1.5.10

Dodro: aprobados os orzamentos de 2010, que alcanzan case os dous millóns e medio de euros

Dodro, 1 de maio de 2010. O Concello de Dodro aprobou, no pleno celebrado o pasado venres 30 de abril, o orzamento para o ano 2010. Con case dous millóns e medio de euros (2.468.379,53 €), o deste ano é 418.159,47 € inferior ao do ano pasado. Isto débese a unha diminución do 15% a participación nos tributos do Estado debido á crise. Con todo, o esforzo en investimentos acada case o millón de euros (953.738,67 €). Para isto foi necesario reducir ao máximo o gasto corrente, tal como material de oficina, teléfono, representación, mobiliario, etc.

Os investimentos a realizar no ano 2010 son os seguintes:

    * Saneamento en Revixós, por un importe de 238439,02 €
    * Colector soterrado en Lestrobe: 44802,32 €
    * Bases de suxeccións para contenedores: 43674,66
    * Camiño de Cruz do Avelán a Teaio e á Devesa, e outros: 67710,64 €
    * Camiño interior en Traxeito e outros: 57318,74 €
    * Saneamento en Teaio: 127535,70 €
    * Saneamento en Lestrobe: 127535,70 €
    * Adquisición de maquinaria: 59958,78 €
    * O proxecto “Roteiros que navegan na memoria”: 117762,46 €
    * Parques infantís: 69000,65 €

Algúns destes proxectos xa están en fase de adxudicación e o resto adxudicaránse á maior brevidade posible, polo que todos eles se executarán  íntegramente no presente ano. Con estas cifras, o goberno municipal insistiu no aforro orzamentario naquelas partidas necesarias para o funcionamento interno da administración local para manter, no máximo posible, a de investimentos para a cidadanía, segundo informa o Tenente alcalde e voceiro nacionalista Anxo Franco.

Como era de esperar, este punto do pleno foi tenso, xa que o PP criticaba os orzamentos ao insistir que están inflados, ao tempo que os calificou de insuficientes por minguar o gasto. Anxo Franco criticou que mentres na Xunta o PP fala de austeridade, en Dodro predican o contrario.

"Como en todos os orzamentos, esta é a previsión, cos datos oficiais dos que se dispón, de investimentos no ano 2010, o que non impide que, no caso de recibir fondos adicionais que agora non se contemplan, poidan executarse obras non previstas nos orzamentos", explicaron dende o equipo de goberno.

Xusto antes de celebrar o pleno ordinario tamén se reuniu a Comisión Especial de Contas para aprobar a do ano 2007. Pese ao retraso de case dous anos na súa aprobación, o goberno municipal leva aprobadas as contas de tantos anos como leva no poder, xa que, con esta, aprobaron as contas dos anos 2005, 2006 e agora 2007. O PP votou en contra das contas do 2007 – pese a presentar remanente positivo – alegando que non viron todos os expedientes dese ano, polo que non poden valorar se as contas presentadas son correctas ou non. Argumento que non lle impedíu aprobar as contas dos anos 2005 e 2006 no seu día, xa que ningún concelleiro do actual grupo municipal do PP estaba no goberno neses anos.

O nacionalista Anxo Franco valora positivamente tanto a aprobación das contas do 2007 coma a aprobación dos orzamentos. Indica, ademais, que neste mesmo mes de abril o goberno municipal de Dodro foi quen de aprobar o PXOM provisionalmente, e, ademáis, formularlle as alegacións pertinentes ao Plan de Ordenación do Litoral presentado pola Xunta do PP, que ameaza cunha nova parálise urbanística, pero esta xa definitiva.

Posted via email from Certo.es, o xornal virtual de Barbanza e Noia

No hay comentarios:

Twitter

Related Posts with Thumbnails Banner: Regale selva tropical