1.4.11

Ribeira: a Casa-Museo Municipal abrirá máis horas e vinculará os seus contidos ao mar

Ribeira, 1 de abril de 2011. “O museo de Ribeira ten que camiñar cara o mar porque é imposible desligar o mar da historia de Ribeira”, afirmou Luciano Fernández e, con tal obxectivo, o concelleiro de Cultura e Festexos adiantou no día de hoxe que a Casa Museo Municipal incorporará novos contidos para adaptar este inmoble ao mundo do mar. 

Tanto é así  que un dos máis importantes acontecementos históricos acontecidos dentro do termo municipal terán o seu propio espazo no museo: o naufraxio do Santa Isabel. A tal efecto preténdese recompilar e expoñer todo tipo de detalles sobre a construción deste buque en Cádiz, a súa última travesía, a noite do naufraxio en Sálvora, as traxedias familiares ou as heroínas de Sálvora. 

A intención do Concello é que todo isto se expoña dunha forma didáctica e interactiva, amena para o espectador e facendo uso de medios audiovisuais e outras tecnoloxías. En breve a directora do museo, Pilar Casas (a quen Fernández Martínez quixo felicitar polo traballo que está realizando) efectuará unha serie de viaxes para recompilar a información e documentación oportunas. 

Outro capítulo importante terá que ver co mundo da dorna e a carpintería de ribeira. O concelleiro informou de que o museo contará cun segundo novo espazo no que se aborden aspectos como a historia da navegación e a pesca en Ribeira, os instrumentos náuticos, a dorna, a pesca tradicional, a industria do salazón e a conserva, e a vida no mar na ría de Arousa. 

Ambos apartados situaranse na primeira planta do museo, compartindo espazo coa parte xa existente que se centra na Aproximación Histórica a Ribeira, con material alusivo á idade antiga, a idade media e a idade contemporánea. 

Dado o limitada da superficie dispoñible, outros contidos serán retirados temporalmente porque o que se pretende é facer un museo dinámico no que o espectador non encontre sempre o mesmo. 

Balance exitoso

Por outra parte, o edil de Cultura informou de que dende hoxe o museo estrea novo horario, de tal xeito que poderá ser visitado gratuitamente de martes a venres, de 12 a 14 e de 18 a 20 horas, e os sábados de 11 a 14 e de 18 a 20 horas. Amplíase así o número de horas de visita despois de dous meses de aprendizaxe dende que tivo lugar a inauguración.  

A este respecto, Luciano Fernández cualificou de “moi boa bagaxe” as visitas recibidas ata o momento: 378 en febreiro e 501 en marzo, contabilizando nestes números non só as individuais senón tamén de grupos como escolas, clubs de xubilados ou amas de casa. Adiantou que para este mes xa hai reservadas máis visitas colectivas para xente con diversidade funcional.

Doazón do alcalde Colomer

Por outra banda, esta semana tivo lugar a doazón de varios obxectos persoais do primeiro cidadán ribeirense na actualidade, o alcalde Torres Colomer, que, nesta mesma senda de enfocar ao mar o museo, cedeu un Diario de Navegación da súa propiedade (o rexedor estivo na Mercante), nun frigorífico que ía a Cape Town, en Sudáfrica) e un candado con máis dun século que era empregado a bordo do seu barco.

O concelleiro de Cultura anima a todos os ribeirenses que o desexen, a legar pezas que consideren axuden a recompoñer o rompecabezas histórico da Centenaria.


 


Posted via email from Certo.gl, o xornal dixital de Barbanza e Noia

No hay comentarios:

Twitter

Related Posts with Thumbnails Banner: Regale selva tropical