1.4.11

Boiro: novas sendas peonís en Comoxo e Moimenta e ampliación do parque infantil da Praza de Galicia

Media_httpfarm5static_clgcm

Detalle dunha porta da aldea de Moimenta

Boiro, 1 de abril de 2011. A Deputación da Coruña destinará 273.983,84 euros para financiar as obras de mellora da seguridade viaria en DP 1105 de Noia a Cabo de Cruz, P.K. 7,230 a 7,930 (Moimenta) e do P.K. 11,170 ao 11,980 (Comoxo).

O investimento, aprobada no último Pleno provincial, suporá a construción de dúas sendas peonís de 700 e 810 metros respectivamente, a ambos os dous lados da calzada. As novas sendas peonís terán 2 metros de ancho e a unha distancia de 0,5 metros do bordo da calzada.

Media_httpfarm5static_fuhyr

Hórreo en Comoxo

As sendas executaranse con pavimento continuo de slurry cor verde con rega de adherencia, mestura bituminosa, rega de imprimación e capa de zahorra. Nos puntos nos que o noiro sexa maior de 0,5 metros exponse a execución dun muro de dique.

Por baixo da senda peonil colocaranse os servizos de abastecemento nos tramos repostos e canalizacións para iluminación pública, así como a rede de sumidoiros.

Para a captación das augas colocaranse sumidoiros cada 25 m. aproximadamente. A mesma distancia manterase para a colocación de pozos.

Ampliación do parque infantil da Praza de Galicia

A Deputación da Coruña probou tamén destinar un orzamento de 61.763,99 euros para financiar as obras de renovación dun parque infantil en parte norte da Praza de Galicia, que duplicará a súa superficie, pasando dos 140 metros cadrados que ten na actualidade a 303 metros cadrados, e que estará estruturado en diferentes áreas segundo as idades dos nenos: área de menos de 2 anos, de 2 a 6 anos e de 6 a 12 anos.

O proxecto contempla a instalación de novos xogos infantís, paneis indicadores e xardineiras de gran formato.

Posted via email from Certo.gl, o xornal dixital de Barbanza e Noia

Dodro: o 8 de abril preséntase o poemario "Fedor"

Boiro: organizan un obradoiro de escultura "alternativa" o 30 de abril con Tucho Abalo

Escultura

Data límite para anotarse neste obradoiro de Tucho Abalo organizado por Aturuxo, o 23 de abril. Toda a información aquí

Posted via email from Certo.gl, o xornal dixital de Barbanza e Noia

Noia: o Bng presentou a súa lista para as vindeiras eleccións do 22 de maio

Noia, 1 de abril de 2011. Na tarde de onte celebrouse o acto de presentación pública da candidatura electoral municipal do BNG de Noia. O acto escomenzou coa intervención de Sofía Caamaño Lado (á que entrevistamos en Certo cando era responsable do Banco de Tempo noiés) que é a candidata número dous, quen explicou os motivos que a levaron a asumir o compromiso de participar na vida política local a través da candidatura do Bloque Nacionalista Galego.

Logo interviu a deputada no Parlamento Galego, Ana Pontón Mondelo, quen na súa
locución fixo un amplo repaso á situación mundial (a situación do Xapón, e o ataque
de marcado cariz imperialista, sempre segundo o Bng, sobre Libia); centrouse na política galega criticando as políticas desenvolvidas polo actual goberno da Xunta de Galicia, nomeadamente as relativas aos recortes en servizos sociais, sanidade e educación; ao tempo que lle reprochou ao Partido Popular "a grande mentira sobre o concurso eólico, declarado completamente legal, hai uns días, por sentenza do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia". Ao mesmo tempo igualou ao PP e ao PSOE en todo o acaecido arredor do futuro da caixa de aforros galega.

O candidato á Alcaldía de Noia, Bieito González, na súa intervención, fixo un relatorio
do paso do BNG polo goberno e logo na oposición, afirmando que “ o BNG participou
de xeito activo da vida municipal, nun primeiro momento formando parte do goberno
local, e logo, na oposición. Da nosa participación, pódense extraer consecuencias
positivas para os veciños e veciñas de Noia”. Máis adiante indicou, “traballamos
sempre para que cada acción de goberno ou de oposición fose no camiño axeitado,
fuxindo do investimento propagandístico ou pernicioso para o futuro da nosa comunidade veciñal”.
Demandou para o BNG toda unha serie de actuacións como o traballo desenvolvido a prol da consecución dunha solución acaída para o saneamento integral. Tamén destacou os logros no campo do patrimonio histórico e monumental. En relación ás propostas de futuro, dixo que “o BNG vai a facer bandeira da recuperación do mar para Noia” referíndose á demanda de mantemento da escollera, no camiño de recuperar para a localidade a súa condición de vila portuaria. Antes de concluir a súa intervención fixo unha mención especial ás persoas que o acompañaron estes últimos catro anos, “estoume a referir a Pepe Castro e Lola Caramés; ao primeiro hai que recoñecerlle as valiosas aportacións efectuadas, que xa forman parte da bagaxe política municipal da nosa organización, á segunda, a Lola Caramés, recoñecerlle a súa dedicación, entrega e eficacia en todo o traballo desenvolvido” , para rematar dándolle as grazas publicamente.

A lista oficial é a que segue:

1.- Bieito González Domínguez
2.- Sofía Caamaño Lado
3.- Mª Xesús Juanatey Malvárez
4.- Mª Victoria Vázquez Romero
5.- Anxo Francisco Villar Rodríguez
6.- Xosé Agapito Romeiro Barreiro
7.- Minucha Gosende Tuñas
8.- Antonio Barral Outes
9.- Mª Dolores Arxóns Álvarez
10.- Manuel Barreiro Mariño
11.- Irati García Tomé
12.- Xosé Manuel Ponte Barreiro
13.- Raquel Abelleira Romarís
14.- Adolfo Martínez Caamaño
15.- Mª do Carmen Insua Varela
16.- Xosefa Otero Sanluis
17.- Manuel Rial Rubio
18.- Xan Creo Baamonde
19.- Ana Mª Insua Horta
20.- Vicente Pardo Capón


Posted via email from Certo.gl, o xornal dixital de Barbanza e Noia

Ribeira: o sábado 9 de abril, invasión de punkarras e o 15 e 16 de abril incluso podería chover merda

Festa_da_chuvia_2011

Media_httpprofileakfb_xbshk

Ribeira, 1 de abril de 2011. Disque en abril augas mil, pero en Ribeira este mes estase a consagrar como o de concertos mil. O vindeiro sábado 9 está programado o I TrapaPunk 2011 e na fin de semana do venres 15 e sábado 16 de abril, volta a veterana Festa da Chuvia, que este ano ameaza escatoloxizarnos a todos.

O Trapapunk é organizado pola asociación Trapallada. O sábado 9 de abril, na praza dos Mariñeiros (fronte ao auditorio) contan con subir ao escenario aos de Inllorfeis, que presentan o seu cd Alpabarda; aos de Generazion Perdida (que se apuntan a un bombardeo); aos sonenses Komando Robalisa, que son os máis punks de Portosín e parte do estranxeiro e os de The Fe Kaos, que debutan.

O festival é de balde e comeza ás oito da tarde. Haberá barra con prezos económicos (o de populares nesta época non se pode dicir, que se confunde á xente). Con Trapallada colaboran os da Dorna e o Concello.

Choverá merda?

Media_httpfarm5static_kgdlb

Os apocalípticos organizadores da Festa da Chuvia preséntanse máis fortes que nunca. O venres 15 de abril, dende as oito da tarde, no escenario Hip-hop -que leva Ribeira Enferma- haberá unha sesión cos mellores grupos locais deste estilo. Atentos ao Facebook, que irán actualizando coas novidades. Será na rúa de Galicia -á altura do Master-.

O mesmo día, xa na praza de Vigo, estará o Escenario DJ. A sesión programada lembrará aos grupos ribeirenses dos 80's (xa choveu) e 90's -tamén escampou-. Logo haberá música actual do panorama galego.

Xa o sábado 16 de abril, dende as 12.30h pola zona peonil, pasarrúas a cargo da CHARANGA "OS JALOCHOS" e "OS CABEZUDOS DO CARME DOS PINCHEIROS".

Dende as 12.45h na rúa de Galicia, ESCENARIO RIBEIRA BERRA.(organiza Inllorfeis) no que actuarán:
GENERAZION PERDIDA
THE FE KAOS
BAND DEIVI (por confirmar)

Dende as 21h na rúa de Galicia, ESCENARIO ASI SONA RIBEIRA, no que actuarán:
INLLORFEIS.presentando cd "Alpabarda".
THE SIBERETS.presentando o seu 1º cd.
A COMPAÑIA DO RUIDO.presentando novo cd "Punkchi Punkchi".

Ademáis tamén haberá rutas de tapas polos bares colaboradores, xogos variados e exposiciós de pintura e fotografia en ditos bares.

Media_httpfarm5static_kroiu

Algo argallan, que non levan paraugas...

ORGANIZA,COLABORA,FAI E DESFAI:
A.C.BASTANTES LLON,O TRISKEL,A TABERNA DO RIASO,CAPITAN MORGAN, BONAPARTE, BAR PLAZA, O BALADO, RIBEIRA ENFERMA, INLLORFEIS....

Posted via email from Certo.gl, o xornal dixital de Barbanza e Noia

Boiro: o ministro de Fomento, José Blanco, da unha conferencia titulada "Reformas para el progreso económico" este sábado 2 de abril

Media_httpwwwlamonclo_ckorx

Foto oficial na web da Moncloa do ministro

Boiro, 1 de abril de 2011. O ministro de Fomento do Goberno Español, o palense José Blanco, achégase este sábado 2 de abril a Boiro para dar unha conferencia no Foro Empresarial que organiza a Asociación Boirense de Empresarios. A charla leva por título "Reformas para el progreso económico" e suponse que nela intentará darlle creto ás iniciativas do Goberno Zapatero para saír da crise económica actual. A conferencia é aberta a todos os públicos e da comezo ás oito e media da tarde na casa de cultura "Ramón Martínez López" (na Cachada) de Boiro. Entre conferencia e preguntas dos asistentes, crese que a sesión finalizará sobre as dez da noite.

Media_httpfarm5static_jcigs

Antes de pronunciar a charla, o tenente de alcalde de Boiro, Juan Jesús Ares, vai invitar ao ministro a visitar os castros de Neixón, onde a bo seguro recibirá a petición de continuar coa actual -e innecesaria por outra banda- ampliación do Centro de Arqueoloxía da Barbanza, que está estancada por falta de cartos, igual que as escavacións.

Relacionada:
Diadermin Hidratante: electro-pop sen complexos que vai e vén entre a Illa de Arousa e Boiro. Un dos seus temas estrela titúlase "Pepiño Blanco rima con todo".

Posted via email from Certo.gl, o xornal dixital de Barbanza e Noia

Porto do Son: o conservador Tomé acusa ao socialista Quintáns de ser "o máximo responsable" da anulación dunha licencia de vivenda unifamiliar

Unha sentencia do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia anula a licencia outorgada polo antigo goberno de Quintáns, á que non cabe interpoñer ningún tipo de recurso. Para os do PP, "este é un exemplo máis da continuidade da desfeita urbanística que o goberno socialista de Quintáns fixo no noso concello, no que agora hai 82 expedientes administrativos en trámite en órganos xudiciais".
Media_httpfarm3static_ahgab

Unha parede de Porto do Son que foi arranxada non hai demasiado

Porto do Son, 1 de abril de 2011. O Tribunal Superior de Xustiza de Galicia dictou unha sentencia de nulidade dunha Licencia para Vivenda Unifamiliar outorgada pola Xunta de
Goberno Local do Concello de Porto do Son o 23-12-2002, que naquel entón presidía o ex alcalde socialista Ramón Quintáns Vila. Dita licencia de obra foi aprobada cun informe favorable, pero con observacións por parte do técnico municipal. A vivenda indicada ubícase no lugar de Espiñeirido, Seráns, parroquia de San Pedro de Muro.

A Xunta de Galicia, a través da Dirección Xeral de Urbanismo, formulou unha solicitude de Revisión de Oficio de dita licencia ó Concello de Porto do Son, algo ao que, segundo o Partido Popular asegura en nota de prensa, "o Ente Local  fixo oidos xordos a dita solicitude. A clasificación do terreo no que se ubica dita vivenda é chan rústico segundo recolle a normativa urbanística vixente. Actualmente esta é a Quinta Sentencia Xuridíco-Administrativa na que se ten que executar unha infracción urbanística no noso Concello. Desgraciadamente os propietarios que naquel intre tiveron o visto e prace por parte do Sr. Quintáns, de forma apresurada a finais do ano 2002, xa que no 2003 entraba en vigor a nova lei do solo (9/2002) e que incapacitaba aos Concellos a actuar en dito tipo de chan urbanístico, sofren hoxe as súas consecuencias".

O PP tamén lembra que coas distintas Modificacións da Lei do Solo de Galicia impídese que tódalas denuncias e infraccións urbanísticas en curso teñan a posibilidade de legalizarse con ditas leis.
"Os gobernos Socialistas Sonenses presididos polo Sr. Quintáns Vila están amosando agora os resultados da súa nefasta xestión urbanística, e iso que polo de agora aínda son as primeiras sentencias ou resolucións dictadas por órganos competentes na materia. A herdanza urbanística do Sr. Quintáns, con estes resultados, reafirman a desfeita urbanística que dito señor consentiu e da que foi cómplice durante os seus mandatos, dos cales hoxe empezan a verse as súas consecuencias".


Posted via email from Certo.gl, o xornal dixital de Barbanza e Noia

Rianxo: o Psoe pedirá no Parlamento que se manteñan as Urxencias do centro do saúde

63391-POC Servizo Urxencias Rianxo.pdf Download this file

O parlamentario Lage Tuñas asegura que medra a preocupación en Rianxo polos recortes do goberno Feijóo en servizos sociais básicos como a sanidade

Media_httpfarm4static_tezaa

Posted via email from Certo.gl, o xornal dixital de Barbanza e Noia

Mar: mariñeiros e mariscadoras de Muros e Noia voltaron rexeitar en San Caetano as gaiolas de salmón

Santiago de Compostela, 1 de abril de 2011. Xentes do mar da Ría de Muros e Noia voltaron hoxe a manifestarse para amosar a súa indignación pola instalación de gaiolas de cría de salmón en cautividade no polígono bateeiro Muros C que unha empresa norueguesa con escaso capital galego montou hai escasos días. Na mobilización voltouse a pedir a dimisión da Conselleira de Mar, Rosa Quintana, e incluso se lanzaron bengalas hacia os edificios administrativos que acubillan ao actual equipo de goberno da Xunta de Galicia, conformada polo Partido Popular.

Esta é a segunda manifestación fronte a San Caetano e, se non se produce unha marcha atrás da consellería de Mar -que segue nas súas trece, dicindo que as gaiolas son perfectamente legais e sostibles medioambientalmente- non será a derradeira.

Antes publicamos:

Media_httpfarm6static_wmerw

O PP clamaba na oposición contra as gaiolas de salmón que agora defende
Media_httpfarm6static_adjba

Un milleiro de persoas, contra as gaiolas de salmón


Gaiolas de salmón: manifestación espontánea na Ría contra elas


Gaiolas de salmón na Ría: o Bng tamén se opón no Parlamento

Posted via email from Certo.gl, o xornal dixital de Barbanza e Noia

Ribeira: Novas Xeracións organiza un acto este sábado 2 para apoiar ao alcaldable do PP

Ccartel2_final

Ribeira, 1 de abril de 2011. Novas Xeracións  programa para a tarde e a noite deste  sábado, 2 de abril, unha dobre actividade coa que pretende "demostrar que a xuventude en Ribeira non carece de iniciativas dirixidas a facer valer o noso rico patrimonio medioambiental por unha parte e, por outra, salientar o bo momento que vive a música en Ribeira". Baixo o título de “A Xuventude con Manolo Ruiz”, os dous grandes atractivos do evento serán unha andaina popular ata o parque periurbano de San Roque e o CIELGA (centro de interpretación do parque natural de Corrubedo e lagoas), e un concerto no que actuarán dous grupos locais e algún artista invitado. 

“A Xuventude con Manolo Ruiz” comezará mañá ás 17 horas na Praza de España de Santa Uxía. A súa esplanada será o punto de partida dunha andaina na que poderán participar todas aquelas persoas que, independentemente da súa idade, teñan gañas de dar unha boa camiñata. A andaina descorrerá pola senda peonil que une á cidade co parque dende os xulgados e dende alí  ata o complexo dunar, onde se visitará o CIELGA no Vilar. 

As previsións de Novas Xeracións apuntan a que arredor das 20 horas estarán de volta na Praza de España, lugar onde todos os camiñantes poderán disfrutar dun refrixerio. Cómpre sinalar que na praza estará instalada unha zona de reciclaxe porque "tamén estamos comprometidos co medio ambiente e a sostibilidade dos recursos", aseguran na formación conservadora xuvenil. 

Xa pola noite, e tras recuperar forzas, a praza de España acollerá un concerto dende as 23.30 horas. Actuarán os grupos locais Areavasta e Entrelíneas, con cameos, como artistas invitados, de Javi Maneiro e Kuervo, dous compoñentes de Jabón Blue. Novas Xeracións quere dar así "o noso apoio incondicional aos Grupos Locais polo gran esforzo que supón a súa actividade e a calidade do seu traballo". 

Pero a actividade non rematará coa finalización dos concertos, senón que ao longo da noite seguirán promovendo a campaña “Quédate de marcha en Ribeira” polos distintos locais nocturnos da cidade. 

Ademais da participación de Manolo Ruiz, o acto contará entre outros coa participación da futura presidenta nacional de Nuevas Generaciones, Bea Jurado (será nomeada no vindeiro congreso nacional da formación os días 16 e 17 de abril en Zaragoza), e do presidente autonómico Javier Dorado. 

Máis información en: www.nuevasgeneracionesriveira.es

Posted via email from Certo.gl, o xornal dixital de Barbanza e Noia

Porto do Son: outro xeito de profundar no idioma de Shakespeare, a través da escultura

Porto do Son, 1 de abril de 2011.

Porto do Son, 30 de marzo de 2011. A escola de idiomas de Santiago de Compostela http://www.eoisantiago.org/, e en concreto a súa delegación ribeirense encabezada pola xefa de estudos Diana Pastoriza Espasandín, organizaron onte, xoves 31 de marzo, ás 7 da tarde, unha charla sobre arte en Inglés no Centro de Interpretación do Castro de Baroña.

Dentro do acto, integramente en inglés, a organizadora da actividade, Diana Pastoriza, comezou cunha pequena presentación das razóns e obxectivos do mesmo e seguidamente o escultor Jontxu Argibay presentou e explicou na lingüa de Shakespeare cal foi a orixe de cada peza exposta e o método para a súa realización.

Logo, e como complemento, a mestra preparou como tema a tratar "Art and you" (Ti e o Arte) con preguntas como "Do you think art galleries should be free or should people pay to get in?" (¿Cres que as galerías de arte deben ser de balde ou debería a xente pagar por elas?), ¿Cal é o teu artista favorito?....etc...

No longo dunha hora e media discuteuse non só da preferencia de obras de arte e se algún mercara algunha, senón que se chegou discutir sobre a esencia mesma da arte.
Todo dentro de un acto pioneiro na nosa comarca, que hai que agradecer á E.O.I. (Escola de idiomas de Santiago de Compostela) e á xefa de estudos da delegación ribeirense.

Relacionada:



Posted via email from Certo.gl, o xornal dixital de Barbanza e Noia

Ribeira: a Casa-Museo Municipal abrirá máis horas e vinculará os seus contidos ao mar

Ribeira, 1 de abril de 2011. “O museo de Ribeira ten que camiñar cara o mar porque é imposible desligar o mar da historia de Ribeira”, afirmou Luciano Fernández e, con tal obxectivo, o concelleiro de Cultura e Festexos adiantou no día de hoxe que a Casa Museo Municipal incorporará novos contidos para adaptar este inmoble ao mundo do mar. 

Tanto é así  que un dos máis importantes acontecementos históricos acontecidos dentro do termo municipal terán o seu propio espazo no museo: o naufraxio do Santa Isabel. A tal efecto preténdese recompilar e expoñer todo tipo de detalles sobre a construción deste buque en Cádiz, a súa última travesía, a noite do naufraxio en Sálvora, as traxedias familiares ou as heroínas de Sálvora. 

A intención do Concello é que todo isto se expoña dunha forma didáctica e interactiva, amena para o espectador e facendo uso de medios audiovisuais e outras tecnoloxías. En breve a directora do museo, Pilar Casas (a quen Fernández Martínez quixo felicitar polo traballo que está realizando) efectuará unha serie de viaxes para recompilar a información e documentación oportunas. 

Outro capítulo importante terá que ver co mundo da dorna e a carpintería de ribeira. O concelleiro informou de que o museo contará cun segundo novo espazo no que se aborden aspectos como a historia da navegación e a pesca en Ribeira, os instrumentos náuticos, a dorna, a pesca tradicional, a industria do salazón e a conserva, e a vida no mar na ría de Arousa. 

Ambos apartados situaranse na primeira planta do museo, compartindo espazo coa parte xa existente que se centra na Aproximación Histórica a Ribeira, con material alusivo á idade antiga, a idade media e a idade contemporánea. 

Dado o limitada da superficie dispoñible, outros contidos serán retirados temporalmente porque o que se pretende é facer un museo dinámico no que o espectador non encontre sempre o mesmo. 

Balance exitoso

Por outra parte, o edil de Cultura informou de que dende hoxe o museo estrea novo horario, de tal xeito que poderá ser visitado gratuitamente de martes a venres, de 12 a 14 e de 18 a 20 horas, e os sábados de 11 a 14 e de 18 a 20 horas. Amplíase así o número de horas de visita despois de dous meses de aprendizaxe dende que tivo lugar a inauguración.  

A este respecto, Luciano Fernández cualificou de “moi boa bagaxe” as visitas recibidas ata o momento: 378 en febreiro e 501 en marzo, contabilizando nestes números non só as individuais senón tamén de grupos como escolas, clubs de xubilados ou amas de casa. Adiantou que para este mes xa hai reservadas máis visitas colectivas para xente con diversidade funcional.

Doazón do alcalde Colomer

Por outra banda, esta semana tivo lugar a doazón de varios obxectos persoais do primeiro cidadán ribeirense na actualidade, o alcalde Torres Colomer, que, nesta mesma senda de enfocar ao mar o museo, cedeu un Diario de Navegación da súa propiedade (o rexedor estivo na Mercante), nun frigorífico que ía a Cape Town, en Sudáfrica) e un candado con máis dun século que era empregado a bordo do seu barco.

O concelleiro de Cultura anima a todos os ribeirenses que o desexen, a legar pezas que consideren axuden a recompoñer o rompecabezas histórico da Centenaria.


 


Posted via email from Certo.gl, o xornal dixital de Barbanza e Noia

Twitter

Related Posts with Thumbnails Banner: Regale selva tropical