1.5.10

Dodro: aprobados os orzamentos de 2010, que alcanzan case os dous millóns e medio de euros

Dodro, 1 de maio de 2010. O Concello de Dodro aprobou, no pleno celebrado o pasado venres 30 de abril, o orzamento para o ano 2010. Con case dous millóns e medio de euros (2.468.379,53 €), o deste ano é 418.159,47 € inferior ao do ano pasado. Isto débese a unha diminución do 15% a participación nos tributos do Estado debido á crise. Con todo, o esforzo en investimentos acada case o millón de euros (953.738,67 €). Para isto foi necesario reducir ao máximo o gasto corrente, tal como material de oficina, teléfono, representación, mobiliario, etc.

Os investimentos a realizar no ano 2010 son os seguintes:

    * Saneamento en Revixós, por un importe de 238439,02 €
    * Colector soterrado en Lestrobe: 44802,32 €
    * Bases de suxeccións para contenedores: 43674,66
    * Camiño de Cruz do Avelán a Teaio e á Devesa, e outros: 67710,64 €
    * Camiño interior en Traxeito e outros: 57318,74 €
    * Saneamento en Teaio: 127535,70 €
    * Saneamento en Lestrobe: 127535,70 €
    * Adquisición de maquinaria: 59958,78 €
    * O proxecto “Roteiros que navegan na memoria”: 117762,46 €
    * Parques infantís: 69000,65 €

Algúns destes proxectos xa están en fase de adxudicación e o resto adxudicaránse á maior brevidade posible, polo que todos eles se executarán  íntegramente no presente ano. Con estas cifras, o goberno municipal insistiu no aforro orzamentario naquelas partidas necesarias para o funcionamento interno da administración local para manter, no máximo posible, a de investimentos para a cidadanía, segundo informa o Tenente alcalde e voceiro nacionalista Anxo Franco.

Como era de esperar, este punto do pleno foi tenso, xa que o PP criticaba os orzamentos ao insistir que están inflados, ao tempo que os calificou de insuficientes por minguar o gasto. Anxo Franco criticou que mentres na Xunta o PP fala de austeridade, en Dodro predican o contrario.

"Como en todos os orzamentos, esta é a previsión, cos datos oficiais dos que se dispón, de investimentos no ano 2010, o que non impide que, no caso de recibir fondos adicionais que agora non se contemplan, poidan executarse obras non previstas nos orzamentos", explicaron dende o equipo de goberno.

Xusto antes de celebrar o pleno ordinario tamén se reuniu a Comisión Especial de Contas para aprobar a do ano 2007. Pese ao retraso de case dous anos na súa aprobación, o goberno municipal leva aprobadas as contas de tantos anos como leva no poder, xa que, con esta, aprobaron as contas dos anos 2005, 2006 e agora 2007. O PP votou en contra das contas do 2007 – pese a presentar remanente positivo – alegando que non viron todos os expedientes dese ano, polo que non poden valorar se as contas presentadas son correctas ou non. Argumento que non lle impedíu aprobar as contas dos anos 2005 e 2006 no seu día, xa que ningún concelleiro do actual grupo municipal do PP estaba no goberno neses anos.

O nacionalista Anxo Franco valora positivamente tanto a aprobación das contas do 2007 coma a aprobación dos orzamentos. Indica, ademais, que neste mesmo mes de abril o goberno municipal de Dodro foi quen de aprobar o PXOM provisionalmente, e, ademáis, formularlle as alegacións pertinentes ao Plan de Ordenación do Litoral presentado pola Xunta do PP, que ameaza cunha nova parálise urbanística, pero esta xa definitiva.

Posted via email from Certo.es, o xornal virtual de Barbanza e Noia

Fotografía: as mellores modelos do mundo, pouco amañadas

Polo visto está a Rede a ferver por esta campaña publicitaria. Non lle acabamos de coller a idea. É para vender máis maquillaxe? Ou é para que estas mozas atopen un noivo ao xeito, xa que a maioría dos homes fuxen ao velas demasiado guapas? Teremos que voltar á facultade!

Posted via web from Certo.es, o xornal virtual de Barbanza e Noia

Boiro: o Bng resposta ao PP sobre o servizo de transporte adoptado no Barbanza

(Nota de prensa do Bng)


Boiro, 1 de maio de 2010. O BNG de Boiro quer facer as seguintes manifestacións diante da nota de prensa do PP relativa ao transporte adaptado: 

1. Parece que o PP de Boiro non entende que as competencias do servizo de transporte adaptado que se dá na comarca son exclusivas da Xunta de Galiza e que o servizo que actualmente se está a ofrecer por medio do 065 ás persoas dependentes é completamente insuficiente para cubrir as súas necesidades. 

2. Que até o momento foi o concello de Boiro, cos seus propios fondos, o que estivo sufragando a parte do transporte adaptado que a Xunta de Galiza non quer cubrir, pese a que ese é o seu deber. O que demanda o BNG é que a Xunta asuma as súas competencias e lle permita ás persoas dependentes levar unha vida normal. Polo tanto, se a Xunta do Sr. Feijoo non subvenciona aos concellos para dar un servizo que deberan dar eles nin tampouco pon os medios precisos para que o 065 cubra as necesidades reais das persoas dependentes incurrirá nunha grave deixazón das súas funcións, e isto non é responsabilidade dos concellos. 

3. Se o PP quer dar leccións de austeridade que comece por suprimir as viaxes a Sudamérica, aínda non suficientemente explicadas, tanto do Sr. Rueda como do Sr. Feijoo. 

Emitida en Boiro o 30 de abril de 2010 

O Consello local do BNG de Boiro



Nota de Certo:

Non temos a nota de prensa do PP de Boiro para lla poñer íntegra, mais o resumo é o seguinte: O Partido Popular boirense cre que a solución para que este transporte adaptado siga funcionando pasa por rebaixarlle os soldos aos políticos boirenses que cobran do erario público, xa que di que estas pagas son "desmesuradas". O partido da dereita de Boiro apuntou que se se recortan as dedicacións exclusivas só nun 10% do alcalde, do tenente alcalde e do concelleiro de Urbanismo, xa se terían os cartos para o transporte adaptado. De feito, queren levar esta idea ao vindeiro pleno. Ademais, queren que se supriman comisións e os soldos das persoas que as compoñen e se rebaixen salarios por asistencia a concelleiros en órganos colexiados. Pola súa banda, o PP di que renuncia aos cartos que cobran os seus concelleiros por asistencia a órganos colexiados. Co sumatorio de todo, aseguran que se terían 18.000 euros, o que custa a subvención do tranporte.

Posted via email from Certo.es, o xornal virtual de Barbanza e Noia

Twitter

Related Posts with Thumbnails Banner: Regale selva tropical