbanza “o seu país de adopción”, segundo aseverou durante a charla pronunciada ante unha trintena de atentos oíntes na Biblioteca Municipal.

O título da ponencia, “As razóns da escrita. Un país sen límites”, na que Riveiro Coello desgranou os motivos que o levaron á creación literaria, nunha disertación salpimentada con numerosas anécdotas e vivencias.

Vocación musical

Así, Riveiro Coello lembrou que naceu nunha casa na que non había libros (“o único libro que había alí eran as instrucións da máquinas Singer da miña nai”) e que un dos motivos que lle influenciou  foi a gran capacidade do seu avó para narrar historias. Tamén explicou se ben parecía que os seus derroteiros artísticos parecían ir pola música (demostraba grandes actitudes coa guitarra tras recibir clases dun mestre andaluz na súa terra natal e incluso chegou a tocar nun grupo local) finalmente as circunstancias fixeron que se orientase á literatura: un feito no que resultou crucial as cartas que lle escribía á súa moza.

Ao longo da conferencia, Riveiro Coello verqueu moitas das súas opinións en torno ao mundo dos escritores e a literatura. Así, expresou a súa certeza de que os escritores escriben libros para chamar atención (“incluso aqueles que pacemos máis tímidos, máis introvertidos, temos a necesidade de sermos, de proclamar a nosa existencia”), que a literatura é unha mentira asumida por todos e que é tamén un acto de rebeldía (“todo o que escribe o fai contra algo, ás veces contra un mesmo").

Antón Riveiro tamén explicou que unha das razóns polas que el escribe é por non ser muller.  "Ter un fillo é o acto de creación máis fabuloso que lle pode acontecer unha persoa e eu non teño esa posibilidade”, subliñou, ao tempo que opinou que  existe un parecido entre a escrita e o embarazo e a xestación.

Ao igual que outros autores como Carlos Casares, Bryce Echenique ou García Márquez, Antón Riveiro tamén escribe para gustar (“máis que para seducir, porque en gustar hai algo espontáneo e en seducir hai algo forzado”) e sempre pensando en persoas concretas, fundamentalmente en dúas: a súa muller (que representa ao lector máis amplo, máis sensorial) e o seu editor (que representa ao lector máis culto, máis esixente).

A ponencia aínda daría pé  a outras interesantes manifestacións da vida literaria de Riveiro Coello, como que lle gusta xogar con persoas imaxinarias, que lle gusta converter en materia estética a realidade cotiá ata “habitar espazos inventados” e que ten o propósito consciente de “inventar unha linguaxe propia”, algo que o identifique e deixar constancia da súa pegada.

Tras cincuenta minutos de amena disertación, a charla concluíu co aplauso unánime do público congregado e co inicio dun distendido coloquio do autor e asistentes, non sen que antes a concelleira de Educación, Mª Carmen Vizcaya, tivera palabras de eloxio e agradecemento ao autor protagonista. A charla fora introducida pola responsable do Servizo Municipal de Normalización Lingüística, Alicia Padín.

O vindeiro xoves, 11 de abril, ás 20 horas, terá lugar a segunda conferencia dos Xoves Literarios, titulada “O teatro galego: circunstancias e antecedentes”, por Francisco Godón Davila.

Datos biográficos de Antón Riveiro Coello. Naceu en Xinzo de Limia en 1964. Cursou estudos de Dereito na Universidade de Santiago e actualmente é funcionario da Administración Autonómica. A súa obra, traducida a varios idiomas, ten sido galardoada con diversos premios entre os que salienta o Premio da Crítica Española, o premio de Narrativa da Asociación de Escritores en Lingua Galega, o Álvaro Cunqueiro de Narrativa, o Manuel García Barros de Novela, o Torrente Ballester de Narrativa (finalista), o Camilo José Cela de Narrativa, o Manuel Murguía, o Modesto R. Figueiredo, o Café Dublín, o Castelao de Narrativa, o Ourense de Contos, o Breogán de Contos, etc. Ademais de participar en medio cento de colectivas, é autor dos seguintes libros: Valquiria, (Ed.Novo Século.1994), Parque Central e outros relatos (Ed. Espiral Maior 1996), A historia de Chicho Antela (Espiral Maior,1997), A quinta de Saler (Galaxia, 1999), Animalia (Galaxia, 1999), As rulas de Bakunin (Galaxia, 2000), Homónima (Galaxia, 2001), Cartafol do Barbanza (A Nosa Terra, 2002), A canción de Sálvora (A Nosa Terra, 2003), A esfinxe de amaranto (Galaxia, 2003), Limaiaé (Centro de Cultura Popular do Limia, 2005), Casas Baratas (Galaxia, 2005), A voz do lago (Galaxia, 2007), Os ollos de K (Galaxia 2007), As pantasmas de auga (Bourel, 2010), O paso do esquecemento (Centro de Cultura Popular do Limia, 2011) e Laura no deserto (Galaxia, 2011).

Posted via email from Certo.gl, o xornal dixital de Barbanza e Noia

Twitter

Related Posts with Thumbnails Banner: Regale selva tropical